26 de ago. de 1978

Sobre o Carlos Callón

(Ribeira, 1978). Profesor de Xeografía e Historia no Instituto Español de Lisboa e doutor en Estudos Galego-portugueses. Ademais de se titular en filoloxías Galega, Portuguesa e Románica, concluíu estudos de posgrao en Teoría da Literatura (USC), Psicopatoloxía (UB) e dirección e xestión de ONGs (UVigo). Colabora co grupo de pesquisa GRAAL, da USC.

Entre as varias obras que publicou salientan os ensaios Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez (2012), O libro negro da lingua galega (2022, premio da Crítica de Investigación), Como defenderes os teus dereitos lingüísticos (2011, premio Redelibros), Amigos e sodomitas (2011, premios Vicente Risco e Fervenzas Literarias), e o poemario A abertura da boca (2021). Recibiu os premios Careón (2018) e Sereo da Cultura Galega (2023) polo conxunto da súa obra.

É presidente de honra da Mesa pola Normalización Lingüística (a maior asociación cultural de Galiza), entidade que dirixiu entre 2002 e 2014. Tamén presidiu durante dous anos o Comité de Estado da Axencia Europea das Linguas Minoradas.

Para unha información un pouco máis ampla podes clicar aquí.

Libros publicados

Inscricións
ISBN: 978-84-9151-303-2
Galaxia, 2019.

Como di a nota editorial: "A morte. A vida. O que as une. Pulsións que atrapa o poeta cando pretende que as palabras sexan marco para o apreixar todo. Estes poemas falan diso. Da morte, da dor, do odio, do amor. Da vida. Todo é todo e todo está en todo. Versos que furan o peito, que mancan. Poeta mancado que fai co poema, bálsamo. Un libro sobre os mapas da alma. E das palabras que o constrúen e rexistran. A morte. A vida. Todo."
Finalista no premio aRi[t]mar 2019 polo poema que lle dá título ao libro.




Galegocalantes e galegofalantes


ISBN: 978-84-9121-150-1
Xerais, 2017.
Un libro testemuño sobre o que lle ten acontecido á lingua desde que o PP retomou o poder autonómico en 2009 até a situación a finais de 2016. Ademais dunha colectánea diversa de textos, inclúe como un dos epílogos ("Encapuchados y con acento gallego") unha recompilación de noticias, desde o ano 2000 até 2016, en que xornais galegos indican o idioma ou o acento de Galiza como elemento descritivo de delincuentes.



Cicatrices de ferro nas palabras. A obra poética e o programa cultural de Valentín Paz-Andrade
Escrito en conxunto con Paulo Filgueiras Fachal.
ISBN: 978-84-606-5552-7
Figurandorecuerdo(s) Edicións, 2015.
Percurso por toda a obra poética de Valentín Paz-Andrade, incluída aquela que se editou postumamente, e análise dos proxectos de programación cultural que desenvolveu esta figura poliédrica que resume moi ben o que foi, e o que quixo ser, a Galiza do século XX.
Finalista do premio Fervenzas Literarias ao Mellor Ensaio de 2015.

Atravesar o fantasma
ISBN: 978-84-9914-760-4
Xerais, 2014.
Cunha forma setenaria, este poemario debrúzase sobre os dous temas centrais na vida de calquera ser humano: o eros e o tánatos, dos cales queremos falar mais sobre os cales só podemos balbucir.

Finalista do premio Fervenzas Literarias ao Mellor Libro de Poesía de 2014. Finalista do premio Fervenzas Literarias á Mellor Portada de 2014.
Finalista do premio Ánxel Casal da Asociación Galega de Editores ao Mellor Libro de Poesía de 2014. Finalista do Premio Mondoñedo ao Mellor Libro de Poesía do decenio 2007-2016.



 Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez
ISBN: 978-84-9914-447-4
Xerais, 2012 (7ª ed., 2018)
De xeito desenfadado e mediante anécdotas, neste libro práctico ofrécense consellos para darmos o paso para usar o galego ou para mellorarmos a nosa calidade lingüística. Componse de catro partes: "Falar en galego é doado... se sabes como", "Como se 'inventa' o galego", "Viva o galego cerrado!", "Indo á fonte limpa. As escollas normativas" e "Non mates o rato (que non ten culpa)".

Finalista do premio Fervenzas Literarias de Ensaio 2012. Finalista do premio Ánxel Casal ao Libro de Non Ficción 2012. Finalista do premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega de Ensaio 2012.

* Pódese consultar o índice aquí.

 


Como defenderes os teus dereitos lingüísticos
ISBN: 978-84-9914-287-6
Xerais, 2011

Manual práctico con consellos para vivir en galego. Presenta propostas realizábeis no día a día e información clara sobre os dereitos lingüísticos que nos asisten. Protagonicemos a revitalización do noso idioma!

Premio Redelibros á mellor obra de non ficción en galego de 2011. Finalista do premio Fervenzas Literarias 2011. Finalista do premio Ánxel Casal 2011 ao Libro de Non Ficción. Finalista do premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega 2011.

* Pódese consultar o índice aquí.


Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media
ISBN: 978-84-7824-614-4
Sotelo Blanco, 2011
Este ensaio explica cando e como se configurou a homofobia. Para iso, fanse accesíbeis numerosos textos medievais, sobre todo galegos, que deparan algunhas sorpresas.

Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais 2011. Premio Fervenzas Literarias ao mellor ensaio en galego de 2011. Primeiro finalista do premio Redelibros 2011 na categoría de non ficción. Finalista do premio Ánxel Casal 2011 ao Libro de Non Ficción. 

* Pódese consultar o índice aquí.


En castellano no hay problema
ISBN: 978-84-9914-140-4
Xerais, 2010
Compilación de textos sobre a situación do galego, de setembro de 1997 a xaneiro de 2010. A análise con máis vagar prodúcese da política lingüística do bipartito (2005-09) e do comezo do goberno de Alberto Núñez Feijóo (2009-10). En Galiza non hai problema para vivir en castelán. E en galego?

* Pódese consultar o índice aquí.




Unha historia que nos pertence. A obra poética en galego de Lorenzo Varela
ISBN: 978-84-9640-346-8
A Nosa Terra
, 2005

Estudo sociolóxico da produción poética deste escritor exilado. Varela recupera o galego nun momento de desercións e acóllese ao programa literario de Luís Seoane, reliteraturizando a historia desde as marxes sociais e nacionais.

* Pódese consultar o índice aquí.











Podedes comprar calquera destes títulos por exemplo nas librarías da rede de Abertos ao Galego.

A ver que digo!

O meu nome completo é Carlos Manuel Callón Torres. Nacín o 26 de agosto de 1978 ás 3 da mañá, cando se celebraban as festas na miña parroquia, Castiñeiras, pertencente ao concello de Ribeira.


Currículo académico

Son profesor de Xeografía e Historia no Instituto Espanhol de Lisboa e, durante varios anos, fun profesor de Galego e Portugués na Galiza. Colaboro co Grupo de Investigación GRAALL da Universidade de Santiago de Compostela, institución na cal me licenciei en Filoloxía Galega (2000), Portuguesa (2003) e Románica (2013), para alén de me diplomar en Estudos Avanzados en Teoría da Literatura e Literatura Comparada (2004). 

Doutoreime (2017) na Universidade da Coruña, cunha tese sobre as homosexualidades no trobadorismo, e finalicei un posgrao na Universidade de Vigo de Dirección e Xestión de Organizacións Non Lucrativas e un posgrao en Psicopatoloxía Clínica na Universitat de Barcelona. Realicei tamén estudos do grao de Psicoloxía na Universitat Oberta de Catalunya.

Dei ao prelo os ensaios Unha historia que nos pertence: A obra poética en galego de Lorenzo Varela (2005), En castellano no hay problema (2010), Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media (2011, coa que gañei o XVI premio Vicente Risco de Ciencias Sociais e o premio Fervenzas Literarias de ensaio, e foi primeira finalista no premio Redelibros á mellor obra de non ficción en galego de 2011, así como finalista do premio Ánxel Casal), Como defenderes os teus dereitos lingüísticos (2011; premio Redelibros á mellor obra non literaria en galego dese ano e finalista dos premios Ánxel Casal, Fervenzas Literarias e da Asociación de Escritores en Lingua Galega), Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez (2012; finalista dos premios Fervenzas Literarias, Ánxel Casal e Asociación de Escritores en Lingua Galega de 2012), Cicatrices de ferro nas palabras. A obra poética e o programa cultural de Valentín Paz-Andrade (escrita con Paulo Filgueiras Fachal; publicada en 2015; finalista do premio Fervenzas Literarias); Galegocalantes e galegofalantes (2017), e O libro negro da lingua galega (premio da Crítica de Investigación).

Tamén publiquei en lugares diversos pequenos textos de investigación sobre Rosalía de Castro, Fermín Bouza Brey, Eduardo Blanco Amor, Manuel Curros Enríquez, Xesús Pisón, António Botto, Antón Fortes Torres, Valentín Paz-Andrade, Xosé María Álvarez Blázquez, Xosé Chao Rego, a poesía galega medieval e diversos aspectos sociolingüísticos. Algúns deles podes velos aquí.

Fun membro do Consello de Redacción de Longalingua. Publicación galega de lingua e sociedade e colaborei nos primeiros pasos da Biblioteca Virtual Galega.

Fixen quilómetros abondo para leccionar conferencias sobre a literatura galega ou sobre sociolingüística en institutos, universidades, asociacións culturais, sindicatos, etc.

Creación literaria

Ademais doutros pequenos galardóns, como o Premio de Poesía do Burgo das Nacións (2000) ou do certame xuvenil de creación literaria do Concello de Ribeira (1995 e 1996), gañei o primeiro premio internacional de teatro breve Lauro Olmo (1996), o segundo do certame de relatos Repsol (1996), o segundo de poesía do Francisco Fernández del Riego (1997) e o premio de poesía do Concello de Ames (2012). Tamén fun recoñecido cos premio Careón (2019) e Barbantia - Sereo da Cultura Galega (2023) polo conxunto dos meus traballos. Obrigado!

Entre os 17 e os 23 anos participei en diversos recitais e publiquei contados poemas en revistas. Tras unha etapa de silencio público no xénero (sen me decidir ou sen ter tempo para ultimar algúns proxectos de libros que non saíron do meu computador), en 2014 publiquei Atravesar o fantasma (Xerais; finalista dos premios Fervenzas Literarias e Ánxel Casal ao mellor libro de poesía de 2014 e finalista do premio Mondoñedo ao mellor poemario da década), en 2019 Inscricións (Galaxia) e, en 2021, A abertura da boca (Galaxia).

Activismo lingüístico

Afilieime con entusiasmo á Mesa pola Normalización Lingüística aos 16 anos. Nesa organización, que é a maior agrupación cultural de Galiza, fun responsábel das zonas da Barbanza e de Muros-Noia; un dos promotores da creación da sección xuvenil (Mocidade pola Normalización Lingüística), da cal fun o primeiro coordinador nacional; encargueime da xestión de campañas nos máis diferentes ámbitos, etc.

Fun tamén membro da dirección nacional desa asociación no período 1995-1999 e, ademais, exercín tamén a responsabilidade da presidencia da Mesa entre 2002 e 2014. Desde abril dese ano, as socias e os socios tiveron o detalle de me nomearen presidente de Honra.

Dirixín tamén a Fundación Via Galego desde a súa constitución en 2006 e, así mesmo, de 2008 a 2010 presidín o Comité de Estado da Axencia Europea das Linguas Minorizadas. Desde 2009 fun tamén un dos portavoces nacionais da plataforma unitaria Queremos Galego. Fun podendo con todo iso porque se tratou e trata de proxectos colectivos. En calquera caso, a miña implicación é forte porque entendo a causa do idioma como central no traballo por un mundo máis xusto e libre.

Actividade institucional

Supoño que non é errado incluír nesta epígrafe que me elixiron o delegado europeo para redixir as conclusións da Comisión de Cultura do Festival Internacional da Xuventude e os Estudantes que se desenvolveu na Habana en 1997. O que digo a seguir non é nada “institucional”, mais, como está vencellado, quero sinalar que a participación nese evento foi moi importante na miña vida.

Fun concelleiro nacionalista na miña vila natal entre xaneiro de 2001 e xuño de 2002, disque o máis novo elixido democraticamente en Ribeira até ese momento. Así mesmo, entre os anos 1997 e 2002 fun membro por designación parlamentar do Consello Asesor de RTVE en Galiza e, en funcións, do Consello Asesor da RTVG. Tamén fun candidato ao Congreso nunhas campañas intensas nos anos 2015 e 2016.

Aliás, participei na redacción do Plan xeral de normalización da lingua galega, promovido polo Goberno galego e aprobado por unanimidade do Parlamento en setembro de 2004.

Colaboracións xornalísticas

Para alén de publicar artigos con certa regularidade en varios periódicos galegos, mantiven seccións fixas sobre lingua na Radio Pobra e en Radio Obradoiro. Tamén colaborei con críticas de libros ou escénicas para A Nosa Terra e Tempos Novos.


Desde novembro de 2008 até xuño de 2011 publiquei todas as segundas feiras unha páxina completa de opinión no desaparecido diario Galicia Hoxe, so o nome “Por navegar ao desvío”. Así mesmo, durante 2016 realicei videocolumnas para o xornal electrónico Sermos Galiza (agora, Nós Diario), que se poden consultar aquí. Tamén coordinei tres especiais para ese semanario.

No ano 2012 o Concello de Carballo outorgoume o seu premio de artigos xornalísticos normalizadores.

E xa está. Xa me resumín en datos mensurábeis, que son só unha parte do meu camiño.

[Actualizado 10 de decembro de 2023.]