"Coa Mesa na rúa, a loita continúa!" Iso é o que se exclama como consigna animosa en moitas das mobilizacións en defensa da nosa lingua.
Sobre esta ferramenta de amparo dos nosos dereitos lingüísticos e revitalización do noso idioma que é A Mesa vai o meu artigo desta semana en Galicia Hoxe.
Coa Mesa na rúa
Coñecendo mellor esta ferramenta de defensa do galego
A Mesa pola Normalización Lingüística tivo esta fin de semana unha Asemblea Xeral para se afinar como instrumento ao servizo da revitalización do noso idioma, máxime nos tempos duros que se aveciñan. Botemos neste artigo unha ollada ao que foron os últimos tempos desta asociación que traballa de forma ininterrompida desde 1986 na defensa do noso idioma.
Esta agrupación cidadá, aínda que mantén moitas debilidades económicas e de recursos persoais, experimentou nos últimos anos unha importante complexización e crecemento, tanto cuantitativo como cualitativo, con dezanove grupos de traballo comarcais activos nestes momentos. Dentro deste proceso, puxo en andamento a Fundación Via Galego, que traballa na procura de sinerxias cos outros territorios do sistema lingüístico galego-portugués. Entre as súas múltiplas actividades pódense citar concertos, ciclos de teatro, elaboración de unidades didácticas, campañas divulgativas etc. Cómpre salientar que foi a través do impulso de Via Galego como se conseguiu un acordo unánime no Parlamento do Hórreo para solicitar a recepción dixital no noso país das radios e televisións portuguesas. É unha aspiración histórica para a que se procuraron novos camiños e transformar o desexo en realidade.
A Mesa conta cunha sección xuvenil, denominada Mocidade pola Normalización Lingüística, coñecida por desenvolver campañas e iniciativas como a de reivindicar a tradución dos últimos libros de Astérix, a convocatoria de mobilizacións estudantís en defensa do cumprimento da lexislación lingüística no ensino, pola dobraxe para o galego do último filme de Indiana Jones (en colaboración coa Asociación de Profesionais da Dobraxe de Galiza), etc.
Outra sección da Mesa é o Observatorio de Dereitos Lingüísticos, arroupado por xuristas e sociolingüistas de recoñecido prestixio. Este Observatorio analiza de forma obxectiva a situación da nosa lingua e é interlocutor perante organismos internacionais como o Comité de Expertos do Consello de Europa encargado de facer seguimento da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias.
Un outro colectivo dentro da Mesa é Familias polo Galego (máis coñecido até o de agora como Nais e Pais polo Ensino en Galego), que reforzará a súa actividade perante os moitos problemas que hai tanto para escolarizar os rapaces e as rapazas na lingua propia do país como á hora de conseguir libros, música ou xoguetes en galego para o tempo de lecer.
A Mesa, cos seus 3.500 membros, é a maior asociación cultural galega en número de afiliadas e afiliados, cun crecemento positivo constante que ten como media unhas 200 novas altas cada ano. A súa lóxica aspiración é ter aínda moitos máis membros, para ter máis capacidade de actuación e maior incidencia. Para iso, vén de pór en andamento unha campaña a través de blogs e páxinas web so o lema “Fas máis falta que nunca!”
A superación da época das listaxes negras no Goberno galego durante esta pasada lexislatura abriu as portas a que as propostas presentadas pola Mesa non fosen descartadas polo feito de as presentar A Mesa. Así, existiu unha liña frutífera de maior colaboración coa Administración, grazas á cal están hoxe moitos proxectos na rúa, que polo ben que significan para a nosa sociedade deberían manterse e afortalarse, sen sectarismos.
A Liña do Galego é un dos proxectos estrela da Mesa. Trátase dun servizo público que, ademais de dar resposta ás queixas, consultas e parabéns sobre dereitos lingüísticos, permite ter unha radiografía anual sobre a situación do noso idioma. Coa Liña do Galego, dáse mellor cobertura e amparo aos casos de discriminación lingüística e vixíase mellor o cumprimento da cativa lexislación existente que protexe o galego. A campaña de criminalización e demonización que padeceu A Mesa por este servizo amosa o acertado e o necesario da súa existencia, porque o que desexarían moitos grupos de poder é que nada se movese na defensa dos nosos dereitos lingüísticos.
O Voluntariado de Activación Lingüística, que foi recoñecido como programa modélico por parte da Unión Europea, segue o seu camiño tamén transformando no inmediato, rompendo as barreiras psicolóxicas de moitas persoas que, por diferentes motivos, aínda non deran o salto a falar en galego. Máis de mil persoas participaron directamente deste proxecto.
No relativo ao ensino, do mesmo xeito que A Mesa tamén fixo parte da reivindicación do novo decreto que plasmaba o aprobado no Parlamento por PP, PSOE e BNG, tamén activou a demanda da súa aplicación, a pesar dos ouvidos xordos do Goberno, que favoreceu cos seus complexos os ataques e as manipulacións sobre a situación real da nosa lingua no proceso de ensino-aprendizaxe.
A Mesa estivo tamén implicada no manifesto unitario presentado por parte das principais entidades que representan a comunidade educativa galega, que amosa o apoio unánime á norma que o PP quere agora derrogar unilateralmente. Nese manifesto están os sindicatos que representan o 90% do profesorado, a federación dos 125 centros católicos, a confederación de APAs públicas, os movementos de renovación pedagóxica, as organizacións estudantís con actuación en Galiza etc. Coas limitacións que se quixeren, foi o movemento unitario en defensa da galeguización do ensino máis forte en toda a etapa democrática. Non sería nada bo que o PP, desde a Xunta, se mantivese nas súas mentiras falando de “imposición”. “Imposición” sería tomar medidas sen escoitar á comunidade educativa, como até o momento propón o futuro presidente.
Tamén no ámbito educativo está o exitoso Correlingua, no cal, ademais da Mesa, teñen un papel fulcral a AS-PG e a CIG-Ensino. Esta carreira lúdica e reivindicativa deu un enorme salto en calidade en participación, chegando a uns 40.000 rapaces e rapazas.
A Mesa ten convocado, xa ao pouco de se constituír, mobilizacións masivas en defensa da nosa lingua, como a referencial manifestación de 1987 que lembraba que “Aprender en galego non é un delito”. Nos últimos anos, conseguiu outros importantes fitos mobilizadores. Por exemplo, a folga estudantil de 2006, na cal, segundo datos oficiais da propia Xunta, participaron máis de 60.000 alumnas e alumnos. Ademais, foron tamén manifestacións históricas as realizadas no Día das Letras de 2006 (por un novo marco xurídico para o galego nun posíbel novo Estatuto) e en 2008. Esta última foi a que congregou un maior número de persoas en defensa da nosa lingua en toda a etapa democrática, conseguindo ademais a adhesión de máis de quiñentas organizacións, centros de ensino e institucións de diverso tipo. A mobilización do vindeiro 17 de maio deste ano 2009 ten que superala!
Esta resposta histórica do pobo galego contextualízase tamén nunha vaga de manipulacións e feroces ataques desde grupos de poder mediático e económico. A Mesa, como ferramenta en defensa da nosa lingua, padeceu nos últimos meses unha campaña de criminalización e acoso como nunca vira desde a súa constitución. Estas intoxicacións e insultos foron preámbulo a outras inmundicias que se produciron na campaña electoral, tamén relacionadas coa lingua de noso.
No novo contexto político, a demonización vaise acentuar. Temos que sabelo: van vir con máis forza para tentaren destruír as ferramentas de que se dotou a sociedade galega para defender o seu idioma. Non poden tolerar que haxa unha organización cidadá que protexa os nosos dereitos lingüísticos, alguén que sinale co dedo cando o rei vai nu.
O inimigo é forte. Teñen os medios de comunicación máis influentes, o diñeiro e as principais institucións. Porén, o seu é un discurso atravesado polo cinismo e pola inxustiza. A Mesa está aquí para sementar verdades, convivencia, razón e xustiza. Non calarán a súa voz!
Nenhum comentário:
Postar um comentário