31 de jan. de 2009

O novo de Fangoria

O disco sae á venda para a semana, porén xa teñen o primeiro clip para promocionalo, "Más es más". A ver que vos parece:

30 de jan. de 2009

"Presionan a los funcionarios para hablar en gallego"


Onte á última hora da mañá chamáronme da COPE de Madrid para gravaren unha entrevista que supostamente ían emitir ás dúas da tarde para todo o Estado, sobre unha noticia que ocupaba o terceiro titular da sección "España" deste medio (hoxe a esta hora figura como a cuarta): "Los ayuntamientos de La Coruña (sic), Ames y Sada presionan a los funcionarios a hablar en gallego".

Vese que as respostas que dei non lles prestaron moito pois, que eu saiba, a gravación non se pasou, nin completa nin fragmentada, nin a esa hora nin a ningunha outra, nin aparece ligazón algunha á mesma no seu web.

A divulgación dun dereito

A campaña impulsada pola Mesa, apoiada até o momento por estes tres concellos e que axiña agardamos estender a outros, serve para divulgar un dereito amparado pola lexislación mais que é moi pouco coñecido e exercido: perante calquera administración ou empresa pública temos dereito a recibir a atención en galego, non só por escrito senón tamén na oralidade, for presencial ou telefónica.

Reparemos en que é un dereito que se ten que garantir ao menos cando for solicitado individualmente, mesmo cando se excluír esta lingua do resto dos usos públicos desta administración ou empresa pública. É que se nin nos espazos da administración podemos falar e recibir atención en galego a nivel particular, onde está a "cooficialidade"? Ben, todas e todos (tamén os autodenominados e cínicos bilingüistas) sabemos que nin iso se garante, polo cal resulta tan necesaria unha proposta como esta.

Manipulación e difamación

O sublema da acción, "Se non che falamos galego, podes solicitárnolo cun sorriso", que aparece en cartaces pendurados en dependencias públicas destes municipios, traduciuno estrafalariamente a COPE para o castelán como "Primero sonríe y después, si no te hablan en gallego, denuncia". A manipulación difamatoria está á vista de todo o mundo.

Na noticia repiten tamén a falsidade de que desde A Mesa se ameaza a comerciantes, dentro das calumnias reiteradas e intensas que desde hai meses padece a asociación. Ademais de en diversas comparecencias perante os medios, respondeuse tamén a través deste folleto que podedes consultar en PDF.

Hai sectores que quererían que non existise a lingua galega e, consecuentemente, que non existise un movemento social que traballa con todas as súas forzas, limitadas porén entusiastas, na súa defensa. Mais existimos e continuaremos a existir, a pesar das caricaturas, das campañas para nos desprestixiar e para que deixemos de contar co apoio público que nos corresponde por ser a maior organización cultural de Galiza e polos nosos fins estatutarios, nos cales levamos traballado ininterrompidamente desde hai case 23 anos.

Arrimemos todas e todos o ombreiro para traballar pola nosa lingua e a nosa cultura, que falta fai contra estes feroces e persistentes ataques.

29 de jan. de 2009

Tres artigos diferentes

Na liña das recomendacións habituais nos blogs, hoxe coloco aquí tres artigos diferentes na súa temática concreta, mais unidos por un pouso común.

O primeiro, de Henrique del Bosque, versa sobre algunhas das ideas demagóxicas promovidas polos grupos creados para atacar a lingua galega. Veredes que é un texto moi bo e moi clariño. Convídovos a que non deixedes de lelo e difundilo.

O segundo artigo que vos propoño é de Francisco Rodríguez, publicado no Xornal de Galicia do domingo pasado e no cal matiza os discursos haxiográficos sobre Barack Hussein Obama. Ben interesante.

Por último, non podo deixar de sinalar este artigo de Eduardo Galeano que coñecín grazas ao sempre referencial blog Trafegando Ronseis.

Se lerdes algúns destes textos, xa me contaredes.

28 de jan. de 2009

Apoloxía da prostitución?

Levar a unha conferencia a unha muller que no seu día exerceu a prostitución, para falar de calquera tema, é "apoloxía da prostitución"? A verdade, paréceme bastante fóra de lugar tal idea, por non dicir unha condenábel persecución ad mulierem.

Cómpre ter presente que, á marxe do debate sobre a legalización/abolición da prostitución, tanto os organizadores como os asistentes sinalan que en ningún momento se falou diso en todas as xornadas. Como se pode explicar entón tal denuncia, realizada sen tan sequera informarse previamente, sen asistir para ver o que alí se dicía?

En Facebook creouse un grupo para "denunciar a denuncia", cun texto bastante contundente, co que concordo:

A ultra-moralista presidenta de Alecrín, Ana Míguez, acava de denunciar à Vicepresidência da Junta de Galiza por apologia da prostituiçom. O motivo, as jornadas 'sexuando', nas que foi invitada a escritora, ex-prostituta e activista polos direitos das trabalhadoras sexuais, Valerie Tasso. (...)

Entendemos que posiçons como as defendidas por Alecrín partem dumha visom profundamente conservadora do feminismo, da sexualidade e da prostituiçom, que em nada ajuda à luita contra a explotaçom e o tráfico sexual, e que em nada ajuda à luita polos direitos das trabalhadoras sexuais.

Apostamos por fórmulas de protecçom social e de auto-organizaçom frente à explotaçom e o tráfico sexual das pessoas trabalhadoras sexuais-migrantes, à margem de prejuícos morais patriarcais que nada tenhem a ver co [que] nós entendemos por feminismo.

Nom à explotaçom e ao tráfico sexual!
Nom aos CIES (cárceres de internamento de migrantes)
Nom à expulssom das sem papéis!
Si aos direitos das trabalhadoras sexuais migrantes!
Direito ao próprio corpo!
Pola despenalizaçom e o reconhecimento de direitos!

'Ai, se eles me pegam agora'

Esta versión é do grupo As Frenéticas. Da súa actuación podemos coller ideas para o antroido que vai chegar.

A orixinal é do inmenso Chico Buarque, do seu musical A Ópera do Malandro, que devezo por ver algún día ao vivo. Existe tamén unha adaptación cinematográfica, mais concorco con Pawley con que non é moi brillante e deixa fóra unha das mellores cancións, se non a mellor.

Esta canción en concreto trata sobre a posibilidade de que os pais das cabareteiras descubran a que se dedican as súas fillas. Ambos poderían reaccionar recriminándoas ou implicándose activamente nese modelo de vida, mesmo lamentando non coñecelo antes.


"Ai, se eles me pegam agora"

Ai, se mamãe me pega agora de anágua e de combinação,
será que ela me leva embora ou não?
Será que vai ficar sentida? Será que vai me dar razão
chorar sua vida vivida em vão?
Será que faz mil caras feias? Será que vai passar carão?
Será que calça as minhas meias e sai deslizando pelo salão?
Eu quero que mamãe me veja pintando a boca em coração.
Será que vai morrer de inveja ou não?

Ai, se papai me pega agora, abrindo o último botão...
Será que ele me leva embora ou não?
Será que fica enfurecido? Será que vai me dar razão
chorar o seu tempo vivido em vão?
Será que ele me trata à tapa e me sapeca um pescoção
ou abre um cabaré na lapa e aí me contrata como atração?
Será que me põe de castigo? Será que ele me estende a mão?
Será que o pai dança comigo ou não?

27 de jan. de 2009

Contra os xenocidios

Hoxe é o Día Internacional de Conmemoración das Vítimas do Holocausto. Escolleuse a data por ser o aniversario da liberación do ignominioso campo de concentración de Auschwitz por parte do exército soviético.

O meu amigo David pasoume días atrás un correo electrónico onde se comparaba, a través da confrontación de imaxes, a persecución nazi contra os xudeus coa practicada polo sionismo contra os palestinos. Grazas ao blog do Xosé Manuel Pereiro, Si home si, souben que esas fotografías se correspondían cun traballo do intelectual xudeu Norman Finkelstein, que nesta ligazón podedes ver completo.

Nesta xornada, recoméndovos tamén que escoitedes este poema de Luis Rogelio Nogueras recitado por Silvio Rodríguez, que xa citei noutra ocasión neste blog:



Non vale condenar os xenocidios do pasado se miramos para outro lado cando vemos os xenocidios que se están a executar hoxe.

26 de jan. de 2009

Leyla Zana


Esta semana, a activista kurda Leyla Zana estará en Santiago e en Vigo, convidada pola Vicepresidencia da Xunta. É unha muller que admiro desde hai moito, polo que lle dediquei o artigo desta semana en Galicia Hoxe.

Penso que o Goberno galego trae a Zana á Galiza nun momento moi oportuno, xa que despois de padecer dez anos de prisión política por pronunciar unha frase en kurdo durante a súa toma de posesión como deputada, o mes pasado os tribunais turcos comunicáronlle unha nova condena doutros dez anos por realizar declaracións pacíficas nos medios de comunicación en defensa do Kurdistán.

Reafírmome no que digo literalmente no artigo: "a presenza nos seus actos en Galiza pode e debe converterse nunha manifestación de solidariedade co pobo kurdo, do seu dereito a existir, a escoller os seus representantes e a poder utilizar e desenvolver o seu idioma e a súa cultura."

Podedes ver aquí o fragmento do xuramento do seu cargo que desencadeou o primeiro proceso xudicial na súa contra, extraído do documentario La espalda del mundo, de Javier Corcuera:

24 de jan. de 2009

Acreditarse para votar reduce a participación


Di o vicesecretario xeral do PSOE, José Blanco, que pedirlle o DNI ou o pasaporte aos censados no exterior dificultará o voto. Outros dirixentes deste partido, como a deputada Marisol Soneira, son da mesma opinión.

Claro que tamén é certo que o dificulta no interior: Votar sen acreditar que tes dereito e sen que che soliciten ningún tipo de identificación faría todo o proceso moito máis... "fácil".

De verdade temos que debater nestes niveis ridículos? Xa non é só que non defendan todas as garantías para unha votación limpa, senón que mesmo están en contra das escasas existentes...

vergoña allea o pucheirazo que se quere organizar co "censo de electores residentes ausentes".

[A imaxe tómoa do blog Malo de aturar]

23 de jan. de 2009

Palestina: o xenocidio continúa


Recoméndovos encarecidamente o artigo do Eduardo Galeano que desde a CIG traduciron para o galego, so o título "Operación Chumbo Impune". Cada liña convida á reflexión.

O director Xeral de Xuventude e Solidariedade da Vicepresidencia da Xunta, Rubén Cela, escribiu un outro artigo, publicado en Vieiros, que reflexiona sobre a situación actual en Palestina. Hai un parágrafo que na miña opinión é especialmente importante:

Palestina non é hoxe simplemente o nome dunha nación ou dun conflito pasaxeiro ou puntual, é a metáfora dun sistema político e económico hexemónico no planeta, onde a violencia, a ocupación e a opresión son consubstanciais ao mesmo. A diferenza é que as cloacas dese sistema en Israel están na superficie.

Que opinades?

22 de jan. de 2009

Lesbianismo no noso rural

Na curta Vellas, dispoñíbel en Flocos.tv, Carlos Prado Pampín relátanos unha historia de dúas mulleres que se aman no rural galego.

Como anécdota, no web indícannos que as protagonistas son a avoa do director, Amalia Touriño, e unha veciña, Áurea García.

É interesante de ver:



Que vos pareceu?

21 de jan. de 2009

Yo no soy Ángel Quintana, ¿eh?

Está en todas as bocas a campaña viral (ou precampaña viral?) do BNG so o lema "Eu son Anxo Quintana", dirixida por Antón Reixa, que seica está a ter un éxito tremendo na rede. Tal é o seu suceso que souben a través do blog de Imeneo desta secuela, que agora está tamén en todas as bocas causando sorrisos:

20 de jan. de 2009

Éxito do Frente Farabundo Martí


O Frente Farabundo Martí para la Liberación Nacional (FMLN) triunfou nas eleccións lexislativas do Salvador logrando case o 50% dos votos emitidos. Curiosamente, o seu sistema electoral fai que lle correspondan bastante menos da metade dos representantes na cámara, cando por exemplo no Estado español con algo menos do 45% dos votos xa é factíbel conseguir a maioría absoluta, como lle aconteceu ao PP no 2000.

O mesmo día realizáronse tamén as municipais, nas cales sumou trinta novas alcaldías. A dozura destas noticias ten o punto agre de perderen o goberno da capital, capitaneada desde 1997 polo Frente, os tres últimos anos a través de Violeta Menjívar.

Con estes resultados, o FMLN sitúa nun bo lugar da pole a Mauricio Funes, o seu candidato para as presidenciais, que celebrarán o 15 de marzo. A enerxía de Farabundo Martí, Óscar Romero (do que ouvín falar por vez primeira na miña infancia a través dunha monxa misioneira) e Roque Dalton nutre os motores para esta necesaria mudanza histórica. Moita sorte!

Porque o tempo ten que estar algún día a favor dos pequenos, como cantou Silvio Rodríguez no seu día ao pobo salvadoreño:



El tiempo está a favor de los pequeños
de los desnudos, de los olvidados.

El tiempo está a favor de buenos sueños

y se pronuncia a golpes apurados.


El Salvador y el tiempo,

la suma del coraje,

se han convertido en sol violento

y han emprendido claro viaje.


La noche se enriquece de secretos,

la oscuridad del mundo es compañera,

preparadora del duro esqueleto

que deberá nacer del alba nueva.


Las sombras de las calles

son cómplices del día

y por la loma y por el valle

viene quemando la alegría.


Y Roque y los demás están atentos,

con la absorta pupila de lo eterno,

dando voces de amor a cuatro vientos

y apurando las ruinas del infierno.


El Salvador desborda

las cúspides del mundo

y colosal se eleva y borda
con mil estrellas Farabundo.

Galiza foi Gaza


Extraordinaria a resposta do pobo galego o pasado domingo en solidariedade con Palestina.

Foi, cuantitativamente, unha das maiores manifestacións de todo o Estado, coido que só por detrás das populosas cidades de Barcelona e Madrid.

Ademais, cualitativamente, é de salientar a presenza do Vicepresidente da Xunta no acto, xa que, até onde eu sei, foi o máis alto representante institucional en calquera das mobilizacións no conxunto do Estado (seguido de Saura, conseller da Generalitat catalá, o cal desencadeou aló unha sorprendente polémica).

Moitas veces, por admiración exaxerada do de fóra, non somos capaces de valorar e estimar o relevo real da vida e a forza do movemento progresista, transformador e antiimperialista, en Galiza.

Cómpre mantermos os actos de solidariedade, de boicote ás empresas que apoian o sionismo e de exixencia de medidas gobernamentais. Porque isto non terminou, non.

Outras informacións de interese:
  • Sobre o baile de cifras, aconséllovos a consulta do blog do Fer (O demo me leve), aínda que eu tamén penso que é prudente de máis ao falar de 15.000 persoas, pois mesmo nas súas contas máis baixas antes do redondeo a cifra de participantes sería de 17.600. É acertado facer o reconto non pola xente que colle na Quintana, senón pola que participa no percurso.

19 de jan. de 2009

Os mil amigos de Núñez Feijó

O meu artigo desta semana en Galicia Hoxe aborda a campaña do PP para as Galegas, que parece feita para gañar votantes en Madrid, do pouco conectada que está coa realidade e cos problemas de Galiza.

Matino un pouco sobre iso a partir do publicitado perfil na rede social Facebook do seu candidato a presidente da Xunta.

16 de jan. de 2009

'Palestina', de Lluis Llach



Palestina

El teu nom una rosa, el teu nom Palestina.
El teu nom un bell estel a l’Orient.
El teu nom esperança, el teu nom una espina,
el teu nom mirall precís que ens reflecteix.

Més enllà de les ones d’un mar que ens aveïna
et cantem el pervindre, el teu nom el coratge,
el teu nom Palestina.

Dels teus camps del pell bruna t’arrabassen els arbres
com si així et desarrelessin el demà.
Els teus fills els soterren quan encara somriuen
esperant que així el teu ventre es torni un erm.

Naixeran oliveres de destí mil·lenari
perquè els ocells hi cantin el teu nom que és coratge,
el teu nom Palestina.

Quan et nafren els braços, l’odi esdevé feixisme
colpejats pels qui escarneixen llur passat.
Seran les teves ales, d’un vol que veuràs lliure
si s’allunya la venjança del teu cor.

Més enllà de les ones d’un mar que ens aveïna
et cantem l’esperança, el teu nom és pervindre,
el teu nom Palestina.

'Matamos os seus nenos para defendermos os nosos'

Este domingo hai unha manifestación nacional que parte da Alameda de Santiago ás 12 do mediodía contra o xenocidio do pobo palestino. Oxalá sexa moi masiva. Pola solidariedade entre os pobos, contra o masacre, polo dereito a existir do pobo palestino e por unhas accións políticas nese camiño por parte do goberno do noso estado.

O mesmo día e máis ou menos á mesma hora celebrarase unha mobilización sionista diante da embaixada de Israel en Madrid, respaldando o xenocidio a través de eufemismos cínicos como "autodefensa". Este tipo de convocatorias prodúcense para tentaren lavar a súa imaxe, tan deteriorada pola súa brutalidade e vileza, a pesar da censura e da propaganda.

Nunha outra mobilización sionista hai poucos días en Nova York (que coñecín a través deste blog), varios manifestantes nin se cortaron en soltar barbaridades como "Matamos os seus nenos para defendermos os nosos" (minuto 2), "Meteremos bombas baixo os pupitres dos escolares palestinos", "Temos que sacalos de Palestina", "Tense que cumprir a profecía do señor"...

Velaquí podedes ver tan lastimoso vídeo:



Oxalá os concentrados este domingo en Compostela pola paz sexamos ben máis que os reunidos na embaixada de Israel en Madrid apoiando o xenocidio.

15 de jan. de 2009

Manoel Riveiro Loureiro

Acabo de saber da morte de Manoel Riveiro Loureiro, un home bo e xeneroso, sempre atento a axudar nas causas colectivas, como a reivindicación e extensión social do noso discriminado idioma, un esforzo no cal sempre encontramos o seu alento e a súa enérxica voz pública.

Acompañamos no sentimento a familiares e amigos. Ficamos co seu exemplo, co seu testemuño, coa súa obra:

Xenocidio


A través do referencial blog de Marcos Valcárcel, As uvas na solaina, chego a un artigo de Afonso Vázquez Monxardín no que aconsella "falar con propiedade" e non chamar "xenocidio" ao masacre do pobo palestino.

Vázquez Monxardín lembra literalmente a definición de xenocidio como a "negación do dereito de existencia a grupos humanos enteiros" e di que "non ten nada que ver coa guerra", que é onde sitúa o que está a acontecer en Palestina, con especial crueldade e miseria estes días, mais desde hai xa décadas.

Calibro, pondero, respiro fondo e afirmo que é un "xenocidio" o que está a acontecer en Palestina, partindo da mesmiña definición de Raphael Lemkin e partillando a mesma descrición, "xenocidio", utilizada por exemplo polo historiador israelí e xudeu Ilan Pappé.

A realidade está aí, dolorosa. En moi poucos días, as cifras oficiais falan de 1.033 palestinos asasinados -un terzo dos cales, 322, eran menores-, máis de 3.000 feridos e da destrución das escasas infraestruturas desa franxa convertida no maior gueto da historia. A inmensa maioría das vítimas son civís, por máis que as axencias de comunicación queiran definir como militares a funcionarios e policías, ao contrario do estabelecido polos Convenios de Xenebra.

Non, por favor. Que ninguén nos diga que non é para tanto. Que ninguén nos diga que ollemos para outro lado. Estase a cometer un xenocidio e non podemos ficar en silencio nin de brazos cruzados.

O vindeiro domingo, ás 12, desde a Alameda de Santiago, acudamos á manifestación nacional en apoio a Palestina.

Todos os días, apoiemos o boicote a Israel e exixamos accións gobernamentais para deter o masacre e a ocupación.

[A imaxe pertence a unha campaña de Jewish Voice for Peace, con datos sobre a Franxa anteriores á máis recente agresión militar israelí.]

14 de jan. de 2009

Topoloxía (2) e (3)

Tal e como adiantaba nun comentario aquí na mañá de onte, Arturo Casas introduciu no seu blog dúas novas entradas nas que continúa co debate sobre a proxección exterior (e interior) da cultura galega. Antes de nada, aconséllovos a súa lectura.

Cando lin a primeira, vía unha coincidencia de fondo moi grande, case total, entre as nosas posturas e, a verdade, non lle daría maior importancia que a que ten un pequeno matiz ao aparente "fondo de reserva" que se me podería percibir a min a respecto da proposta que el formulou.

En todo o caso no que eu tento pór o acento, entre os dous pratos da balanza, é no "imprescindíbel" da actuación para que existamos aquí, no espazo social de Galiza. Sobre iso irá tamén un dos meus vindeiros artigos en Galicia Hoxe, no que procurarei continuar a avivar o lume, tentando asentar as que considero prioridades nunha política cultural (e lingüística e educativa) que garanta un presente e futuro diferente para o sector do libro en galego.

No entanto, coa exposición da segunda entrada, "Topoloxía (3)", si que vexo máis que diferenzas de matiz. Para min, o problema de base é que percibo aquí e agora un proxecto global que una a saída exterior e a promoción interior. Non falo de pospor unha para agardar pola outra, senón de acompasalas.

Non se trata de fechar os lectorados e reinvestir ese diñeiro dentro, senón de ter unha planificación clara, tamén todo o ambiciosa posíbel, e xestionar mellor como nos difundimos, tanto nas universidades como fóra delas. Non é que non debamos saír a feiras internacionais, senón que tamén, inescusabelmente, haxa que investir esforzos en conseguir que a cultura galega e en galego teña vida real en Galiza. Nese senso, eu teño que manifestar a miña coincidencia coas palabras de Manuel Rivas, que loxicamente, e máis tratándose del, non nega o potencial tamén interno de saírmos fóra.

Xa que finalmente entramos no debate dos nomes para o instituto, se Daniel Castelao ou Rosalía de Castro, eu teño que indicar que para min calquera dos dous sería válido. O primeiro ten a virtualidade de ser dun autor monolingüe, a segunda de ser unha figura fundacional e cunha divulgación internacional superior nestes momentos. Polas informacións que eu teño, a posibilidade de que se chamase dun ou doutro xeito non supuxo ningún obstáculo para a súa posta en andamento, senón que as razóns foron outras. A Secretaría Xeral de Política Lingüística, que é o departamento con competencias na materia, sería o que debería explicalas publicamente, xa que se trata dun incumprimento do acordo de goberno e dunha decisión parlamentar (PXNLG).

Aínda que os nosos vimbios sexan máis limitados, eu acho que a lingua catalá (o Institut Llull, as súas políticas lingüísticas en Catalunya ou mesmo Balears) continúan a ser referentes do que poderiamos facer e non estamos a facer. Fóra e dentro, dentro e fóra.

13 de jan. de 2009

Poema a Palestina de Pilar Pallarés

Puiden vencer aquela vez a morte,
cando o ceu se abateu sobre nós en forma de metralla
e o cheiro animal do sangue
ocultou para sempre o dos limoeiros na casa dos meus pais.

O ceu aproximou-se até eu o tocar cos dedos
e estava vivo e quente como o ventre das feras,
pero era enxofre e mancava os calcañares
con arrestas e cal.

Despois houvo un siléncio entre os meus sete anos
aquel pátio onde á tarde brincava
perseguindo os insectos.

Sorrin cando me fotografou co meu gato Kamal entre os escombros
un dos homes franceses,
sorrin e avancei altivo como os guerreiros e os profetas
porque as cancións da avoa din que a pátria está perto
e a vitória non tarda.

Resistin aquela morte e outras mortes
e non ollei atrás
e cando os nosos soldados saíron expulsados da cidade,
dei-me présa en medrar
e fun soldado
e erguin contra Israel o brazo e a razón,
o peso dos meus soños
e unha pátria a cumprir-se.

Pilar Pallarés

(Neno Palestino con gato despois do bombardeo.
En Beirut, hai anos. Dunha foto da prensa)

Fóra e dentro

Velaquí o último artigo en Galicia Hoxe, tal e como comentaba onte:

Fóra e dentro

Prox
ección exterior e retroproxección da cultura galega

Nas últimas semanas produciuse un interesante debate sobre a situación do mercado dos libros en galego e da cultura galega en xeral. Un dos puntos recorrentes foi preguntarse se desde a Administración se acertou ao pór maior énfase na proxección exterior cando no propio país aínda é tan necesaria unha forte promoción interna. Hai moitos índices que deben terse presentes para avalialo e encamiñar a acción política na cuestión, mais hai dous que non se poden deixar de lado en ningún caso no aspecto bibliográfico, que se deben repetir todas as veces que for necesario até dalos superado. En primeiro lugar, que Galiza é a comunidade do Estado con peores hábitos lectores. Ademais, só entre un 10 e un 19% deste mercado é con obras en galego.

Manuel Rivas, o noso autor máis exitoso tanto dentro como fóra de Galiza, nunha recente entrevista en Vieiros consideraba máis importante “tratar con respecto” a literatura galega no propio país que promovela en grandes eventos internacionais. Sostiña o autor d’O lapis do carpinteiro que “sería irreal esperar que os franceses, ou os fineses, ou os norteamericanos desen un trato destacado ás nosas obras se estas non teñen ese trato no propio país. Esa é a mellor maneira de proxectar a nosa literatura no exterior. Ti vas a Irlanda, ou a Islandia, e nos aeroportos xa podes atopar a súa literatura; aquí non sucede iso. En Galiza tampouco as obras galegas ocupan un lugar destacado nas bibliotecas, e nos medios de comunicación galegos a nosa literatura segue a ser algo exótico.” Concluía, porén, que “ás veces o coñecemento fóra dunha obra permite o seu redescubrimento no interior”.

Arturo Casas, profesor na Universidade de Santiago de teoría literaria e semiólogo, entraba no debate a través do seu blog con esa mesma idea final, para sinalar que a proxección exterior e a interior son dúas caras dunha mesma moeda, dunha estratexia única. El matizaba: “A proxección interior (rede de bibliotecas, clubes de lectura, institucionalización e planificación, convenios coas librarías para que non escondan certos libros) non abonda. É imprescindíbel, pero non abonda.”

No meu entender, xusto o grande problema en Galiza é que, a pesar dos palpábeis adiantos nos últimos anos, o camiño andado aínda non cubriu o tramo do “imprescindíbel”.

A proxección diglósica

O recoñecemento alcanzado fóra do país sen dúbidas contribúe para prestixiar internamente a nosa cultura, mais iso non supón de seu que se vaia ler máis nin que haxa un interese súpeto e masivo pola literatura galega / en galego en Galiza. Malia existir reciprocidade na saída exterior e a difusión interna, penso que non é total, moito menos nun contexto diglósico como o noso.

Podemos pór como exemplo a Manuel Rivas, o autor en galego máis recoñecido tamén fóra de Galiza, como se sinalaba liñas atrás, e que oxalá o sexa moito máis, polo seu ben e polo noso ben colectivo. O compromiso persoal de Rivas coa lingua galega e con moitas outras causas sociais xustas é incuestionábel. Podo dicir desde aquí, como activista da normalización lingüística, que é das persoas que sempre están cando se necesitan, mesmo nos momentos máis crus, nos que se padecen os ataques máis feroces e implacábeis.

Porén, Rivas encóntrase cunha situación pouco alentadora na difusión das súas obras en Galiza. Escribe a súa creación en galego e preocúpase de que na información editorial das traducións figure o título orixinal, o cal vén a ser unha denominación de orixe suplementaria. Porén, os datos sobre vendas sinalan que os seus libros no territorio galego son máis demandados na versión traducida para o español que na xenuína. (Isto é así cando menos no momento da saída ao mercado, que son os datos públicos que puiden cotexar, aínda que con limitacións; talvez a posterior demanda como recomendacións escolares equilibre as vendas no interior, mais descoñezo se existen datos ou estudos ao respecto.)

Cando falamos de como as obras en castelán copan o mercado bibliográfico en Galiza temos que ter presente que tamén entran neste cómputo, e ás veces mesmo encabezando as listaxes de vendas, traducións de libros pertencentes ao sistema literario galego. Este é un problema que ten difícil solución alén da sensibilización do público lector, mais que amosa que pór o acento na proxección exterior sen colocar antes fortes alicerces no propio espazo social de Galiza pode ser mesmo contraproducente. Estas exitosas traducións reforzan a consideración da cultura galega como unha cultura híbrida, unha curiosidade ou excepción da “verdadeira cultura”: a vehiculizada en español.

De Galiza para o mundo

A andaina “imprescindíbel” está por percorrer e debe camiñarse, si, mais aquí ninguén que teña sensibilidade pola cultura galega nega tampouco a necesidade de compartir co mundo as nosas creacións. Só persoas con verdadeira galegofobia, como o deputado do PP Ignacio López Chaves, atacan tal posibilidade.

A Consellaría de Cultura presentou para a divulgación alén das nosas fronteiras diversos proxectos (o último, a marca “The Galician Way”), que se veñen sumar á participación en varias feiras internacionais que lle recoñecen a Galiza un nome no mundo. Porén, o comprometido Instituto Rosalía de Castro ou Instituto Daniel Castelao, que hipoteticamente dependería sobre todo da Secretaría Xeral de Política Lingüística e que figuraba tamén no programa electoral do PSOE, non ten nin tan sequera a primeira pedra simbólica posta.

Política Lingüística, que polas competencias atribuídas ten moito para dicir tanto na proxección exterior como na interior, continúa a abrir lectorados de galego polo mundo adiante sen ter un proxecto definido do que facer con eles e a pesar de que os actuais están infrautilizados. A carencia de estratexia amósase, por exemplo, cando reciben o mesmo diñeiro para actividades lugares como Murcia, Berlín e Lisboa, en todos os casos cunha capacidade de incidencia escasa tanto a nivel académico como social, malia o esforzado voluntarismo da maioría do profesorado lector. Non faría máis sentido pararse a pensar que é o que se procura antes de despregar as fitas das inauguracións de novos centros de estudos galegos alén das nosas fronteiras?

Hai unha anécdota verídica, de hai un par de anos, que non podo deixar de relatar. Un grupo de rapaces cataláns e de rapazas catalás que aprenderon galego como idioma optativo no seu instituto viñeron de excursión a Galiza para coñecela. A idea era poder practicar a lingua no seu hábitat natural, mais ao chegaren ao campamento, acarón dunha vila grande, encontráronse con desconsolo que a xente da súa idade non se dirixía a eles senón en español e que o galego tiña máis ben pouca presenza pública. Xa aprenderan o que é a diglosia, mais iso non lles impediu vivir unha dolorosa frustración. Persoalmente, sei de amigos non galegos que estudaron o noso idioma que se encontran con esa situación cada vez que nos visitan. Que a cultura galega, e dentro dela a lingua, poida existir con normalidade no país é o mellor contributo para a promoción cara a fóra.

Na casa do ferreiro...

Como lembrou Arturo Casas, a proxección interior e exterior teñen que facer parte dunha mesma estratexia, global, que nestes momentos eu non vexo que exista para o noso país. Con certeza, institucións referenciais como o Institut Ramon Llull para o catalán enmárcanse nun proxecto conxunto que ten como piares a revitalización e incorporación da súa lingua aos diferentes ámbitos. Xa que comeza unha nova lexislatura, fagamos votos (nunca mellor dito) para que a situación mude.

Turismo de guerra?

Dise xa que o xenocidio do pobo palestino que estamos a vivir é a guerra máis silenciada da historia desde que existe a televisión, aínda que sexa moi difícil falar de guerra nun caso como este.

Perante as dificultades insuperábeis para informar do que está a acontecer en Gaza, moitos xornalistas procuran superar os muros da propaganda militar israelí a través de reportaxes como a que seguir se pode ver, que eu coñecín a través de Chuza!.

Mirade como se reúnen con bebidas quentes no alto de outeiros para contemplar a beleza dos mísiles sobre as casas de Gaza; reparade como unha muller, que se recoñece con picardía como "un pouco fascista", afirma que "I think they should just clear off all the city, just take it off the ground"...



Procurando máis información sobre este vídeo, achei unha páxina dun movemento israelí pola paz que paga a pena respaldar, de obxectores de consciencia encarcerados porque se negan a servir nun exército "que ocupa os Territorios Palestinos". Eu envieilles o meu correo-e desde esta páxina reclamando a súa posta en liberdade. Anímovos a que vós o fagades tamén.

12 de jan. de 2009

Diversas olladas sobre a actualidade

Recoméndovos este artigo de Elvira Souto en Xornal de Galicia, con diferentes olladas sobre a actualidade coas que son totalmente coincidente (excepto, permitídeme a brincadeira, coa referencia á OCU):

Escándalos

Com a mesma regularidade com que em Janeiro chegam as rebaixas, as denúncias de escándalos irrompem na vida política assim que se avista umha batalha eleitoral. Umhas vezes com razom e outras sem ela.

Di a OCU que os saldos ocultam fraudes e aconselha-nos nom comprar irreflexivamente e denunciar qualquer irregularidade. Na vida política as cousas som mais complicadas porque ninguém dá conselhos de balde e nom hai oficina onde reclamar. Separar o que é verdade do que é engano, relativizar a importáncia dos erros e dos acertos, é responsabilidade própria e nom toda a gente dispom de tempo e vagar para o fazer. O que dá vantagem a quem tem poucos escrúpulos e muitos meios para misturar o trigo com a erva cativa, a rebaixa com a fraude.

Que o Sr. Pérez Touriño seja incapaz de anunciar em directo a assinatura da convocatória das eleiçons de Março e busque refúgio num discurso gravado, é ridículo, umha peninha, mas nom é um escándalo. O escándalo é que ainda nom se debatesse e aprovasse a lei que permita acabar com a fraude desta TVG posta ao serviço do presidente da Junta.

Que a Sra. Villarino teime em ir à catedral de Compostela pedir ao santo soluçom aos nossos problemas é também umha peninha. Que o faga no nosso nome é um escándalo.

Que um governo aprove as bases de um concurso, aplique o baremo aprovado e admita a trámite as solicitudes que, no entender da comissom avaliadora, reúnem as melhores condiçons , nom é um escándalo. É um procedimento normal. Um escándalo é que dous funcionários declarem que se negam a fazer o seu trabalho e ninguém tome medidas.

Se, como denuncia o támdem PP-CCOO, em Sogama nom se realizarom auditorias periódicas e se adjudicarom contratos de maneira irregular, é um escándalo.

Que nom se tenha resolvido a grande fraude do voto emigrante, é um escándalo.

Que o Sr. Zapatero chame 'amigo' o estado genocida de Israel e tenha tardado 1000 mortos, 3000 feridos e a destruiçom total da Faixa de Gaza para pedir o cessamento do fogo nom é um escándalo. É umha vileza.

Para o prolongado silêncio covarde do PSdG e o seu secretário, Sr. Pérez Touriño, nom tenho palavras.

O próximo domingo, às 12:00, em Compostela, Galiza será Gaza.

Para os equidistantes, os neutrais e os que ollan para outro lado

O título desta entrada é o comentario de ZeroVacas a estas tres imaxes realmente dolorosas.

Proxección exterior e retroproxección da cultura galega


O artigo desta semana en Galicia Hoxe, "Fóra e dentro", é unha continuación do publicado hai quince días sobre a situación do mercado editorial en galego, aínda que desta volta me deteño un pouco no relativo á proxección exterior. Céntrome tamén agora no aspecto bibliográfico, mais tento tamén relacionalo coa aprendizaxe e difusión da lingua e cultura galegas alén do territorio do país.

En próximas colaboracións co diario quero abordar, tamén sobre o mercado editorial da Galiza, as posibilidades aínda non exploradas da nosa relación coa Lusofonía e as medidas máis urxentes de "proxección interior" que están sen desenvolver. Que siga o debate!

(Hai un problema informático hoxe na sección de "Opinión" do periódico, polo que a estas horas non figura o texto. Hoxe pode consultarse na edición en papel e, se non se der arranxado no web, achegarei mañá o texto a través deste blog.)

11 de jan. de 2009

Que Rajoy diga algo?

Hoxe, nun mitin en Galiza, José Luis Rodríguez Zapatero instou Mariano Rajoy a que diga algo sobre o masacre contra o pobo palestino. Sería ben que se deixase de hipocrisías e que, como presidente do Goberno, faga algo.

Ou é que o presidente do Estado non pode facer máis que lamentarse, mentres continúa a autorizar a venda de armas ao exército israelí e mantén as relacións económicas e diplomáticas como se non se estiver a cometer un xenocidio?

Cómpre que nos movamos para que a manifestación do vindeiro domingo en Santiago teña un respaldo masivo. Ninguén debería faltar. Porque esta vergoña non pode continuar:

9 de jan. de 2009

Vergoña tras vergoña


Son tantas as atrocidades diarias contra o pobo palestino que un xa non sabe cal horroriza máis, en cal centrar a denuncia.

No bombardeamento de escolas e hospitais?

Na advertencia da Axencia de Coordinación Humanitaria da ONU de que Israel trasladou 110 civís, moitos deles crianzas, a un edificio, para posteriormente bombardealo?

Na contundente e nada habitual denuncia do Comité Internacional da Cruz Vermella pola imposibilidade de poder atender aos feridos civís?

No relato do persoal sanitario da Media Lúa Vermella que, tras días de obstáculos israelís para poder atender un sinal de socorro, se encontra con catro nenos esfameados rodeados de trece cadáveres, entre eles o de súa nai?

En xeral, nesa guerra que non é guerra, na que un bando leva masacrado 770 persoas e máis de 3.000 feridos mentres no outro se causaron 14 baixas, parte delas por "fogo amigo"?

Mobilicémonos por Palestina!

Concentracións e manifestacións para este sábado:

Ribeira: Concentración ás 12 h na praza do Concello.

Ponteareas: Concentración ás 13 h, diante do Concello.

Vigo: Manifestación ás 18 h, desde O Cruce da Vía Norte con Urzaiz, que rematará na Porta do Sol.

Lugo: Concentración ás 20 h, diante da Subdelegación do Goberno español.

Pontevedra: Manifestación ás 20 h, desde a praza da Peregrina, que rematará fronte á Subdelegación do Goberno español.

Santiago: Manifestación ás 20 h, desde a praza do Toural, que rematará na praza do Obradoiro.

A Coruña: Concentración ás 20:30 h, no Obelisco, Cantóns.

As reclamacións formuladas son:
- Que se impulsen políticas activas de solidariedade en favor de Palestina.
- Que se deteñan todos os ataques e bombardeamentos.
- Que se abran as fronteiras para as axudas humanitarias, especialmente en Rafah, xa que desde o 2006 nin o 10% das axudas enviadas á Faixa de Gaza puideron pasar.
- Que a ONU lle outorgue a todos os representantes lexítimos palestinos, incluído Hamás, a oportunidade de se sentar á mesa do diálogo, ao igual que Israel.
- Que o Goberno do Estado rompa as relacións diplomáticas e comerciais con Israel.
- Que a Xunta de Galiza se pronuncie contra Israel e en favor do pobo palestino.
- Que se denuncie a venda de armas (o Estado español está a autorizar a venda de armas para o exército israelí).
- Que se promova o boicote aos produtos israelís e daquelas empresas que manteñan relacións comerciais con eles.
- Que os medios de comunicación e a imprensa internacional sexan neutrais.

A bola extra

A bola extra. Así, sen ningún til, era o título dun dos blogs máis corrosivos e enxeñosos do que se deu en chamar o blogomillo. Lembremos que en galego oficial, nesa normativa que tan ben utilizaba nas súas entradas o anónimo cerebro desa páxina, non é o mesmo bola que bóla.

Estaba o autor posto no que se chaman as tendencias, no relativo á televisión, á música, á literatura... e daba a súa focaxe sobre elas como o podería facer un Holden Caulfield dos nosos días. Vaia, que non deixaba títere con cabeza.

Comigo meteuse algunha que outra vez (aínda que non comigo, senón coa figura pública que leva o meu nome), o mesmo que coa Mesa. Mais non fomos os máis afectados polas súas frechas. Fixo concursos de Pseudo-Rivas; cando varios medios decidiron procurar a palabra máis fermosa da lingua galega, el optou por crear un galardón á máis fea; escribiu un reality-show ficticio coas glorias galegas que poderían protagonizar un Tomate patrio... E todo nos cinco mesiños que durou, desde abril a agosto de 2006.

Para min, dous dos mellores momentos deste blog foron este e este. Mais tamén hai moitos outros boísimos.

A súa última postaxe foi máis seria do habitual. Despois desa, o silencio. Alguén sabe o que lle aconteceu? Agardo que se encontre ben e anímoo a que volte co seu ar fresco ou a que a TVG o contrate para un programa.

8 de jan. de 2009

Galiza con Palestina!

Mobilizacións xa confirmadas para este fin de semana:
  • Ferrol: sexta feira (VENRES), 9 Xaneiro, ás 20 horas, diante do Edificio da Xunta de GaliZa - Praza Amada García.

Sábado 10/01/09

  • Pontevedra: ÁS 20:00 h. MANIFESTACIÓN UNITARIA EN PONTEVEDRA NA PRAZA DA FERRARÍA.
  • Vigo: ÁS 18:00 h. MANIFESTACIÓN DESDE O CRUCE DA VÍA NORTE CON URZAIZ QUE REMATARÁ NA PORTA DO SOL.
  • Santiago: ÁS 20:30 h. MANIFESTACIÓN DESDE A PRAZA DO TOURAL ATÉ A PRAZA DO OBRADOIRO, ONDE SE LERÁ UN COMUNICADO.
  • A Coruña: ÁS 20:30 h. CONCENTRACIÓN NO OBELISCO.
  • Ribeira: ÁS 12 H. NA PRAZA DO CONCELLO.
Mantédevos informadas e informados a través do blog do colectivo Galiza Por Palestina.

[Actualización do 9 de xaneiro ás 12.27] Como se pode ver no primeiro comentario, quen estiver por Ponferrada hoxe ás 20.30, que saiba que se realiza unha concentración na praza do Concello. Obrigado polo aviso!

Ademais, tamén hoxe (sexta feira, día 9), nas Pontes, ás 19 horas, a concentración será na praza do Hospital.

Canta, María do Mar, canta!


Velaquí miña irmá, María do Mar, cantando. Está hoxe de aniversario e túrrolle das orellas desde este blog, aínda que lle aconsello que non se confíe porque cando nos vexamos...

Xa sei que os mellores xenes da beleza, de vocalización e de sentido do ritmo foron moi inxustamente distribuídos na miña familia. Que se lle vai facer! Colleunos todos para ela! Así e todo, eu canto igual:

Parabéns para ti,
nesta data querida...

;)

7 de jan. de 2009

Mobilizacións en toda Galiza en apoio a Palestina

Na reunión de hoxe en autoconvocatoria na Galería Sargadelos de Santiago había case cen persoas, algunhas a nivel individual coma min e outras representando a diferentes organizacións. Todas unidas polo desexo de responder aos ataques de Israel e por apoiar o pobo palestino.

Saíron moitas propostas e unha das conclusións foi apoiar a convocatoria para este sábado, en todos os concellos que for posíbel, de mobilizacións. Toda a información se pendurará nas próximas horas do blog de Galiza por Palestina, incluídas outras mobilizacións que poidan non desenvolverse no sábado. Referenciádevos, pois, nesa páxina unitaria e participade.

Recoméndovos tamén que lle botedes un ollo ao correo electrónico de Miguel Anxo Murado que se reproduce no blog Brétemas. Di o xornalista galego que entre os israelís "hai de todo, pero o que predomina é isto". Que curioso escoitar o insulto nazi en alguén que actúa, pensa e se expresa dese xeito, non si?

Ataque Escampe

Un dos grandes grupos que descubrín neste ano pasado foi Ataque Escampe, ao cal se lle dedica unha reportaxe nun número de Longalingua que chegará nos vindeiros días ás casas dos subscritores á revista e afiliados á Mesa pola Normalización Lingüística. Velaquí o clip oficial de "Serafín":

5 de jan. de 2009

Villamayor, La Rúa e Ribera de Piquín

Os compañeiros e as compañeiras da Mesa de Lugo botaron man da ironía e da creatividade para denunciaren máis unha vez que na estación de autobuses da cidade non se cumpre a lexislación lingüística aprobada en democracia. Como é que a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Consellaría de Política Territorial consenten isto?

Reparade, por certo, nas bandas que levaban as súas altezas, que nesta foto aparecen penduradas das portas:

Adhirámonos ao boicote a Israel

O artigo desta semana en Galicia Hoxe, "Boicote a Israel", céntrase nas posibilidades de reaccionarmos desde Galiza contra o masacre de Palestina.

Desmontar a propaganda de guerra, solidarizármonos a través das mobilizacións, exixirlle ao Estado español que non autorice a venda de armas a Israel e apoiar a campaña de boicote aos produtos deste país e das empresas que fagan negocios alí. Coido que estes son os principais camiños que podemos seguir.

Algunhas das grandes marcas afectadas son Nanas, Alcampo, Carrefour, Coca-Cola, Danone, Motorola, L'Oreal, Nestlé, Nokia, Calvin Klein e Jonhson & Jonhson. Aquí tedes unha listaxe completa.

Ademais, podemos estar atentos/as para non mercarmos produtos fabricados en Israel. Son sobretodo froitas e verduras, viños, cosméticos e materiais agrícolas. Recoñécense a través da cifra 729 na parte de diante do código de barras.

4 de jan. de 2009

O soño da febre

Aínda non lin O soño da febre, do Miguel Anxo Murado, mais seguro que é unha obra recomendábel, tanto polos premios que está gañando como, sobre todo, pola garantía que supón o nome do autor, que debo recoñecer como un dos meus favoritos tanto na súa faceta de articulista e ensaísta como de creador. Cáusame mágoa, iso si, que moitas veces non poidamos acceder aos seus textos en galego en Galiza.

Esta noite, padecendo eu febre e sen tomar ningún antipirético, pasei as horas durmindo e sen durmir no medio dun pequeno delirio no cal, entre outras cousas realistas/fantásticas (un protocolo de chamadas telefónicas, Palestina...), tamén se me aparecía esta portada.

Talvez sexa un presaxio. Mañá fágome co libro.

2 de jan. de 2009

Hawai - Gaza

Recoméndovos o artigo de Rubén Cela en GzNación sobre a situación en Palestina e as vacacións de Barack H. Obama.

José Saramago escribiu tamén no seu caderno un texto sobre o conto que o futuro presidente dos USA lle podería relatar ás súas fillas nestas noites hawaianas.

(A fotografía que poño aquí tirouna Rubén Cela na pasada terza feira, na concentración de apoio a Palestina na praza do Toural de Santiago.)

A Cidade do Sol


Esta fotografía, da belga Alice Smeets, gañou o premio de UNICEF á foto do ano. Está tomada no máis miserento suburbio de Porto Príncipe, o cal quere dicir nun dos epicentos da pobreza do noso planeta. Ironicamente, a zona chámase en crioulo Sité Soley; isto é, a Cidade do Sol.

Pensemos no Haití, como aquí cantan o Caetano Veloso e o Gilberto Gil:



Haiti

Quando você for convidado pra subir no adro
Da Fundação Casa de Jorge Amado
Pra ver do alto a fila de soldados, quase todos pretos
Dando porrada na nuca de malandros pretos
De ladrões mulatos
E outros quase brancos
Tratados como pretos
Só pra mostrar aos outros quase pretos
(E são quase todos pretos)
E aos quase brancos, pobres como pretos
Como é que pretos, pobres e mulatos
E quase brancos quase pretos de tão pobres são tratados
E não importa se olhos do mundo inteiro
Possam estar por um momento voltados para o largo
Onde os escravos eram castigados
E hoje um batuque, um batuque
Com a pureza de meninos uniformizados
De escola secundária em dia de parada
E a grandeza épica de um povo em formação
Nos atrai, nos deslumbra e estimula
Não importa nada
Nem o traço do sobrado, nem a lente do Fantástico
Nem o disco de Paul Simon
Ninguém, ninguém é cidadão
Se você for ver a festa do Pelô
E se você não for
Pense no Haiti
Reze pelo Haiti

O Haiti é aqui
O Haiti não é aqui

E na TV se você vir um deputado
Em pânico mal dissimulado
Diante de qualquer, mas qualquer mesmo
Qualquer qualquer
Plano de educação que pareça fácil
Que pareça fácil e rápido
E vá representar uma ameaça de democratização
Do ensino de primeiro grau
E se esse mesmo deputado defender a adoção da pena capital
E o venerável cardeal disser que vê tanto espírito no feto
E nenhum no marginal
E se, ao furar o sinal, o velho sinal vermelho habitual
Notar um homem mijando na esquina da rua
Sobre um saco brilhante de lixo do Leblon
E quando ouvir o silêncio sorridente de São Paulo
Diante da chacina: 111 presos indefesos
Mas presos são quase todos pretos
Ou quase pretos, ou quase brancos quase pretos de tão pobres
E pobres são como podres
E todos sabem como se tratam os pretos
E quando você for dar uma volta no Caribe
E quando for trepar sem camisinha
E apresentar sua participação inteligente no bloqueio a Cuba
Pense no Haiti
Reze pelo Haiti

O Haiti é aqui
O Haiti não é aquí

1 de jan. de 2009

Iria Taibo


Polo meu cargo na Mesa pola Normalización Lingüística tócame aparecer como o rostro da entidade, para o bo e para o mao. Iso pode facer ver que só eu ou outros compañeiros que nos situamos diante dos focos somos os que tiramos do carro desta que é hoxe, malia todas as súas moitas limitacións, a maior asociación cultural de Galiza.

Mais A Mesa é, loxicamente, un proxecto colectivo. Sen os case 3.500 afiliados e afiliadas, sen a xente que apoia as diferentes campañas, sen as persoas que participan nas reunións, que tiran das actividades das zonas e tantos etcéteras; sen toda esa xente, nin A Mesa existiría nin funcionaría.

Porén, como prima inter pares, hai unha compañeira que debe ser recoñecida dun xeito especial polo seu importantísimo traballo na asociación nos últimos anos, aínda que sempre o faga desde a imprescindíbel sala de máquinas. Sen esta muller, moitos adiantos de xestión e actividade non serían posíbeis nesta organización tan necesitada de coordinación ao se tornar cada vez máis complexa. Ela é Iria Taibo. Quero aplaudila nesta primeira entrada do ano e de paso sumarme aos parabéns porque onte estivo de aniversario.