23 de fev. de 2009

A política lingüística nesta lexislatura

No artigo desta semana fago unha avaliación a uña de cabalo do que foi a política lingüística nesta lexislatura, tanto no referente ao departamento con competencia nomeada na materia como no conxunto das áreas da administración autonómica.

Transcribo aquí os dous últimos parágrafos, onde reparo máis no copo medio cheo e expreso o meu temor polos pasos atrás que se puideren dar no caso de regresar o PP ao Goberno da Xunta, talvez con conselleiros como Carlos Negreira ou Corina Porro:

Aínda sendo insuficiente para avanzarmos con pasos firmes e determos o declive do galego, cómpre recoñecer o que agora hai e que hai catro anos, podendo existir, non existía. As Galescolas, as políticas xuvenís que si teñen a lingua como algo transversal, os programas informáticos galeguizados, as tímidas medidas no sector comercial etc. Tamén hai que subliñar os froitos da colaboración co movemento social en defensa do galego, que, aínda sendo moi mellorábel, antes era inexistente. O afortalamento do exitoso Correlingua, o Voluntariado de Activación Lingüística (con máis de 1.000 participantes e un recoñecemento por parte da Unión Europea) ou o servizo A Liña do Galego non serían posíbeis doutro xeito. Son proxectos que se incardinaron porque cómpre presionar e criticar cando for preciso, mais tamén é necesario arrimar o ombreiro e construír para transformar.

Pouco acertadas e reflexionadas son esas críticas de brocha grosa que pretenden igualar as políticas lingüísticas desenvolvidas por Manuel Fraga coas que agora mesmo están en andamento desde diferentes departamentos autonómicos. Como se pode ter saudades dun goberno que por exemplo pretendeu expedientar a empresas por etiquetar en galego (caso Erica Mel) ou a colexios por ensinaren en galego (caso Colexio de Palmeira)? Non hai dúbida de que, sendo insuficiente o feito nestes catro anos, non habería nada peor para a nosa lingua e cultura que o regreso do PP ao goberno da Xunta, algo que os inquéritos e o seu voto oculto amosan como un escenario posíbel o vindeiro un de marzo.

Así mesmo, aconséllovos a lectura desta entrevista a Nel Vidal, o dinámico presidente da Coordenadora de Técnicas/os de Normalización Lingüística, que tamén aborda o mesmo tema, desde o interesante e recomendábel relatorio que elaborou.

Um comentário:

  1. en fin, eu quero pensar que non tiveron tempo abondo, e que lles cómpren 4 anos máis (a uns e a outros). un saúdo.

    ResponderExcluir