15 de nov. de 2007

Chegou a revolución sexual!

Non quero ser repetitivo, mais se hoxe regreso ao tema do novo disco de La Casa Azul é porque por fin algunha alma caritativa pendurou cunha mínima calidade o novo vídeo en youtube, despois de que xa aparecese no myspace do, digamos, grupo.

A estética mudou un pouco: xa non é a explosión de cores pasteis dos tres primeiros vídeos (pertencentes ao segundo disco). Agora é retro e futurista con cores máis apagadas. Vaia, tal e como retrataban o futuro os filmes de ciencia-ficción dos anos 50, 60 ou, sobre todo, 70.

A canción, igual que o vídeo, danse facilmente a unha interpretación sobre a evolución do, digamos, grupo. Guille Milkiway, que no único vídeo de La Casa Azul en que aparecera con anterioridade fora en "Como un fan", só un segundo e co rosto oculto; Guille Milkiway, que nos concertos non deixaba ver nin os ollos coas súas gorras; pois Guille Milkiway, digo, agora aparece como protagonista. Primeiro, como alguén que dirixe todo desde a sala de máquinas co rostro tapado, mais que canta directamente; ao pouco, xa co rosto ao descoberto, danzando e engatando. De calquera xeito, os seus beizos só se moven cando ten o capacete posto.

Todas as persoas que aparecen no vídeo, a excepción do propio Milkiway, preséntanse como realidades virtuais, incluída a figura da "amada". Os cinco compoñentes de La Casa Azul fican reducidos á condición de androides que conectan esta realidade imaxinada e a realidade do Milkiway. Eles teñen que funcionar para que todo exista, para que na sala de máquinas non salten as alarmas.

O momento culminante do vídeo está no minuto 3, segundo 55, cando digamos David, digamos Sergio, digamos Óscar, digamos Clara e digamos Virginia chocan. Da súa fusión xorde o demiúrgo: Guille Milkiway. Ese que preferiu maquiar a súa identidade, mais que hoxe nos ofrece un dos seus golpes máis fantásticos: a Revolución Sexual.



Xa sei que haberá quen diga que non debería "darlle tanto á cabeciña" para falar dun simple vídeo musical. Teño que responder que para algo fago un blogue!

Nenhum comentário:

Postar um comentário