14 de mai. de 2009

A Mesa posiciónase sobre o nomeamento do novo secretario xeral

Reprodúzovos o comunicado de imprensa, onde tamén se indican declaracións que realicei hoxe mesmo a diferentes medios de comunicación:

A Mesa considera que o nomeamento do novo secretario xeral é “tentar camuflar o lobo con pel de ovelliña”

Carlos Callón chama a mobilizarse o domingo para que non se dea “nin un paso atrás para o galego”

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2009.- Ante o nomeamento do novo secretario xeral de Política Lingüística, A Mesa restoulle importancia ao nome da persoa que vaia desenvolver este labor e subliñou a súa preocupación polas políticas anunciadas todos os días polos actuais gobernantes da Xunta: “A partir de hoxe o posto de verdugo xa non está vacante, mais o caso é que se trata dun posto de verdugo. Pode ser máis guapo ou máis feo, ter máis currículo ou menos currículo, máis ou menos capacidade para embaucar, mais é un posto de verdugo para o galego”.

O presidente da maior asociación cultural de Galiza, Carlos Callón, amosou a súa mágoa porque “haxa persoas que se presten a este xogo perverso e estean dispostas a ser a pel de ovella para camuflar o lobo”. Callón lembrou que “as propostas dos actuais dirixentes do PP para a nosa lingua son claras, ao noso pesar: derrogación do decreto do ensino, eliminar o galego como requisito nas oposicións (pasando a selo só o castelán) e mesmo derrogación da Lei de normalización lingüística”.

Sobre este último aspecto, o dirixente da Mesa lembrou as declaracións do delegado da Xunta, Diego Calvo, que manifestou onte que o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, respalda oficializar o topónimo *La Coruña. Esta proposta suporía derrogar a Lei de normalización lingüística, que se aprobou por unanimidade no Parlamento en 1983 e que desenvolve o Estatuto de autonomía no relativo á promoción do idioma propio do país. “Dificilmente se podería facer unha proposta máis agresiva e insultante contra a celebración das Letras Galegas esta semana e contra o seu homenaxeado, Ramón Piñeiro, que foi relator da Lei que o PP quere tumbar de forma unilateral”, indicou Callón.

O presidente da Mesa advertiu de que desde a actual Xunta “se quere desmantelar todos os adiantos conseguidos en toda a etapa autonómica, e non o podemos consentir”, polo que fixo un novo chamamento a que “a manifestación deste domingo, 17 de maio, nas rúas de Santiago de Compostela, sexa histórica”. “Nin un paso atrás para o galego”, concluíu.

17 comentários:

  1. Ai, ai: http://icanhascheezburger.files.wordpress.com/2008/03/bunnysad.jpg

    ResponderExcluir
  2. Volvedes estar de acordo con estes: http://www.libertaddigital.com/sociedad/feijoo-cede-la-politica-linguistica-a-un-defensor-de-la-imposicion-del-gallego-1276359233/

    ResponderExcluir
  3. Ao Cesare: Home, que non chore o coelliño... Pobriño!

    Ao anónimo: Mellora a túa capacidade argumentativa. Coa mesma demagoxia: volves estar de acordo cos que propoñen derrogar a Lei de normalización lingüística.

    ResponderExcluir
  4. Pois eu doulle un voto de confianza.Se os de LIBERTAD DIGITAL critícano ao mellor non é tan malo. Ten 100 dias.
    (Libertad Digital) Una vez pasada la campaña electoral y ganadas las elecciones, el PP de Galicia ha vuelto a mostrar cual es su verdadera posición en materia lingüística –la que ya quedó clara durante los 15 años de Fraga en la Xunta– con el nombramiento de Anxo Lorenzo como nuevo responsable de Política Lingüística en la Xunta de Galicia.

    Galicia Bilingüe ha recordado este jueves que Lorenzo, profesor de la Universidad de Vigo, es uno de los responsables de la vergonzante manipulación de la realidad en que se basó una campaña a favor del controvertido decreto 124/2007 –que impone el gallego en la enseñanza y Feijóo se comprometió a derogar– desarrollada recientemente por la Universidad de Vigo bajo el título "Europa é plurilingüe. Quen sabe galego, sabe máis", y se mostró siempre a favor del proceso de imposición lingüística impulsado por el anterior Gobierno de la Xunta. De hecho, es de sobra conocida su proximidad al PSOE.

    Para Gloria Lago, presidenta de Galicia Bilingüe, esta es una decisión "que sin duda decepciona a quienes creímos en las intenciones del hoy presidente, Alberto Núñez Feijoo, expresadas durante la pasada campaña electoral". Lago sostiene que el nombramiento, como mínimo, da a entender que Núñez Feijoo no está muy dispuesto a atender sus compromisos de campaña, que fueron la puesta en marcha de una política lingüística sin imposiciones, con acciones específicas como la emisión bilingüe de todas las comunicaciones oficiales, y, en materia educativa, la conversión de las galescolas en escuelas infantiles, la derogación del decreto del gallego en los primeros cien días de Gobierno, la consulta a los padres en el sobre de matrícula del curso 09/10 de la lengua en que quieren que sus hijos reciban la enseñanza de las asignaturas troncales, y la implantación de la libertad de idioma en las escuelas de tal forma que los estudiantes puedan utilizar el de su elección en su expresión oral y escrita, así como en la realización de exámenes en todas las asignaturas.


    Estas promesas, como ya en su día puntualizó la propia presidenta de Galicia Bilingüe, están de todas formas aún algo alejadas del principal objetivo de la asociación, que no es otro que aplicar en Galicia el mismo sistema de libre elección de la lengua vehicular de la enseñanza por parte de padres o alumnos del que gozan los ciudadanos en todas las democracias europeas con más de un idioma oficial. En este sentido, la referida campaña de la Universidad viguesa se apoyó precisamente en un cúmulo de falsedades sobre el modelo lingüístico de enseñanza que se sigue en otros países.

    ResponderExcluir
  5. ¿QUE DEMO E ESTO QUE ESCREBE "CESARE"?
    http://icanhascheezburger.files.wordpress.com/2008/03/bunnysad.jpg

    púxeno en google e apareceu un soniqreque que non sei si o tal cesare enviounos un agasallo en forma de virus.¿?

    ResponderExcluir
  6. A ver, alguén ten que ocupar ese posto. A quen prefires ter á fronte da Secretaría, a Anxo Lorenzo ou a Gloria Lago? Eu téñoo claro. Será un posto de verdugo, pero igual (non o sei, hai que darlle tempo e ver que sucede) non o fai tan mal e non leva adiante todos os cambios que Feijoo anunciou no seu día. Ademais, hai que lembrar que unha cousa é estar na oposición e outra moi diferente é gobernar. E Feijoo creo que foi moi intelixente no seu día e que o está a ser agora, no senso de dar marcha atrás con algunhas promesas coma a de dar liberdade aos pais para escoller a lingua na escola. Por diante ten catro anos para facer máis cousas e intentar deixar de lado a polémica da lingua. Pode facelo ou non? Hoxe foi unha de cal (Anxo) e outra de area (La Coru).

    ResponderExcluir
  7. Si, yo en las próximas voy a votar a Rajoy, porque si lo critican en Libertad Digital es que no será tan malo...

    A ver Anónimo, cantos anos tes? É por saber se lle botamos a culpa á ESO ou á EGB...

    ResponderExcluir
  8. Moinante, ao mellor agora cambian as cousas, pero tradicionalmente é o Presidente da Xunta e os Conselleiros os que lle din aos Secretarios Xerais o que poden e non poden facer, e non ao revés...

    A SXPL fica dentro de Educación. Se derrogan o decreto do ensino pode facer flexións sobre os mainiños que o saldo da lexislatura será negativo para a lingua. Ningunha das medidas que tome poderá compensalo.

    Quen asine a derrogación do decreto de galego ficará retratado como o primeiro responsábel de política lingüística que dá pasos atrás na protección xurídica da lingua e dos galegofalantes desde que o Golpe de Estado se cargou o Estatuto do 36. E dá igual se é un inspector de educación de Lugo ou un sociolingüista de prestixio de Vigo. Por moito pedigree que teña, o decreto vai ficar derrogado igual.

    Anxo Lorenzo coñece ben a situación da lingua entre a mocidade. Sabe o papel desgaleguizador que xoga o ensino. Sabe que consecuencias tería fomentar, consolidar e aumentar a presenza do galego como lingua vehicular no sistema educativo, e tamén sabe que consecuencias terá reducir esta presenza, por moito inglés, chino ou alemán que lle queiran meter. Sábeo. Non é inocente. Non o sexamos nós tampouco.

    Saúdos,

    P.

    ResponderExcluir
  9. Cando menos xa temos cánticos para a mani:

    Que veña Lorenzo, que veña Lorenzo e que diga a verdade...

    :)

    P.

    ResponderExcluir
  10. Non, se o argumentario está máis ou menos ao nivel da nota de prensa... Desta vez Bieito e mais ti metestes a pata ata o final. Os vosos estarán contentos, o malo é que os vosos cada vez son menos.

    O domingo haberá unha chea de xente, ignorada e menosprezada pola Mesa durante todos estes anos, que de todos xeitos irá apoiar o galego non grazas a vós, senón a pesar de vós. A lingua e os seus falantes (e potenciais falantes) está por riba dos vosos intereses, aínda que non o saibades ou non o queirades ver.

    Deberías deixar o cargo un tempiño para ollar o tema lingüístico dende outros puntos de vista, habíache interesar.

    ResponderExcluir
  11. Son socia da Mesa e estou totalmente de acordo co posicionamento, se é que aínda non quedou curto. Anxo Lorenzo é un cabalo de Troia, pero non no goberno do PP, senón no movemento normalizador. Un home que di que o galego non é lingua propia (podedes lelo nos seus escritos), negando mesmo o Estatuto. Un home que levou as campañas da SXPL no bipartito máis dilapiladoras, como as millonarias en euros exposicións que non servían para nada máis que malgastar o que debería investirse noutra cousa.

    E agora, que? Como me dicía onte un amigo, xa é coincidencia que no mesmo Consello da Xunta se nomee o secretario xeral de política lingüística e se reabra o tema de *La Coruña. Mentres, déixase caer por diferentes sitios que a intención é que Lorenzo propoña un decreto cun terzo en galego (baixando do 50% que sinala o actual), un terzo en español (marcando algo que nunca marcou ningunha lei na Autonomía) e un terzo en inglés (?). Iso é normalizar??!!

    ResponderExcluir
  12. e de onde sacan os mestres que dan clases en inglés? substitúenos?(a onde os van buscar?) ou danlle un cursiño CCC?

    ResponderExcluir
  13. Vexamos: Anxo Lorenzo leva moito tempo facendo aportacións valiosas a cuestión da lingua. Dicir que é o verdugo do galego é proba de que non coñecedes o seu traballo nin a súa postura intelectual sobre o galego.
    Ben sei que algún se lles vai acabar o choio. Como se explica que a Mesa teña tanta xente en plantilla? Claro, con subvencións das antigas consellarías do bloque. Callón, debes recoñecer que o chupe se acabou e isto é o que te fai disparar contra todo. Eis a desgraza do galego. Que sexas ti quen vai ler o comunicado do día das letras xa o di todo.

    ResponderExcluir
  14. Para Sariña e para todos, acabo de atopalo buscando no Google "lingua propia" e "Anxo Lorenzo". Non ten desperdizo.


    Política lingüística e ‘consenso’ en Galicia?

    Anxo
    Lorenzo
    Filólogo

    10.05.2008 | 07:51

    Estase a difundir a idea de que o modelo lingüístico de coexistencia entre galego e castelán está sendo substituído por un de imposición do galego, sendo o goberno da Xunta de Galicia o responsable dese cambio. A realidade parece apuntar noutras direccións: por unha banda, é o Partido Popular quen está a separarse do vieiro lingüístico consensuado nos anos 80 por motivos de estratexia partidaria (desgastar o goberno); e, por outra, o PP está en desacordo co contido da política lingüística actual, diferente da que eles implementaron. O primeiro aspecto –o PP afástase do “pacto lingüístico”– supón unha novidade política que cumprirá analizar con certo vagar nestes meses en que remata a actual lexislatura; o segundo aspecto –o PP está en desacordo coa política lingüística do goberno actual da Xunta de Galicia– é absolutamente coherente desde a lóxica política.

    O que podemos denominar como “pacto”, “consenso” ou “acordo” lingüístico confórmase mediante os contidos lingüísticos do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981 e da Lei de Normalización Lingüística de 1983. Cales son, ao noso entender, as características principais dese “pacto lingüístico”? En primeiro lugar, a cooficialidade –en Galicia, galego e castelán teñen plena igualdade xurídica–; en segundo lugar, a declaración do galego como lingua propia; en terceiro lugar, derivado do aspecto anterior, a decisión de pór en marcha un proceso institucional e social de “normalización” da lingua galega, por se atopar esta en situación de desigualdade respecto do castelán; e, en cuarto lugar, o respecto polo principio de individualidade: que cadaquén utilice a lingua da súa preferencia nas comunicacións non institucionalizadas.

    Amparados nese “pacto lingüístico”, os diferentes gobernos do Partido Popular aplicaron unha política lingüística de baixa densidade e intensidade. Os seus sinais de identidade en materia lingüística foron os de lexislar pouco, non desenvolver a planificación lingüística e non se preocuparen excesivamente porque se cumprisen as poucas normas lingüísticas (ou con repercusións lingüísticas) que eles mesmos aprobaban. Foi, en definitiva, unha política lingüística inhibidora e de profundidade escasa na promoción da lingua galega. A coartada ideolóxica para non facer máis chegoulles aos gobernos populares da man do bilingüismo harmónico (BH), construto ideolóxico de feble baseamento epistemolóxico que foi deseñado ad hoc para xustificar aquela política lingüística rácana. Agora ben, o BH é un construto partidista promovido exclusivamente polos gobernos fraguistas, sen que en ningún caso formase parte do “consenso lingüístico” inicial.

    O cambio de goberno

    Co cambio de goberno, unha coalición PSdG-BNG non pode desenvolver a mesma política lingüística có PP. Abonda con ler os programas electorais das últimas eleccións autonómicas para comprobalo. Agora ben, cambiar os vimbios, o rumbo e mesmo o ritmo desa acción lingüística gobernamental non significa que se estea a alterar o “consenso lingüístico”: o que este goberno pretende é, seguindo no mesmo modelo, afondar en certas estratexias planificadoras que lle dean ao galego un maior folgo social e institucional. E unha boa proba disto é o novo decreto de ensino aprobado o ano pasado.

    O novo decreto persegue o mesmo obxectivo có anterior: que todo o alumnado aprenda por igual galego e castelán. A principal novidade é a estratexia para acadar ese obxectivo: aumenta a porcentaxe de materias que, como mínimo, se deben impartir en galego. Significa isto un cambio no modelo de ensino bilingüe instaurado en Galicia desde 1983? Por suposto que non: nin hai modificación do obxectivo lingüístico final (competencia nas dúas linguas oficiais), nin se está implantando a inmersión lingüística, nin se obriga a ninguén a usar unha lingua ou outra.

    En cambio, son outros os que si queren unha mudanza no modelo lingüístico educativo, pedindo a segregación do alumnado en función das preferencias lingüísticas familiares. E isto, que altera o “pacto lingüístico”, tamén o reclama agora o PP: despois de máis de vinte anos valorando os beneficios do bilingüismo educativo, de termos estudantes que coñezan as dúas linguas oficiais por igual, esta forza política opta agora por apoiar un cambio de rumbo cara á separación das linguas na educación. Quen se aparta nesta cuestión do “consenso lingüístico”?

    Argumentar que o presidente da Xunta de Galicia está a modificar o “modelo lingüístico” de Galicia é unha falacia. Quen se está afastando dese consenso é o Partido Popular, na procura dun rédito político a curto prazo, descolocado polo seu papel de oposición despois de tantos anos de goberno. Ademais, o que o PP non acepta é que haxa outras formas de facer política lingüística, diferentes das súas, máis centradas na promoción e na revitalización da lingua galega, sen imposicións nin obrigacións, pero con firmeza nas estratexias de acción positiva e na utilización da planificación lingüística como ferramenta de traballo. Algo que eles non quixeron ou non souberon facer cando foron goberno. E esa nova política lingüística está integrada sen maiores problemas no “pacto lingüístico” consensuado hai máis de vinte anos.

    http://www.anosaterra.org/nova/poltica-lingstica-e-consenso-en-galicia-.html

    ResponderExcluir
  15. Por se non o sabías, Carlos, acabo de coller isto de Vieiros:

    Rueda di que Lorenzo "asume" os compromisos do PPdeG e promete un novo decreto do galego "realista"
    20:57 17/05/2009

    SANTIAGO DE COMPOSTELA, 17 (EUROPA PRESS)

    O conselleiro de Presidencia da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou hoxe que o novo secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, "asume" os compromisos de Goberno do PPdeG "dende o momento que toma posesión do seu cargo" e augura un novo decreto do galego "dende o punto de vista realista".

    En declaracións a RNE recollidas por Europa Press, Rueda nega que a elección de Lorenzo --anterior colaborador da Xunta do bipartito-- sexa retractarse nos seus compromisos en política lingüística e avogou por "un gran consenso e cumprindo todos os compromisos de campaña".

    ResponderExcluir
  16. Isto tamén tes que lelo: http://novas.xunta.es/node/14546

    O secretario xeral, lembrou que o galego sobreviviu a circunstancias “tremendamente difíciles ao longo da historia” e considerou que estamos nunha situación política “inmellorable”, na que só falta “que a sociedade asuma” o interese que ten o mantemento da lingua. Lorenzo apostou por unha sociedade galega “plurilingüe”, na que o galego se manteña ben e onde haxa unha parte substancial da poboación con coñecemento dun idioma estranxeiro.

    A SITUACIÓN POLÍTICA SERÁ INMELLORABLE PARA EL!

    ResponderExcluir
  17. Desculpade a demora en regresar a este fío de debate. Penso que, tras os últimos posicionamentos do propio Anxo Lorenzo, lamentabelmente demostrouse que as miñas declaracións como presidente e portavoz da Mesa ían totalmente no certo.

    Vén, segundo anunciou, para desactivar a polémica e aplicar as medidas xa indicadas por Feijóo na súa xenuflexión perante Jiménez Losantos: reducir a presenza do galego no ensino (sen fechar as portas á posibilidade da segregación), eliminar o galego como requisito para as oposicións (queren iniciar o proceso esta mesma semana) etc. Como di o anterior anónimo, Lorenzo di que fará todo isto nunha situación política "inmellorábel".

    Hai un outro anónimo neste fío que o mesmo defende o nomeamento con vehemencia que critica que A Mesa teña xente contratada. A pesar de que A Mesa é a maior asociación cultural de Galiza e que o lóxico e democrático é que poida acceder a axudas públicas, di (repetindo o argumentario de La Razón, a COPE ou El Mundo) que se A Mesa ten persoal é porque 'chupou subvencións das consellarías do bloque'. Ao respecto, propóñoche a lectura do seguinte documento: http://www.amesanl.org/campanhas/resposta_aos_ataques_contra_a_mesa_pola_normalizacion_linguistica.pdf

    Parabéns a todas e todos pola exitosa mobilización do pasado domingo! Ten de ser un punto de partida enerxizante para defendermos con máis forza aínda a nosa lingua! Adiante!

    ResponderExcluir