13 de mai. de 2009

Igualdade de oportunidades


O artigo en Galicia Hoxe desta semana continúa coa reflexión sobre as discriminacións lingüísticas que se producen no noso país e que dan razón a mobilizacións como a deste domingo.

Igualdade de oportunidades
Continúan as discriminacións laborais contra galego falantes


A maioría da sociedade galega está anestesiada no que di respecto ás discriminacións lingüísticas contra os falantes de galego. Mesmo a maioría dos usuarios e das usuarias habituais deste idioma. Mesmo, aínda que sexa noutro grao, aquelas e aqueles máis conscientes que non queremos renegar ao noso dereito básico a podermos vivir no noso idioma e transmitirllo aos nosos fillos e ás nosas fillas. De repetida e sistemática, a exclusión naturalízase. O proceso de desnarcotización, que é sacar do armario o verdadeiro e diario conflito lingüístico, é fundamental para garantirmos un presente en dignidade e un futuro ao noso idioma e á nosa cultura.

A situación dos dereitos lingüísticos dentro do ámbito laboral é un bo exemplo de como recibe carta de cotidianeidade unha inxustiza. Porque non sempre se trata de insultos contra o cadro de persoal (lembremos ese repugnante “¡Burra, no hables lenguas menores!” que se denunciou o ano pasado) ou de despidos (lembremos o caso da xestoría de Pontevedra: “Ya te advertí de que no hablaras en gallego”).

Pola contra, na maioría dos casos temos que observar unha represión máis sibilina. Por exemplo, unha moza que chega a unha entrevista de traballo para unha empresa de venda de téxtil, que comeza a falar en galego e recibe como resposta unha cara seria e unha pregunta directa, que se explica por si soa: “¿Podrías hablarme en castellano?” ou “¿Es que no sabes hablar en castellano?” ou “¡¿Siempre hablas en gallego?!” Se a lección non estaba aprendida, para a vindeira ocasión xa o sabe. En Galiza, non existe igualdade de oportunidades no ámbito laboral para as persoas que queiran utilizar o galego con normalidade.

Cobertura legal

Cando o Parlamento de Galiza aprobou por unanimidade o Plan xeral de normalización da lingua galega recoñeceu esta problemática tan profundamente inxusta, polo que estabeleceu como un dos seus obxectivos “garantir o dereito dos traballadores a utilizaren a lingua galega nas súas relacións laborais”.

Tratábase, con iso, nin máis nin menos que de instar ao Goberno galego a que dese cobertura real, no día a día, a un principio que xa estaba recollido no artigo 4 do Estatuto dos Traballadores. Segundo alí se indica, as condicións laborais das traballadoras ou dos traballadores non se poden ver prexudicadas por falaren un ou outro idioma.

Os dereitos lingüísticos son formalmente amparados tanto no momento do acceso ao traballo como no posterior desenvolvemento da actividade laboral. Tamén no marco das relacións laborais se indica que se “entenderán nulas e sen efectos” aquelas normas que discriminen por razón de lingua. Nesta liña, no artigo 96.12 do Estatuto dos Traballadores antes citado dáselle a consideración de “moi grave” ás discriminacións por causa de idioma dentro do Estado español.

O problema chega á hora de concretar o exercicio deste dereito. Nas discriminacións lingüísticas no traballo, igual que nos casos de acoso laboral ou doutras discriminacións (por razón de sexo, cor da pel, opción sexual, etc), a persoa áchase nunha particular situación de indefensión para probar o sucedido, ademais de se ter que enfrontar á incomprensión de moita xente que non entende que o galego sexa un dereito básico e irrenunciábel.

A Capitanía de Burela

Esta semana coñeceuse o caso de dúas traballadoras e un traballador da Capitanía Marítima de Burela que sufriron e sofren acoso laboral ou mobbing no seu posto de traballo debido á súa petición de poderen utilizar o galego e reclamaren que esta administración faga uso tamén da lingua propia e cooficial de Galiza. A pesar de que arredor do 90% das mulleres e homes dese concello da Mariña falan en galego no seu día a día, o 0% (non falta ningunha cifra á dereita: o cero por cento) da documentación da Capitanía está nesta lingua.

Cómpre ter presente que as capitanías marítimas depende da Dirección Xeral da Mariña Mercante do Ministerio de Fomento. Entre outras competencias, teñen funcións vencelladas aos buques e embarcacións que manteñen a súa actividade en augas e portos galegos (tamén os de baixura e litoral que unicamente desenvolven aquí o seu traballo), labores de inspección de buques e embarcacións e xestións relacionadas coas súas tripulacións, como os enroles, titulacións etc.

Brais Fernández Prieto, Carmen Ferreiro Seoane e Manuela Arias Estévez solicitaron o cumprimento da lexislación lingüística a nivel galego e estatal, así como dos tratados internacionais sobre dereitos idiomáticos subscritos polo Estado, como a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias promovida polo Consello de Europa.

Durante cinco meses e medio, Brais, Carmen e Manuela tentaron resolver o problema por todas as vías internas que lles foi posíbel, petando nas portas de diferentes gabinetes do propio Ministerio de Fomento, na Oficina das Linguas Oficiais do Ministerio de Administracións Públicas, na Subdelegación do Goberno en Lugo... Reivindicaban algo tan cívico e elemental como o cumprimento da lei. Que os nosos nomes de lugar figurasen na súa única forma oficial, que é a galega. Que se aplicase a norma que fala da imaxe institucional da Administración Xeral do Estado, segundo a cal os impresos de solicitude que están ao dispor do público deben estar nas linguas cooficiais de Galiza e as cabeceiras dos documentos que se impriman tamén deben estar en galego etc. Que, en fin, a Capitanía Marítima asumise que o galego é a lingua propia de Galiza e que fose unha Administración que garantise os dereitos dos administrados e das administradas.

En troca de reaccionar como correspondería, corrixindo as irregularidades e tomando as medidas para que se cumprise a lexislación, recibiron unha resposta inxusta, xorda e agresiva. Aos tres traballadores prohibiúselles facer nada en galego e ordenouse retirar o único impreso que existía neste idioma, que fora traducido e elaborado por unha das persoas acosadas. As dúas traballadoras foron, a raíz disto, mudadas de posto sen recibiren nin instrucións de traballo nin ordes de aprendizaxe para as súas novas funcións. Ao traballador pasaron a marcarlle unhas pautas de actuación diferentes ás dos seus compañeiros, restrinxíndolle o acceso á información, dificultando as comunicacións coas persoas con que ten que estar en contacto para desenvoler o seu traballo etc.

Trátase dun caso claro de acoso laboral por razóns idiomáticas. Un mobbing lingüístico con todas as letras, que acarreou e está a acarrear consecuencias para a saúde destas persoas. De feito, dúas delas están agora mesmo de baixa por ansiedade.

Movámonos

Temos que movernos para que se corrixa esta inxustiza en concreto e para que en Galiza haxa igualdade de oportunidades tamén para todas as persoas que queren desenvolver a súa vida con normalidade en galego. Na convocatoria da manifestación do vindeiro domingo, en defensa do galego baixo o lema “O galego, a nosa columna vertebral”, estarán presentes os seus casos.

Teñen que saber que nas rúas de Santiago de Compostela se concentrará o 17 de maio unha forza que se vai expandir a partir desa data aínda con máis forza en todos os centros de traballo, concellos, colexios, institutos, rúas e parroquias. Teñen que saber que cando non contratan ou acosan ou despiden a unha persoa por falar en galego imos estar todas e todos aí. Pois cando discriminan a calquera muller ou a calquera home por falar en galego nos están a discriminar a todas e a todos. E non o imos permitir.

[Na fotografía, a conferencia de imprensa en Burela, coas dúas traballadoras e o traballador, representantes da CIG e CCOO e veciñas e veciños da localidade.]

4 comentários:

  1. Na Capitanía de Burela o que hay son tres mentirosos que din estar sendo acosados, cando o que realmente lles pasa e que van da man DA MESA dinamitando a pacífica convivencia que sempre existiu nesta CCAA. Deixade os galegos vivir en paz, non creedes terroristas.

    ResponderExcluir
  2. Reparemos na barbaridade e estulticia do anterior comentario. Defender os teus dereitos laborais e os teus dereitos lingüísticos é igual a crear terroristas.

    Polo demais, se tales mentiras coas que se pretenden difamar foren verdade, por que se tomaron accións desde o Goberno, se nada diso acontecía?

    Convivencia non é submisión, señor/a comentarista anónimo/a.

    ResponderExcluir
  3. O das medidas do Goberno e fume, como e que vós levantades cada semán. A prensa ten que vivir, ainda que sexa con mentiras, que disto moitos saben moito. Por certo, algún motivo de base debe de haber cando todos os xornais galegos non escriben en galego, senón en castelán. Aquí por desgracia o que hai e moita política, e pouco traballo.

    ResponderExcluir
  4. Estiven en Turquía e Grecia estas semanas, he menos mal que sabía falar galego, axudoume moito.

    ResponderExcluir