25 de jun. de 2008

Cousa linda

Camiño do Orgullo, recoméndovos a quen aínda non o vísedes, o filme Beautiful thing. Para min foi moi importante no momento en que me tocou saír do armario. Os que xa sodes doutra xeración talvez non vos poidades imaxinar a miña emoción cando os protagonistas corrían polo bosque e se beixaban mentres Mama Cass exclamaba:

But you've gotta make your own kind of music
sing your own special song,
make your own kind of music even if nobody
else sing along.

24 de jun. de 2008

My dream is to fly over the rainbow so high

Este sábado 28, en Santiago, Aturuxo, a federación de asociacións gais, lésbicas, bisexuais e transexuais de Galiza convócanos a todas e todos a celebrarmos o Día do Orgullo.

Á unha da tarde haberá un maripícnic no parque de Belvís, con concurso de tortillas, maribrilé e bollifútbol. Ás seis da tarde, a manifestación sairá como é de costume desde a Alameda.

A festa chega ás dez e media da noite na Praza da Quintana.

Vémonos o sábado! Voaremos por riba do arco da vella!

"A UE non reuniría as condicións democráticas bastantes para ingresar na UE"

Un excelente artigo de Xosé Manuel Pereiro: "Se esta é a Europa aquela..."

23 de jun. de 2008

Unha iniciativa fundamental

Déixovos aquí un artiguiño que me publicaron hoxe e que escribín con toda a ironía de que fun capaz. Vai sobre as últimas ocorrencias da SXPL para gastar diñeiro público sen facer nada do seu ámbito de xestión. Aínda que pareza doado, non o é.

21 de jun. de 2008

De verdade os van perseguir as nosas memorias?

Para a Alicia, que sei que gosta moito de Lluis Llach e é unha das escasas coincidencias que temos. Por que se tivo que retirar dos escenarios e así impedirnos que o poidamos ir ver xuntiños a algún concerto? :(

Para o Gon, aínda que me dá que non terá paciencia para terminar de velo en youtube.

Para o Fran, porque non estou certo de se coñece a Lluis Llach e confío en que lle encante.

Para o Paulo, con quen teño pasado tardes e días escoitando os seus discos.

Para o Marcelo, que mo descubriu na adolescencia.

Para o Rubén, que me acolleu e acompañou ao primeiro concerto da Llach ao que fun na miña vida, coido que no San Froilán do 97.

É exemplar como algúns pobos manteñen as súas vítimas na memoria. Imaxinádesvos un acto semellante en homenaxe e recordo por exemplo de Moncho Reboiras? Canta xente sabe tan sequera do asasinato de Moncho Reboiras ou de Amador e Daniel no final do franquismo?



Por certo, o PP está hoxe co seu congreso. Como me fai lembrar iso outros versos de Llach:

Ara són més polits que els seus pares
i es disfressen amb plomes de Harvard
però si arriba el poder, adéu Proust, adéu Brecht...

19 de jun. de 2008

12 de jun. de 2008

O nome do país

Comparto aquí este artigo que publiquei hoxe sobre a polémica mediática dos últimos días contra o uso de Galiza:

O nome do país

Nos últimos meses, a vulneración dos dereitos lingüísticos dos galegos e das galegas evidenciouse en diferentes situacións que, pola súa gravidade, tiveron tamén eco nos medios de comunicación. Algúns deses casos lembrámolos na manifestación do pasado 18 de maio, ese chamamento cívico contundente ao noso dereito a vivirmos no noso propio idioma.

O Carrefour da Coruña recoñeceu que un xefe de sección insultara a unha traballadora porque esta falaba en galego. Unha xuíza, Ana López Suevos, foi denunciada e cuestionada na súa profesionalidade por emitir sentenzas nesta lingua. O Hotel Ciudad de Vigo admitiu que lle prohibe aos seus traballadores falar neste idioma milenario. O Hospital Modelo da Coruña chegou a enviar un comunicado de imprensa xustificando que unha das súas pediatras lle prohibise a pacientes e familiares que se dirixisen a ela en galego. Segundo datos proporcionados polos centros educativos, o 10,5% das crianzas de tres anos nas sete cidades non reciben nin unha hora de ensino en galego ao día; outro 16% só recibe unha hora...

Ningún destes temas suscitou ningún ditame ou comunicado, por pequeno e sinxelo que fose, por parte da Real Academia Galega. Contrasta este cómodo silencio da RAG perante os problemas da lingua e da cultura do país co protagonismo desta institución na actual campaña mediática contra o uso de Galiza, forma xenuína e histórica, abrumadoramente maioritaria na documentación en galego até o século XVII (aínda que, como é sabido, desde a dominación castelá os textos no noso idioma son cada vez menos e con máis barbarismos).

Hai un debate entre lingüistas sobre se Galicia é tamén ou non unha forma galega, pois a súa pervivencia na oralidade non o certifica, igual que non podemos concluír que gallego sexa o recomendábel porque galego desaparecese da fala, excepto nunha comarca. Mais o que non pode negar ningún lingüista é que Galiza é unha forma propia, da nosa historia e da nosa tradición, que hoxe non é ningunha peza de museo, senón que está recuperada e tamén viva, especialmente nos sectores máis dinámicos en favor dos dereitos da comunidade lingüística galega.

Nesta pugna simbólica contra Galiza están xustamente os principais movementos e grupos fácticos ou de presión que atacan calquera posíbel adianto para o noso idioma e que ollan para outro lado cando hai conculcacións de dereitos notorias e escandalosas como as sinaladas no segundo parágrafo. Iso non quita que haxa moita xente que defenda ou utilice Galicia por apego afectivo ou porque considere máis acaída a corrente lingüística que defende o seu uso por ser a forma maioritaria na fala espontánea.

Do meu punto de vista, o problema non está principalmente no ditame da RAG, pois este é pouco máis que unha paráfrase pouco afortunada das Normas de 2003, extralimitada no aspecto xurídico. O máis grave é que se estean a reproducir diariamente declaracións off the record desta institución, ou da comisión correspondente, sen que en ningún momento se neguen ou se corrixan, colaborando así na campaña de deslexitimación do uso de Galiza e creando incerteza sobre as pautas para un uso correcto do idioma.

A mesma Academia que nas normas de 2003 estabelece o criterio salomónico de que Galicia e Galiza son válidas, agora considera, irresponsabelmente e pondo en perigo o consenso normativo alcanzado hai cinco anos, que isto é “esquizofrenia lingüística” e que “un país non debe ter dous nomes”. Con certeza, é digno de lamento, mais tamén non é novidade tal diverxencia de pareceres nunha institución que, despois de referendar grazas como única forma correcta, realiza declaracións públicas escasamente serias a través do seu presidente cuestionando o seu uso e indicando que el vai seguir dando as gracias. Que autoridade ten para estabelecer normativa quen non a aplica?

Para o progreso do idioma é preciso un referente estándar que conte cun amplo respaldo e consenso social, aínda que tal acordo ortográfico e morfolóxico deba ser dinámico e se revise “en función do proceso de normalización do uso do galego”, tal e como estabelece a Lei de normalización lingüística na súa disposición adicional. Fraco favor lle está a facer á existencia de tal consenso a postura da RAG. Agardemos que os seus membros máis conscientes, comprometidos e preocupados pola situación do noso idioma reaccionen e, aínda que sexa 101 anos despois, teñamos por fin a Academia Galega que a nosa cultura e a nosa lingua precisan.

9 de jun. de 2008

...e nunca te atreviches a preguntar

Era unha vergoña non tela visto completa aínda, así que proseguín o meu improvisado e desordenado ciclo sobre Woody Allen con este título. O libro amarelo que vedes aí vén sendo o bestseller que parodia a través destas historias, dun tal Dr. Reuben, co esquema clásico das obras de autoaxuda.

Gostei especialmente do concurso "Cal é a miña perversión?", aínda que a escena do bufón que ve o inútiles que resultan os afrodisíacos perante os cintos de castidade tamén é para esperrecharse.

5 de jun. de 2008

Scoop

Con case dous anos de atraso desde a súa estrea, hoxe puiden ver Scoop, unha especie de cruzamento entre Misterioso asasinato en Manhattan e Match point. Aínda que, polo que puiden ler na rede, a crítica en xeral non estaba moi entusiasmada co filme, eu teño que dicir que gostei moito, que rin abondo e que non puiden evitar aplaudir perante a xenialidade da escena final (e non me refiro ao desenlace dos crimes, senón ao digamos epílogo).

Como con algo tiña que actualizar e non me vou pór a falar de traballo que bastante teño con el o resto do día, comento isto. Aproveito para lle enviar un saudiño ao Manuel-p.-d.-m., que gosta de Woody Allen e coñece a súa obra moitísimo mellor ca min.

Aí vos deixo o tráiler. Por certo, por que o anuncian como "un filme do director de Match point", como se Allen só tivese un filme coñecido? Ironía?