29 de abr. de 2009

O galego, a nosa columna vertebral

Alberto Núñez Feijóo fixo todas as xenuflexións posíbeis onte e antonte en Madrid e prometeu redimir a Galiza do pecado orixinal de termos lingua propia. A medida máis grave que anunciou foi a derrogación de facto non do decreto 124/07, senón da protección xurídica do galego no ensino. Non é alarmismo nin catastrofismo: é o paso máis grave contra o galego en toda a etapa autonómica, que nos leva nunha viaxe no tempo a 30 anos atrás.

Temos máis razóns que nunca para nos mobilizarmos en defensa da nosa lingua. Movámonos! Móvete!

27 de abr. de 2009

Limitadiños

O artigo desta semana en Galicia Hoxe versa sobre as declaracións do novo responsábel da Consellaría de Cultura, que xa abordei aí atrás neste blog. Como resposta ás mesmas, hai tamén un outro artigo moito mellor, que teño que recomendar desde aquí, de Xosé Manuel Pereiro, que finaliza deste xeito:

O responsable da cultura afirma estar empeñado na promoción exterior da cultura galega, e fai ben. Sobre todo porque os que chegaron ó cargo desde o mesmo partido que el entendían por proxección darlle 300 millóns de pesetas a Julio Iglesias polo cargo sen cargas de “embaixador” de Galicia. Como Roberto Varela tiña un bo cartel antes de que falara, direille que, por moito que lle conten, foi a súa antecesora, a pouco cosmopolita Ánxela Bugallo, a que mudou a tradicional política de organización de verbenas nas prazas maiores pola tal proxección internacional. Crucificárona precisamente por cousas como ser Galicia o país invitado na Feira do Libro da Habana, non se sabe se porque se celebra en Cuba (por certo, lugar relevante de peregrinación institucional do ante-anterior presidente da Xunta, Manuel Fraga) ou polo gasto (arredor de dúas veces o que meteu Esperanza Aguirre só no bufet de presentación do Teatro del Canal de Madrid). Pode que o nacionalismo se quite viaxando, pero os prexuízos deben ser máis resistentes.

O que eu escribín sobre as súas primeiras declaracións públicas vai a continuación:

Limitadiños
Que se pode agardar dun conselleiro de Cultura que di que a cultura do seu país é unha limitación?


“La cultura gallega está muy bien, pero limita”. A frase non é do último informe da FAES, aínda que o pareza, senón do novo conselleiro de Cultura da Xunta de Galiza, Roberto Varela, que dilapida coas súas primeiras declaracións públicas a impoluta imaxe que se quería vender del como xestor solvente e imparcial. O seu posicionamento ideolóxico, nas primeiras entrevistas que concedeu, é moi claro, a pesar de que Alberto Núñez Feijóo queira facer un revival fóra de tempo do ocaso das ideoloxías, como se todo puidese ser aséptica tecnocracia.
Mais o novo titular de Cultura, por moito currículo que ostente para outras cuestións, amosa tamén problemas graves de formación para a xestión que ten encomendada. Os prexuízos que exhibe evidencian unha profunda carencia de reflexión e estudo sobre a cultura galega: o que significa, cal é a súa situación e que é o que precisa.

Só feito en Galiza?

Esta declaración do conselleiro ten aínda unha importante continuación e matiz: “La cultura gallega está bien, pero limita, prefiero la cultura hecha en Galicia”. Ou sexa que hai que diferenciar entre unha “cultura galega” e unha, supostamente máis abranxente e menos limitada, “cultura feita en Galiza”. Desexamos de corazón que Roberto Varela aclare esta diferenciación e que desvele se de verdade doravante a Xunta só vai promover, preservar, vitalizar e divulgar a que se fixo ou fai no espazo xeográfico galego. Deixará, portanto, de entrar na consideración da Consellaría de Cultura toda aquilo feito, por exemplo, en enclaves de emigración ou, no seu día, do exilio? Os vellos non deben de namorarse (estreada na Arxentina en 1941), A esmorga (editada tamén neste país en 1959), as principais creacións plásticas de Luís Seoane e algunhas das máis impresionantes de Castelao tras 1936 fican xa fóra do ámbito xurisdicional autonómico por non estaren “feitas en Galiza”? Serán responsabilidade dalgún outro goberno, por exemplo o arxentino, ou ficarán nun limbo? Quen se encargará deste patrimonio que ninguén –salvo Roberto Varela– pode dubidar en adxectivar como galego?

Aínda máis. Substituiranse os Premios Nacionais da Cultura Galega que instaurou o anterior goberno polos “Premios Autonómicos da Cultura Feita en Galicia”? Decátase o novo titular de que ao realizar estas declaracións sen meditalas nin reflexionar previamente en serio sobre elas deixaría fóra a moitos creadores e moitas creadoras tamén de hoxe que fan parte indubidábel da cultura galega? Por exemplo, Francisco Leiro recibiu o ano pasado o Premio Nacional da Cultura Galega na sección de Artes Visuais. Seguindo o criterio de Roberto Varela, non podería levar a distinción porque o de Cambados, a quen el coñece, ten o seu obradoiro en Nova York. Non está “feito en Galiza”.

Cultura galega

Hoxe mesmo, en Santiago de Compostela hai unha reunión dos Consellos da Cultura de Galiza, Catalunya, València e Euskadi. No caso de Galiza, o Estatuto de Autonomía estabelece claramente, no seu artigo 32, que este organismo que por lei ten que “fomentar a lingua e a cultura galegas en canto creacións orixinais do pobo galego” se denomina Consello da Cultura Galega. Como nos limitan o Estatuto e a Lei de creación do Consello!

Talvez o PP teña xa a iniciativa de lle mudar o nome na proposta estatutaria que prometeu presentar, para adecualo a esta nova diferenciación, para que se limite a “fomentar as linguas e as culturas que se fan en Galicia en canto creacións orixinais dos pobos que viven en Galicia”? Porque, realmente o pobo galego existe e é portanto suxeito de dereitos?

Repárese ben en que puxen “Galicia” e non “Galiza”. Deu os seus froitos a campaña contra a forma maioritaria durante séculos para denominar o noso país, claramente a xenuína, e presente en obras fundamentais da nosa cultura (si, refírome á cultura galega). O disque “goberno para todos” declara que non vai utilizar unha forma que a Real Academia Galega considera no texto das normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego como “lexítima”, cunhas indesexábeis connotacións ideolóxicas. “Non, non, non, non. De Galiza, nada de nada. Galicia”, negou Varela sen acompañar tanto adverbio de ningún razoamento ou argumento.

E o galego?

Se estivésemos a falar dun técnico que coñece a problemática da cultura galega e que vai adoptar medidas tamén técnicas de corrección aos grandes problemas que se presentan, hai declaracións que serían inimaxinábeis escoitarlle. “No meu mandato proxectarei a cultura que se fai aquí, sexa quen sexa, na lingua que sexa”, dixo tamén, subliñando a importancia do factor idiomático, aínda que, igual que Núñez Feijóo, camuflándoo de “liberdade lingüística”. Se se informase sobre a situación real da música, do teatro ou do mercado editorial en lingua galega non faría aseveracións tan alegres e pouco matinadas, que son un verdadeiro e ben cru programa de acción política.

No ano 2005, o xornal electrónico Vieiros realizou un estudo que concluía que por cada euro que un galego inviste en promocionar a súa lingua, mete 240 en espallar o español polo mundo adiante. Teñamos presente que o Ministerio de Cultura privilexia de forma abrumadora a cultura en castelán en todas as súas ordes, o Instituto Cervantes dálle un tratamento marxinal ao que non sexa en español, RNE e TVE actúan como se as cultura galega, catalá e vasca directamente non existisen... Iso por falarmos só dalgúns ámbitos públicos, porque a descompensación coas institucións privadas xa é abismal.

Neste contexto, cunha lingua minorizada, estranxeirizada no propio país, máis necesitada de axuda, promoción, dignificación e divulgación, a Consellaría de Cultura vai actuar seguindo os principios darwinistas da lei do máis forte? Se a Consellaría de Cultura non axuda á cultura feita en galego, que institución pública será a responsábel de tal apoio?

De momento, estamos perante declaracións de intencións, mais cómpre térmolas presente para facermos seguimento e mobilizármonos como sociedade para evitarmos pasos atrás cualitativos. Porque, cómpre lembralo e repetilo máis unha vez, a “nacionalidade histórica” galega ten, como tal, unha serie de dereitos lingüísticos e culturais, igual que as persoas que a nivel individual queren vivir en galego tamén teñen o dereito a accederen sen dificultades ás manifestacións da súa propia cultura.

Lingua, cultura e autogoberno

Se a lingua e a cultura galegas non existisen, non habería autogoberno galego en ningún grao. Nin Alberto Núñez Feijóo sería presidente da Xunta nin Roberto Varela sería Conselleiro de Cultura.

En ningún país do mundo é presentábel que os seus gobernantes anuncien como primeiras medidas ataques contra a súa lingua propia, como é o caso da derrogación do decreto do galego. Do mesmo xeito, declaracións como as realizadas por Roberto Varela considerando unha limitación a cultura propia do seu país inhabilitaríano automaticamente para exercer o seu cargo. Alguén se imaxina a calquera ministro/a de cultura de calquera país do mundo afirmando nas súas primeiras entrevistas que a cultura do país que vai gobernar é unha “limitación”? Pensemos por exemplo que acontecería se González-Sinde se presentase cunha afirmación como esta nada máis tomar posesión: “La cultura española está muy bien, pero limita”.

Por iso é importante cuestionarmos en voz alta a idoneidade do nomeamento como conselleiro de Cultura de alguén a quen os seus prexuízos o levan á conclusión de que amparar e proxectar a cultura galega supón unha limitación ou unha barreira. A limitación está en quen tales cousas afirma.

26 de abr. de 2009

Concertazo de Ellos

Falei xa varias veces neste blog das inmensas ganas que tiña de volver a un directo de Ellos, que estaban de xira por Galiza esta semana. Manu, Carme, Cris e Fran poden testemuñar que o de onte foi un concertazo, a pesar de que nós non nos atrevésemos a facer de coristas da canción "El regalo". Desde abaixo e moi ben situadiños, gozamos e choutamos moito, moito, moito, moito, todo o repertorio.

Para os que non puidésedes estar, déixovos "En tu lista", do seu disco "Lo tuyo no tiene nombre":

25 de abr. de 2009

Vinte e cincos de abril, sempre!

Estaba eu en primeiro de bacharelato, o da LOXSE, daquela en fase de probas no meu instituto. Na materia de lingua e literatura galega estudabamos nese momento a lírica medieval a través dun libro moi completiño editado por Via Láctea, que ao final traía unha escolma de textos contemporáneos que seguían algún recurso formal semellante ao que rexistraban as cantigas dos nosos cancioneiros.

Nesa antoloxía final aparecían, entre outros, uns versos que comezaban "Grândola, Vila Morena", que eu lera na casa, curioseando no libro. Comenteille á profesora, Fefa, que ese poema me parecía especialmente bonito e ela preguntoume, sorprendida, se eu non coñecía José Afonso. Ao día seguinte, tróuxome casetes e información sobre o que fora o 25 de Abril e eu fiquei entusiasmado por ese cantor e por todo o que acontecera nesa xornada. Eu tiña 17 anos, era un estudante de bo expediente e non tiña nin idea nin do feito histórico nin de quen era ese artista que tantas vinculacións tiña, ademais, co noso país. Nada novo neste sistema educativo que continúa a dar as costas á propia cultura e á propia historia.

O 25 de abril é tamén a data do principio dunha outra revolución aquí en Galiza. En 1467, comeza a Gran Guerra Irmandiña, seguramente a maior revolta social de toda Europa no século XV. Canta xente coñece hoxe este episodio da nosa historia?

23 de abr. de 2009

"La cultura gallega está muy bien, pero limita"

A frase non é do último informe da FAES, senón do novo conselleiro de Cultura da Xunta de Galiza. Se os seus prexuízos o levan á conclusión de que fomentar a cultura galega é unha limitación, que fai no seu cargo?

Alguén se imaxina a calquera ministro/a de cultura de calquera país do mundo afirmando nas súas primeiras entrevistas que a cultura propia dese país que vai gobernar é unha "limitación"? Imaxinádevos por exemplo que acontecería se González-Sinde se presentase cunha declaración de intencións como esta nada máis tomar posesión: "La cultura española está muy bien, pero limita".

Nos comentarios que circulan por aí, o novo conselleiro de Cultura e o de Educación pasan por ser disque os máis "abertos" e "dialogantes". Mais este último tamén se luciu onte nunha entrevista á cal deu un atinado (e recomendábel) contrapunto Fermín Bouza no seu blog.

22 de abr. de 2009

O seu grande suceso

Mañá comeza a súa xira galega Ellos, mais a estas alturas aínda non sei a cal dos concertos vou poder ir.

Non puxera aínda por aquí o seu primeiro grande suceso, "Campeón", talvez porque o clip nunca me convenceu demasiado.

Dádelle ao play e bailade un pouquiño!

21 de abr. de 2009

13.514 apoios

O Manifesto pola convivencia lingüística e a igualdade de dereitos para o galego leva nestes momentos 13.514 apoios individuais e 338 respaldos colectivos, por parte de entidades de diverso tipo. Cada unha destas adhesións vai co seu nome completiño, que se indica no web fidedignamente.

Ademais, deica o 17 de maio poranse postos de recollida de sinaturas en diferentes puntos de Galiza. A pesar de que A Mesa pola Normalización Lingüística é a organización cidadá cultural galega con maior afiliación, nunca tivo o diñeiro para facer grandes campañas de insercións publicitarias nos medios nin para alugar autobuses que percorresen toda a xeografía galega. Mais isto viuno e veo compensando por algunhas importantes fortalezas: a forza da razón, da defensa da xustiza e o entusiasmo do activismo, que debe consolidarse aínda moito máis. Moitas veces podemos pensar que non é necesario axudar porque xa hai alguén que o fará por nós, e equivocámonos.

No que resta de semana, haberá un posto de recollida de adhesións na Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela (hoxe e mañá e os días 24 e 25) e o 23 de abril no Palacio de Congresos, durante a realización do Congreso Galego de Acción Voluntaria. Se queres e podes, agradécese que pases por aí para botares unha man na medida das túas posibilidades. Para teres máis información sobre outros lugares e concellos en que se vaian pór mesas nos próximos días, infórmate no web da asociación.

20 de abr. de 2009

É oficial unha lingua na cal unha empresa che pode dicir que non te podes expresar?

Esta longa pregunta é o subtítulo do artigo desta semana en Galicia Hoxe. Cantas veces quen queremos exercer como galegas e galegos, tamén na fala, nos achamos con situacións desagradábeis nas que empresas das que somos clientes nos instan a utilizar o castelán, de forma directa ou de forma sibilina, como se o natural fose termos que abandonar o noso idioma en determinadas xestións?

Cómpre tamén, neste aspecto, desmontarmos os argumentos falaces e demagóxicos das campañas galegófobas. Porque hai moitas persoas que queremos poder vivir en galego e tamén temos dereitos.

Con todos os dereitos
É oficial unha lingua na cal unha empresa che pode dicir que non te podes expresar?


Un dos eixos das campañas galegófobas camufladas de bilingüistas foi falar da “imposición del gallego en las empresas”, presentando un escenario de edénica liberdade comercial e empresarial que só pretendían romper os “impositores”. Por unha banda, criticaron a posibilidade de que o bipartito lle dese protección xurídica ao galego neste sector (para igualalo co castelán) e, pola outra, inventouse unha suposta liña de coaccións e ameazas por parte da Mesa pola Normalización Lingüística a comercios que non utilizan o galego.

Semella sarcasmo

Falar de imposición do galego neste sector entra de cheo no sarcasmo e debería facer enrubiar a quen diga tal cousa en alto. Calquera persoa que dea un paseo por calquera lugar de Galiza poderá ver o discriminadísimo que está o castelán. A realidade, a pesar de tantas mentiras repetidas, é que non hai nin tan sequera unha mínima correspondencia entre o número de persoas que usan o galego no seu día a día e os niveis de utilización deste idioma nos sectores industriais, comerciais e financeiros, especialmente nos usos considerados máis formais, como a rotulaxe ou a publicidade. Así mesmo, tampouco existe unha consciencia sobre a existencia de dereitos lingüísticos neste ámbito, que se deben garantir e respectar.

A pesar do dito polo novo presidente da Xunta no seu debate de investidura, as persoas que queremos vivir en galego tamén temos dereitos individuais. Aínda que non se note porque non podemos exercelos, si, temos dereitos lingüísticos individuais. Os poderes públicos deberían encargarse de garantilos e non de negalos e dificultalos. Esta última é a incívica proposta do novo mandatario de Galiza, que non cansa de camuflala entre citas poéticas e cínicas alusións á “liberdade” e ao “bilingüismo”.

Ameazas e difamacións

Carlos Negreira, o portavoz do PP na Coruña, inventou o ano pasado que A Mesa enviara 500 cartas “ameazantes” a empresas desa cidade. Desde a asociación retouse a que se mostrase unha soa desas supostas misivas, mais ningunha apareceu, porque tales comunicacións sinxelamente non existiron. Mais o bulo continuou collendo a forma de lenda urbana potenciada por algúns medios. Mesmo unha asociación creada para atacar o galego se puxo en contacto por escrito con todas as empresas radicadas nese concello para advertilas da posibilidade de recibiren escritos da Mesa. Estaba servida a creación fantasiosa e difamatoria dunha asociación radical, agresiva e malencarada con actuacións case mafiosas para “impor” o galego.

A verdade é que desde esa entidade cidadá, desde A Mesa, si se enviaran cartas, mais en absoluto ameazantes, a empresas que discriminaran a traballadoras/es ou clientas/es por usaren o galego, en situacións que calquera persoa cun mínimo espírito cívico rexeita sen dubidar. Por exemplo, o caso do xefe de sección que insultou a unha traballadora de Carrefour coa denigrante frase “¡Burra, no hables lenguas menores!” (e tras cuxa denuncia a empresa anunciou a adopción de medidas), a pediatra do Hospital Modelo que recriminou a unha nai e o seu fillo coa frase “A mí no os dirijáis en gallego” ou o caso da Imprenta Porvén da cidade herculina, que cobraba un sobreprezo no caso de que os traballos se solicitasen en galego. No último caso, A Mesa tivo coñecemento a través de dúas comunicacións: primeiro, dunha parella que quería realizar o convite de voda e, despois, dunha familia que quería facer o recordatorio da Primeira Comuñón. En ambas as situacións, o prezo incrementábase por quereren usar o galego, como se a tinta fose máis cara por utilizaren este idioma.

Son os tres antes citados casos de vulneración de dereitos lingüísticos individuais recoñecidos polas propias empresas e que non suscitaron ningún tipo de medida nin acción por parte do PP, sempre tan preocupado en levar ao Parlamento e á axenda mediática casos de supostas carencias de liberdade para usar o español. Estas tres situacións producíronse nos últimos meses, en pleno século XXI, e son mostras de que é necesaria a adopción de medidas por parte dos poderes públicos.

Nesa mesma liña de diagnose e propostas de acción ía tamén o Plan xeral de normalización da lingua galega, que temos que lembrar que foi aprobado no anterior mandato do PP e coa unanimidade de todo o Parlamento galego. No Plan fálase da necesidade de potenciar as axudas económicas directas ás empresas para a promoción do galego, algo que non debe ser coa idea de que as subvencións se eternicen, senón para facilitar a tradución e posta en andamento da actividade na lingua do país.

Recoñecer dereitos

Outra das medidas do Plan aprobado por PP, PSOE e BNG é promover unha iniciativa lexislativa que recoñeza mellor os dereitos lingüísticos dos consumidores e usuarios. Nese xusto camiño estaban dúas propostas legais realizadas polo bipartito mais que o adianto electoral impediu que chegasen a ser promulgadas, tras un longo proceso de negociación entre as dúas forzas que sustentaban o goberno. Estas mudanzas lexislativas corrixirían unha discriminación tamén comparativa. O galego é a única lingua do Estado que carece dunha regulación que impida a súa exclusión no sector comercial e empresarial, por exemplo sinalando que debe estar presente nalgúns espazos ou que ao menos determinados estabelecementos deben ter persoal capacitado para atender ao público en galego. O PP gobernou nas Illes Balears cunha lexislación que sinala iso para o catalán.

Falaba Alberto Núñez Feijóo de dereitos lingüísticos individuais. Pois resulta que as medidas que por aí se encarreiran son xustamente para garantir dereitos lingüísticos individuais non só para as persoas que queiran desenvolver a súa vida en castelán, senón tamén para quen, lexitimamente, quere poder vivir en galego, algo que non lle fai dano nin prexudica a ninguén.

Servizos públicos

Hoxe non está garantido que unha persoa poida realizar con normalidade as xestións empresariais máis habituais sen ter que renunciar ao uso do galego. Nin tan sequera na maioría dos servizos públicos. Iso é algo que constatou tamén o Consello de Europa no seu último informe sobre a situación lingüística en Galiza. Cómpre lembrar que a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias sinala que servizos como a telefonía, ou o fornecemento de electricidade e gas, tanto se son proporcionados polo Estado como se se trata de concesións ou autorizacións administrativas, deben ter cláusulas de dereitos lingüísticos, nomeadamente garantindo a atención ao público e a facturación en galego.

Porén, na actualidade tamén a maioría dos servizos públicos vulneran tales dereitos individuais. Son moi pouquiñas as compañías telefónicas que ofrecen servizo en galego e nalgún caso ofréceno nunha situación de franca precariedade: a algunhas horas e con escasísimo persoal. A día de hoxe, mesmo hai empresas gasísticas que non recoñecen a validez dos escritos en galego e que obrigan a que a clientela que chama ao servizo de apoio ao cliente teña que expresarse exclusivamente en castelán.

Non sería lóxico, xusto e o máis democrático que estivese regulada e garantida a opción de poder comunicarse e recibir información tamén en galego nestes casos? Pódese considerar que realmente é (co)oficial unha lingua na cal unha empresa che diga que non te podes expresar se queres recibir o correspondente servizo? Por que as persoas que queremos vivir en galego non temos garantidos eses dereitos lingüísticos individuais? Estas son algunha preguntas que Alberto Núñez Feijóo non formula e que cómpre que nos fagamos.

18 de abr. de 2009

948 anos e 2 días

Antonte foi o aniversario do matrimonio homosexual máis antigo do que se conserva documentación en territorio galego. O 16 de abril de 1061, Pedro Díaz e Muño Vandilaz uníronse nun lugar que probabelmente estea situado no que hoxe é o concello de Rairiz de Veiga.

Como xa dixen noutras ocasións, o feito de que sexa o matrimonio máis antigo entre dous homes do cal teñamos testemuño en Galiza non quere dicir que fose realmente a unión institucional homosexual máis antiga, senón que as probas doutras unións non chegaron até nós.

Para o 2011, será o 950 aniversario desta unión. Unha efeméride en cifra redonda que merece algún preparativo especial, non si?

15 de abr. de 2009

Mesas redondas en Vigo e A Coruña

Esta semana participo en dúas mesas redondas de asistencia libre, en Vigo e na Coruña, en cadansúas xornadas sobre a situación da nosa lingua organizadas polos Comités de estudantes:

Hoxe (15 de abril) en Vigo, no local 5 de asociacións do Edificio Miralles (Cidade Universitaria):
16.00 h – Mesa redonda: “A situación actual do galego”.
Participo con Xosé Lastra (presidente de Nova Escola Galega) e Fernando Ramallo (profesor da Universidade de Vigo).

Esta sexta (17 de abril) na Coruña (Facultade de Filoloxía):
13:30 h
O galego nos medios de comunicación. Esquecemento ou ocultación?
Participo con Xosé Manuel Pereiro (decano do Colexio de Xornalistas de Galiza) e Blanco Valdés (profesor de dereito e columnista).

Información sobre os programas completos, que son ben interesantes, no web dos Comités.

13 de abr. de 2009

O dereito a unha atención en galego

O artigo desta semana en Galicia Hoxe versa sobre o dereito a recibir a atención en galego nas administracións e empresas públicas. É importante activármonos e solicitar este dereito básico de forma constante, aínda que procurando sempre que for posíbel a complicidade da traballadora ou do traballador público. Trátase, reiterémolo, de exercer un dereito, e como tal debe ser entendido, polo que cómpre non entrar en discusións inútiles e queimantes nin enfadarse.

No caso de que se facilite a atención en galego, é recomendábel agradecelo con naturalidade ao final da xestión. Se non se garante o dereito, podes presentar unha queixa por escrito (aquí tes un modelo para calquera departamento da Xunta) ou pórte en contacto coa Liña do Galego no teléfono 902 10 64 74 ou no correo-e linhadogalego@amesanl.org, que tramitará a queixa por ti. O aconsellábel, así e todo, é facer ambas as cousas: presentar primeiro un escrito na propia administración ou empresa pública e transmitirlle despois este mesmo escrito á Liña do Galego para que lle dea forza e o recolla tamén (anonimamente) no seu informe anual sobre dereitos lingüísticos en Galiza, co cal poderá ter triplo eco e capacidade para mudar as cousas.

E, sobre todo, lembra que se nós non nos activamos na defensa dos nosos dereitos lingüísticos, ninguén o fará por nós. Está na nosa man mudar as cousas.

O dereito a unha atención en galego
Unha vulneración diaria de dereitos lingüísticos nas administracións


Se unha cidadá chega a unha xanela dunha administración, lle falan en galego e solicita que se dirixan a ela en castelán, que acontecería? Seguramente nada en especial. Ninguén discutiría se ten dereito a realizar esa petición e o traballador que represente aí á Administración pasarase ao español para garantir ese dereito de atención regulado por lei para a lingua oficial do Estado.

Imaxinemos agora a situación inversa. Que acontece se esta mesma persoa é atendida en castelán e solicita que as xestións con ela se realicen en galego? Se alguén pensa que sucederá o mesmo que no parágrafo anterior, que feche o periódico un momento e faga a proba nas dependencias públicas máis próximas. En primeiro lugar, será moi habitual que comece un debate sobre a lexitimidade desa solicitude. Sairá a relucir un inexistente “dereito persoal” do traballador ou traballadora da Administración a non utilizar o galego, talvez se comente o caso en alto como unha hipotética “imposición” (habería que preguntar a quen), quizais se entren en debates ideolóxicos fóra de lugar...

Hai ocasións nas cales se producirá a mudanza sen problemas, iso é certo, mais na maioría dos casos ese será máis ou menos o panorama. E, en fin, tras o desagradábel debate non se garantirá o dereito que a lexislación estabelece tanto para o castelán como para o galego, a lingua propia de Galiza.

Esta grave irregularidade, que nega nos feitos diarios a cooficialidade do galego e supón un pésimo servizo, permanece sobre todo pola inacción das propias administracións para mudaren a situación. Sabe, por exemplo, un/ha traballador/a da RENFE que en Galiza toda a cidadanía ten o dereito a ser atendida non só en castelán, senón tamén en galego? Tomáronse medidas para que o saiban e para que poidan desenvolverse con fluidez e comodidade en galego? A resposta está presente no último informe do Consello de Europa sobre a situación lingüística en Galiza: non, nada se fixo, a pesar de que existe a obriga de que o fagan. Por certo, tal obriga foi asumida polo Estado español perante este organismo europeo intergobernalmental cando o PP contaba con maioría absoluta tanto na cámara galega como no Congreso de Madrid.

Puxemos o exemplo de RENFE como poderiamos pór o de Correos, da Universidade da Coruña, do Concello de Ferrol, da sede da Xunta en San Caetano ou calquera centro do SERGAS. Só uns poucos concellos en Galiza tomaron algunha medida para tentaren garantir o cumprimento do mandato legal de que a atención oral tamén sexa en galego.

Imposición a quen?

É moi esclarecedor que sexan os supostos defensores do bilingüismo os que digan que as persoas que traballan na Administración non teñan a obriga de coñecer máis que o castelán. Non é que pensen que “bi” signifique “un”, senón que consideran que tal bilingüismo só se debe aplicar a quen quere vivir en galego. Se falas en castelán, debes ter dereito a facelo todiño todiño en castelán e, de ser posíbel, non ver o galego máis que como un adobío secundario tutelado polo español que, cando deixa de ser flor, molesta. Se queres vivir en galego, pois aí si que debes ser bilingüe, pois o teu é un complemento circunstancial do castelán, lingua de primeira e disque lingua común, como se a sociedade galega non existise.

Hai quen afirma, sen ningún rubor perante tal manifestación de racismo lingüístico, que calquera medida para garantir as competencias comunicativas do funcionariado tamén en galego é unha “imposición”. O castelán, novamente, sería algo “natural” e “libre”; o galego, “artificial” e “imposto”. Son os mesmos que falan de “radicais” ou “talibáns” cando unha parte importante de galegas e galegos solicitan que se cumpra unha verdadeira oficialidade da lingua propia. Tal oficialidade pasa por exemplo porque en todas as dependencias públicas se poida falar e recibir resposta neste idioma, como un dereito individual básico. Parafraseando e desmontando o cinismo de Alberto Núñez Feijóo, sería unha cuestión de “liberdade lingüística”, que hoxe só non está garantida para quen quere exercer como galega ou como galego.

Oferta positiva

A normativa que regula o dereito de atención en galego é estatal. Trátase da lei 7/2007, do Estatuto Básico do Empregado Público que, a través dunha emenda do BNG no Congreso, recolle o dereito cidadán a recibir atención tamén en galego, catalán e vasco. Afecta ao conxunto do persoal funcionario e laboral que está ao servizo da Administración Xeral do Estado, da Xunta, dos concellos, das universidades públicas, así como organismos, axencias e demais entidades de dereito público con personalidade xurídica propia, vinculadas ou dependentes de calquera destas administracións, como Correos, a Axencia Tributaria ou RENFE. En concreto, no artigo 54.11 desta lei sinálase que os empregados públicos “garantirán a atención ao cidadán na lingua que o solicite sempre que sexa oficial no territorio”, como é o caso do galego.

Tres anos antes, o PP, o PSOE e o BNG aprobaban en Galiza o Plan xeral de normalización da lingua galega, que tamén abordaba a cuestión. Porén, estes aspectos non foron desenvolvidos nin aplicados, tampouco polo bipartito, que nesta cuestión actuou cuns complexos que non se corresponden coa campaña de demonización que padeceu.

O Plan falaba de “oferta positiva” como unha das súas liñas estratéxicas. A tal “oferta positiva” consiste, segundo o texto ratificado polo Parlamento, “na adopción do galego como lingua de contacto inicial entre a persoa que representa a Administración (...) e o cidadán”. Así, “fronte ao hoxe habitual (...), quen atende (...) o cidadán inicia o contacto en lingua galega e mantense nela mentres o interlocutor non amose indicios de que prefire comunicarse noutra lingua. A Oferta positiva desinhibe o galego do interlocutor, permítelle saír da ocultación, facilita que a conversa poida continuar nesa lingua, se o cidadán (...) o desexa, e elimina de raíz a barreira rutineira pola que un (...) cidadán lle oculta o seu galego a todo aquel que aparece revestido de máis poder (...) ou autoridade.”

A cuestión é importante, e por iso encabeza a relación de medidas concretas que a Administración debería desenvolver, en concreto: “Pór os medios necesarios a disposición do funcionariado para un mellor cumprimento do dereito constitucional que asiste ao cidadán a ser atendido en galego”, “Estabelecer que as respostas telefónicas da Administración a todo cidadán deben ser, en principio, en galego” e “Estabelecer o galego como lingua de contacto inicial entre o funcionariado e os administrados nas relacións presenciais”.

Estas tres medidas, hoxe aínda no limbo, parten do principio básico de que o galego, como lingua propia de Galiza, debe ser preferente na Administración, aínda que, con toda lóxica, se salvagarde o dereito individual a expresarse e recibir información en castelán. A iso é ao que apunta o artigo 5 do Estatuto de Autonomía que sinala como obriga dos poderes públicos potenciar o galego e garantir o seu uso normal e oficial.

Actuemos

Para mudarmos isto, todas e todos temos un papel crucial. Se cada vez que realizamos unha xestión coa Administración pedimos que se utilice o galego, avanzaremos moitísimo. É un dereito que temos recoñecido e que está na nosa man conseguir que se garanta, como galegas e galegos que queremos continuar a exercer como tales. Para iso, é moi importante que sempre se formule a petición procurando a complicidade, sorrindo, mais sen entrar en ningún debate agresivo nin enfadarnos, algo que non só non solucionaría o problema, senón que podería acabarnos queimando. Mais, claro, temos que lembrar que se nós non facemos esa solicitude, ninguén a fará por nós. Ninguén.

12 de abr. de 2009

Mari Trini

Como sabedes, esta semana faleceu Mari Trini, que estaba e está presente decote no repertorio musical de boa parte do ambiente gai. O mítico HS de Santiago de Compostela tíñaa como un referente e nestes días cando menos o Coffeepop e o Forum tamén a lembraron con "Yo no soy esa":

11 de abr. de 2009

Quero inventar o meu próprio pecado

"Cálice" é un dos temas xeniais do Chico Buarque, que nesta versión interpreta a dúo co Milton Nascimento. A canción foi censurada durante a ditadura brasileira, co argumento de que "cálice" e "cale-se" se pronuncian igual.



Pai, afasta de mim esse cálice
Pai, afasta de mim esse cálice
Pai, afasta de mim esse cálice
De vinho tinto de sangue

Pai, afasta de mim esse cálice
Pai, afasta de mim esse cálice
Pai, afasta de mim esse cálice
De vinho tinto de sangue

Como beber dessa bebida amarga
Tragar a dor, engolir a labuta
Mesmo calada a boca, resta o peito
Silêncio na cidade não se escuta
De que me vale ser filho da santa
Melhor seria ser filho da outra
Outra realidade menos morta
Tanta mentira, tanta força bruta

Pai, afasta de mim esse cálice
Pai, afasta de mim esse cálice
Pai, afasta de mim esse cálice
De vinho tinto de sangue

Como é difícil acordar calado
Se na calada da noite eu me dano
Quero lançar um grito desumano
Que é uma maneira de ser escutado
Esse silêncio todo me atordoa
Atordoado eu permaneço atento
Na arquibancada pra a qualquer momento
Ver emergir o monstro da lagoa

Pai, afasta de mim esse cálice
Pai, afasta de mim esse cálice
Pai, afasta de mim esse cálice
De vinho tinto de sangue

De muito gorda a porca já não anda
De muito usada a faca já não corta
Como é difícil, pai, abrir a porta
Essa palavra presa na garganta
Esse pileque homérico no mundo
De que adianta ter boa vontade
Mesmo calado o peito, resta a cuca
Dos bêbados do centro da cidade

Pai, afasta de mim esse cálice
Pai, afasta de mim esse cálice
Pai, afasta de mim esse cálice
De vinho tinto de sangue

Talvez o mundo não seja pequeno
Nem seja a vida um fato consumado
Quero inventar o meu próprio pecado
Quero morrer do meu próprio veneno
Quero perder de vez tua cabeça
Minha cabeça perder teu juízo
Quero cheirar fumaça de óleo diesel
Me embriagar até que alguem me esqueça

10 de abr. de 2009

No resplandor das horas

Un dos mellores poemas da nosa literatura recitado pola voz da súa autora, unha das nosas mellores poetas. Mágoa do pequeno problema de son que ten a gravación:



No resplandor das horas
son o escriva sentado
e agardo a que o dia esqueza
na miña tabuleta
un risco diagonal, o rosto dun efebo,
algo de sangue e espécias,
o aroma da artemisa,
as coxas imantadas dunha muller que danza.

Inábil para a vida,
transcrevo o que me excede,
fixo en trazos esguios o amor e os seus detrítus,
a contracción das bocas no leito e na batalla,
as pupilas dos gatos.

Que os deuses me perdoen a renúncia
ao caudal da existéncia:
deixo escoar as águas entre os dedos
e a miña xuventude,
e en tanto dilapido os meus minutos
reteño outras histórias,
acaparo outros corpos
e aos seus membros precários dou a forma do eterno.

Quizais un dia futuro,
cando as fauzes do tempo
tiveren devorado a miña carne
e a dos vermes da miña carne
e a xerazón seguinte,
alguén descorra o pó da tabuleta
e no fulgor extinto dos seus signos me descifre,
para saber que eu fun o efebo e a donzela,
o elmo do guerreiro,
a raiz da artemisa,
a sede do felino,
o crisantemo.

(Livro das devoracións, Pilar Pallarés)

9 de abr. de 2009

Outra de Ellos: "Imposible"

Teño que escribir o artigo para Galicia Hoxe para a segunda feira da semana que vén, así que actualizo con algo lixeiriño, compartindo convosco a canción "Imposible" de Ellos, grupo que agardo ir ver o día 25 no Playa Club da Coruña. Hai que ir repasando o repertorio e este é un tema que cantei moito ultimamente. Aí vai:

8 de abr. de 2009

A Quinta-feira Maior como metáfora da homofobia

Mañá é Quinta-feira Maior ou Xoves Santo, o día que a tradición cristiá conmemora a última cea, as dúbidas de Xesús perante o seu futuro, a traizón a mans dos seus e a súa posterior tortura, como é ben sabido. Fermín Bouza Brey ten un tremendo poema que se intitula xustamente coa denominación desa efeméride santificada. Pertence o texto ao libro Seitura, que se publicou en Portugal en 1955 aplicando as normas ortográficas e morfolóxicas dese estándar na altura.

Varios dos poemas desta obra, como o que a seguir se cita, teñen un pesimismo e un masoquismo adoecido que non só se deben pór en relación co contexto fascista (violencia, exilio, prohibición dos símbolos nacionais, manipulación como norma da opinión pública etc) senón tamén coa lenda negra de carácter homofóbico que se foi tecendo á volta do seu autor e que o rodeou con especial insistencia desde finais da década de 40, contribuíndo de xeito decisivo a facelo terminar coa súa brillante carreira como maxistrado. Polo medio, traizóns de supostos amigos ou colegas como Xosé Filgueira Valverde e unhas sátiras patriarcais e difamatorias contra el escritas por Celso Emilio Ferreiro.

Así, ese grande home que foi Fermín Bouza Brey non só foi un exilado no interior dunha Galiza decapitada, senón tamén nun mundo patriarcal, fondamente homófobo, que o estigmatizou como "maricón". O cripticismo simbólico, a autocensura, a desesperanza polo mantemento dun segredo inconfesábel, o reflectimento dunha hostilidade social e a cosmovisión culpabilizada e atormentada teñen a ver con esta vivencia da homofobia.

Tal identificación de Bouza non só ten importancia para vermos as relacións de xénese histórico-biográfica destes poemas, senón tamén a súa recepción, nun momento no cal no campo literario galego o espazo público e o espazo privado conflúen plenamente.

O propio rexime sexual é o que sustenta a imaxe de vitimización sublimada pola vía relixiosa que se nos presenta en "Quinta-feira Maior". O segredo é tan xigantesco que deus parece como o principal destinatario que se procura, aínda que non sexa como redentor. Estamos diante dunha poesía terapéutica, confesional, necesariamente solipsista, característica de grupos marxinalizados. É unha poesía escrita desde o estigma da homofobia.


Quinta-feira Maior
Y en la noche del huerto me han sido
Juan cobarde y el Ángel hostil
(Gabriela Mistral)
Olivedos do insómnio, meus ortos de oração
onde ateiga seu cálice meu esprito em paxião,
cando baixará o Anjo da minha redenção?

Vim ajejar ao Judas sob das sombriças pôlas.
Da soldadesca ao longe oucem-se as riandolas
e chega-me o balbordo das brutaes parolas.

Os meus discipres dormem deica o raiar do dia,
alhêos à tremenda feição da treidoria,
e a lua nos seus rostos põ somas de agonia.

Pai celeste, que sabes do meu immenso pranto,
e co'il me acarinhache na força do crebanto,
porque eissi me abandonas no meio de iste espanto?

O cálice reverque. Eu pido a minha cruz.
Eu quero a minha croa de arnales tojos nus,
mais o vinagre azedo que queimou a Jesus...

E si dempois não mandas que haja pra mim Tabor,
nim que me sente à beira de Cristo Redentor,
senão que eternamentes sinta penas e dôr,

que grória pode haver como o sofrir, Senhor?


Como vemos, o suxeito lírico identifícase aquí, ante unha situación de traizón, desacougo e medo, co Xesús Cristo de Xetsemaní, a través dun ritmo salmódico, de oración relixiosa que cómpre ler devagariño. O seu ton confesional é o propio dun acontecemento íntimo que hai que desvelar a media voz, en palabras de Ramiro Fonte no seu estudo Fermín Bouza Brey e a súa obra literaria (Galaxia, Vigo, 1992).

Aínda sentíndose como o mesías bíblico, fáltalle o sobrenatural (o anxo). Si coñece a quen o traizoou (v. 4), para alegría da xustiza (v. 5), ao facer correr os rumores, as "brutaes parolas" (v. 6). A aceptación submisa do sufrimento é tal que, cando menos liricamente, se manifesta o desexo de vivilo aínda que non haxa recompensa de ultratumba nos designios divinos, senón que todo sexa unha eterna expurgación. Non é até a estrofa quinta que o eu se desvela como un eu que se quere identificar de vez co poeta, non con Xesús.

A referencia ao inefábel e a recorrencia da relixión son dous elementos presentes reiteradamente no libro Seitura. Tamén o número de poemas escolmados para a edición é significativo: 33, máis a dedicatoria "A Emilia", separada mesmo tipograficamente do resto. Dun punto de vista cabalístico, o número 33 é moi importante, pois estes son os anos que se supón que viviu Xesús Cristo. É unha cifra que evoca o martirio, o sufrimento, cargada semioticamente nos países de cultura católica como é o noso.

7 de abr. de 2009

Mírome ao espello...


Esta composición tan linda e tan chic é un galano do fotógrafo Paulo Filgueiras Fachal. Digo o segundo apelido porque hai outro Paulo Filgueiras, brasileiro, que lle fai a competencia nesa arte. A instantánea tomouse, se non me confundo, a comezos do outono pasado no funicular que fai o camiño cara ao Tibidabo.

Os versos de abaixo, coa letra do Paulo, son tirados do irreverente libro Sucios e desexados, de Antón Lopo (daquela, asinado como Antón R. López), polo cal temos ambos especial predilección e que pode ser unha boa e heterodoxa lectura para estes días de Semana Santa, se é que aínda non o tivestes nas vosas mans. Se o lestes ou o ides ler, xa diredes por aquí o que vos pareceu.

6 de abr. de 2009

Dereitos lingüísticos na sanidade


O artigo desta semana en Galicia Hoxe aborda a situación lingüística na sanidade, tendo en conta varias noticias reveladoras aparecidas nos medios de comunicación a semana pasada. A ese respecto, quero lembrarvos que na Mesa hai unha campaña activa sobre a situación do galego no SERGAS e na cal cómpre a participación de todas e de todos. Non debemos caer no erro de pensar que outras persoas o farán se nós non o facemos. Colabora na campaña!

Dereitos lingüísticos na sanidade
A imposición do castelán nos servizos sanitarios galegos

Hai algúns anos, varios medios de comunicación fixéronse eco da noticia dun paciente do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago que se queixaba porque sentía vulnerados os seus dereitos lingüísticos e que tivera unha atención de baixa calidade por ese motivo. Radios e diarios comentaran o caso e difundían as súas queixas. Tratábase dun peregrino que se lamentaba da escaseza de persoal que o podía atender en inglés. Se a falta de atención en galego fose unha noticia, os medios de comunicación non poderían falar doutra cousa. É que hai máis dereito a ter en Galiza unha atención en inglés que a tela en galego?

Veume á cabeza esta anécdota despois dunha outra noticia que estes días deron tamén os medios. No Senado, o PSOE e o PP (este, nunha reviravolta de última hora) impediron que prosperase unha iniciativa que tiña por obxectivo que os exames de acceso a médica/o interna/o residente (o famoso MIR) puidesen tamén, para quen así o quixer, facerse en galego. Vaia, que o Senado respaldou que se mantivese a imposición pura e dura de que tales probas se teñan que desenvolver en castelán. Vese, aí, máis unha vez, que os autoproclamados bilingüistas só usan o “bilingüismo” como unha camuflaxe politicamente correcta para tentaren erradicar todo o que non sexa o castelán. Vese tamén, no caso do PP, que a Núñez Feijóo non lle durou a súa defensa da “liberdade lingüística” nin tan sequera ao día da súa toma de posesión como presidente da Xunta.

A lenda do doutoramento

Esta realidade da imposición do español contrasta coa propaganda demagóxica que decote temos que ler e ouvir dicindo que “nas oposicións para o persoal sanitario un curso de galego pode valer máis que un doutoramento”. Non din que, nestes casos, o galego é só un mérito (algo que se computa en maior ou menor grao, mais que podes non ter), mentres que o castelán é un requisito (algo sen o cal non podes participar). Vaia, que se non acreditas o coñecemento do castelán (o MIR só pode ser en castelán, por exemplo), de nada che vale ter nove doutoramentos en Harvard e dominar outros sete idiomas. Se non acreditas o coñecemento do castelán, non podes entrar. Porén, iso non se di.

Hai un mes e medio, asistín a un debate nunha televisión en Madrid no cal criticaban unha situación de “imposición do éuscaro en Euskadi”, segundo o cal o Goberno vasco tentaba primar persoal do servizo público de saúde que soubese non só castelán, senón tamén a súa milenaria lingua propia. Que forma de demagoxia formular iso como unha imposición! É posíbel un servizo público de saúde de calidade no cal os enfermeiros e as doutoras poidan non entender os seus pacientes?

Canarias, Balears e Murcia

Con certeza, tanto os servizos sanitarios galegos como os doutras zonas do Estado español teñen ben de problemas por resolver, mais a garantía de dereitos lingüísticos tamén está aí como unha cuestión importante. Non é só que o poidamos lembrar falantes de linguas minorizadas, como o galego, tamén noutro sentido acontece co castelán. Por exemplo, hai médicos que poden ser contratados sen pasaren o MIR, tanto para o ámbito privado como tamén para o público. Así, nalgúns lugares, especialmente con enclaves británicos ou alemáns importantes, hai facultativos, en territorios que teñen o castelán como lingua oficial e história, que non saben castelán. É o caso por exemplo das Illas Canarias, onde o Colexio de Médicos de Tenerife agarda que o parlamento do arquipélago aprobe por unanimidade unha iniciativa para que “o persoal sanitario, principalmente médicos homologados procedentes doutros países con idiomas diferentes ao español, se expresen de xeito que poidan ser comprendidos e á vez entendan o idioma español, co fin de garantir unha atención de calidade aos usuarios do sistema público”. O Colexio non escatima críticas contra estes médicos, que seguramente só falen inglés ou alemán. Din que non saber o castelán “supón unha merma grave na calidade asistencial” e que “a comunicación médico-paciente é fundamental para estabelecer unha boa diagnose, para o cal, como é obvio, é imprescindíbel coñecer e dominar perfectamente o idioma do paciente, feito que non se estaba a dar nestes casos”. A opinión do Colexio de Médicos de Tenerife, que reflectiron varios medios a semana pasada, concluía afirmando que “supón un grave risco para o paciente e o médico que se arrisca a cometer erros graves por falta de comunicación co seu paciente”.

Creo que calquera persoa pode estar de acordo coas ideas expresadas polas doutoras e os doutores de Tenerife e agardo que o seu parlamento respalde a súa proposta coa unanimidade que eles solicitan. O que xa non podo entender é por que se nas Illes Balears queren facer o mesmo e garantir que o seu persoal sanitario coñeza as dúas linguas oficiais do territorio (o catalán e o castelán), resulta que se fala dunha imposición do catalán.

Reparemos en que as tres noticias son da semana pasada: a votación no Senado contra a posibilidade de que as oposicións do MIR se poidan facer tamén en galego, o comunicado do Colexio de Médicos de Tenerife e a campaña mediática contra a posibilidade de que no servizo público de saúde balear tamén (subliño: tamén) se deba saber a lingua catalá.

En relación co caso do arquipélago do Mediterráneo, o servizo murciano de saúde enviou un comunicado ofrecéndose a contratar as médicas e os médicos que se neguen a entender o catalán, como se nas Balears falasen a súa lingua por incomodar. Deixando á marxe se tal ofrecemento pode rozar por dentro ou por fóra a prevaricación, cómpre deterse un bocado nas palabras da conselleira de sanidade de Murcia: “nesta rexión non se lles vai exixir ningún tipo de acreditación en referencia aos idiomas que falen para traballar como profesionais da medicina, senón tan só o uso correcto do castelán”. En Murcia exixirán, como ela mesma o di, a lingua dese territorio: o castelán. Por que unha persoa das Balears non pode ter o dereito a ser atendido na súa lingua e unha persoa de Murcia si é algo que non explican.

Sen dereito ao galego

En Galiza non está garantido por ningunha vía que o persoal sanitario teña que coñecer as dúas linguas oficiais, senón unicamente o castelán. Trátase dunha inxustiza, unha discriminación histórica á cal os sucesivos gobernos autonómicos non lle deron solución.

Porén, na anterior lexislatura en que gobernou o PP, na derradeira maioría absoluta de Manuel Fraga Iribarne, recoñeceuse a través do Plan xeral de normalización da lingua galega que tal situación debería mudar. Nese Plan púñase como referencia o caso de Finlandia, país que estabelece que, de non haber no centro máis próximo persoal sanitario que fale a lingua do paciente, o Estado debe encargarse dos gastos de trasladar o doente a outro hospital onde lle falen a súa lingua. Porque se trata con iso de manter a calidade do servizo e xa está demostrado desde ao menos o século XIX que a comunicación, o uso da palabra, favorece a recuperación e cura.

Mais aquí nin tan sequera se fala de tal reivindicación, senón de que se adopten as medidas para que o galego tamén estea presente nos servizos sanitarios, nomeadamente o SERGAS. A realidade é que nos escritos, nos avisos do día a día e na atención ao público (tanto presencial como telefónica), o sistema público galego de saúde exclúe de xeito aplastante a lingua propia de Galiza. A gravidade desta vulneración é maior se temos presente que a maior parte da poboación que acude ao SERGAS é falante de galego.

Temos a obriga, como galegas e galegos conscientes, de lograr mudar esta situación e que se garanta o noso dereito básico a unha sanidade de calidade, a unha sanidade na nosa propia lingua. Sen máis imposicións do castelán.

5 de abr. de 2009

Sosterse nas caídas

A pesar de que haxa quen me queira atribuír que o meu filme favorito é Mary Poppins, a realidade é que o meu persoal ránking cinéfilo está encabezado sen dúbidas por Dancer in the dark, de Lars Von Trier, bastante diferente á historia da institutriz máxica.

Nese filme, Björk interpreta maxistralmente á protagonista, Selma, unha emigrante centroeuropea nos Estados Unidos, nai solteira dun rapaz ao que lle transmitiu unha doenza conxénita pola cal ela mesma tamén está a ficar cega. A realidade que ten ao seu redor é moi dura, mais ela evádese e logra saír adiante imaxinando que é a protagonista dun musical. Calquera mínimo ruído sérvelle para iniciar unha melodía nun mundo fantasioso, máis colorido, no cal ela é a estrela. Para exprimir a emotividade ao máximo, nunha sorte de manipulación afectiva, sabemos que cada canción é só unha paréntese nos momentos de maior dureza.

En Dancer in the dark contrasta o ronsel do formato dogma do que acontece na realidade coa cámara estática e a iluminación dos inxenuos números de canto e danza que pasan polo seu maxín. Isto podemos velo ben nesta canción que hoxe poño aquí, "In a Musical" (ou "In the musicals"). O ruído dos debuxantes no xuízo ao que se ve sometida fan que a súa cabeza voe. No estrado, dá o seu testemuño o protagonista dos filmes musicais de que ela tanto gostaba e cuxo nome dera como o de seu pai, mentres ela está totalmente perdida, descuberta e indefensa. O contraste entre as súas fantasías e o que ocorre non pode ser maior, mais non pode deixar de pensar que el foi o que a sostivo cando caía e que sempre estará aí para sostela:



Why do I love it so much?
What kind of magic is this?

How come I can't help adore it?
It's just another musical!

No one minds it at all
If I'm having a ball
This is a musical

And there is always there to catch me
You are always there to catch me
There is always someone to catch me
There is always someone to catch me
When I'd fall

Why do I love you so much?
What kind of magic is this?

How come I can't help adore you?
You are in a musical

I didn't mind it at all
You were having a ball
At MY musical

And you were always there to catch me
You were always there to catch me
You were always there to catch me
You were always there to catch me
When I'd fall

I don't mind it at all
If you're having a ball
This is YOUR musical

And I'll always be there to catch you
I will always be there to catch you
I'll always be there to catch you
I will always be there to catch you

You always be there to catch me
And there's always someone to catch me
You always be there to catch me
You always there to catch me
When I'd fall

3 de abr. de 2009

I don't want to get over you

Magnetic Fields é un grupo liderado por Stephin Merritt, un músico moi interesante que trata decote o amor entre dous homes nos seus temas , que son tan lindos como o é este:



A letra da canción é moi boa:

I don't want to get over you.
I guess I could take a sleeping pill
and sleep at will
and not have to go through what I go through.
I guess I should take Prozac, right,
and just smile all night
at somebody new,
somebody not too bright
but sweet and kind who would try
to get you off my mind.
I could leave this agony behind
which is just what I'd do if I wanted to,
but I don't want to get over you cause
I don't want to get over love.
I could listen to my therapist,
pretend you don't exist
and not have to dream of what I dream of.
I could listen to all my friends
and go out again and pretend it's enough,
or I could make a career of being blue.
I could dress in black and read Camus,
smoke clove cigarettes
and drink vermouth
like I was seventeen
that would be a scream
but I don't want to get over you.

2 de abr. de 2009

Rúas e memorias

Ribeira ten aínda hoxe unha das súas rúas principais dedicada á cabeza visíbel da ditadura fascista que asolou o Estado español durante catro décadas. A chegada da democracia só fixo que a que antes figuraba como "Avenida General Franco" se consigne agora no letreiro como "Avenida Xeneral Franco". Esta galeguización non deixa de ter o seu punto de involuntario sarcasmo.

Moitas persoas e entidades desa miña vila levan anos dando a batalla para que desaparezan do rueiro os recoñecementos fascistas. Agardamos que a iniciativa do BNG de Ribeira, debatida no pasado pleno municipal, sirva para pór fin a unha irregularidade que, ademais, a día de hoxe, vai contra a Lei de Memoria Histórica.

Non deixa de ser curioso que, mentres o PP leva anos en Ribeira amparando este recoñecemento a un ditador, proteste en Moaña porque se lle dedique unha rúa a... Rosalía de Castro. Un cre que xa escoitou de todo, até que ve que un concelleiro desa formación política critica que se poña o nome da figura central da nosa literatura a unha rúa. O motivo? "Rosalía nunca pisou Moaña".

1 de abr. de 2009

Algúns textos interesantes

Hai textos que a un lle chaman a atención especialmente e que non pode deixar de recomendar. Seguramente quen pasades por aquí con frecuencia xa leríades estes artigos ou estas entradas en blogs; se non, recoméndovos que o fagades e, se tedes vagar, que me digades que foi o que vos pareceron:

- "O galego, o inglés e Feijoo", Miguel Anxo Murado, La Voz de Galicia, 12 de marzo de 2009.

- "A realidade explicada a nenas e nenos", Arturo Casas, Blog Lándoas, 12 de marzo de 2009.

- "O idioma como conciencia", Francisco Rodríguez, Xornal de Galicia, 15 de marzo de 2009.

- "Democracia", de Xoán Carlos Garrido, Vieiros, 27 de marzo de 2009.

- "De como un xornal bota abaixo un goberno", Carlos Neira, Blog Calidonia, 28 de marzo de 2009.

- Discurso de Xabier P. Docampo no acto de entrega dos Premios Irmandade do Libro 2008, reproducido no blog do autor, 28 de marzo de 2009.

- "O asalto contra as identidades", Henrique del Bosque, Vieiros, 30 de marzo de 2009.