Os directores de dúas das principais editoras do país, Vítor Freixanes e Manuel Bragado, analizaron a situación do mercado do libro en Galiza e en galego tras a saída do relatorio Comercio interior del libro en España 2006, da Federación de Gremios de Editores. Non quero repetir aquí as fundamentadas visións de ambos, en aspectos como o leve decrecemento do número de exemplares editados en galego e das súas tiraxes, porén cun crecemento moi importante na facturación. Sobre isto último, Bragado explica que en boa parte se debe a que a Consellaría de Cultura mudou o modelo de subvencións por un modelo de compras, o cal quere dicir que agora ese apoio económico se consigna nesoutra epígrafe.
Tanto no relatorio como nas súas análises se sinala tamén a dependencia que o libro en galego ten do sistema escolar. Botándolle un ollo ao reporte, veremos como Galiza é, xunto con Andalucía, o territorio do Estado onde máis se compran libros grazas ao comezo do curso. No trimestre que inclúe setembro, fanse na nosa nación case a metade das vendas bibliográficas do ano! Evidentemente, non todos eses libros están en galego. É unha mágoa que non se indiquen as porcentaxes de vendas segundo lingua, porque teño para min que é unha proporción superior a que se vende nesta época no caso do noso idioma (a outra grande parte, é de supor que será en maio).
Todas e todos sabemos que en Galiza o libro en galego continúa a estar aminorado, nunha situación de esmagante inferioridade a respecto do libro en castelán. O cliente habitual ou esporádico das librarías segue sen poder ter unha oferta en galego minimamente equiparábel en diversidade, accesibilidade e asequibilidade á existente en español. A situación de partida é moi má, polo que non nos queda outra que festexar calquera mínimo espazo que se poida gañar e, sobre todo, consolidar.
A difusión e potenciación das obras en estándar portugués axudaría a fuxir un pouco do paraugas omnipresente do castelán, mais de momento iso baséase no voluntarismo e militanza da libraría disposta e da clientela moi interesada. Que eu saiba, tamén non temos datos en ningún estudo sobre cal está a ser a incidencia deste pequeno mercado dentro da Galiza.
En relatorios como este da Federación de Gremios de Editores, sempre contrasto unha cifra, que me parece ilustrativa da situación. O vasco, a pesar de ter un número menor de falantes que o galego (de momento), ten un volume de edicións semellante. De facto, no ano 2004 mesmo se publicaron máis libros en éuscaro do que nesta lingua en que agora escribo. Non se me escapan moitas das razóns desa situación, como un apoio institucional consolidado en varios frentes e ao longo dos anos. Pregúntome se nós imos, cando menos, por un camiño semellante.
(Publicado como artigo en GzNación o 11/10/07).
Nenhum comentário:
Postar um comentário