6 de abr. de 2009

Dereitos lingüísticos na sanidade


O artigo desta semana en Galicia Hoxe aborda a situación lingüística na sanidade, tendo en conta varias noticias reveladoras aparecidas nos medios de comunicación a semana pasada. A ese respecto, quero lembrarvos que na Mesa hai unha campaña activa sobre a situación do galego no SERGAS e na cal cómpre a participación de todas e de todos. Non debemos caer no erro de pensar que outras persoas o farán se nós non o facemos. Colabora na campaña!

Dereitos lingüísticos na sanidade
A imposición do castelán nos servizos sanitarios galegos

Hai algúns anos, varios medios de comunicación fixéronse eco da noticia dun paciente do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago que se queixaba porque sentía vulnerados os seus dereitos lingüísticos e que tivera unha atención de baixa calidade por ese motivo. Radios e diarios comentaran o caso e difundían as súas queixas. Tratábase dun peregrino que se lamentaba da escaseza de persoal que o podía atender en inglés. Se a falta de atención en galego fose unha noticia, os medios de comunicación non poderían falar doutra cousa. É que hai máis dereito a ter en Galiza unha atención en inglés que a tela en galego?

Veume á cabeza esta anécdota despois dunha outra noticia que estes días deron tamén os medios. No Senado, o PSOE e o PP (este, nunha reviravolta de última hora) impediron que prosperase unha iniciativa que tiña por obxectivo que os exames de acceso a médica/o interna/o residente (o famoso MIR) puidesen tamén, para quen así o quixer, facerse en galego. Vaia, que o Senado respaldou que se mantivese a imposición pura e dura de que tales probas se teñan que desenvolver en castelán. Vese, aí, máis unha vez, que os autoproclamados bilingüistas só usan o “bilingüismo” como unha camuflaxe politicamente correcta para tentaren erradicar todo o que non sexa o castelán. Vese tamén, no caso do PP, que a Núñez Feijóo non lle durou a súa defensa da “liberdade lingüística” nin tan sequera ao día da súa toma de posesión como presidente da Xunta.

A lenda do doutoramento

Esta realidade da imposición do español contrasta coa propaganda demagóxica que decote temos que ler e ouvir dicindo que “nas oposicións para o persoal sanitario un curso de galego pode valer máis que un doutoramento”. Non din que, nestes casos, o galego é só un mérito (algo que se computa en maior ou menor grao, mais que podes non ter), mentres que o castelán é un requisito (algo sen o cal non podes participar). Vaia, que se non acreditas o coñecemento do castelán (o MIR só pode ser en castelán, por exemplo), de nada che vale ter nove doutoramentos en Harvard e dominar outros sete idiomas. Se non acreditas o coñecemento do castelán, non podes entrar. Porén, iso non se di.

Hai un mes e medio, asistín a un debate nunha televisión en Madrid no cal criticaban unha situación de “imposición do éuscaro en Euskadi”, segundo o cal o Goberno vasco tentaba primar persoal do servizo público de saúde que soubese non só castelán, senón tamén a súa milenaria lingua propia. Que forma de demagoxia formular iso como unha imposición! É posíbel un servizo público de saúde de calidade no cal os enfermeiros e as doutoras poidan non entender os seus pacientes?

Canarias, Balears e Murcia

Con certeza, tanto os servizos sanitarios galegos como os doutras zonas do Estado español teñen ben de problemas por resolver, mais a garantía de dereitos lingüísticos tamén está aí como unha cuestión importante. Non é só que o poidamos lembrar falantes de linguas minorizadas, como o galego, tamén noutro sentido acontece co castelán. Por exemplo, hai médicos que poden ser contratados sen pasaren o MIR, tanto para o ámbito privado como tamén para o público. Así, nalgúns lugares, especialmente con enclaves británicos ou alemáns importantes, hai facultativos, en territorios que teñen o castelán como lingua oficial e história, que non saben castelán. É o caso por exemplo das Illas Canarias, onde o Colexio de Médicos de Tenerife agarda que o parlamento do arquipélago aprobe por unanimidade unha iniciativa para que “o persoal sanitario, principalmente médicos homologados procedentes doutros países con idiomas diferentes ao español, se expresen de xeito que poidan ser comprendidos e á vez entendan o idioma español, co fin de garantir unha atención de calidade aos usuarios do sistema público”. O Colexio non escatima críticas contra estes médicos, que seguramente só falen inglés ou alemán. Din que non saber o castelán “supón unha merma grave na calidade asistencial” e que “a comunicación médico-paciente é fundamental para estabelecer unha boa diagnose, para o cal, como é obvio, é imprescindíbel coñecer e dominar perfectamente o idioma do paciente, feito que non se estaba a dar nestes casos”. A opinión do Colexio de Médicos de Tenerife, que reflectiron varios medios a semana pasada, concluía afirmando que “supón un grave risco para o paciente e o médico que se arrisca a cometer erros graves por falta de comunicación co seu paciente”.

Creo que calquera persoa pode estar de acordo coas ideas expresadas polas doutoras e os doutores de Tenerife e agardo que o seu parlamento respalde a súa proposta coa unanimidade que eles solicitan. O que xa non podo entender é por que se nas Illes Balears queren facer o mesmo e garantir que o seu persoal sanitario coñeza as dúas linguas oficiais do territorio (o catalán e o castelán), resulta que se fala dunha imposición do catalán.

Reparemos en que as tres noticias son da semana pasada: a votación no Senado contra a posibilidade de que as oposicións do MIR se poidan facer tamén en galego, o comunicado do Colexio de Médicos de Tenerife e a campaña mediática contra a posibilidade de que no servizo público de saúde balear tamén (subliño: tamén) se deba saber a lingua catalá.

En relación co caso do arquipélago do Mediterráneo, o servizo murciano de saúde enviou un comunicado ofrecéndose a contratar as médicas e os médicos que se neguen a entender o catalán, como se nas Balears falasen a súa lingua por incomodar. Deixando á marxe se tal ofrecemento pode rozar por dentro ou por fóra a prevaricación, cómpre deterse un bocado nas palabras da conselleira de sanidade de Murcia: “nesta rexión non se lles vai exixir ningún tipo de acreditación en referencia aos idiomas que falen para traballar como profesionais da medicina, senón tan só o uso correcto do castelán”. En Murcia exixirán, como ela mesma o di, a lingua dese territorio: o castelán. Por que unha persoa das Balears non pode ter o dereito a ser atendido na súa lingua e unha persoa de Murcia si é algo que non explican.

Sen dereito ao galego

En Galiza non está garantido por ningunha vía que o persoal sanitario teña que coñecer as dúas linguas oficiais, senón unicamente o castelán. Trátase dunha inxustiza, unha discriminación histórica á cal os sucesivos gobernos autonómicos non lle deron solución.

Porén, na anterior lexislatura en que gobernou o PP, na derradeira maioría absoluta de Manuel Fraga Iribarne, recoñeceuse a través do Plan xeral de normalización da lingua galega que tal situación debería mudar. Nese Plan púñase como referencia o caso de Finlandia, país que estabelece que, de non haber no centro máis próximo persoal sanitario que fale a lingua do paciente, o Estado debe encargarse dos gastos de trasladar o doente a outro hospital onde lle falen a súa lingua. Porque se trata con iso de manter a calidade do servizo e xa está demostrado desde ao menos o século XIX que a comunicación, o uso da palabra, favorece a recuperación e cura.

Mais aquí nin tan sequera se fala de tal reivindicación, senón de que se adopten as medidas para que o galego tamén estea presente nos servizos sanitarios, nomeadamente o SERGAS. A realidade é que nos escritos, nos avisos do día a día e na atención ao público (tanto presencial como telefónica), o sistema público galego de saúde exclúe de xeito aplastante a lingua propia de Galiza. A gravidade desta vulneración é maior se temos presente que a maior parte da poboación que acude ao SERGAS é falante de galego.

Temos a obriga, como galegas e galegos conscientes, de lograr mudar esta situación e que se garanta o noso dereito básico a unha sanidade de calidade, a unha sanidade na nosa propia lingua. Sen máis imposicións do castelán.

4 comentários:

  1. Magnífico artigo, Carlos. Ben sabes que sobre o tema da discriminación do galego na sanidade e a imposición (esta si) do español, eu podo contar moitos casos, precisamente porque o vivo dende dentro.
    Unha aperta e moito ánimo co teu traballo.

    ResponderExcluir
  2. Moitas grazas, Susana. Seguimos na loita, con máis folgos por nos sabermos máis necesarios que nunca neste labor de formiguiñas.

    Moito ánimo para ti tamén nos teus tantos traballos! Bico!

    ResponderExcluir
  3. Ola Carlos, parabéns polo post!
    Quixera poñerme en contacto contigo de xeito privado, tes algún mail dispoñíbel?
    Graciñas de xeito anticipado!

    Xabier

    ResponderExcluir
  4. Grazas, Xabier. Podes escribirme ao correo-e xeral da Mesa, que é amesa@amesanl.org e indicar no asunto que é unha mensaxe ao meu coidado.

    Unha apertiña.

    ResponderExcluir