31 de mar. de 2009

'El anillo', novo vídeo de Ellos

Están a finais de abril por Galiza e onte mesmo presentaron novo vídeo para unha das cancións máis cantaruxadas do seu último disco. Se vos presta, aí a tedes:

Ellos - El anillo

Pradolongo

Un ano despois da súa exitosa, aínda que dificultada, pasaxe polas salas de cinema, estréase hoxe na TVG o filme Pradolongo. Quen aínda non o puidese ver, ten esta noite a oportunidade:

30 de mar. de 2009

Coa Mesa na rúa

"Coa Mesa na rúa, a loita continúa!" Iso é o que se exclama como consigna animosa en moitas das mobilizacións en defensa da nosa lingua.

Sobre esta ferramenta de amparo dos nosos dereitos lingüísticos e revitalización do noso idioma que é A Mesa vai o meu artigo desta semana en Galicia Hoxe.

Coa Mesa na rúa
Coñecendo mellor esta ferramenta de defensa do galego

A Mesa pola Normalización Lingüística tivo esta fin de semana unha Asemblea Xeral para se afinar como instrumento ao servizo da revitalización do noso idioma, máxime nos tempos duros que se aveciñan. Botemos neste artigo unha ollada ao que foron os últimos tempos desta asociación que traballa de forma ininterrompida desde 1986 na defensa do noso idioma.

Esta agrupación cidadá, aínda que mantén moitas debilidades económicas e de recursos persoais, experimentou nos últimos anos unha importante complexización e crecemento, tanto cuantitativo como cualitativo, con dezanove grupos de traballo comarcais activos nestes momentos. Dentro deste proceso, puxo en andamento a Fundación Via Galego, que traballa na procura de sinerxias cos outros territorios do sistema lingüístico galego-portugués. Entre as súas múltiplas actividades pódense citar concertos, ciclos de teatro, elaboración de unidades didácticas, campañas divulgativas etc. Cómpre salientar que foi a través do impulso de Via Galego como se conseguiu un acordo unánime no Parlamento do Hórreo para solicitar a recepción dixital no noso país das radios e televisións portuguesas. É unha aspiración histórica para a que se procuraron novos camiños e transformar o desexo en realidade.

A Mesa conta cunha sección xuvenil, denominada Mocidade pola Normalización Lingüística, coñecida por desenvolver campañas e iniciativas como a de reivindicar a tradución dos últimos libros de Astérix, a convocatoria de mobilizacións estudantís en defensa do cumprimento da lexislación lingüística no ensino, pola dobraxe para o galego do último filme de Indiana Jones (en colaboración coa Asociación de Profesionais da Dobraxe de Galiza), etc.

Outra sección da Mesa é o Observatorio de Dereitos Lingüísticos, arroupado por xuristas e sociolingüistas de recoñecido prestixio. Este Observatorio analiza de forma obxectiva a situación da nosa lingua e é interlocutor perante organismos internacionais como o Comité de Expertos do Consello de Europa encargado de facer seguimento da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias.

Un outro colectivo dentro da Mesa é Familias polo Galego (máis coñecido até o de agora como Nais e Pais polo Ensino en Galego), que reforzará a súa actividade perante os moitos problemas que hai tanto para escolarizar os rapaces e as rapazas na lingua propia do país como á hora de conseguir libros, música ou xoguetes en galego para o tempo de lecer.

A Mesa, cos seus 3.500 membros, é a maior asociación cultural galega en número de afiliadas e afiliados, cun crecemento positivo constante que ten como media unhas 200 novas altas cada ano. A súa lóxica aspiración é ter aínda moitos máis membros, para ter máis capacidade de actuación e maior incidencia. Para iso, vén de pór en andamento unha campaña a través de blogs e páxinas web so o lema “Fas máis falta que nunca!”

A superación da época das listaxes negras no Goberno galego durante esta pasada lexislatura abriu as portas a que as propostas presentadas pola Mesa non fosen descartadas polo feito de as presentar A Mesa. Así, existiu unha liña frutífera de maior colaboración coa Administración, grazas á cal están hoxe moitos proxectos na rúa, que polo ben que significan para a nosa sociedade deberían manterse e afortalarse, sen sectarismos.

A Liña do Galego é un dos proxectos estrela da Mesa. Trátase dun servizo público que, ademais de dar resposta ás queixas, consultas e parabéns sobre dereitos lingüísticos, permite ter unha radiografía anual sobre a situación do noso idioma. Coa Liña do Galego, dáse mellor cobertura e amparo aos casos de discriminación lingüística e vixíase mellor o cumprimento da cativa lexislación existente que protexe o galego. A campaña de criminalización e demonización que padeceu A Mesa por este servizo amosa o acertado e o necesario da súa existencia, porque o que desexarían moitos grupos de poder é que nada se movese na defensa dos nosos dereitos lingüísticos.

O Voluntariado de Activación Lingüística, que foi recoñecido como programa modélico por parte da Unión Europea, segue o seu camiño tamén transformando no inmediato, rompendo as barreiras psicolóxicas de moitas persoas que, por diferentes motivos, aínda non deran o salto a falar en galego. Máis de mil persoas participaron directamente deste proxecto.

No relativo ao ensino, do mesmo xeito que A Mesa tamén fixo parte da reivindicación do novo decreto que plasmaba o aprobado no Parlamento por PP, PSOE e BNG, tamén activou a demanda da súa aplicación, a pesar dos ouvidos xordos do Goberno, que favoreceu cos seus complexos os ataques e as manipulacións sobre a situación real da nosa lingua no proceso de ensino-aprendizaxe.

A Mesa estivo tamén implicada no manifesto unitario presentado por parte das principais entidades que representan a comunidade educativa galega, que amosa o apoio unánime á norma que o PP quere agora derrogar unilateralmente. Nese manifesto están os sindicatos que representan o 90% do profesorado, a federación dos 125 centros católicos, a confederación de APAs públicas, os movementos de renovación pedagóxica, as organizacións estudantís con actuación en Galiza etc. Coas limitacións que se quixeren, foi o movemento unitario en defensa da galeguización do ensino máis forte en toda a etapa democrática. Non sería nada bo que o PP, desde a Xunta, se mantivese nas súas mentiras falando de “imposición”. “Imposición” sería tomar medidas sen escoitar á comunidade educativa, como até o momento propón o futuro presidente.

Tamén no ámbito educativo está o exitoso Correlingua, no cal, ademais da Mesa, teñen un papel fulcral a AS-PG e a CIG-Ensino. Esta carreira lúdica e reivindicativa deu un enorme salto en calidade en participación, chegando a uns 40.000 rapaces e rapazas.

A Mesa ten convocado, xa ao pouco de se constituír, mobilizacións masivas en defensa da nosa lingua, como a referencial manifestación de 1987 que lembraba que “Aprender en galego non é un delito”. Nos últimos anos, conseguiu outros importantes fitos mobilizadores. Por exemplo, a folga estudantil de 2006, na cal, segundo datos oficiais da propia Xunta, participaron máis de 60.000 alumnas e alumnos. Ademais, foron tamén manifestacións históricas as realizadas no Día das Letras de 2006 (por un novo marco xurídico para o galego nun posíbel novo Estatuto) e en 2008. Esta última foi a que congregou un maior número de persoas en defensa da nosa lingua en toda a etapa democrática, conseguindo ademais a adhesión de máis de quiñentas organizacións, centros de ensino e institucións de diverso tipo. A mobilización do vindeiro 17 de maio deste ano 2009 ten que superala!

Esta resposta histórica do pobo galego contextualízase tamén nunha vaga de manipulacións e feroces ataques desde grupos de poder mediático e económico. A Mesa, como ferramenta en defensa da nosa lingua, padeceu nos últimos meses unha campaña de criminalización e acoso como nunca vira desde a súa constitución. Estas intoxicacións e insultos foron preámbulo a outras inmundicias que se produciron na campaña electoral, tamén relacionadas coa lingua de noso.

No novo contexto político, a demonización vaise acentuar. Temos que sabelo: van vir con máis forza para tentaren destruír as ferramentas de que se dotou a sociedade galega para defender o seu idioma. Non poden tolerar que haxa unha organización cidadá que protexa os nosos dereitos lingüísticos, alguén que sinale co dedo cando o rei vai nu.

O inimigo é forte. Teñen os medios de comunicación máis influentes, o diñeiro e as principais institucións. Porén, o seu é un discurso atravesado polo cinismo e pola inxustiza. A Mesa está aquí para sementar verdades, convivencia, razón e xustiza. Non calarán a súa voz!

29 de mar. de 2009

De noso

Onte cargamos as baterías na Asemblea Xeral da Mesa para acometermos todo o traballo que temos por diante de cara ao noso reto inmediato, que é a manifestación do 17 de maio. Grazas a todas as compañeiras e compañeiros que estivestes onte e que participastes tamén no proceso previo nas vosas comarcas.

Para todas e todos vós, esta linda canción de Mercedes Peón, "De seu":



Adiante!

28 de mar. de 2009

Hoxe, Asemblea Xeral da Mesa

Saio agora mesmo para a Asemblea Xeral da Mesa, que realizamos no Auditorio de Galiza, en Santiago, e que nos terá aló todo o día avaliando o xa feito e concordando sobre o que temos por facer. Ademais, ás sete e media do serán teremos un acto de clausura aberto tamén a persoas que non estean afiliadas á asociación.

Con motivo desta Asemblea Xeral, en Vieiros publicaron esta entrevista.

Vémonos no Auditorio de Galiza?

26 de mar. de 2009

Temos que conseguir transformar isto


No perfil da CTNL no Facebook, no blog de Alema e, moi especialmente e sobre todo, no blog de Fermín Bouza producíronse unha serie de interesantes debates a respecto da saída do último volume do Mapa Sociolingüístico de Galiza, coa intervención de varios especialistas e xente interesada.

Non é esta a mellor semana para poder eu responder con certo vagar, mais aquí van algunhas ideas que coido que son importantes para o debate e que non debo demorar por máis tempo. Moitas persoas poden considerar que esta discusión é algo bizantina e penso que con razón: mentres a nosa cultura está asediada (as porcentaxes pódense discutir; as tendencias, non), preguntámonos sobre o sexo dos anxos.

A este respecto, concordo ao 100% co dito no blog de Fermín Bouza por Gabriel Rei Doval: “Os tempos non están para perderse en estériles campañas para dar caña ós que non están nas antípodas políticas. Espero que non sexa demasiado pedir. A promoción do galego debe ter algo máis de nivel, sobre todo coa que está caendo, e que o post-1 de marzo só vai acentuar. O que pense que a obra vai mal, que traballe. Deixémonos de canibalismos estériles. Hai sitio para todos.”

Velaquí algunhas cousas que quero aclarar:

1. A Mesa presentou un estudo oficial, da Real Academia Galega e do Goberno galego, non o elaborou.

Vexo que hai por parte dalgúns sectores moita insistencia en tentar matar o mensaxeiro (A Mesa) por presentar perante a opinión pública datos dun estudo financiado anualmente polo Goberno galego e elaborado pola Real Academia Galega. Cando hai discrepancias no campo académico é bastante habitual a triangulización das críticas, centrándoas no flanco que se observa máis feble e/ou máis heterodoxo (menos académico), como neste caso é A Mesa.

Henrique Monteagudo di no blog de Fermín Bouza que “a MNL utilizou a comparación de datos entre dous traballos que non son en absoluto comparables” e “nas conclusións da Mesa deslizáronse erros grosísimos como, só por poñer un exemplo, a comparanza dos datos sobre lingua inicial”. Sostén o profesor universitario e secretario do Consello da Cultura Galega que “non fai falta ser sabio para decatarse de que isto é totalmente inaceptable” e demanda “un mínimo de rigor”.

Eu desde aquí querería facerlle extensíbel esta petición de rigor ao propio Monteagudo, con todo o respecto (que el sabe que lle teño), mais tamén con toda a contundencia. Pídolle tamén que aclare se hai unha soa comparación, unha soa, que non se extraia literalmente, cifra a cifra e palabra a palabra, do estudo da Real Academia Galega e do Goberno galego. El di que “cita a nota da Mesa”, mais eu propóñolle que vaia á fonte limpa, aos estudos realizados e publicados. Por exemplo, á páxina 34 do volume I do MSG-2004 ou ás páxinas 40-42 do volume II. E que deixe de disparar ao pianista. Se ten problemas de criterio co secretario da Real Academia Galega e director deste estudo, que os formule directamente e non use á Mesa como sparring.

Tamén me sorprende que formule estas críticas publicamente contra A Mesa como secretario do Consello da Cultura Galega (véxase a súa entrevista en tal calidade no número de Santiago Siete correspondente ao pasado 20 de marzo, páxina 4, consultábel aquí en PDF). Aí di que desde A Mesa “sacan conclusións que rozan o disparate, cun discurso demasiado catastrofista”, mentres liñas arriba sinala con benevolencia que as políticas de Núñez Feijóo sobre a lingua lle dan unha “marxe de confianza”. Hai que lembrar que días antes o futuro presidente da Xunta estivera na sede do Consello (recibido disque como “presidente electo”!) declarando que, desde o Goberno, o PP vai garantir unha situación de “liberdade lingüística nas escolas e nas rúas”, que seica agora mesmo en Galiza non hai, como se estivésemos nunha situación totalitaria. O Consello da Cultura Galega non matizou nada, o secretario tampouco indica nada agora, mais, claro, contra o suposto catastrofismo e pretensos disparates da Mesa si que é necesario posicionarse.

Eu ben sei que Henrique Monteagudo é un acérrimo defensor da nosa lingua e máis dunha vez teño botado man de estudos ou análises súas. No entanto, cáusame mágoa ver estes posicionamentos perante os novos poderes. A mesma mágoa que me produce contemplar con que facilidade se arrea sen meditar aos febles mentres se cala a boca perante as gravísimas ameazas de desmantelar aspectos básicos da oficialidade da nosa lingua, como derrogar o artigo 10 da Lei de normalización lingüística, o modelo das Galescolas e o decreto que regula un mínimo do 50% do ensino en galego. Se o Consello da Cultura considera que esas promesas reiteradas cada día dan para unha “marxe de confianza” e non ten ningunha opinión ao respecto (igual que non a ten para os problemas “metodolóxicos” de quen fala da imposición do galego), sinceramente, non sei para que existe tal institución.

A min gustaríame que A Mesa non tivese que facer esta presentación do último volume do MSG. Primeiro, porque esta situación é desacougante e alarmante e, segundo, porque ese relatorio debería ser presentado de forma oficial por quen o elaborou e financiou, para a partir de aí tomar medidas. Medidas. Esa é a palabra chave. Do contrario, é como facerlle analíticas a un doente, observar a súas constantes vitais e, ao detectar e circunscribir os síntomas da doenza, cruzarse de brazos. (Ben, na realidade o que anuncia o novo Goberno do PP nin tan sequera son coidados paliativos...)

Xa en anteriores ocasións A Mesa se viu na obriga de facer algo semellante. Non tivo que presentar esta asociación o estudo sobre o topónimo A Coruña que elaborara o Consello da Cultura Galega hai anos e que non difundiran publicamente para non molestar ao daquela alcalde desa cidade que se negaba a utilizar o nome oficial? Canto tempo estiveron pendurados do web do Instituto Galego de Estatística os datos lingüísticos do Censo de poboación e vivendas de 2001 até que A Mesa tivo que facer a presentación pública dos mesmos e confrontalos cos de 1991? Por que tivo que ser esta asociación e non ningunha entidade oficial a que presentase e dese a coñecer os informes emitidos polo Consello de Europa sobre a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias? Alguén lembra o que acontecera co anterior volume do MSG? A que se dedican mentres tanto a constelación de organismos oficiais que tamén teñen a lingua no seu frontispicio e que posúen recursos económicos e persoais moi superiores aos que ten esta asociación?

2. É falso que haxa unha comparación entre grupos de idade diferentes no volume que se acaba de presentar.

O volume II do MSG é tan descoñecido que mesmo especialistas como Henrique Monteagudo, Anxo Lorenzo ou Mauro Fernández afirman que nel se estabelecen comparacións entre grupos de idade diferentes. De profesores coma eles agardaría que lesen os estudos antes de criticalos. Como observaran esa discrepancia metodolóxica no primeiro volume dos datos de 2004 (p. 34), fixérona estensíbel a este último sen antes faceren a comprobación.

Na nota 3 da páxina 40 do segundo volume indícase o seguinte: “Mantívose o mesmo ítem utilizado no MSG-92 para sondar a lingua habitual. Para evitar o nesgo de comparar mostras con distintos grupos de idade, na análise de resultados seleccionouse o mesmo tramo de idade, 16 a 54 anos. Con estas solucións búscase unha comparación fiable dos resultados dunha e doutra mostra e unha avaliación da evolución do uso habitual nos doce anos que separan as dúas mostras.” Non fai falta ser sabio para lelo. De feito, un mínimo de rigor exixe como mínimo ler un estudo antes de criticalo, máxime con tal contundencia hiperbólica.

Tamén me produce estrañeza que o profesor Monteagudo diga que non se poden comparar os volumes I e II do MSG e, despois, el faga esas comparacións cos datos do IGE- 2003, cunha metodoloxía diferente, mostras diferentes e uns cortes de idade tamén diferentes. Agora ben, cómpre observar máis unha vez que tales comparacións son sobre lingua inicial, non sobre usos, que é ao que se refire o volume que agora se acaba de presentar e todas as gráficas e porcentaxes.

Con todo isto non nego que non se poidan discutir aspectos metodolóxicos. É máis: eu son crítico con varias cuestións do estudo (tamén do 92), mais parece sobre todo un debate académico e secundario, o cal non ten nada a ver coa Mesa. Porén, malia as diferenzas de matiz, o Mapa confirma máis unha vez as mesmas tendencias que apuntan todos os traballos existentes deste tipo, e que calquera persoa sensibilizada que saia todos os días á rúa pode corroborar.

3. O positivismo precario pode dar lugar a conclusións erradas.

Coido que era un debuxo do Carrabouxo de hai uns anos que amosaba un home traxeado, formulándolle unha pregunta a outro. “¿Usted habla gallego?” A resposta viña sendo: “¿Yo? ¡Siempre!”

Din que somos catastrofistas por amosar as tendencias de caída do galego, mais a situación é claramente peor do que din os datos do MSG. De verdade un 16% da poboación de Galiza entre 16 e 54 anos usa “só o galego” e un 22,9% “máis galego”? Xa quereriamos que iso fose así e non na súa inmensa maioría con hábitos diglósicos! E que galego se usa? Un con balizas fortes ou outro cada vez máis diluído no castelán, na súa fraseoloxía, na súa sintaxe, no seu léxico...?

Nunha situación cunha consciencia lingüística feble, cun idioma desvalorizado en proceso de substitución e hibridación, paréceme incríbel que se considere como datos inamovíbeis e totalmente fiábeis os que se extraen dos estudos cuantitativos de lingua declarada. Cando se teñen realizado pesquisas cualitativas en Galiza (o máis salientábel que eu coñezo é o referencial estudo de Ana Iglesias), a través de entrevistas en profundidade ou dinámicas de grupo, evidenciouse que a situación é ben peor.

As respostas directas en estudos cuantitativos teñen a fiabilidade que teñen, tanto no estudo de 1992 como no de 2004, fágase un cruzamento histórico ou non. É ou non é certo que, por exemplo, unha persoa que mudou de lingua se pode negar a recoñecer perante a persoa que lle fai o inquérito que deixou atrás ese idioma estigmatizado e formarse unha nova historia de vida? É ou non verdade que unha persoa pode responder cousas diferentes a respecto da(s) súa(s) lingua(s) inicial ou iniciais en diferentes momentos vitais? Por que este problema metodolóxico non é tido en conta? (Sei que é diferente, mais lémbrame a algo que con certeza Fermín Bouza sabe e pode explicar moitísimo mellor ca min: en boa parte dos inquéritos para estas autonómicas o “recordo de voto” era favorábel ao PSOE, cando resulta que a formación máis votada catro anos atrás fora con diferenza o PP. E non é que os cuestionarios estivesen mal!)

4. Edulcorar os datos é unha irresponsabilidade.

Todos os estudos, coas diferentes porcentaxes que se quixeren, amosan as mesmas caídas en picado para o galego tanto como lingua inicial como nos usos. Estas gráficas sinalan que é necesaria unha política de revitalización e que, se os dereitos lingüísticos individuais e colectivos estiveren garantidos de verdade, isto non se produciría.

Non teño vocación de narcótico nin de músico do Titánic. Hai unha fenda considerábel desde o mascarón de proa, cómpre saber que está a entrar auga, polo que haberá que achicar ou procurar outras alternativas. Iso non é catastrofismo nin tremendismo. Como di o profesor Carlos Valcárcel, autor de traballos de investigación que deberían ser máis coñecidos, “sermos positivos nom significa tampouco nom mencionar o essencial dos resultados dos estudos, que som negativos”.

O que si é unha irresponsabilidade é negar o problema, seguir a táctica da avestruz e aplaudir a política de homenaxe ao galego, como as campañas millonarias, de fogos artificiais, que fixo nos últimos anos a Presidencia da Xunta. Fronte a esa propaganda, hai áreas do ensino que deben ministrarse en galego e que hoxe non teñen material pedagóxico nesta lingua, persoas acosadas no seu posto de traballo por falaren neste idioma milenario, ámbitos da Administración nos que se nega a posibilidade de utilizar o galego...

Alén disto, como dicía a usuaria “Elisa Gz” no facebook, “se do que se trata é de transmitir sensación de positividade eu non sei para que se fan estudos”.

Unha coda, de momento

Hai cousas que me fican no tinteiro e, se hai pé para máis debate, comprométome a responder ao que for a partir da semana que vén, despois da Asemblea Xeral da Mesa, que se clausura este sábado 28 de marzo ás 19.30 horas, nun acto ao cal estades convidadas todas e todos!

25 de mar. de 2009

Obrigadiño

O habitual nos fotologs (até hai nada propagándose cal epidemia e hoxe xa case vintage) ou nos perfís de tuenti son mensaxes adolescentes hiperafectivas enxalzando a amizade.

Aínda que este texto se conteña máis que os que se poden ler habitualmente por esas partes da rede, esta entrada no blog quere ir tamén nese senso.

Obrigadiño, Alicia! Mesmo na distancia, que sería de min sen ti?

Esta estupenda foto é, como non podía ser doutro xeito, do David González del Riego.

Un poema de Yolanda Castaño

Con varios destes versos pensei en facer algún día unha camisola. Ou varias.

Este poema, inxustamente, non estaba no youtube, así que a insomnia me inspirou a subilo.

Non vos parece boísimo?

23 de mar. de 2009

Outras caídas que non mide o Mapa Sociolingüístico

Aínda que haxa quen queira edulcorar, irresponsabelmente, os graves declinios para o galego que constata o Mapa Sociolingüístico de Galiza, non podemos esquecer que a situación é peor do que din as gráficas, pois este é un estudo cuantitativo de lingua declarada, o cal nun contexto diglósico e con consciencia lingüística feble pode distanciarse bastante do que é a práctica dos individuos que responden ao inquérito, aínda que sen dúbidas sinale tendencias e achegue moita información de relevo.

Haberá quen diga que son un "catastrofista", un "pesimista" e un "alarmista", mais é que eu nunca tiven vocación de narcótico.

Velaquí o meu artigo sobre o tema nesta semana en Galicia Hoxe:

Hibridización e espontaneidade
Outras caídas que non mide o Mapa Sociolingüístico


A Mesa pola Normalización Lingüística presentou a semana pasada en conferencia de imprensa o último volume do Mapa Sociolingüístico de Galiza. Tivo que responsabilizarse esta asociación porque non se preocuparan de facelo nin quen o elaborou e editou (a Real Academia Galega) nin quen financiou a súa elaboración e impresión, ademais con partidas bastante importantes de diñeiro público (o Goberno galego, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e, en lexislaturas anteriores, da Dirección Xeral de Política Lingüística).

Hai quen quere matar o mensaxeiro por presentar esta información, aducindo que son datos “alarmistas”, como se todos os estudos sobre a materia non indicasen as mesmas “alarmantes” tendencias e situacións. Agochar os resultados ou edulcoralos non pode máis que considerarse unha grave irresponsabilidade. Se non se quere que haxa estas conclusións, o que se debería facer é tomar medidas.

Segundo este recente estudo da Academia Galega, en doce anos (de 1992 ao 2004, por certo co PP gobernando na Xunta) duplicouse o número de persoas que “nunca falan en galego”: do 13% ao 25,8%. Neste mesmo período, dividiuse pola metade a cantidade de mulleres e homes que declara falar habitualmente neste idioma: do 30,5 ao 16 por cento. Sumando as persoas que din falar “só galego” e “máis galego”, prodúcese unha caída de 22,1 puntos no uso habitual desta lingua. A situación diglósica, de distribución desequilibrada do uso do castelán e do galego, mantense. Non hai correspondencia entre o número de persoas que utilizan o galego de forma espontánea e a posibilidade de vivir nesa lingua. Ademais, permanece a asociación entre ámbito rural e maior uso do galego, e ámbito urbano e maior uso do castelán.

Con certeza, sería difícil que as estatísticas fosen favorábeis para o galego: o doente non tivo os coidados precisos, así que as analíticas non poden dar máis que más noticias. Cada novo estudo sinala que o camiño que estamos a levar (emendábel, mais é por onde nos diriximos) é o da residualización do idioma propio de Galiza e a súa erradicación da espontaneidade por parte das maiorías sociais do país. Tal proceso non ten por que estar en contradición coa súa ritualización para ámbitos puramente formais.

A hibridización

Ademais do dito polo Mapa Sociolingüístico de Galiza sobre a caída na transmisión interxeracional ou no declinio nos usos, estudos cuantitativos como este non poden abordar outras das faces da substitución lingüística. Reparemos, por exemplo, en que a transmisión espontánea actual do galego é tamén, como normal xeral, a transmisión de prexuízos sobre a propia fala, moitas veces non considerada nin como lingua, senón como un chapurreado. A falta de consciencia lingüística continúa a ser predominante e é un dos problemas que debe tentar resolver un proceso de normalización.

Por exemplo, o censo de poboación de 2001 afirma que na Coruña falan galego “sempre” 38.172 persoas. Cando lemos “sempre”, sabemos que non estamos a ler “sempre”, senón que a maioría utiliza galego a través de hábitos diglósicos. De lermos ao pé da letra e entendermos que hai tal cantidade de unilingües conscientes, a situación no municipio herculino tería de ser moi outra. O mesmo podemos dicir a respecto das outras cidades galegas.

Ademais, cómpre termos presente que o cambio lingüístico en Galiza non é simplemente un cambio de código completo por outro. En determinadas disciplinas como a dialectoloxía, onde moitas e moitos continúan a estudar mapas con datos recollidos na década de 70, parécese esquecer este aspecto, como se na Galiza fose posíbel referenciarse en falantes ideais sen ter presente dúas cuestións. En primeiro lugar, a influencia do español nas escollas ou innovacións lingüísticas dentro do galego. Ademais, hai que reparar en como a difusión do español desde os centros de poder administrativo, militar, xudicial ou relixioso puido radiar innovacións lingüísticas que puideron incidir de xeito relevante na distribución de determinadas isoglosas, posto que tampouco estas innovacións se adoptan de forma uniforme e simultánea. Tampouco aquí é todo branco ou preto. A perda do galego é un continuum, que non se dá só a través da mudanza directa polo castelán, senón tamén de diferentes escollas que se aproximan a esa lingua: bueno, enero, lunes, siempre, costilleta, desayuno, a leite, etc.

Non me refiro con isto a un proceso de fixación normativa onde é fundamental o papel da escola, algo que só se puido dar no último cuarto de século. Falo máis ben de que moitos individuos que non cambian para o castelán si introducen na súa fala unha serie de “correccións” castelanizadoras, que son tamén as que transmiten aos seus posíbeis fillos ou fillas.

Se se me permitir a observación da miña experiencia persoal, que non impresión subxectiva, teño detectado casos de familiares aos que lles escoitei dicir xaneiro e ao cabo dos meses falaban xa do mes de enero, persoas que polas mañás almorzaban e, transcorridos poucos meses, xa desaiunan, etc. Nesa mesma liña, contábame un amigo que, cando el comezou a falar galego cos pais e lle pediu á nai á hora do xantar que lle pasase o coitelo, esta ficou coas lágrimas nos ollos. Había anos, ela fora servir a unha casa e reprendérana por chamarlle así a este utensilio. Desde aquela, era un cuchillo, até que o fillo lle devolveu, sen sabelo, unha palabra e un anaco de orgullo.

Esta hibridización do galego continúa a producirse, difuminando cada vez máis as balizas a respecto do español.

Peor na espontaneidade

Malia a residualización progresiva do galego nas xeracións mozas, nos últimos lustros si se produciu unha mellora nas destrezas vinculadas á escolarización, froito da introdución desta lingua no currículo académico.

Porén, os datos do últimos censo de poboación e vivendas sinalan un aspecto preocupante, do que ten advertido publicamente o Consello da Cultura Galega tamén nun completo e recente estudo. No conxunto da Galiza, entre os 15 e os 19 anos, 20.030 persoas din non saber ler en galego e 24.350 non saber escribir neste idioma, estatisticamente un de cada cinco invididuos deste tramo de idade.

Vemos, pois, como mesmo a capacitación para a lecto-escritura en galego temos que relativizala en relación ao coñecemento que si se ten da lecto-escritura en castelán. Así, no caso dun número non pequeno de rapaces e rapazas que tiveron xa no seu currículo a materia de lingua e literatura galega, temos que falar dunha capacitación insuficiente ou, como mínimo, insegura en galego, mesmo en contextos formais.

Nos informais, para o caso de individuos educados en castelán en zonas onde o proceso de ruptura na transmisión está xa moi avanzado, a situación é aínda peor, como ben reflectiu Ana Iglesias no seu libro Falar galego. No veo por qué: “Pero a competencia que se adquire a través do sistema educativo non resulta suficiente, debido a que supón unha comunicación institucionalizada, que, por conseguinte, non proporciona nin a fluidez nin a variedade de rexistros necesarios para desenvolverse en calquera contexto. (...) Ademais, o rexistro utilizado adoita situarse nun nivel medio-alto de formalidade”.

Temos futuro

Coa análise obxectivada do estado social do galego, afirmar que estamos nunha encrucillada histórica non é caer nun tópico fácil. O proceso de substitución lingüística parece entrar nun novo ciclo, mais aínda non estamos nun punto de non retorno. A residualización e hibridización poden deterse. Para iso, é necesario que haxa políticas institucionais realmente involucradas en recuperar os elos perdidos na transmisión do idioma e activármonos todas e todos na defensa dos nosos dereitos lingüísticos, tanto individuais como colectivos. Se nós non o facemos, ninguén o fará por nós.

22 de mar. de 2009

Un veranciño adiantado

É domingo e sae o sol. Toca pór "Shine" de Guille Milkyway, o outro proxecto do creador de La Casa Azul. Nestoutra vertente, a diferenza de co falso quinteto, as letras son en inglés e a euforia sempre se acompaña do optimismo:



Velaquí as letras:

Eight o´clock, time to wake up,
morning shower, a little make-up,
yellow dress and a watermelon smile
´cause summer´s finally here
and now no fears are coming to your mind,
you feel so sunny and so happy and you shine.

I bet your life´s gonna make a change,
it´s time you make a move
and rearrange your feelings,
different, you feel different
for the first time in your life.

Try to find a place
that´s right for you to fly away
and maybe you can give it a try,
take a sip of lemonade and find a hideaway
where you shine so bright.

Summer´s in the air,
you can smell the flowers everywhere,
rainy days are gone out of sight,
you can go to California,
sure the sun will warm you
and then you´ll shine.

Music plays, people hand in hand,
you never thought life could be so lovely,
fall in love and take it to the end.

Different, you feel different
for the first time in your life.

Summer´s in the air,
you can smell the flowers everywhere,
rainy days are gone out of sight,
you can go to California,
sure the sun will warm you
and then you´ll shine.

Go to California,
go to California,
go to California,
go to California ...


Summer´s in the air,
you can smell the flowers everywhere,
rainy days are gone out of sight,
you can go to California,
sure the sun will warm you
and then you´ll shine.

21 de mar. de 2009

Ánimo!

Onte, dando unha volta por Santiago, achegáronseme dous homes de trinta e pico que non coñecía de nada e soltáronme: "¡Tú eres Carlos Callón! ¡Hombre, ahora te vas a joder, que hemos ganado nosotros! ¡Ahora con el PP te vas a joder! ¡Se acabó la imposición del gallego! ¡Viva el castellano!" Como comprenderedes, non me puxen cun diálogo con semellantes energúmenos e seguín ao meu. Un bo amigo que estaba comigo neses momentos, castelán falante, quixo replicarlles algo, sorprendido.

Este desagradábel incidente recordoume a outros de hai non tanto tempo, cando o PP gobernaba con maioría absoluta non só na Xunta, senón tamén no Goberno central e nos concellos, e había militantes e simpatizantes seus que saían á rúa nas noites electorais co conciliador e repetido lema de "Si no eres del PP, jodeté, jodeté". Non lle coñezo retrouso semellante nin ao PSOE nin ao BNG.

Eu son de Ribeira. Aló, desde hai ben de anos, o PP goberna con maioría absoluta. Lembro como, non hai moito, un militante desa formación tamén realizaba cánticos e danzas o día das municipais, non tanto para festexar a súa vitoria (o cal sería comprensíbel), senón para menosprezar e ridiculizar os rivais. Esa noite cruzouse con Mariano Vidal, histórico e recordado dirixente nacionalista da comarca da Barbanza, que lle soltou unha frase, con tal dose de seriedade e dignidade que fixo que o outro parase nas súas chanzas: "Nunca choveu que non escampase".

A pesar deste tipo de actitudes e do envío cada certo tempo dalgúns anónimos insultantes a través do correo electrónico, debedes saber que o máis habitual desde o 1 de marzo é que haxa xente que nos deteña aos compañeiros da directiva da Mesa pola rúa para nos desexaren ánimo (esa é a exclamación máis reiterada, con diferenza: "Ánimo!") e ofreceren o seu ombreiro para arrimalo a colaborar, así como persoas que dan o paso para se afiliaren.

Se pensan que nos van parar, van bos! Xa pasamos tempos moi duros e, con entusiasmo, tesón e intelixencia, pasaremos tamén estes!

Ellos en Galiza!

Dentro de cinco semaniñas dará tres concertos en Galiza un dos meus grupos favoritos: Ellos, formado por Guille Mostaza e Santi Capote. A axenda váiseme complicando cada día un pouco máis de cara ao 17 de maio, porén gardo a esperanza de poder facer polo menos unha paréntese unha noite para ilos ver: for o 23 na Sala Karma de Pontevedra, o 24 na Sala Mondo de Vigo ou (o máis probábel) o 25 no Playa Club da Coruña.

Se non os coñecedes, póñovos un dos seus primeiros éxitos, que foi apropiado como un hit gai:



Vós tamén sodes fans?

19 de mar. de 2009

Enajená

O sábado pasado houbo unha festa gai en Santiago, que tiña como unha das estrelas principais á Terremoto de Alcorcón. O evento en si foi "una llauna", como dirían os amigos cataláns ("llauna" en catalán é "lata"), polo que non aturei até o final. A actuación da que foi membro das Diabéticas Aceleradas foi o único que se salvou.

Todos os materiais publicitarios e presentacións da festa foron en castelán, agás... a Terremoto de Alcorcón, que aprendeu o básico para poder saudar e despedirse en galego: "Boas noites, Santiago e arredores" e "Grazas", que repetiu en diferentes ocasións ao longo da súa actuación. "Antes era gracias y ahora es grazas, así que aprended bien los diccionarios de gallego. Grazas, Santiago e arredores!", dixo máis ou menos cando terminou as súas tres ou catro cancionciñas en playback.

Seguramente isto non tería que ser motivo de comentario, mais éo. Igual que era noticia que Lluis Llach saudase en galego nas súas actuacións no noso país ou foi portada que Bruce Springsteen nada máis pisar chan de Galiza saudase aos seus seareiros cun inagardado "Boas noites".

Grazas, Terremoto, polo teu afago! Estás menos "enajená" que moitos galegos que desexarían non selo!

Gozade desta súa engrazada versión de Dover, que saltamos e saltamos na festa o Josué e mais eu:



A pesar do seu papel, a Terremoto de Alcorcón fala varios idiomas, entre eles o catalán, no cal tamén canta o seguinte himno:



Para a seguinte, agardamos a versión en galego! ;)

18 de mar. de 2009

A dó pola morte do pai

A seguir, presento a miña tradución para o galego da primeira parte do resumo dun artigo póstumo de Jamil Abuchaem, psicanalista e profesor. Na segunda parte fala máis en xeral sobre o proceso de dó, ademais de dar un par de pinceladas hoxe máis desfasadas. O conxunto deste texto é unha síntese e unha adaptación de Alberto Alvarado Cedeño, que localicei nestes dous blogs.

Decidín traducilo e traelo aquí despois de ler esta entrada do compañeiro Marcelino Fernández Mallo, mais entre unhas cousas e outra funo deixando aparcado. Penso que hoxe, véspera do Día do Pai e de todo o sofoco afectivo e comercial que o acompaña, é unha boa xornada para incluílo.

Neste ano, ademais do bombardeo publicitario habitual da xornada, tamén recibín unha desafortunada sms como a que criticaba con razón Perfecto Conde no seu web. No meu caso, non foi Movistar, senón a FNAC. Paréceme unha enorme e insensíbel torpeza enviar mensaxes deste tipo de xeito indiscriminado, por moi supostamente individualizadas que estean (a sms comezaba chamándome polo meu nome, como se fose algo moi persoal). A verdade, eu non me vexo levando para o nicho de meu pai nin un libro nin un aparello informático. No que di respecto á FNAC, fago miñas as palabras de Conde: “Hai publicitarios que poden ser perfectamente estúpidos”.

Velaquí o texto de Jamil Abuchaem:

A dó pola morte do pai

“Primeiro, choraranme;
logo, pensaranme.
Despois, esqueceranme.”

(de Nemer Ibn Barud: Monosílabos)


O tema sobre a dó pola morte do pai interesoume desde hai moito tempo. Penso que un dos motivos máis importantes está relacionado coa perda do meu pai en idade avanzada, cando el só completara os seus setenta e un anos.

Aínda cando xa sobrepasara o tempo medio de vida, mobilizáronse en min “todos os meus sentimentos máis temperáns”, como lle comunicou Sigmund Freud a Wilhelm Fliess, o seu amigo, respondendo á súa carta enviada na ocasión da morte do pai de Freud.

Nesa misiva, do 2 de novembro de 1986 –o pai de Freud falecera o 23 de outubro deste mesmo ano– escribe:

Cústame moito escribir xustamente agora que deixei pasar tanto tempo, para che agradecer as conmovedoras palabras da túa carta. Por un deses carreiros escuros que pasan por detrás da consciencia formal, a morte de meu pai afectoume profundamente. Eu estimábao moitísimo e comprendíao perfectamente e con esa mestura de profunda sabedoría e romántica alegría, tan peculiar nel, significou moito para min. Sen dúbida ningunha a súa vida en si xa finalizara había tempo, mais a súa morte real fixo revivir en min todos os meus sentimentos máis temperáns. Agora síntome completamente desamparado.

Esta carta traduciuse de diferentes xeitos que non coinciden na súa totalidade. Así, Ludovico Rosenthal redixiuna co seguinte texto:

Polo de agora resúltame tan difícil escribirche, que até dilatei varias veces o momento de che agradecer de todo corazón as conmovedoras palabras que me dirixiches na túa carta. A través dalgunha desas rutas que corren tras a consciencia oficial, a morte do vello afectoume profundamente. Eu estimábao moito e comprendíao perfectamente; influíu a miúdo na miña vida, con esa peculiar mestura súa de profunda sabedoría e fantástica lixeireza de ánimo. Cando morreu, había moito que a súa vida concluíra, porén antes da súa morte todo o pasado volveu acordar na miña intimidade. Agora teño a sensación de estar totalmente desarraigado.

O que é rechamante é o uso das palabras “desarraigado” e “desamparado”.

A palabra desamparado implica os seguintes sinónimos: só, indefenso, abandonado, orfo desvalido, desabrigado, descoidado, perdido, extraviado, inerme etc.

Non importa moito examinar con detemento ou maior profundidade a preferencia dos tradutores por unha ou outra palabra. O que desexo é facer fincapé no sentimento que Freud expresa pola morte de seu pai: sentíase fondamente comprometido e non só co seu presente senón, e fundamentalmente, co seu pasado. O que chama a atención é a vivencia de orfandade que tanto unha como a outra das palabras utilizadas na tradución transmiten.

Cando lemos unha das cartas que Freud escribe a Sandor Ferenczi o 16 de setembro de 1930, agradecendo as súas condolencias pola morte de súa nai, o clima afectivo é ben outro.

Escribe Freud:

Caro amigo: Ante todo, o meu agradecemento máis expresivo polas belas palabras que dedicas á morte de miña nai, a cal me afectou nun xeito peculiar. Non sinto dor, nin mágoa, o que probabelmente pode explicarse polas circunstancias especiais que concorren no caso, como, por exemplo, a súa avanzada idade, a mágoa que me inspiraba na súa postración final e ao mesmo tempo un sentimento de veneración que me parece tamén comprender. Non me sentía libre para morrer mentres ela vivise, e agora si. Seguramente os valores que atribúo no meu interior á existencia experimentarían unha transposición considerábel nos estratos máis profundos. Non asistín ao funeral, no cal me representou tamén Anna...

Que distante é a actitude afectiva de Freud perante os dous acontecementos máis importantes na vida dun ser humano!

O papel de pai

Examinemos o problema dunha perspectiva máis xeral. O primeiro que chama a atención é que a dó pola morte do pai foi, na literatura psicanalítica, homologado co da morte da nai. Isto é tan así que cando se estuda o fenómeno da dó ningún autor fai a diferenciación da estrutura, dinámica e consecuencias entre un e outro tipo.

Hai algunhas poucas referencias dos efectos daniños que a desaparición do pai ou da nai poden chegar a provocar no individuo se este é un home ou unha muller.

Habitualmente fíxose fincapé na dó pola morte da nai e nalgunhas escolas psicanalíticas (como a kleiniana), as consecuencias desta dó poden referirse non só á totalidade da nai como persoa senón a aspectos parciais desta. É sumamente frecuente que se fale da dó polo peito da nai durante o período de desmama, da dó do ventre materno durante e despois do parto, etc.

O papel do pai non mereceu unha atención especial e para algúns analistas o que marca as características fundamentais dunha personalidade adulta son as dós que sufriu pola perda da figura materna ou aspectos parciais desta.

No meu traballo clínico como psicanalista, hai máis de trinta e cinco anos, observei un fenómeno que cando o vin por vez primeira me causou suma estrañeza.

Este feito clínico consiste en encontrar –reiteradamente– que a morte do pai, acontecida en calquera idade, porén principalmente nas etapas máis temperás do desenvolvemento e na adolescencia, reviste particularidades inconfundíbeis e cuxa repercusión na vida do doente, tanto para o home como para a muller, son abraiantemente idénticas ou moi semellantes na súa dinámica.

Este feito clínico chamoume a atención porque o agardábel era que a filla sufrise consecuencias diferentes daquelas referidas ao varón. De acordo coa miña experiencia clínica, os acontecementos psicolóxicos, tanto no home como na muller, obedecen a unha mesma dinámica anímica.

Síntome con dereito, a raíz da observación dos meus psicanalizados, a soster que a morte do pai –manifesta ou latentemente– constitúe o acontecemento máis fundamental que pode acontecer na vida dunha persoa, for esta do sexo masculino ou do feminino.

Se tornamos a examinar a carta de Freud a Fliess, do 2 de novembro de 1896, achámonos cunha estremecedora confesión para un home que na oportunidade tiña só 40 anos: “...mais a súa morte real fixo revivir en min todos os meus sentimentos máis temperáns. Agora síntome completamente desamparado (ou desarraigado).”

A xenialidade de Freud permitiulle recortar o que eu considero o aspecto máis esencial da dó pola morte do pai: o desamparo ou o desarraigo. Este desamparo atinxe tanto á muller como ao home e maniféstase con igual intensidade en calquera dos dous.

Unha boa resposta

A min de neno non se me daban ben as matemáticas, pero o meu pai non recolleu sinaturas para prohibilas, axudoume a aprobalas. Claro que o meu pai non me usaba como vehículo das súas fobias, quería que aprendese todo o que me fose útil na vida. Por exemplo, a Núñez Feijóo foille moi útil o galego. Ensinar non é impoñer, e cantas máis cousas nos aprenda gratis o Estado, mellor.
(Miguel Anxo Murado)

17 de mar. de 2009

Duplicouse o número de persoas que nunca falan en galego


Achego, polo seu interese, os datos ofrecidos hoxe en conferencia de imprensa pola Mesa pola Normalización Lingüística en relación ao estudo máis recente sobre a situación do galego:

DATOS DO ÚLTIMO MAPA SOCIOLINGÜÍSTICO DE GALIZA (MSG)

  • * Elaborado pola Real Academia Galega (RAG) e financiado pola Presidencia da Xunta.

  • * É o estudo sociolingüístico máis completo feito a unha lingua romance, pola cantidade de persoas enquisadas. Radiografía minuciosa da situación e evolución do galego.

  • * A primeira cala do estudo fíxose no ano 1992, a segunda no ano 2004. Son os datos que se presentan agora.

  • * O MSG edítase en tres volumes:

  • -Lingua inicial e competencia lingüística (editáronse tanto os dos anos 1992 como 2004).
    -Usos lingüísticos (preséntase agora o de 2004).
    -Actitudes lingüísticas (só están publicados os datos de 1992).

  • * Confrontando os datos de lingua inicial en Galiza, o galego pasou de ser o primeiro idioma dun 60,3% dos galegos en 1992 a ocupar a posición minoritaria, do 20,6%, no ano 2004. Unha caída de 40 puntos en 12 anos!

  • * No referido a lingua de uso, que son os novos datos que hoxe presentamos, a situación é a seguinte:
    -En doce anos, duplicouse o número de persoas que “nunca falan en galego”, do 13% ao 25,8%.
    -En doce anos, dividiuse á metade o número de persoas que din falar habitualmente en galego: do 30,5% ao 16%.
    -Sumando as persoas que din falar “só galego” e “máis galego”, prodúcese unha caída de 22,1 puntos no uso habitual desta lingua.


  • * Amósase unha tendencia en xeral a que a xente que se auto-define como “bilingüe” a utilizar máis o castelán que o galego: “o paso dun uso bilingüe ao outro é máis frecuente nos que adquiriron máis galego (18,7%)” (p. 44) e a “menor tendencia ao bilingüismo” dáse nos castelanfalantes iniciais (p. 45). Estes datos constatan, máis unha vez, como a presenza abrumadora do español na vida social fai que haxa persoas que poidan vivir alleas á lingua propia de Galiza, algo que non acontece á inversa, xa que non está garantido o dereito a poder vivir en galego.

  • * Aínda que se constata que “a mellor competencia para falar o galego, maior tendencia a usalo”, tamén se observa que “case a metade (48,2%) de quen se considera moi capaz en galego está instalado no castelán, ben como monolingüe (14,6%) ben maioritariamente neste idioma (33,6%)”. Isto amosa que, aínda que é necesario manter unha aposta pola formación lingüística, tamén é fundamental crear espazos de uso que permitan darlle vitalidade á lingua.

  • * A situación diglósica, de distribución desequilibrada do uso do castelán e do galego, mantense:
    -Non hai correspondencia entre o número de persoas que utilizan o galego de forma espontánea e a posibilidade de vivir nesa lingua.


    Situación nas cidades:

  • *Mantense a asociación entre ámbito rural e maior uso do galego, e ámbito urbano e maior uso do castelán:
    -A maior presenza monolingüe en galego é nos espazos de menos de 5.000 habitantes (40,5%), mentres que do castelán nas cidades (35,6%).
    -Porén, tamén nestes doce anos se produciu unha forte caída no rural, que pasa do 55,3% ao 40,5%.
    -O “monolingüismo en castelán” avanza tamén nas cidades: pasan de non falar nunca en galego o 27,1% ao 35,8%.
    -Hai unha notoria perda do denominado “bilingüismo de maioría galego” nos hábitat intermedios e unha considerábel suba do maioritario en español.


  • * As cidades con maior uso do castelán (“só e máis castelán”) son Ferrol (85%), Vigo e A Coruña (81,9% en ambas). Cómpre, ademais, salientar a presenza do monolingüismo en castelán en Ferrol (57,5%) e Vigo (45,5%).

  • * O monolingüismo en galego é a opción con menor presenza nas cidades. Os valores máis altos corresponden a Lugo (13,4%) e a Santiago (13,2%) e os máis baixos a Vigo (4,3%) e á Coruña (3,4%). Sumando as opcións “só galego” e “máis galego”, obsérvase que o maior uso deste idioma corresponde a Santiago (41,9%) e a Lugo (40,5%).


    Uso do galego e sistema educativo

  • * Prodúcese unha forte relación inversa entre o uso do galego e o maior nivel educativo, mostra do proceso castelanizador da escola. Non só se detecta iso nas xeracións escolarizadas antes da aprobación do Estatuto de Autonomía.

  • * Cando se observan só os datos de rapaces e rapazas menores de 18 anos que residiron sempre en Galiza, as conclusión do MSG (pp. 64-65) son as seguintes:

    -O resultado máis rechamante deste cruzamento [“lingua habitual segundo as linguas das clases en primaria (menores de 18 anos que residiron sempre en Galiza)”] é que en todas as categorías aparecen casos de ‘todo en castelán’, cando esta opción non debera ter presenza no tramo de idade sondado [polo decreto 247/95]. De feito, neste grupo a opción ‘todo en castelán’ supón o 10,7%.

    -Á parte desta circunstancia, a relación entre as dúas variábeis amosa un desequilibrio a prol do castelán nos usuarios habituais desta lingua. A presenza do galego no ensino no grupo de monolingües en castelán limítase ao 14,3%, fronte ao 85,7% do castelán, 71,5 puntos por debaixo. No grupo de máis castelán, as diferenzas no uso docente entre os dous idiomas, aínda que menores, acadan 63,1 puntos a favor do español.

    Reflexións

  • * A RAG dispón destes datos finalizados desde hai meses, e non podemos máis que lamentar que non os presentase publicamente e que só comezase a distribuír este traballo polas librarías despois das eleccións autonómicas, xa que as conclusións que se extraen sobre o anterior mandato do PP (o estudo é de 2004) é contudente e desmonta, máis unha vez, a demagoxia e a falacia deste partido sobre o galego no ensino. Confiamos en que esta institución, no entando, abandeire a defensa da nosa lingua nos tempos duros que se aveciñan.

  • * Nesta situación tan precaria, tomar medidas contra o galego pode ser letal. Reclamámoslle ao próximo presidente da Xunta que “goberne para todos” e non atacando o galego: “El di que vai gobernar para todos, mais a primeira medida que anuncia é que vai derrogar o decreto do 50% en galego”. Se di que ama o galego, que o demostre con feitos, non prometendo desamparar esta lingua.

  • * Amósase, máis unha vez, que en Galiza non hai liberdade para poder vivir en galego, mais si en castelán, e que os poderes públicos deben adoptar medidas para garantir que se poida vivir na lingua propia e cooficial de Galiza.

  • * A situación da lingua é de emerxencia. Necesítanse medidas en favor do galego por parte de todos os poderes públicos. En primeiro lugar, do Goberno galego, mais tamén do Goberno do Estado e das administracións locais.

  • * O galego é a lingua do Estado máis desamparada, porén pode revitalizarse se se toman as medidas para iso. Por iso A Mesa fai este “chamamento de urxencia” aos poderes públicos e “chama á reflexión de todas as galegas e de todos os galegos, pois de todas e todos nós depende que o galego siga vivo”.

  • * A Mesa terá moi presentes estes datos tanto na realización da súa Asemblea Xeral o vindeiro 28 de marzo (cun acto de clausura ás 19.30 h no Auditorio de Galiza) como na manifestación convocada para o vindeiro 17 de maio.
  • 16 de mar. de 2009

    Da demagoxia ao disparate

    O meu artigo desta semana en Galicia Hoxe aborda os amorosos proxectos do PP para a nosa lingua no sistema educativo:

    Da demagoxia ao disparate
    O amor de Alberto Núñez Feijóo ao galego no ensino


    Nos louvores ao presidente da sucursal do PP en Galiza e próximo presidente da Xunta enxálzase sempre a súa capacidade para a oratoria, aínda que os críticos lembren tamén aquel consello en forma de reprimenda que no seu día lle dera a súa correlixionaria Loyola de Palacio: “cando falas, pareces un pouco chulo”.

    Poden ser plausíbeis os continentes dos seus discursos, mais os contidos non agoiran nada bo para esta lexislatura que aínda non comezou, aínda que o pareza polas constantes recepcións institucionais ao presidente in pectore, que non presidente electo. A demagoxia e o cinismo constitúense como os eixos centrais de Alberto Núñez Feijóo. As súas diarias declaracións sobre o galego no sistema educativo son boas mostras.

    Ao mesmo tempo que se manifesta como un amante da lingua e disque o seu primeiro defensor, anuncia que a primeira medida do seu goberno será derrogar o decreto que regula que ao menos a metade das materias do ensino non universitario deben ministrarse na lingua propia de Galiza. Mentres, o cabeza de lista do seu partido pola circunscrición da Coruña amosa a súa intención de derrogar a Lei de normalización lingüística, cuxo artigo 10 (o único taxativo desta norma) sinala que os nomes de lugar galegos terán como forma oficial a galega, e que é un aspecto básico do recoñecemento da lingua propia e natural de Galiza.

    Amores que matan

    Non debería sorprendernos a posibilidade de que a persoa que asuma as responsabilidades de cultura e educación –ou o que aglutine a tal probábel nova macroconsellaría– no novo goberno sexa alguén de rostro “amábel”, lonxe das fobias dun Carlos Negreira ou do histrionismo dun López Chaves. Alguén que manifeste día si e día tamén perante os micrófonos o seu intenso amor pola cultura galega mentres vai desfacendo os adiantos conseguidos para a nosa lingua, non só nesta última lexislatura do bipartito, senón mesmo ao longo de toda a etapa autonómica.

    Temos que ser conscientes da situación histórica en que nos encontramos, neste “plan de extinción do galego”, que con exactitude definiu Manuel Rivas. O PP, con certeza, quere ensaiar en Galiza un proceso de desmantelamento da cooficialidade dunha lingua, que xa tentou en maior ou menor grao con anterioridade en Nafarroa e nas Illes Balears, lugares onde ao final tivo que recuar. De nós, da nosa capacidade de mobilización, por exemplo o 17 de maio, dependerá que tamén en Galiza poidamos detelo. Se non nos activamos e volvemos pensar, como moitas e moitos ao comezo da campaña electoral, que todo está feito ou que todas estas afirmacións non pasan de globos sonda, mal andaremos.

    Que pasará co galego no ensino?

    A promesa de eliminar as medidas de promoción do galego en todo o ensino non universitario, tanto a través das Galescolas como do decreto 124/07, son repetidas a diario polos dirixentes do PP, especialmente por Núñez Feijóo. Tanto lles ten que a comunidade educativa respalde estas medidas e que a “imposición del gallego” sexa só unha ladaíña inventada por eles e os seus grupos de comunicación. Lembrémolo máis unha vez, porque é importantísimo: este decreto foi respaldado polo Consello Escolar de Galiza, polos sindicatos que representan o 90% do profesorado, por todas as organizacións estudantís actuantes no noso país, por todos os movementos de renovación pedagóxica, pola federación dos 125 centros católicos concertados e pola federación pública de asociacións de nais e pais. Vai ser capaz o PP de presentar un decreto cun maior respaldo que o que conseguiu o que agora está en vigor?

    As palabras de Núñez Feijóo ao respecto do galego no ensino son, ademais de demagóxicas, tamén moi confusas. Xa na campaña electoral realizaba promesas que se contradicían entre si para tentar achegarse a diferentes sectores, contentando os grupos máis ultras que están contra o galego, non tanto pola implantación social destes colectivos (moi minoritaria), senón pola forza dos poderes fácticos, mediáticos e económicos, que os sustentan, que si é decisiva e aplastante. Porén, ao mesmo tempo, Núñez Feijóo tentaba tamén distanciarse esteticamente dalgunhas destas posturas ultramontanas, para non perder outras bolsas de votantes.

    Un encaixe complexo...

    Tras o veredicto das urnas, o líder do PP galego continúa co mesmo discurso confuso, sen se asesorar por ninguén, senón repetindo as mesmas ideas demagóxicas. Afirma que as nais e os pais poderán escoller a lingua en que se educan os seus fillos ou as súas fillas, mais punto e seguido tamén sostén que non separará por aulas tal e como exixía a desmemoriada Galicia Bilingüe.

    Ben, entón como vai facer para cumprir a súa promesa? Se unha familia pide que a súa filla estude en castelán e outra familia que o seu fillo estude en galego, aínda que só sexa a materia de matemáticas, como vai garantilo sen separalos en aulas diferentes? Ou é que vai contratar dous profesores para cada aula e un explicará nunha lingua e outro noutra? Talvez está a pensar en separar as salas dos centros con biombos?

    Aínda que os pais escollan unha lingua ou outra, el di tamén que o alumnado será “libre” de utilizar a lingua que quixer nos traballos de aula ou nos exames. Entón, se un rapaz ou unha rapaza pode non ter que practicar unha lingua, como vai aprendela? Só se lle apetece? Entón por que o castelán e o galego son cooficiais? Se na familia queren que aprenda unha lingua e a alumna ou o alumno se nega, que escolla prevalecerá? Estenderase tamén a outros coñecementos a posibilidade do estudante de non ter que demostrar que adquiriu as correspondentes competencias?

    Para máis inri, Núñez Feijóo afirma tamén que o profesorado poderá dar as aulas na lingua que quixer. “Sen imposicións”, claro. Garantindo a “liberdade lingüística”, como non! Mais se o docente pode usar un idioma ou outro indistintamente dentro da aula, para que se pregunta nada ás familias? Non vai iso contra a “liberdade” do profesor ou da profesora? Que “liberdade” prevalecerá? Como se vai garantir entón o suposto “dereito” que se quere estabelecer para que os pais e as nais escollan a lingua en educación infantil ou de determinadas materias? E o do alumnado tamén de escoller lingua? E como collerá todo isto nunha soa aula, sen triplicar o sistema educativo? Ou é que se triplicarán os biombos?

    Aínda máis. Até que punto se garantirá a “liberdade lingüística”? Haberá que realizar unha escolla vinculante a comezos de curso ou poderá mudar? Se unha estudante fala e escribe en castelán en setembro e a partir de marzo quere mudar para o galego, poderá facelo? E a familia? E o profesor ou a profesora?

    Todo o que dixen aquí pode parecer absurdo, mais que non se achaque á miña exposición, senón á disparatada lóxica da demagoxia do futuro presidente da Xunta sobre a materia.

    Escribindo aos dous anos

    Se a comunidade educativa estaba xa abondo preocupada co descoñecemento absoluto que ten o futuro presidente da Xunta sobre a realidade do día a día das aulas, este aínda ousou repetir en varias ocasións que os rapaciños e as rapaciñas das Galescolas non aprenderán a ler e escribir en galego.

    Deixando á parte esa afirmación categórica a respecto do idioma, haberá que lembrarlle que nas Galescolas están neniños e neniñas de menos de 3 anos, entre os cales non son habituais moitas destrezas na lectura nin na escrita, que se introducen a idades máis avanzadas. Antes, cóntanselle contos, fanse xogos, cántanse cancións, esas cousas tan tóxicas...

    Non lle viría mal ao futuro presidente galego coñecer un pouco mellor o sistema educativo antes de botar a lingua a pacer en temas tan importantes para a formación das futuras xeracións e que, se se tratan sen o necesario diálogo e consenso, poden crear unha gravísima fractura social.

    14 de mar. de 2009

    Pídechas o corpo

    A canción "Pídechas o corpo", de Ana Kiro, a través do vídeo de Beyonce para "Single ladies":



    Tamén hai estoutra versión con "Chuliboy" do sempre idolatrado Projecto Mourente:



    Supoño, claro, que a orixinal xa a coñeceredes. Na canle oficial de Beyonce en Youtube leva máis de 46 millóns de reproducións. Na rede podedes encontrar ducias e ducias de versións e parodias do máis variadiño.

    11 de mar. de 2009

    Fas máis falta que nunca!

    Precisamos unha Mesa forte. Para respondermos aos intensos ataques contra o noso idioma. Para gañarmos espazos e defendermos os nosos dereitos lingüísticos, tanto individuais como colectivos.

    Por iso, hoxe A Mesa puxo na rede unha nova campaña de afiliación, para que nas velas deste barco haxa máis vento. Os bánners desta iniciativa divulgaranse segundo cada un/ha de vós considerar, a través de páxinas web e blogs.

    Temos que ser conscientes de que estamos nunha encrucillada histórica na que se decide a propia existencia de Galiza. O obxectivo inmediato é impedir que se desmantele a oficialidade da nosa lingua, como pretende facer o PP desde o Goberno da Xunta. Por iso urxe máis que nunca o apoio de todas e todos.

    Clicando abaixo tes tanto o formulario para te afiliares á Mesa como para coller outros bánners (con outros deseños e tamaños) para póres na túa propia páxina. Grazas polo teu apoio!

    Fas máis falta que nunca. Organízate para defender o galego. AFLÍLIATE á Mesa.

    Austeridade

    Austero:
    1. adx. Que vive, obra ou xulga dunha maneira estrita.
    2. adx. Que reduce os seus hábitos ao necesario e prescinde de comodidades superfluas.
    3. adx. Que carece de todo aquilo que se pode considerar agradábel ou cómodo.

    Como sentencia o refraneiro galego: "Fai como che eu digo e non como che eu fago". Ou como asevera un extraordinario dito castelán: "Consejos vendo, para mí no tengo".

    Cando chegarán explicacións sobre este empréstimo de Citroën non declarado nin tributado nos últimos tres anos por parte do líder do PP galego e próximo presidente da Xunta?

    10 de mar. de 2009

    Día da Clase Obreira Galega


    E corríamos polos campos
    e por vez primeira escuitei disparo, ou bala
    e puxeron por riba de min unha bata de andar por casa
    e diante de min, sobre a mesa, unha taza de caldo.
    Dixeron: se soben, es da família.


    Ferrol, marzo, 197...
    (Chus Pato, Urania)

    9 de mar. de 2009

    Contra o plan de extinción do galego

    Cen entidades de diverso tipo reunímonos hai unhas horas en Santiago para intercambiar perspectivas e ideas de cara á manifestación nacional do 17 de maio.

    Por se non sobrasen os motivos para nos mobilizarmos, hoxe o PP insistiu noutra liña de desmantelamento da cooficialidade do galego que formula xunto á idea de botar por terra o timidamente avanzado no ensino. O seu cabeza de lista pola provincia da Coruña propón que se tumbe a Lei de normalización lingüística, aprobada baixo un goberno do seu partido e por unanimidade no Parlamento, en cuxo artigo 10 di que os nomes de lugar galegos teñen como forma oficial a galega.

    Cómpre que nos organicemos e impidamos estes retrocesos históricos. Todas aquelas e todos aqueles que poidades botar unha man nalgunha medida de cara ao 17 de maio, escribide a amesa@amesanl.org. Forza e adiante!

    Dimensións dos resultados, posíbeis causas e vías de futuro

    As eleccións protagonizan o meu artigo desta semana en Galicia Hoxe, no cal matizo ou mudo algunhas das conclusións que sinalaba nunha entrada anterior deste blog.

    Velaquí o texto, sobre o cal podedes deixar, se quixerdes, a vosa opinión como comentario:

    Algunhas notas sobre as autonómicas
    Dimensións dos resultados, posíbeis causas e vías de futuro

    É significativo que a maioría das análises sobre o resultado destas eleccións se centren máis nos motivos da derrota do bipartito, que baixou ostensibelmente en votos, que na vitoria do PP. Alberto Núñez Feijóo será o novo presidente da Xunta de Galiza, mais a sensación xeneralizada é que estas autonómicas non as gañou o seu partido, senón que as perdeu a coalición gobernante nos últimos tres anos e medio, que venceu por moi pouco en 2005 e agora ficou no camiño tamén por moi pouco.

    Se compararmos os resultados en Galiza nos anos 2005 e 2009 sen contarmos o polémico, por atacado pola fraude, voto do censo de “residentes ausentes”, veremos que o PP conseguiu mobilizar a 55.000 persoas máis (de 704.000 a 759.000), mentres o PSOE perdeu 28.000 (de 510.000 a 482.000) e o BNG 40.000 (de 307.000 a 267.000). A lixeira suba na participación (por un erro estatístico, case todos os medios exaxeraron tal aumento, que foi na realidade, sen contarmos o CERA, de 2,25 puntos) correspondeuse cunha parte da base electoral do PP, o cal quebrou cun errado tópico repetido na campaña por líderes políticos, articulistas e tertulianos, segundo o cal unha maior afluencia ás urnas significaría unha vitoria de BNG/PSOE, cando ao final o que se moveu foi o sachado voto da dereita.

    O PP subiu nas provincias da Coruña e Pontevedra, nas cales o PSOE e o BNG perderon cadanseu escano, aínda que hoxe mesmo é probábel que o PSOE compense ese descenso cun novo asento no Hórreo a través do voto emigrante na circunscrición ourensá.

    Dos efectos ás causas

    Na análise, cómpre evitar a trampa habitual, e un tanto oportunista, de achacar uns resultados negativos nunhas eleccións a aquilo que non nos gusta dunha determinada forza política. Ese é un outro debate, que ten todo o senso na tomada de posicións tanto intra como interpartidarias, mais non para coñecer as dinámicas substanciais que de verdade levaron ao veredicto das urnas.

    No caso do BNG, pódese detectar unha correspondencia entre a desmobilización do seu electorado e as áreas de maior difusión e capacidade de incidencia do medio de comunicación que mantivo a campaña máis hostil contra esta opción política. Obsérvese que tres de cada catro votos que perdeu o nacionalismo foron na provincia coruñesa e que na propia cidade herculina se deixaron polo camiño un de cada catro sufraxios do total do país. Aínda que haxa múltiplos motivos, penso que é este feito o que decanta o resultado e a perda do goberno, fronte a uns estudos demoscópicos que nos últimos meses ou días prognosticaban na súa maioría un certo crecemento no apoio ao BNG. A base social nacionalista é máis permeábel á intoxicación informativa, que se orientou arteiramente para agudizar o espírito crítico e crear a desmotivadora idea de que “todos son iguais”.

    Ademais, tanto PSOE como BNG partiron dun erro de diagnose. Até os últimos días, nunca valoraron a posibilidade de perder, como se o feito de estar no goberno garantise de seu unha suba ou, no peor dos casos, a continuidade. A tendencia descendente do PP e a maior fraxilidade institucional desta forza parecían apuntar a iso, porén este partido compensouno sobradamente coa súa capacidade organizativa, alicerzada na historia, e os decisivos poderes fácticos que a fornecen. Hai que lembrar que ao longo desta lexislatura mesmo houbo inquéritos cociñados na Presidencia da Xunta que chegaron a presentar ao PSOE como virtual primeira forza de Galiza por diante do PP, un espellismo que a maquinaria electoral da dereita se encargou de desmontar en cada convocatoria.

    No caso do PSOE, aínda que algúns estudos alleos á súa cociña manifestaban as opcións de crecemento, tamén é certo que moitos outros subliñaban un desgaste tanto a nivel de Estado como en Galiza, en boa parte atribuíbel á xestión da crise económica, que se podía concretar tanto nun estancamento como nun descenso, como finalmente aconteceu. A consideración de que a reedición do bipartito estaba cantada e que se trataba máis de se posicionar contra o socio minoritario para que non gañase posicións foron goles en propia meta. Elementos da campaña suxa e demagóxica iniciada polo PP tiveron portada e sustento nos grupos mediáticos máis próximos ao PSOE, debilitando o compañeiro de viaxe sen o cal este partido non ten posibilidades de (co)gobernar Galiza. Ademais, o PSOE disparouse aos pés cando, con todo o oportunismo, se dedicou a negativizar o pacto bipartito, por exemplo no referido ás concesións eólicas ou ás tímidas iniciativas de promoción do galego.

    O goberno na balanza

    Hai persoas con tribunas públicas que até hai oito días enxalzaban os logros destes últimos tres anos e medio que hoxe renegan do dito e fan tabula rasa para lle daren un suspenso en todo sen paliativos. Se realmente neste tempo non se tivese realizado ningunha mudanza, o PP non viría coa intención de destruír ou reformular de vez o avanzado.

    Certo que este goberno non soubo facer pedagoxía para transmitir os seus logros nin os seus erros nin as súas limitacións. Certo que houbo departamentos como Medio Ambiente, Sanidade ou, en diferentes graos, nos medios públicos, nos cales non houbo cambios substanciais para mellor, mais tamén é verdade que se incardinaron proxectos moi positivos para o país no medio rural, nas políticas de xuventude, de sexualidade, de vivenda, na xestión enerxética, na creación dun sistema de benestar ou na acción cultural, por citar algúns, e aos que hai que acrecentar o desenvolvemento lexislativo en varios ámbitos. Na política lingüística, tanto se promoveron adiantos cualitativos nalgúns departamentos como se aplicou noutros un pusilánime continuísmo a respecto dos mandatos Fraga, que o novo PP quere desmontar, retrocedendo todo o avanzado na etapa autonómica, mesmo en anteriores gobernos seus.

    Por pouco

    A suma dos votos do PSOE e BNG é levemente inferior á do PP. Se un escano do PP mudar hoxe para o PSOE cos resultados do CERA, a diferenza será dun único deputado. Hai catro anos o bipartito gañou por pouco e agora perdeu por pouco, sendo por unha presada de sufraxios distribuídos dun ou doutro xeito como se acabou decidindo o goberno. Hai que lembrar isto fronte aos articulistas e tertulianos que repiten agora que unha alternativa ao PP será imposíbel en Galiza durante lustros. Se hai sete días non eran capaces de prever esta maioría absoluta do PP, por que van estar máis acertados nese inexplicado vaticinio a medio ou longo prazo?

    Para o PSOE galego e, de forma máis especial para o BNG, comeza unha travesía do deserto e o retorno á oposición no Parlamento. É momento de reflexionaren e introduciren mudanzas, mais a nación precisa que se fagan con lealdade e construtivamente. Cómpre, como dicía Marx nunha das súas célebres citas, que non tiremos o neno xunto coa auga suxa da bañeira.

    Hai resortes institucionais (Deputacións da Coruña e Lugo, gobernos das cidades e principais vilas; mesmo o goberno en minoría do PSOE no Estado) e tamén estruturas populares para continuar a resistir e que non lles sexa tan fácil o laminamento das conquistas realizadas.

    De momento, aínda que o presidente in pectore presente un “goberno para todos”, o verniz da demagoxia que centrou a súa campaña comezou xa a caer en cuestións como o traído e levado coche oficial ou as súas propostas de desmantelar “con todo o amor” a cooficialidade da lingua galega, comezando polo ensino, algo que Manuel Rivas definiu con toda precisión como un “plan de extinción do galego”. Gañar as eleccións non converte as mentiras en verdades nin ampara atentados contra normas básicas de convivencia como o Estatuto de Autonomía e o recoñecemento do galego como lingua propia do país.