A próxima segunda feira virá o reconto do voto emigrante, a respecto do cal publiquei o meu artigo desta semana que, como indico nos primeiros parágrafos e ben se nota, escribín antes da xornada electoral. Non se prevé que modifique a asignación de escanos.
Antes de sumar o voto CERA, a confrontación de resultados amosa un PP que practicamente o que fixo foi resistir, xa que apenas ascendeu en número de sufraxios absolutos (756.000 en 2005, 759.000 en 2009), mais que se beneficiou da significativa caída en apoio do PSOE (de 555 a 482 mil) e do BNG (de 311 a 267 mil) que, até onde vexo, se produciu especialmente nas cidades e nas dúas provincias máis poboadas. Dado que a participación aumentou, é de supor que por aí se poidan contabilizar sobre todo os votos para forzas antes inexistentes como UPyD (o seu fortísimo apoio mediático permítelle colleitar 23.000, aínda que menos do 1,5% da torta electoral, a metade da miúda porcentaxe coa que conseguiu deputado en Araba), TEGA (18.000) ou Os Verdes (5.000). Dentro da cola da táboa, nin a FPG nin NÓS-UP recollen voto descontento, xa que tamén reducen un pouco o seu número de apoios; EU si avanza uns 3.000, chegando case aos 16.000, mais sitúase como a sexta forza política de Galiza.
Para o PSOE galego e, de forma máis especial para o BNG, comeza unha travesía do deserto. O meu desexo é que se faga construtivamente, pois non é momento para cainismos nin xogos do todo ou nada. Cómpre, como dicía Marx nunha das súas célebres citas, que non tiremos o neno xunto coa auga suxa da bañeira.
Hai resortes institucionais (Deputacións da Coruña e Lugo, gobernos das cidades e principais vilas; se nos apuramos, goberno en minoría do PSOE no Estado) e tamén estruturas populares para continuar a resistir e que non lles sexa tan fácil o laminamento das conquistas que xa prometeron que levarán a cabo. Tamén se poden conseguir adiantos, claro que si, mais para iso cómpre que saibamos asumir a derrota, corrixir os erros e, a partir de aí, sumar máis pobo. Sen desfalecer, sen darllo feito. Este é un paso atrás importante, mais debe selo para tomarmos impulso, como di o acertado tópico.
Non podo esquecer agora tampouco os resultados en Euskadi, co seu sabor agridoce, pois a pesar do avance en escanos do nacionalismo, hai a posibilidade de que se produza un goberno que homoxeneice máis o panorama estatal como bipartito PSOE/PP.
Matizo algo importante que non dixen. O voto en branco é a cuarta forza, con 27.000 votos, por diante dos 23.000 de UPyD. Case a metade deses votos en branco, 13.000, foron na provincia da Coruña e outros 8.000 en Pontevedra.
ResponderExcluirOs nulos, aínda que non sei os motivos, tamén se duplicaron na súa representatividade, do 0,46% ao 0,89% que son case 15.000.
Hai censura?... envío un post e non se publica?
ResponderExcluirNon, non hai censura. Ás veces teño problemas cos comentarios. Se podes, repite o envío, por favor. Grazas!
ResponderExcluirEstou triste e indignada. Onte estiven na mesa electoral.
ResponderExcluirO desfile de muletas, sondas, xente que ía coa papeleta na man, temblando, "apuntalada" por fillos e netos... son os mesmos que non votaron nas anteriores porque xa estaban encamados.
Todo o día vendo entrar na escola a xente que xa pensei que estaba morta...!
Todo o día sendo espectadora de anécdotas como a da señora que me pregunta en qué urna ten que votar, e cando lle digo que vai polas letras do apelido (non me atrevín a dicirlle "orde alfabética") di que ela non sabe as letras, que as únicas letras que sabe son "PP"... Ou a outra muller, que enganchada ó marido me mira e me chama terrorista...
Estou triste por este paso atrás, pero estou sobre todo indignada por ver cómo se movilizou esta xente...!
O único que agora pode consolarme é a certeza de que máis da metade da xente que vin votar onte, non chegan ás seguintes eleccións... Son cruel? Pois si; ó mellor si que son tan terrorista como dixo aquela muller.
Deséxolle longa e feliz vida a toda a xente, voten o que votaren. Seguro que ti tamén, aínda que a emoción, a tristura e as ofensas recibidas che fagan dicir cousas que non son xustas.
ResponderExcluirConcordo contigo con que en Galiza segue habendo voto cativo (no senso de 'captivo', 'preso', 'non libre'), mais tamén acho que os resultados amosan outras variábeis que son ben máis importantes e que decantan o resultado. Temos que reflexionar, manter a cabeza fría todo o posíbel e batallar. Facemos moita moita falta neste camiño. Unha aperta animosa!
Vaia, vaia... xa comezamos a falar de carrexos, dos "outros"... tes razón Carlos hai que manter a cabeza fría: o PP practicamente mantén os resultados (apenas 5000 votos máis aprox.). O psoe baixa case 70000 votos e o bng 40000! Iso son moitos escanos.
ResponderExcluirIsto era máis ou menos o que antes puxen, agardo que agora non se perda no camiño:
Falarmos de ser construtivos, si, mais como me soa iso a "mudar todo para que nada mude"... Cainismo? Si! Ou é que esta cúpula que vén levando ao BNG nos últimos 10 anos a este harakiri non ten responsabilidade? Esa mesma cúpula que foi artellando movementos para "asaltar" movementos sociais e así poder moldealos ao seu interese: ASPG, a Mesa, o SLG, os Comités de Estudantes, ADEGA... e agora queren (querían, non sei que argallarán agora) "domesticar" a CIG. E todos sabemos de quen estamos a falar.
Mudar as regras do xogo para facer Asembleas, digo Congresos xa, en pro desa mesma cúpula (ou polit buró ou comité central ou mesa nacional ou dirección nacional ou como lle quixerdes chamar). Calar toda a crítica interna en pro "do ben común".
Eu protesto, eu berro, eu estou farto de calar ou que me calen por esa "vontade de unidade". Moitos mantivemos total fidelidade ás trangalladas que se cocían no BNG entre uns e outros; ás intromisións por controlar movementos sociais máis ou menos afíns ao nacionalismo e así moldealos á vontade; ás maiorías abafantes que empregaban tamén, si tamén!, tácticas caciquís no seo da fronte.
Todos nós, militantes e simpatizantes do común, do ordinario, sen aspiracións políticas alén de vermos transformacións sociopolíticas reais e verdadeiras no noso País xa non podiamos máis. Cantas xeracións de compañeiros, camaradas, "irmaos"... se perderon no camiño desencantadas, esgotadas, abafadas, cansas de ver todo isto. Cantos foron acusados de antipatriotas e con esta excusa denostados ao ostracismo na fronte... Cantos se perderon no camiño por non querer nen tan sequer intentar dar un paso á fronte para opinar, falar, dicir e non ser carne de canón...
Quen se lembra xa daquelas ilusións que bulían nas mentes dos bos e xenerosos que no ano 1982 decidiron crear unha fronte política nacionalista de esquerdas e transformadora? Quen se lembra xa da ilusión colectiva que o BNG transmitía aquel ano de 1997 levándoa a se converter na segunda forza política do País? Quen se lembra da esperanza que tantos galegos tiñan no BNG para transformar verdadeiramente esta nosa Nación?
Somos nós a esquerda transformadora, o movemento popular que ninguén pode dominar, que ninguén pode controlar, que loita contra o vento asolagador do imperialismo, das elites rancias e conservadoras que aínda zoupan as súas garras na Nosa Terra... E isto non se pode parar.
E non pode haber cainismo? Non queremos medias tintas, non queremos excusas, non queremos que nos falen de carrexos, de La Voz de Galicia ou do Santo Espírito que fixo revivir aos mortos.
QUEREMOS QUE NOS FALEN DE ONDE DEITARON O PROXECTO TRANSFORMADOR QUE NOS ROUBARON, DE RECUPERARMOS AQUELA ILUSIÓN POR UN MUNDO MELLOR, POR UNHA GALIZA NOSA, PRÓSPERA E VITAL;
Queremos que quen roubou a ilusión, o recoñeza; quen furtou a nosa esperanza, o diga; quen deitou no lixo o poder transformador do noso movemento, nolo devolva; quen traizoou a semente dunha Terra libre, dona de si e farturenta, o acepte, pida perdón e se marche.
Non loitamos, sacrificamos e traballamos todos estes anos para que agora algúns poidan botar todo ao mar. Nunca máis!
Avante!
Várias cousas, Carlos:
ResponderExcluir1) A segunda ou terceira força é a ABSTENÇÃO (30%), desta volta menor que outras vezes mas um trinta é um trinta.
2) Os votos de BNG e PSOE foram para TeGas e Upeideiros (que medraram dos 2000 votos até os 20.000, cahiná) ESSE FOI O VOTO MOBILIZADO PELO PP.
3) Outros decidiram abster-se, votar nulo ou em branco. ESSE FOI O VOTO DOS DESENCANTADOS COM O BIPARTITO EM GERAL.
4) Votos de castigo ao PSOE? Não creio. Mais bem seriam votos de castigo ao BNG pela sua política mansa.
5) Para contravir a propaganda demolidora, o BNG deveu ser mais agressivo e direto. Deveu atacar o PSOE e mostrar as suas cartas ideológicas muito mais claramente. Numas eleições que eram fulcrais (seria a consolidação da esquerda no governo galego por primeira vez) eles apostaram pela gestão e não pela emotividade. Mal feito.
6) O mais que provável pacto de governo do PSOE com o PP em Euskal Herria demonstra que o PARTIDO ÚNICO começa a sua andadura com vitórias na Galiza e no País Basco. A partir desta nada será igual. As forças civis todas, partidos e associações, devemos pôr-nos em contato e colaboração constante. Há que articular A TUDO CUSTO uma rede de cooperação entre todos os galeguistas.
Pensa nisso e já falaremos.
Isabel Rei