Hai corenta anos da execución do Che. Eu traio o fascinio pola súa figura desde a miña viaxe á Habana no verán de 1997, unha viaxe para min crucial en moitos sentidos, aínda que non se axuste a ese principio cabalístico de que as cousas máis trascendentes da vida acontecen cada sete anos.
Daquela, na illa conmemorábase o 30 aniversario da triste nova da súa morte. Eu ía aló dentro da delegación galega que asistía ao Festival Mundial da Xuventude e os Estudantes, no que era imposíbel deixar de ter presente a súa figura. De facto, o himno do evento era a canción "Son los sueños todavía", fermosísima, da que terei que falar nunha postaxe futura.
Lembro tamén que na Habana Vella un compañeiro comprou un libro de homenaxe ao Che que recollía poemas de varios escritores do mundo celebrando o guerrilleiro. Entres eles estaba Celso Emilio Ferreiro e, estou case seguro, Xosé Luís Méndez Ferrín. Ademais, estaba alí un poema lindísimo de Mario Benedetti, que agora vos deixo na súa voz, e que é desas cousas bonitas que me fan ter a Benedetti como un dos meus poetas predilectos:
Nenhum comentário:
Postar um comentário