27 de out. de 2007

Homofobia: lei e sociedade


A imaxe corresponde a unha campaña iniciada hai uns días na Toscana para sensibilizar a poboación contra a homofobia. Non vou entrar na discusión (coido que bizantina a efectos prácticos) sobre se a "orientación" sexual é algo que se trae desde o berce ou non. Mais chócame ver esta campaña aló, cando aquí, na Galiza ou no conxunto do Estado español, hai ben anos que non hai unha acción comunicativa ambiciosa nesa liña. Vaia, a última campaña así que eu recordo data de 1993...

Ninguén pode dubidar do salto adiante tremendo que se produciu coa legalización do matrimonio entre mulleres ou entre homes: un recoñecemento e unha visibilidade inimaxinábeis hai só catro anos. Porén, faltan algunhas medidas para consolidar estes adiantos. Por exemplo, que o Goberno español tome cartas no asunto dos xuíces e xuízas que, arbitrariamente, dificultan o casamento ou adopción ás parellas gais ou lésbicas. E, para min o máis importante, accións e medidas contra a homofobia no conxunto da sociedade.

Sen dúbida, hai liñas de traballo do Goberno galego que axudan, e moito, mais aínda non puidemos ver ningunha grande campaña que contribuíse a desmontar prexuízos e lendas negras sobre os maricóns e as marimachos.

Oxalá non tarde, porque algúns xa estamos máis que aborrecidos dos pescozos que se torcen e dos cuchicheos cando imos co noso mozo collidos da man, cando non os (pouco habituais, mais existentes) insultos provenientes da moto ou do coche que pasa.

Oxalá non tarde, porque hai adolescentes que o seguen a pasar moi moi moi mal cando recoñecen en si o estigma da homosexualidade.

Nenhum comentário:

Postar um comentário