Neste artigo Miguel Anxo Murado di, tan ben como el o sabe expresar, algo no cal levo matinando a respecto do tratamento informativo da traxedia de Barajas. Tamén para isto sería necesario un código ético. E que se respeitase.
Contar a traxedia, Miguel-Anxo Murado
Esa enorme tristeza que se debruzou de repente sobre o mundo cando caeu o avión de Barajas volveu demostrar que os xornalistas non sabemos tratar a dor. O xornalismo escrito aínda permite un mínimo de tempo para reflectir no que se di e como se di, e mesmo se ás veces hai redaccións desafortunadas, os xornais, polo xeral, van librando.
Pero a radio e a televisión, que son un xornalismo permanentemente empurrado polas présas, convértense nestes casos nunha sucesión de desconsideracións, de faltas de tacto, de crueldades innecesarias, de inhumanidade gratuíta.
Falo da reporteira que dicía que se ían pedir mostras do «DNI» dos familiares para comprobar as identidades dos corpos. Falo da insistencia en referirse a ese corpos como «cadáveres», a expresión menos humana de todas cantas hai para falar dunha vítima, un falecido, un defunto.
Falo do acoso dos micrófonos a familiares para preguntarlles como se sentían, unha pregunta tan banal como cruel. «Están traendo os cadáveres aquí porque hai unha inmensa neveira na que caben todos e así non se descompoñen», dicía un locutor; «vin un ferido tan queimado que pensei que era un negro, pero era un branco», dicía outra; «as caixas negras do avión, que todos coñecemos polas películas de Hollywood», comentaban desde o estudio, sorrindo. Non se trata de adoptar un xesto compunxido nin de ocultar información, senón de pensar un pouco no que se di.
A televisión e radio presumen do directo como se fose o seu grande tesouro, cando é a peor das servidumes. Cando se fai mal, o directo convértese nunha tortuosa sucesión de reporteiros que se quedan en branco ou din o primeiro que se lles pasa pola cabeza, utilizan verbos estraños ou van ás apalpadelas intentando saír como poden dunha frase subordinada na que se meteron como quen se perde nun xardín.
Polo xeral non importa moito, só é incómodo. Pero cando do que se fala é dunha cousa tan sensible como a morte brutal de familias enteiras, convértese en grotesco o que xa de por si é abondo tráxico.
É certo que é difícil enfrontarse á dor, mesmo á dos demais. Por iso a sociedade inventou lugares comúns («acompáñote no sentimento») para permitir mostrar solidariedade sen meter a pata. O xornalismo ten que aprender dese vello tacto popular e comprender que a dor é unha substancia que hai que manexar con coidado, porque queima coma o lume e é fráxil coma o cristal.
Nenhum comentário:
Postar um comentário