28 de jan. de 2008

Lembra Palestina

Hoxe fun incapaz de encontrar en ningún diario impreso a máis mínima referencia á situación da franxa de Gaza. Seica xa non hai noticia, porque as violacións de dereitos humanos en Palestina se están a achegar aos niveis habituais.

Para non morrer coa vergoña e sentir que podo axudar un pouco, asinei este manifesto.

Cando menos, que se saiba que hai moita xente que olla para Palestina. Cando menos.

27 de jan. de 2008

Romana, de Rosalía de Castro


Rosalía de Castro é, indiscutidamente, a figura considerada central e máis representativa -digamos canonizada- da literatura galega. Porén, continúa a ser unha autora moi pouco lida no conxunto da súa obra e da cal se segue a reproducir, de xeito maioritario, unha visión distorsionada.

Ricardo Carvalho Calero afirmaba, dun xeito moi pedagóxico, que de Rosalía se penduraban os mesmos prexuízos e tópicos que se lle penduran á Galiza. Desde o sistema educativo pódese e débese axudar a corrixir o descoñecemento da nosa forte tradición cultural e da nosa historia, pódense e débense ofrecer ferramentas para combater tanto prexuízo aínda vixente.

Moitos profesores e profesoras, así como organizacións diversas, tentan percorrer ese camiño, mais sen contaren co impulso e amparo necesario por parte de institucións fundamentais como a Universidade e a Administración educativa.

Así, na inmensa maioría dos libros de texto de secundaria insístese rotineiramente nos mesmos tópicos infundados sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro e continúanse a ignorar cuestións que os investigadores e as investigadoras puxeron claramente á luz desde hai lustros. Isto acontece nos materiais de lingua e literatura galega, mais dun xeito moitísimo máis grave nos libros de texto de lingua e literatura española, que causan auténtica vergoña allea por indocumentados.

Nesta postaxe só quero comentar un pequeno detalle pouco coñecido de Rosalía e que ten a súa importancia. Apetéceme falar diso porque penso que é máis que unha simple curiosidade e saíu hoxe á mañá nunha conversa cos amigos Fran e Gonzalo.

O caso é que chegou até os nosos días o fragmento autógrafo dunha obra de teatro escrita por Rosalía, cuxo título é o nome da protagonista feminina: Romana. No pouquísimo que se conserva da peza vemos liñas temáticas xa coñecidas da narrativa rosaliana, sobre todo presentes nesa xoia que é El Caballero de las Botas Azules.

Aínda que Romana non chegou a se publicar en libro nin a representar, si sabemos, grazas á correspondencia privada da autora, que circulou como manuscrito entre axentes políticos e culturais como Alejandro Chao e Ramón Rodríguez Correa.

Descoñecemos, polo tanto, o texto completo de Romana, mais sabemos sen dúbida ningunha que se trata dunha peza de Rosalía, quen tentou introducirse como autora teatral, con todo o que iso significaría de difusión social para alén das minorías alfabetizadas e, cun algo de sorte, de posibilidades de recoñecemento e ingresos económicos, dos cales sempre estivo bastante necesitada.

O fragmento que se conserva de Romana pódese consultar na Biblioteca Virtual Galega. Vaia tamén desde aquí un saudiño para Cilha Lourenço, Carlos Caetano Biscainho, María Cana e Laura Tato, con quen compartín os primeiros meses de andamento do proxecto da Biblioteca Virtual no ano 2002.

25 de jan. de 2008

Sénteste oriental?

Levaba días ouvindo falar desta canción e onte insistiume tanto unha muller cando iamos camiño de Lugo, que non me quedou outra que escoitala e, finalmente, pórvos aquí o vídeo para que dancedes e riades.

Chimpón! Sentídevos orientais, por obra e graza de La Chel!



E aquí o making off:

23 de jan. de 2008

"O erotismo necesita o amparo da solidariedade social"

Interesante frase, dentro dun artigo publicado hai uns días por Manuel Fernández Blanco, psicanalista da Coruña e secretario da Asociación Mundial de Psicanálise.

Reproduzo a seguir o seu texto, traducido directamente pola aplicación web que para iso ten La Voz de Galicia, mais introducíndolle despois as correccións precisas. Os salientados en negra son meus:

EROTISMO E NEOPURITANISMO

Na época do destape, as fotos de espidos e escenas eróticas tiñan que burlar a censura franquista. O espido de Marisol, portada de
Interviú o 2 de setembro de 1976, está na memoria colectiva dunha xeración, como o peito de Susana Estrada cando recibía o premio ao personaxe máis popular de 1978 de mans de Enrique Tierno Galván. Entón, non era infrecuente que a exhibición erótica aparecese relacionada coa loita pola liberdade de expresión.

Onte, como hoxe, as fotos eróticas parecen necesitar unha boa causa. Case ninguén admite que a causa principal é causar o desexo, como tan ben suxería Ventura Pérez Mariño nestas mesmas páxinas. O debate mediático suscitado pola publicación de calendarios eróticos con fins benéficos (como o das azafatas de Ryanair ou o protagonizado polos colaboradores do programa de Ana Rosa Quintana) son exemplos de como o erotismo necesita o amparo da solidariedade social. Esta necesidade de xustificación acentuouse na actualidade, xa que a sociedade da permisividade é, ao mesmo tempo, o censor máis implacábel e feroz. Non é un censor localizábel, é a censura incorpórea que exerce a chamada opinión pública no seu conxunto.

O debate suscitado pola publicación destes calendarios só se explica por un efecto de retorno, na sociedade da permisividade, dunha nova modalidade da represión e a hipocrisía sexual. Aínda que este neopuritanismo está presente en todos os ámbitos da vida social, non é infrecuente atopar os novos inquisidores na esquerda.

De modo intelixente, púxose á beira destes calendarios do destape, o calendario, non oficial, do Vaticano con fotos de curas e seminaristas novos e moi guapos. O Calendario Romano, que se edita desde hai varios anos seguindo este modelo, xustifícase como guía turística para os visitantes do Vaticano, aínda que a súa carga erótica é innegábel. O seu erotismo non se deriva precisamente do destape (todos visten de sotana) senón da unión de beleza e prohibición, xa que estes curas tan guapos só poderían alcanzarse como obxecto erótico mediante unha transgresión. É un bo exemplo de como o auténtico obxecto do desexo sempre ten algo de inaccesíbel e nunca aparece en coiros.

19 de jan. de 2008

Chámome Yu Ming

Póñovos aquí unha boísima curtametraxe sobre as contradicións do proceso de substitución e honras fúnebres do irlandés. Mesmo quen saiba tan pouco inglés coma min o poderá entender perfeitamente.

De paso, envíolle un saudiño ao Manel, sempre tan atarefado nas súas pesquisas sobre as linguas caucásicas, con quen compartín a proxección deste filme en Vigo di Fassa:

18 de jan. de 2008

Claro, é que só era un negro...

Ula a xustiza?

Laurie Anderson en Santiago

Hoxe pola mañá a Concellaría de Cultura de Santiago anunciou as actuacións de Sons da Diversidade para os próximos meses. Entre os nomes que desfilarán polo Auditorio de Galiza encóntrase o de Laurie Anderson, a quen tentarei irei ver, porque a súa canción "O Superman" a considero como parte da banda sonora da miña vida:



Por certo, que partindo desta canción da Anderson, La Prohibida fixo a súa propia versión, "En plan travesti", co seu toque particular:

14 de jan. de 2008

Dá vergonza estar vivo e ver a primavera

Vaia este vídeo dedicado aos meus alumnos e ás miñas alumnas de 4º da ESO no IES Castro Alobre de Vilagarcía, no curso 2003/04, que se impresionaban con este poema tanto como eu me impresiono:

12 de jan. de 2008

Que fago aquí?

Que fago aquí, na casa, este sábado á noite, en troca de estar onde tiña que estar? Pois dedicarme aos vicios de planificar traballo. O peor é que o estou a facer porque me apetece, con alegría e ilusión. Haiche cada!

Vaia como tributo compensatorio ao deus Guille Milkyway este lindísimo vídeo desta lindísima canción:

7 de jan. de 2008

Poemas da fase anal

Talvez para subir a media nacional de lectura, estes días estou a darlle a varios libriños.

Dunha sentada foron os versos de Hai cu, do Leo (non é que o trate con confianza familiar, é que asina como "O Leo"), recollidos do seu blog. Son poemiñas breves, aínda que non sei se a maioría se poderían denominar formalmente haikus, dentro das dificultades que ten xa de seu trasladar o que é na orixe un poema tradicional da cultura xaponesa. Coido que máis ben o xogo está en darlle bendición "culta" a versos que se nos presentan coa mesma fasquía que populares e efémeras "pintadas no váter".

A cotidianeidade, a escatoloxía e os rápidos xogos de palabras compoñen un libro de versos na fase anal, dígase no puro sentido freudiano ou no do personaxe de Woody Allen en Annie Hall, que explicaba que estar na fase anal significa facer (dicer) o que un queira.

Varias partes do poemario desígnanse segundo o lugar onde sexan esas hipotéticas pintadas: na máquina dos condóns, no papel hixiénico, no espello con lapis dos beizos, no secador das mans, na porta, na cadea da cisterna, no teito... E chega tamén até a casa de baño propia: o armario e a información de que "por veces vén máis xente cagar no meu baño".

Como lector, a maioría dos "haicus" deixoume a sensación de inadaptación entre os goces que foxen das normas e as obrigas desas mesmas normas para a vida en sociedade.

Algunhas das cousas que máis me prestaron:

- A dedicatoria dun dos haicus: "Para os neofalantes, que ceibarán Mátrix".

- Entre outros, os seguintes poemiñas:

Falarlles o castelán aos turistas

É coma esconderlles

a Catedral de Santiago

cambiándolla pola de Burgos.




Por exemplo, o pixama de
"vai ti que eu tou sin vistir"

Ollo coa roupa de andar pola casa

É vella, cómoda, quente e paseniño

convértese en uniforme carcereiro





Es ti


Ti es a tal pra min

Quero sermos

Ámonos



- Do que menos gostei:

A exaltación exaxerada da espontaneidade, tamén a través do uso ocasional do españolismo como trazo de lingua "máis viva": "abuela", "eghemplo", "ghentileça"...

Reparemos que algúns deses castelanismos aínda son de introdución moi recente, cando menos en varias zonas do país. Na miña familia, "abuela" é unha palabra que entra na xeración de miña nai e seus irmáns, desprazando as formas "madre" ("madre Rosa", "madre Luísa", etc) ou "avó" (con o semiaberto para o feminino e semifechado para o masculino, igual que no portugués estándar). Esas eran as que tradicionalmente se utilizaban en Ribeira, aínda que eu non o souben até ben chegada a adolescencia, porque pensaba que abuela, o que a min me transmitiran, era o que se dixera de sempre... Non era natural, estaba naturalizado.

Igualmente, non creo que en Galiza se poida falar de "endodiglosia", tal e como intitula un dos poemas, nin penso que a existencia de normas de referencia culta para o galego sirva para facerlle ver aos falantes espontáneos que o que eles falan está mal:

Endodighlosia

O abuso da norma sirve
pa seghir convençendo ós d'abaixo

de que non saben falar.


Eu penso máis ben que a consideración por parte dos falantes de que non saben falar é unha das manifestacións do proceso de substitución do galego e da situación de dependencia e subordinación de Galiza. A falta de consciencia lingüística e o autoodio levan a considerar negativamente todas as manifestacións do galego, tamén por parte da inmensa maioría dos galegofalantes espontáneos.

Así, poderemos ouvir como se rexeita o uso do galego estándar ("¡todavía si hablara gallego normal y no ese de laboratorio como el de la TVG!") tanto como o uso dun rexistro máis popular ("¡todavía si hablara gallego bien, porque no lo sabe hablar y lo llena de seseos, gheadas y castrapos!"). Os dous prexuízos son contraditorios (como todos os prexuízos), mais compleméntanse. Son as dúas caras dunha mesma moeda.

Perante quen repite ou manifesta estes prexuízos, tópicos ou complexos, eu gosto de repetir o que di Pilar García Negro:
"Os galegos falamos o mellor galego do mundo"

Este estupendo lema ten 16 sílabas. Case podería ser un haiku.

6 de jan. de 2008

Indiana Jones falará galego?

De pequecho, Indiana Jones encantábame; agora resúltame máis ben indiferente, aínda que supoño que irei ver o novo filme cando se estree o próximo 22 de maio.

Desde a Generalitat de Catalunya xa garantiron coa Paramount Pictures que Indiana Jones tamén falará catalán na pantalla grande. Alguén cre que desde esta distribuidora porían algún problema se desde a Xunta alguén se dirixise a eles para que o filme tamén se estrease en galego, coas mesmas condicións e apoios da versión catalá?

O que pasa é que aquí non se está a facer política lingüística merecente de tal nome e, por non facer, nin tan sequera se levanta o teléfono para aproveitar o camiño xa andado por Cataluña. Hai moitas empresas que asinaron convenios coa Generalitat para pasar a usar o catalán e que do Goberno galego nin tan sequera recibiron unha proposta...

Podres Reis Magos


Tento empaparme da alegría xeral dos Reis Magos, lembrar o marabilloso día cando tiña 6 anos e lle trouxeron unha selene a miña irmá e a min un estupendo supercinexín. Porén, non podo deixar de pensar no 20% dos nenos galegos que viven baixo o limiar da pobreza e que se preguntarán que lle pasa aos Reis Magos para non se acordaren deles, por non dicer que limitarán as súas aspiracións por saberen as limitacións das súas familias. E non me vale dar xoguetes rotos ou vellos para agasallo dos pobres, como onte vin facer a mans cheas por parte das damas da caridade.

Mirando ao lonxe, aínda se encolle máis o corazón. Das 10.000 cartas enviadas polas crianzas de Recife (Brasil) ao Pai Nadal, 6.000 piden comida en lugar de xoguetes. Aquí, tampouco vale a caridade. Vale a xustiza.

5 de jan. de 2008

Pels pels

Aproveitando estes tres días que me collín de kit-kat por Barcelona, Paulo e eu fomos onte ver a obra Pels pels, teatro interactivo e desenfadado que segue o típico esquema cluedo: un crime, varios sospeitosos... adiviña quen foi!

Eu estaba derreado de tanto camiñar de libraría en libraría ao longo da tarde e non prestei toda a atención debida á primeira escena, que é xusto cando se desenvolve a acción central, que nos ofrece as pistas para descubrir quen cometeu o asasinato.

Os mossos d'esquadra encargados de resolver o crime van precisar da axuda do público, que debe contradicir os personaxes no caso de que mintan na reconstrución do que aconteceu aquela tarde, que debe colaborar nos interrogatorios e, finalmente, acusar formalmente a un dos sospeitosos a través de votación a man alzada.

A obra é moi divertida e, segundo o decida o público, cada noite pode ir por un camiño ou por outro. Eu saín dándolle voltas á cabeza sobre como se desenvolvería o final da obra se a asasina fose outra personaxe diferente á que acusamos a maioría, a que parecía ter a mellor coartada...

3 de jan. de 2008

Formalidades e bibliotecas sen libros nin lingua

Leo sobre a polémica da inauguración da biblioteca sen libros en Santiago, unha biblioteca que por certo incumpre a lexislación lingüística en materia de sinalización de obras, xa que exclúe totalmente o uso do galego, aínda que parece que ningunha das administracións implicadas se percatou deste "detalle" que salta á vista de quen por alí se achegue.

Concordo con quen critica as formas dun ministro que, ademais, e iso é o que explica as ansias de foto, é cabeza de cartel do seu partido pola circunscrición da Coruña ás próximas eleccións de marzo. Ecoan as informalidades do verán, mais a memoria é fráxil e a actualidade é de caducidade inmediata, polo que pouco se lembra un acto tamén protagonizado por César Antonio Molina e Emilio Pérez Touriño onde se facía unha vergoñenta confusión entre partido e institucións, concretamente entre PSOE e Instituto Cervantes.

En 2005, pouco antes das eleccións, o Instituto Cervantes anunciaba que se ía celebrar en Galiza unha reunión de directores. Para presentar as xornadas, estaban César Antonio Molina (con toda lóxica, pois era o director da institución nese momento) e... o candidato á presidencia da Xunta de Galiza, Emilio Pérez Touriño. Así o podedes ler neste PDF do propio Instituto Cervantes.

Agora seguen os mesmos guións que daquela, só que con máis replicantes perante as súas incorreccións formais e os seus usos inapropiados dos aparatos institucionais para proveito partidario.

Rindo do creacionismo

"Deus crea Adán e Eva, que enxendran a Caín e Abel. Aquel asasina este e despois procrea. Con Eva? Cunha irmá non mencionada na Xénese? Se for así, descenderiamos dun fratricida e dos seus incestos. E a Igrexa prefere esta versión da nosa orixe ás teorías da evolución vixentes. Eu vexo máis decente que compartamos un antepasado co chimpancé."

(Tradución do escrito enviado por Eduardo Cierzo, lector de Muy interesante, publicado no número de xaneiro de 2008 desta revista. Por certo, desta cabeceira hai tamén unha versión portuguesa.)