30 de jun. de 2009

O feche do programa Entendo e a homofobia do PP


En novembro de 2008, a Dirección Xeral de Xuventude do bipartito, encabezada polo nacionalista Rubén Cela, puxo en andamento o programa Entendo, para dar asistencia xurídica, médica e psicolóxica ao colectivo de lésbicas, gais, bisexuais e transexuais.

Nunha carta ao director en Xornal de Galicia de hai uns días, advertíase dunha grave decisión gobernamental de Núñez Feijóo que debe ter resposta social. Resulta que unha das primeiras medidas adoptadas pola Dirección Xeral de Xuventude do PP foi fechar o programa Entendo, aínda que ás caladas, sen anuncialo en ningures. Como ben di a autora da carta ao director, "non por esperado deixa de resultar frustrante que o Executivo da actual Xunta actúe dun xeito tan retrógrado e hipócrita", xa que "unha alta porcentaxe de votantes e contribuíntes foron deixados sen as prestacións e asistencia que anteriormente recibían".

Parece que, nestes momentos, só o espazo web do programa Entendo continúa operativo. Curiosamente, mentres redixo estas liñas, nesa páxina fálase da "Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar", do anterior goberno.

O seguinte que poden tentar desmantelar desde o PP, tamén ás caladas e seguramente máis levándoos a un declinio constante que a un feche dun día para outro, son os centros Quérote, que tamén puxo en marcha esa área xestionada polo BNG na anterior lexislatura.

Propoño inundar de correos-e ao presidente da Xunta (presidente@xunta.es) cunha redacción máis ou menos como esta, que podedes copiar e colar ou mudar segundo o voso criterio:

Señor presidente:

Diríxome a vostede para lle manifestar a miña preocupación polos retrocesos que se están a producir baixo o seu mandato no referente aos dereitos do colectivo LGBT (lésbicas, gais, bisexuais e transexuais). Non podo máis que lamentar que nos seus primeiros cen días como presidente só levase a cabo políticas para desprotexer aínda máis este colectivo de cidadáns e cidadás, camiñando no sentido contrario ao que avanza o resto do mundo.

Ademais de ser esta a primeira vez nos últimos catros anos que o Goberno galego non celebra oficialmente o Día do Orgullo, acabo de saber que unha das primeiras medidas da Dirección Xeral de Xuventude foi fechar o programa Entendo, sen dar explicacións de ningún tipo. Reclámolle que este proxecto que daba unha necesaria asistencia xurídica, médica e psicolóxica ao colectivo LGBT se retome e sexa reforzado.

Quero tamén manifestarlle a miña preocupación polo futuro dos centros Quérote, un servizo útil e moi ben recibido polo inmensa maioría da sociedade, que se puxo en andamento nos últimos anos. Sería lamentábel que, por presións ultracatólicas, esta rede de centros fose fechada, sometida a unha reformulación moralista ou diminuída na súa capacidade de atención e acción.

Agradecéndolle a súa resposta e que tome en conta ás miñas reclamacións, despídome con cumprimentos cordiais.

29 de jun. de 2009

Entre Novoneyra e Carvalho Calero

Penso exactamente o mesmo que tan ben expresa Miguel Anxo Fernán Vello neste seu artigo en Galicia Hoxe:

"Entre Novoneyra e Carvalho Calero",
por Miguel Anxo Fernán Vello

Ledicia é o que eu sinto, e ben que a sinto, porque Uxío Novoneyra vai ser un dos máximos centros, talvez o máis sedutor e activo, da vida cultural galega no ano 2010. E tamén sentiría esa mesma ledicia, coa mesma fondura e amplitude, se fose Ricardo Carvalho Calero a personalidade recoñecida e homenaxeada o vindeiro ano. Sei que Uxío Novoneyra, que nunca lle pediu nada a ninguén e foi un home fidel e xeneroso, lle deixaría, se fose cousa súa, o posto a Carvalho Calero. E tamén sei, ou intúo, mellor dito, que don Ricardo, home recto e tamén xeneroso, non tería ningún reparo en lle abrir a porta festiva das Letras ao gran poeta que foi Uxío. Novoneyra, cónstame, respectaba e admiraba a Carvalho. E o autor de Scórpio, tamén me consta, estimaba a figura e a obra do autor de Os Eidos. Tanto Novoneyra como Carvalho Calero sufriron nos últimos anos un silencio que hai que cualificar como mínimo de estraño, "silencios" aos que eu me teño referido como propios dunha certa ingratitude ou desagradecemento que ten asento en amplos segmentos da cultura, institucional ou non, galega. No caso de Novoneyra, poeta maior e personalidade individual e literaria de máxima transcendencia, o silencio atinxiu mesmo planos indecorosos, mais en Carvalho Calero (1910-1990) o silencio, densísimo e delongado -e propiamente o silencio institucional-, merece figurar na historia universal da infamia. Eu lembro o meu amigo e mestre Novoneyra a enrubescer de ira fronte a calquera caste de sectarismo empequenecedor e obsceno, e tamén estou vendo a Carvalho, outro mestre, sen dúbida, a manter unha ética inviolábel en todo o concernente -Rosalía e Castelao como fondas referencias- á nación de noso e aberta ao mundo que el mesmo, e tanto, en forma e fondo, contribuíu a construír. Se a cultura do país, na súa máis ampla expresión, é ingrata cos "seus", nada ou pouco ten que facer, de xeito construtivo, no futuro. Benvida sexa a "música" enraizada na terra de Uxío ­Novoneyra. Eu sei que no rostro de Carvalho floreceu un sorriso.

Homosexualidade e canon literario


Velaquí o meu artigo desta semana en Galicia Hoxe:

Homosexualidade e canon literario
Existe un canon homosexual no sistema literario galego?


O concepto de canon, de orixe relixiosa, é unha proposta dos formalistas rusos, que foi experimentando varias reformulacións até a actualidade. Fronte a concepcións como as defendidas polo crítico Harold Bloom (que denomina Escola do Resentimento aquelas tentativas de explicación sociolóxica da elaboración do canon), este non é unha selección e avaliación natural e obxectiva de textos, figuras ou tendencias, senón que a súa configuración corresponde a loitas sociais. Hai axentes en competencia para definir ou mesmo monopolizar o corpus que se quere lexítimo, e estes axentes producen, polas súas escollas e polas súas xustificacións teóricas, diversos canons.

Seguindo a Pierre Bourdieu, cómpre analizar historicamente os procesos de canonización, tentando responder a estas preguntas fundamentais: Como se constrúe o canon? Como se mantén? Como se modifica? Esta visión epistemolóxica rompe con tópicos que poden facer equivaler textos canonizados con “literatura boa” e textos non canonizados con “literatura má”.

En diversos estudos culturais considérase que o canon é necesario para a vertebración dun sistema e o seu recoñecemento como tal sistema. Nesa liña, é interesante observar que se fala da existencia dun canon gai e/ou lésbico occidental e tamén de canons gais e/ou lésbicos nacionais. Por exemplo, no centro deste hipotético canon español estaría claramente Federico García Lorca, tanto pola súa reivindicación activista como polos estudos que o focan desde tal perspectiva.

No referente ao caso galego, o centro do (proto)canon homosexual está ocupado por Eduardo Blanco Amor, aspecto tamén condicionado pola súa visión dentro do canon internacional. Con todos, as insuficiencias institucionais do sistema literario galego fan que non exista propiamente un canon homosexual galego, mais si penso que existe un protocanon, un canon emerxente, que ten nestes momentos ao creador de Auria no seu centro. Sen lugar a dúbidas, este é o autor do sistema literario galego sobre o que máis se teñen debruzado as pesquisadoras e os pesquisadores facendo referencia á problemática particular da opción sexual, até o punto de que é o único exemplo explícito que achamos na maior parte das obras de consulta xeral (manuais, historias da literatura, libros de texto), aínda que sexa con grandes limitacións.

As súas características biográficas posibilitan que isto suceda así, pois non se conserva familia do escritor a quen lle puidesen molestar estas referencias (pasou, por exemplo, con Lorca), era abertamente amaneirado e a súa morte foi ao pouco de se instaurar a democracia, co cal hai aínda moitas persoas vivas que o coñeceron.

Na posición de Eduardo Blanco Amor dentro do canon gai occidental ten especial incidencia o seru relevo na cultura hispánica. Temos que atender, por exemplo, ao feito de que teña un verbete propio dentro do dicionario enciclopédico Para entendernos, de Alberto Mira (onde aparece sobre todo en referencia con Federico García Lorca, motivo tamén polo que foi abordado en estudos de Ian Gibson) ou de que o seu romance La parranda (tradución d’A Esmorga feita polo propio autor) se distribúa nalgunhas librarías especializadas en temática gai-lésbica nas urbes de Barcelona e Madrid.

Mais non só se produce unha reivindicación de Blanco Amor para a cultura homosexual desde o campo da crítica literaria, senón tamén desde o activismo. Teñamos presente, por exemplo, a utilización da denominación Milhomes (un dos protagonistas d’A Esmorga) para nomear un colectivo militante. Aliás, a primeira revista galega dedicada a recoller investigacións sobre homosexualidade, Fluxos. Anuario galego de estudos gais e lésbicos, estivo promovida pola Asociación Cultural Eduardo Blanco Amor.

Están por estudar as incidencias que ten esta posición de Blanco Amor no protocanon gai galego e na súa recepción global. Fronte á invisibilización e o silenciamento en moitos textos académicos, a consideración deste escritor como o autor homosexual galego por excelencia (así asumido polos fráxiles grupos activistas gais galegos) podería condicionar unha lectura en chave homosexual de toda a obra blancoamoriana. Así mesmo, había que ver se esta lectura sería exclusiva ou predominante nas comunidades homosexuais ou noutros (sub)grupos sociais.

Fronte ás tradicións literarias doutros grupos (sub)culturais marxinados, como as mulleres ou os escritores non brancos, os textos e autores que poden ser reivindicados para un canon homosexual masculino, como afirmou Gregory Woods, “áchanse moi amplamente representados, e xa integrados de xeito seguro na corrente básica do canon occidental”. Exemplo claro disto achámolo na propia obra O canon occidental, de Harold Bloom, onde expón a súa opinión sobre a Escola do Resentimento de que antes falamos. Este libro de Bloom non fai máis que reafirmar o canon tradicional dunha perspectiva eurocéntrica, mais comeza e remata con obras de temática homosexual. Isto non quita, porén, que este crítico estadounidense seleccione xeralmente as obras de cada autor que sexan menos vinculábeis coa homosexualidade.

O caso das lésbicas é diferente e sería explicábel polo patriarcado e a misoxinia. A histórica dominación masculina regulamenta restritivamente o acceso das mulleres a todo o que sexa poder social e, portanto, tamén á súa formación académica. Así, a crítica lésbica áchase cun duplo ou triplo traballo, pois subverte tanto o canon hexemónico masculino como o canon emerxente feminista, se este excluía ás lésbicas.

O proceso de creación dun canon homosexual realizouse sobre todo através da elaboración de listaxes de personaxes históricas ou escritores que tiveran tales relacións. Esta tradición de elaborar listaxes de “homosexuais célebres” continúa na actualidade, como xeito de ir conquistando visibilidade e de crear referentes propios. Estas relacións poden aparecer inseridas en obras literarias, en publicacións activistas ou mesmo en tratados científicos.

A outra delimitación repertorial da arte homosexual prodúcese coas antoloxías, que aparecen con profusión no século XX e que perseguen crear un discurso histórico continuado e unha comunidade a nivel internacional.

Nos últimos anos, a aparición dun mercado gai(-lésbico) específico fixo que os mecanismos de canonización se diversificasen. As seleccións realizadas polas editoras que teñen coleccións específicas sobre contidos homosexuais, a aparición de librarías especializadas que compilan as obras sobre o tema etc. Ademais, nas publicacións do activismo adoitan incluírse reseñas de libros e, nalgúns países, mesmo existen clubes de lectura, que inclúen distribución polos correos de obras que se poden adxectivar, por algunha razón (xeralmente a temática, mais non sempre) de “homosexuais”.

Outro elemento crucial á hora de estabelecer un canon gai-lésbico é a atención que se lle dedican a certos autores ou a certas autoras nos estudos literarios. Gregory Woods fixo unha pequena comparación entre algunhas das análises máis relevantes, a inmensa maioría de orixe anglosaxónica e, como tales, centradas sobre todo en nomes desta tradición cultural, sobranceando ingleses ou ianquis. Oscar Wilde é, con diferenza, a figura máis estudada.

28 de jun. de 2009

Tres cancións para o Día do Orgullo

O primeiro, "Mais heteros (que os heterossexuais)" (do que xa falei neste blog) é para min un dos mellores temas de Projecto Mourente, tamén pola necesaria reflexión que achega. A segunda canción é "Acerca de los padres", inédita do Silvio Rodríguez, que escribiu hai xa varias décadas, e que trata directamente a cuestión. A terceira composición, de Diana Ross, foi apropiada polo movemento, porque "coming out" é saír fóra, mais tamén saír do armario.



Quero que construamos
a casa de Pin e Pon.
Nom repares nos gastos
dessa decoraçom.

Fim de ano no Rio,
páscoa fina em Paris,
férias em Santorino,
escapada a Berlim.

Joguemos aos papás
co nosso cão.
Traiamos para limpar
uma equatoriana ilegal.

E que horror essas marginais!
Que horror, sempre a protestar!
Meu amor, nom somos iguais.
Nós somos mais heteros que os heterossexuais.

Pluma só para assinarmos
cheques no fim do mês.
Entendamos só isto:
que um só é o que tem.

Deixemos o ambiente
polos hotéis.
Tornemo-nos decentes:
somos homes, tenhem-no que ver!

E que horror essas marginais!
Que horror, sempre a protestar!
Meu amor, nom somos iguais.
Nós somos mais heteros que os heterossexuais.

Sejamos respeitáveis.
Para que luitar,
se estamos confortáveis?
Somos homes, vam-nos aceitar.

E que horror essas marginais!
Que horror, sempre a protestar!
Meu amor, nom somos iguais.
Nós somos mais heteros que os heterossexuais.



Cuando venía de la escuela
y alguien le quitaba
un medio al niño,
su padre le pegaba haciéndolo salir:
tenía que romperle la
cara sin llorar.
Si se ponía a dibujar,
sus casas y soles le hacía trizas:
los machos juegan a las
bolas y a pelear:
búscate un papalote y deja de soñar.

No pudo decir que tuvo miedo,
no pudo decir que le dolía,
no pudo decir que era salvaje lo que hacía.
No pudo llorar como pensaba,
no pudo pedir ayuda alguna,
no pudo sino tragar en
seco su amargura.

¿Quién?
¿Quién tiene un hijo en las entrañas?
¿Quién le está dando el desayuno
para cobrárselo mañana?
¿Quién juguetea con alquimia?
¿Quién quiere fabricar cerebros
y sólo está sembrando muertos?
¿Quién?

Y la erosión le trajo un sexo
y una presencia ante la vida
sellados por un fuerte
cordón umbilical,
pues por su filiación sexual le juzgarán.
Hoy los archivos se desbordan
de psicopatías y prejuicios,
de mutiladas fantasías del horror,
de remendados en la frente y el amor.

De nada le sirve ser amigo,
de nada le sirve ser hermano:
el sexo es el juez
universal del ser humano.
Y si eres mujer no pidas ni agua
si cambias de hombre por semana:
el odio te sigue,
inevitable, cama a cama.

¿Quién?
¿Quién tiene un hijo en las
entrañas?
¿Quién le está dando el desayuno
para cobrárselo mañana?
¿Quién juguetea con alquimia?
¿Quién quiere fabricar cerebros
y sólo está sembrando muertos?
¿Quién?
¿Quién?
¿Quién?
¿Quién?



I'm coming out
I want the world to know
Got to let it show
I'm coming out
I want the world to know
I got to let it show

Theres a new me coming out
And I just had to live
And I wanna give
I'm completely positive
I think this time around
I am gonna do it
Like you never do it
Like you never knew it
Ooh, I'll make it through

The time has come for me
To break out of the shell
I have to shout
That I'm coming out

I'm coming out
I want the world to know
Got to let it show
I'm coming out
I want the world to know
I got to let it show

I'm coming out
I want the world to know
Got to let it show
I'm coming out
I want the world to know
I got to let it show

I've got to show the world
All that I wanna be
And all my billities
There's so much more to me
Somehow, I have to make them
Just understand
I got it well in hand
And, oh, how I've planned
I'm spreading love
There's no need to fear
And I just feel so glad
Everytime I hear:

I'm coming out
I want the world to know
Got to let it show
I'm coming out
I want the world to know
I got to let it show

27 de jun. de 2009

40 anos de Orgullo

Novoneyra será o homenaxeado: 'Pros que saben que ti podes ser outra cousa'

De entre os tres sólidos candidatos que se barallaron para homenaxear o ano vindeiro con motivo do Día das Letras, acaba de saberse o que xa apuntaban todas as quinielas: Uxío Novoneyra.

Ademais de ser un dos nosos grandísimos poetas, Novoneyra estivo sempre nas batallas cívicas en defensa de Galiza e dos dereitos das máis desfavorecidas e dos máis desfavorecidos.

Os seus versos, tamén presentes na manifestación da dignidade do pasado 17 de maio, son luz e forza tamén para estes tempos escuros.

Agora que tanto se perverte o termo liberdade, lembremos o que el dixo referíndose á nosa nación:

libre pra servir libre pra servir
libre pra non ser libre pra non ser
libre pra morrer libre pra morrer
libre pra fuxir libre pra fuxir

O odio como vínculo e ruptura

Traduzo a seguir un interesante artigo do psicanalista Miquel Bassols, publicado no seu blog e que coñecín a través destoutra páxina da blogosfera.

Sirva como introdución este comentario que o propio Bassols fai no seu espazo na rede:

Tomar esta perspectiva permite, en efecto, tratar o odio doutra forma que pola súa simple negación ou exclusión, forma que xeralmente o alimenta máis. Que hai unha verdade no odio, unha verdade que ás veces o amor vela de xeito non menos enganoso, é unha perspectiva que nos permitiría entender esoutra idea de Lacan, difícil de admitir de entrada, cando dicía que "o verdadeiro amor desemboca no odio". É unha idea difícil de admitir mais que se confirma por outra parte nos dramas máis cotiáns...

"O odio como vínculo e ruptura"
, Miquel Bassols

O odio aparece de entrada como unha ruptura do vínculo social. Se o amor une, o odio desune, separa. Mais esta apreciación é só un primeiro achegamento aos múltiplos paradoxos que debemos estudar na clínica e a pragmática dos modos de desinserción na psicanálise. De inmediato se fai patente que o odio é tamén un dos vínculos máis fortes que o suxeito pode manter co outro e cos seus obxectos. De feito, tal e como Freud sinalou no seu texto princeps sobre "As pulsións e os seus destinos", o odio é, como relación co obxecto, máis antigo que o amor, nace da repulsa primitiva do mundo exterior.

O odio chega a ser mesmo o principio activo que xera ese "exterior" a partir dun rexeitamento orixinal que trazará as fronteiras, sempre vacilantes, co "interior". Así, amor e odio móstranse indisociables no seu principio e non se opoñerán o un ao outro senón ambos os dous á indiferenza. Jacques Lacan creou un neoloxismo, a "hainamouration", para indicar ese punto crucial de reversibilidade do amor e o odio.

Entón, o odio é tamén un vínculo co obxecto. Hai que precisar cal.

En todo caso, pódese falarse hoxe de "odio social", mesmo de "grupos de odio", para describir os vínculos grupais fundados no rexeitamento do Outro é porque o odio mesmo pode funcionar como un significante do vínculo social. Os grupos racistas e xenófobos, as respostas de grupos sociais fundados no rexeitamento á inmigración ou á relixión do Outro, son bo exemplo diso. É o lado significante do odio, o que encontra unha representación en múltiplos fenómenos subxectivos e sociais.

Do lado pulsional, a cuestión parece máis abstrusa. Lembremos de novo o texto de Freud onde afirma que a pulsión nin ama nin odia, só se satisfai. E satisfaise a expensas do amor e do odio, rodeando o obxecto para volver de forma autoerótica sobre a súa fonte. Na realidade, fai falta a aliaxe da pulsión co narcisismo, coa relación libidinal coa imaxe do propio corpo, para que xurda o metal do amor e do odio. A satisfacción da pulsión, que traducimos co termo lacaniano de "gozo" (jouissance) pode ser entón, ela mesma, obxecto do odio, do rexeitamento máis radical do suxeito cando o experimenta como un gozo Outro. Situamos nesta vertente toda unha serie de fenómenos que o termo "desinserción" pode moi ben agrupar polos efectos que produce como formas de vínculo e de ruptura. Son os fenómenos subxectivos máis paradoxais que achamos no odio ao máis querido, na pasaxe ao acto da violencia dirixida ao máis próximo, mesmo a unha parte do propio suxeito: a violencia chamada de modo tan inapropiado "violencia de xénero", a violencia exercida voluntaria ou involuntariamente cara aos nenos, cara aos tolos, cara aos suxeitos que son obxecto da exclusión social, pero tamén o acto suicida que apunta a tocar a raíz dese odio no propio suxeito... Nesta vertente, é certo, non se promoven grupos ou asociacións fundadas no odio dirixido a estes obxectos. O gozo, na súa vertente máis intolerábel, non promove o vínculo social senón a súa ruptura no retorno máis puro da pulsión sobre o propio suxeito.

Restan por ver entón as formas que toma este retorno cando o obxecto do odio se revela como inseparábel do propio suxeito.

26 de jun. de 2009

Viste o teu apoio ao galego

O pasado 17 de maio, as rúas de Santiago ateigáronse como nunca de amor polo galego. Enchamos todos os recantos de Galiza desta mensaxe, fronte aos ataques continuados desde o poder.

A forza do noso amor non vai ser inútil!


Ademais, comprando estas camisolas ou outros materiais que A Mesa ten na súa tenda virtual (e no seu local en Santiago), axudas a manter a súa actividade, máis necesaria que nunca desde que a asociación se creou.

Michael Jackson

Quixo ser eternamente novo e morreu aos 50 anos.

25 de jun. de 2009

'Tengo un papel que dice que sé gallego...'

Os mesmos que queren reducir a presenza do galego no ensino din que con ter cursado a materia deste idioma no ensino obrigatorio e ter o conseguinte "papeliño" xa non será necesario demostrar as competencias reais nesta lingua.

Curioso que tal consideración só se lle aplique ao galego e non a ningún outro coñecemento que, como requisito, haxa que amosar nas oposicións, aínda que se teñan moitos outros "papeliños" que o certifiquen.

Orballo explícao hoxe á perfección en Xornal:


Agora tócanos a nós reclamar o dereito non só a que nos entendan, senón a que nos atendan en galego nas administracións. É un dereito básico recoñecido pola lexislación e cómpre que fagamos sempre esa solicitude, con amabilidade mais con firmeza. Se nós non o facemos, ninguén o vai facer por nós.

24 de jun. de 2009

A vós non vos dá vergoña allea?

Dá vergoña allea ouvir algunhas cousas, máis se vemos quen é o executor gobernamental desta política de destrución da nosa cultura:

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG


Canta razón ten hoxe Luísa Castro cando dubida, no seu artigo en Xornal, do ilóxico de manter unha Secretaría Xeral de Política Lingüística no organigrama da Xunta para estes ataques continuados contra o discriminado idioma propio do país.

22 de jun. de 2009

O Día do Orgullo


O meu artigo desta semana vai sobre o Día do Orgullo e o activismo glbt, xa que este domingo se celebra o 40 aniversario da revolta de Stonewall.

O Día do Orgullo
O activismo gai, lésbico, bisexual e transexual


Como é sabido, o 28 de xuño celébrase o Día do Orgullo GLBT (gai, lésbico, bisexual e transexual). A data é efeméride da revolta de Stonewall, polas protestas na rúa realizadas en Nova York durante os últimos días de xuño de hai xusto corenta anos. Os feitos desencadeáronse na noite do 27, no bar de ambiente Stonewall Inn do Greenwich Village neiorquino.

As frecuentes redadas nestes espazos non supuñan maiores problemas para a policía: deixábanse en prisión por pouco tempo a travestís e homosexuais no armario, a quen os seus problemas de integración social impedían opor resistencia. Esa noite, porén, as forzas policiais acháronse cunha resposta inagardada. Hai varias versións sobre como comezaron os feitos, mais todas as fontes coinciden en que esa noite a clientela non se dispersou, senón que ficou na rúa esperando a saída dos axentes, aos cales acurralaron. A revolta prolongouse ao longo de dúas xornadas, mesmo con insólitas provocacións de travestís á policía á plena luz do día. Nesas datas comezouse a articular unha rede de activismo gai nos Estados Unidos que superaba o discreto movemento homófilo da altura.

Hai quen vincula a reacción desa noite co feito de que nesa xornada fora o enterro de Judy Garland, a actriz e cantante protagonista d’O Mago de Oz, quen fora apropiada polas incipientes comunidades homosexuais como símbolo de supervivencia perante a incomprensión. A redada xusto esa noite podería entenderse como unha provocación intolerábel.

Mais o movemento político contra a discriminación social das e dos homosexuais é moi anterior a 1969. Iníciase na Alemaña a finais do século XIX, aínda que a obra e a memoria deste activismo foi destruída polo fascismo alemán. Tras a II Guerra Mundial, viviuse un momento global de retroceso importante no movemento homosexual, que case desapareceu. As revoltas de 1969 radicalizan e incentivan os pequenos grupos existentes nos Estados Unidos e en Europa, que descoñecían a historia de activismo anterior aos estouridos fascistas.

Dúas estratexias fundamentais do ativismo foron procurar un “despertar da consciencia”, tomado doutros movementos e chamar á “saída do armario”, á expresión e afirmación pública da homosexualidade. Un dos máis arriscados actos políticos pasa a ser a demostración pública de afecto, tanto no día a día como organizando “bicadas”. Cómpre termos presente que a opresión homosexual se basea en boa parte na súa invisibilidade.

Unha das primeiras referencias ao activismo homosexual na Península Ibérica aparece na obra O diario dun ladrón, de Jean Genet, onde se comenta unha pequena manifestación de travestís barcelonesas en 1934. Cataluña, xa desde aquela, foi país pioneiro nesta cuestión. Cando recomezou o movemento, nas década de 60/70, a memoria histórica dese pasado xa se perdera. Os activistas da altura non teñen vínculos de loita homosexual previos ao franquismo, sendo o único modelo de loita coñecido o importado dos Estados Unidos, Reino Unido ou Francia.

Tras a ditadura producirase a irrupción pública de grupos, que se unirán na súa loita contra a Lei de perigosidade social, que penalizaba a homosexualidade. Na transición, con esta lei aínda en vigor, comezaron a emerxer os primeiros grupos gai-lésbicos galegos e tamén a Coordinadora de Frentes de Liberación Homosexual del Estado Español (COFLHEE), cuxa reunión constituente se celebrou en Vigo en 1978. O nacionalismo organizado tamén se posicionará sobre este tema, sendo a primeira vez que un movemento político en Galiza toma postura clara a favor da homosexualidade.

Este é o texto que incluíu ao respecto a Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG) no seu IV Plenario, de 1979:

A OPRESIÓN DOS HOMOSEXUAIS
A sexualidade e a afectividade das persoas, determinadas social e culturalmente, é unha opción que a elas lles corresponde estabelecer da maneira que consideran máis axeitada para as suas necesidades. Cando estas necesidades sexuais e afectivas son reprimidas polo contexto social, os indivíduos entran nun claro conflito entre a sua identidade real e o que está permitido pola práctica social admitida. Desta situación só se derivan neuroses, individualismo, insolidariedade; en definitiva, frustración de persoas e perpetuamento dunhas relacións sociais non baseadas nas necesidades reais dos indivíduos, senón na alienación, na represión e máis no cinismo. Polo tanto, a represión e persecución da práctica homosexual non serven máis que para reproducir e estabilizar un sistema social inxusto, discriminatório, individualista e competitivo, por meio dunha mecánica represiva que afecta ao máis íntimo da persoa (a sua emotividade, a sua afectividade, a sua sexualidade...). [É] por isto polo que a homosexualidade non é algo anti-social, algo contrário ás relación solidárias e aos dereitos colectivos; o anti-social, o insolidário, o irracional é a sua represión.
A AN-PG, que defende un programa de clarificación dos dereitos populares, cunha plasmación real a nivel dos dereitos cívicos e individuais, esmagados e bulrados na vida cotidiana, considera necesário facer parte do seu programa as seguintes consideracións:
1.- A homosexualidade, como a heterosexualidade, é unha manifestación afectivo-sexual cuia liberdade de exercício debe estar garantizado socialmente, única maneira de que o dereito á intimidade persoal esté debidamente recoñecido.
2. – Baixo a denominación de “peligrosos sociales” inclúense hoxe os homosexuais, podendo, polo simple feito de selo, quedaren privados dos seus traballos, seren castigados ou encadeados, cando a sua única “culpa”, radica en non actuar de acordo coas leis. Rechazamos e condenamos enerxicamente tal represión. Loitaremos pola abolición da lexislación represiva das condutas homosexuais (Lei de “Peligrosidade Social”) asi como pola amnistia para os castigados por este motivo. Defenderemos a proibición das discriminacións laborais por cuestións afectivo-sexuais.
3.- A loita polo recoñecimento legal e social da conduta homosexual debe enmarcarse no proceso de loita popular nacionalista, xa que a orixe desta marxinación é social. Non debemos apoiar a loita grupuscular ou de redución ao ghetto, que colocaria o problema a nivel dunha “curiosidade” ou limitaríao a aparicións conmemorativas [(“]Dia do orgullo gai”, etc.), non axudando nada á asunción social do problema.


Coa derrogación da Lei de perigosidade social houbo unha crise nos grupos de activistas de todo o Estado, que se viron na necesidade de reformular estratexias e obxectivos. Ademais, a década de 80, coa crise da SIDA, supuxo un período de confusión.

Desde aquela até hoxe, houbo varios intentos de organización da militanza en favor dos dereitos das e dos homosexuais en Galiza. En 1980, nunhas xornadas de psicoloxía celebradas en Santiago, constituíuse un colectivo militante compostelán, arredor do cal apareceron novas tentativas de movementos en Vigo, A Coruña, Ferrol e Lugo, agrupándose o conxunto so o nome de Coordinadora de Colectivos Gais de Galicia. Nin a coordenadora nin os colectivos se deron consolidado, aínda que entre 1980 e 1982 se publicou o boletín compostelán Aturuxo e se realizaron outras actividades públicas.

No 89 constitúese o Colectivo Homosexual de Compostela, que dous anos despois realiza unha serie de mudanzas importantes: muda o seu nome por Colectivo Gai de Compostela (que mantén), publica o seu primeiro boletín, S’Homos, e intégrase na COFLHEE. Desde mediados dos 90 até hoxe, creáronse diversos grupos en varias cidades galegas. En 2004, constituíuse unha federación, que tomou o nome daquela publicación de dúas décadas antes: Aturuxo.

Conseguíronse adiantos importantes, mais o movemento segue necesitado de apoios, máis precisos para afrontar as novas intolerancias que se abren paso. Participemos nas mobilizacións do Orgullo, esta fin de semana e todos os días.

17 de jun. de 2009

A xustiza, a lingua e as faltas de ortografía

Nos últimos días estou a faltar con demasiada frecuencia á miña obriga autoimposta de actualizar ao menos unha vez ao día esta páxina. Tentarei corrixilo. Xa saberedes máis ou menos os motivos desta falta de vagar, pois pola Mesa estamos até o curuto de traballo con todos estes ataques contra o galego, en especial do PP desde a Xunta. A parte boa e esperanzadora é a inmensa reacción social, tanto por xente falante de galego (de forma consciente ou non) como por persoas que falan en castelán mais senten o galego como algo propio, para o que queren un presente sen discriminación e un futuro de igualdade.

Mais os ataques, como sabedes tamén, veñen por moitas outras bandas. Non se pode esquecer a dimensión mediática do asunto e vermos noticias que se silencian ou terxiversan ou magnifican, segundo conviñer ao propósito de ir contra o noso idioma propio. Nin tampouco podemos deixar fóra as posicións vergoñentas que desde outros espazos institucionais diferentes aos gobernamentais asumen cargos como por exemplo o Valedor do Pobo.

Esta mañá hai tamén unha outra face destes ataques contra o galego. Ás 12, comparezo nos xulgados de Fontiñas, en Santiago, pola denuncia que interpuxo o xuíz decano da Coruña contra min, como presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. O motivo foi que rexeitei e critiquei, como non podía ser doutro xeito, a frase deste maxistrado que reproduciran os medios de comunicación: "No tengo ningún rubor en usar la ilegalidad del topónimo La Coruña".

Lembremos que estas palabras que citaron os medios foron pronunciadas nun xuízo no que o maxistrado era parte denunciante contra un veciño da Coruña que solicitara que a documentación lle fose remitida en galego e co topónimo oficial. O xuíz decano considerara daquela que o uso de "La Coruña" era un "erro ortográfico". Tal "desliz" repítese agora, dúas veces, no escrito que presentou nos xulgados contra min. Casualidades da vida, problemas serios coa ortografía ou desobediencia consciente da lei por parte dun funcionario que non debería guiarse por outro criterio que non fose o da plena aplicación da legalidade?

15 de jun. de 2009

Do insulto á reivindicación

Velaquí o meu artigo desta semana en Galicia Hoxe:

Do insulto á reivindicación
As denominacións das opcións sexuais


O problema da denominación das opcións sexuais é moi relevante, pois o nominalismo (base do construcionismo social predominante nos estudos gai-lésbicos) defende que as categorías existen desde o momento en que son nomeadas.

Antes do século XIX, e sen saírmos do ámbito ibérico, podemos achar múltiplas denominacións para as prácticas sexoafectivas intermasculinas e interfemininas. Desde a Idade Media até o oitocentos, documentamos estes nomes basicamente a través de procesos xudiciais e de sátiras, o cal manifesta unha xerarquía claramente desfavorábel ás realidades nomeadas. Este é o caso de sodomita, referencia xurídica alicerzada na idea de pecado (o nome provén dunha relectura da pasaxe bíblica da destrución de Sodoma e Gomorra). Este pecado pode expresarse de múltiplas formas, mais moitas veces identifícase coas prácticas sexuais (non co desexo nin cos roles de xénero) de dous varóns.

As denominacións que podemos achar na nosa Idade Media son vexatorias. Así, nas sátiras galego-portuguesas aparecen algunhas referencias aos individuos que realizan estas prácticas sexuais deostadas. Pero da Ponte fala de fodidos e putos. Seguramente fodidos sexa unha denominación circunstancial, apenas un adxectivo para subliñar a degradación de ser penetrado, mais puto é un substantivo que tivo grande suceso, que podemos achar ao longo de varios séculos e en diferentes circunstancias: desde a Valencia do século XVII até a América Latina actual, pasando polo refraneiro castelán (“Antes puto que gallego”, p. ex.). Esta mesma palabra aparece na rubrica explicativa dunha sátira de Estevan da Guarda que chegou até nós.

Na nosa lírica medieval rexistramos tamén fududancua, que Rodrigues Lapa lembra ser “obsceno” e “muito conhecido dos documentos legais”. O significado que Esther Corral apunta para este adxectivo ten a ver co sexo anal. Así, os termos próximos fodidunculo e fududunculo aparecen nos foros casteláns douscentistas, como vituperio próximo ao de sodomita, co matiz explícito da pasividade, segundo a investigadora Marta Madero.

Fronte ás denominacións insultantes, homosexual é un dos primeiros termos non creados como alteridade, aínda que se vincule historicamente á medicalización represiva. O protagonismo desta denominación, talvez pola súa asepsia etimolóxica, acompañará a configuración identitaria contemporánea das relacións sexoafectivas entre homes ou entre mulleres. O termo fixo a súa primeira aparición nun artigo reivindicativo de 1869, do húngaro Karl Maria Benkert, e avanzaría na súa consolidación ao rescatar o seu uso, unha década máis tarde, un académico alemán de prestixio: Gustave Jauder. O feito de que o sexólogo Havelock Ellis nas súas obras, Magnus Hirschfield nas súas campañas e, sobre todo, Freud nos seus estudos optasen por este termo, consolídano definitivamente.

Desde o século XIX, o activismo homosexual masculino (o feminino era inexistente) tivo un dos seus debates centrais en procurar un nome para se definir. Como vimos, a opción de máis éxito, apropiada e potenciada polo campo científico, foi homosexual. Cinco anos antes da aparición desta palabra, o pioneiro activista alemán, Karl Heinrich Ulrichs, propuxera a denominación uranista, específica para homes, recollida do Banquete de Platón. Este é o primeiro termo que ofreceu unha perspectiva política para definir estas prácticas e desexos, usando o seu basamento na antiga Grecia para lexitimalo. Malia que o mesmo Ulrichs acabou optando tamén por homosexual, a súa proposta tivo certo suceso e mesmo se fixeron chamar así un grupo de poetas británicos decimonónicos, entre os que estaba Lord Alfred Douglas, o coñecido amante de Wilde.

O grande termo autorreferencial que o activismo fixo triunfar foi o de gay ou gai, proveniente da cultura anglosaxona e que cobrou forza ao expresar a identidade homosexual aparecida tras a II Guerra Mundial. Só na Galiza, en Asturias e nos Països Catalans se dá este uso frecuente de gai con i latino. Para alén de que o y é unha marca de diferenza fronte ao español, no caso catalán hai tamén o reforzo de que a palabra xurdiu da súa lingua, aínda que chegase como empréstimo ao inglés e se estendese desde este idioma. Durante a Transición foi amplamente utilizado gai, con i, en todo o Estado español, pola influencia do activismo catalán.

Malia este esforzo político, a homosexualidade continúa a día de hoxe a se configurar basicamente como un insulto. Didier Eribon sinala ao respecto: “Todas as enquisas realizadas a homosexuais (de ambos os sexos) confirman que a experiencia do insulto (sen falar sequera da agresión física) é un dos trazos máis comúns da súa existencia”. Deste xeito, mesmo termos criados para ofrecer unha perspectiva positiva, como gai, poden terminar sendo un mero eufemismo, cando non novamente unha vexación. Pódese constatar como xente nova, mesmo crianzas, utilizan en ocasións gai como un insulto, xusto no lugar e coa mesma función que hai cinco ou dez anos aparecería maricón.

Realmente, a denominación máis frecuente na Galiza (e non só) para se referir ao varón homosexual son insultos como o antedito: maricón, mariquita, maricas, maricallas ou marica, todos eles derivados de Marica, hipocorístico do nome feminino arquetípico nunha cultura católica: María. Esta orixe do vocábulo transparece as súas connotacións de inversión, non de desexo nin de prácticas. Esta familia léxica rexístrase en español desde comezos do século XVI, con matices de pasivididade ou efeminamento e tamén se usou no Siglo de Oro español para se referir ás prostitutas. Outro insulto utilizado en galego, con estes mesmos matices, é manflorito, como testemuña Antón Lopo no seu romance Ganga.

As mulleres que manteñen relacións sexuais entre si foron durante demasiado tempo unha imposibilidade conceptual, razón pola cal carecen da profusión terminolóxica que achamos para os varóns. Aliás, cando se crea un termo autorreferencial, desde o movemento, este en principio aplícase só aos varóns, mais despois tende a se estender tamén ás lésbicas: eis os exemplos de homosexual e gai, utilizado tamén para as mulleres nalgúns casos. Nun e noutro exemplo, a existencia lésbica fica obscurecida.

O termo lésbica ou lesbiana só comeza a ser utilizado con ese senso (‘muller que mantén relacións sexoafectivas con outras mulleres’) en elites decimonónicas centroeuropeas. Igual que sodomita, a palabra é na orixe un xentilicio que marca unha afastada zona xeográfica, neste caso a illa de Lesbos, onde na Antigüidade Safo fundou unha academia só para mulleres. Lésbica aparece no século XVII, mais cun significado próximo ao de ‘amazona’, sen connotacións de se referir a un desexo ou prácticas sexuais específicas. Este significado concretarase na Francia decimonónica, dunha perspectiva masculinista, na cal será especialmente significativa a obra Les fleurs du mal (1857), de Baudelaire, que seguramente tiña como xerme un poemario anunciado en 1846, que levaría por título Les lesbiennes. De novo, unha configuración da alteridade.

Hoxe no noso país úsanse como insultos (tanto falando en galego como en español) as palabras de orixe castelá bollera, tortillera ou camionera. Popularmente, mantense tamén marimacho, coa mesma connotación de inversión que viamos para o caso masculino.

Os insultos marcan a debilidade xerárquica da realidade aludida, mais o movemento gai-lésbico fixo (fai) uso destes termos insultantes para se autoafirmar, pretendendo eliminar a carga negativa que se lles impuxo. Foi chave neste senso a aparición na década de 80, no campo académico, da Queer Theory, que houbo quen traduciu como Teoría Marica.

E cando aparece o contrapunto heterosexual? Este termo créase despois de homosexual e marca, na práctica, o carácter tamén construído da opción considerada “normal”.

8 de jun. de 2009

A fraude da pseudoconsulta

Velaquí o artigo desta semana na miña páxina "Por navegar ao desvío", nas segundas feiras en Galicia Hoxe:

A fraude da pseudoconsulta
Unha enquisa sen rigor, á medida do que quere o PP


Esta sexta feira comezará a distribuírse entre o alumnado, co obxectivo de que a cubran as familias, a coñecida pseudoconsulta sobre a presenza do galego no ensino non universitario. Este método seguido pola Consellaría de Educación e a Secretaría Xeral de Política Lingüística pretende construír unha realidade virtual, baseada en tramposas estatísticas, que arroupe unha involución legal para o galego no ensino.

Que se saiba, só a federación de ANPAs dos centros privados e concertados concorda coa iniciativa; é a mesma federación que no seu día, co mesmo ricto, aplaudiu que se regulase que ao menos o 50% do horario lectivo fose en galego, casualmente cando o PP tamén dicía que concordaba ou mesmo impulsaba esa proposta. Todo o resto de entidades de pais e nais, estudantado e profesorado critican con forza o xeito de proceder, unilateral e mesmo incendiario, da Xunta. Díxoo con claridade Virgilio Gantes, o presidente da Confapa, que agrupa máis de 600 asociacións de nais e pais en centros públicos: esta pseudoconsulta procura crear enfrontamentos e dividir. Ten razón. O PP desde a Xunta segue coa súa liña de crear crispación e impulsar fracturas sociais.

Sen credibilidade

Afirmou tamén o presidente da federación de asociacións de nais e pais de centros públicos que de ningún xeito se crerán os resultados que a Xunta presente desta pseudoenquisa. De feito, os especialistas no tema son unánimes á hora de subliñar a falta de fiabilidade e credibilidade do método seguido pola Xunta de Alberto Núñez Feijóo. O sociolingüista Henrique Monteagudo constata a "falta de rigor científico", mentres o sociólogo Carlos Neira publicaba un artigo esta fin de semana, so o título “Munición para a xenofobia”, que desmontaba toda esta falacia de forma ben clariña: "A recollida de información é unidireccional e non serve para establecer un debate de ideas entre as partes. Non houbo un debate previo, tranquilo e demorado sobre a cuestión lingüística, como para que a opinión dos pais conduza a encontros construtivos. (...) Desde logo non se trata en rigor dunha enquisa. No sistema de distribución non existen as garantías de control que debe ter un proceso de consulta. Os formularios carecen de numeración e identificación e non son merecentes de chamarse cuestionarios."

Sen debate previo nin información, a consulta pode cubrirse igual que se cobre unha quiniela. A iso hai que sumarlle que o pseudocuestionario dá vergoña allea pola súa tendenciosidade, dirixindo os resultados. Reparemos por exemplo na primeira e crucial pregunta para o alumnado de Educación Primaria: "En que lingua(s) preferiría que o seu fillo cursase as materias troncais?". As opcións son: "Todas en galego", "A maioría en galego", "Unhas en galego, outras en castelán", "A maioría en castelán" e "Todas en castelán". A trampa é que só preguntan polas disciplinas que chaman "materiais troncais", que nunha pequena nota de rodapé identifican coas matemáticas, coñecemento do medio e educación para a cidadanía. Isto é: quen responda "todas en galego" estará a apoiar unicamente o mantemento de arredor do 50% na nosa lingua, xa que a cuestión leva, tendenciosa, ao equívoco. O máximo que permite escoller é o 50 por cento do ensino en galego, o mantemento do decreto actual.

Un paripé

Que isto non é máis que un paripé xa o deixou en evidencia o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez Abad, que na presentación destes pseudocuestionarios dixo que se realizaban para derrogar o actual decreto e foi incapaz de responder ás moitas preguntas formuladas con seriedade polos xornalistas. Vaia, que sexan cales foren os resultados deste precociñado pseudoinquérito, o decreto que queren levar adiante xa está listo. É só para lexitimar a falta de apoio ás súas propostas involucionistas.

De feito, o xornal electrónico Vieiros tivo acceso a un primeiro bosquexo da proposta de decreto con que está a traballar o Goberno do PP a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O rascuño desta norma di que unha materia, a de matemáticas, se deberá ministrar en castelán en todos os centros. Por certo, é a disciplina que o Parlamento aprobou por unanimidade en 2004 que debería pasar a impartirse en galego.

A proposta abre a porta a un fenómeno que de certo non tardaría en producirse: a abertura de expedientes a aquelas profesoras e profesores que explicasen as ecuacións, divisións ou funcións en galego. Temos que lembrar que ningún docente foi expedientado nunca por dar en castelán materias que o alumnado ten o dereito a recibir en galego, mais si que houbo casos na etapa autonómica de alumnas/os e profesoras/es que tiveron expedientes por usar o galego "alí onde non debían".

Exemplo de austeridade?

Desde a Xunta din que o operativo para levar a cabo a pseudoconsulta custa case 200.000 euros, o cal é ben rechamante. Mentres a Consellaría de Educación ou a Consellaría de Cultura, por pór dous exemplos, reducen os seus investimentos en necesidades fundamentais, a Xunta non ten ningún rubor en desbaldir todo ese diñeiro nun labor realizado só para atacar o galego. Como sinalou A Mesa pola Normalización Lingüística, con este diñeiro recoñecido polo propio Goberno autoanémico, "poderían producirse moitas melloras no conxunto do sistema educativo, tamén na aprendizaxe de linguas". Porén, hai algo que non cadra moito en todo isto. Os cidadáns e as cidadás debemos poder coñecer o verdadeiro orzamento destinado a este operativo, que sen dúbidas é moi superior ao recoñecido polo conselleiro de Educación e o secretario xeral de Política Lingüística. Teñamos en conta que estamos a falar da impresión, distribución, recollida, clasificación e elaboración dos resultados de 330.000 cuestionarios.


Para que existe Política Lingüística?

O feito de que o galego sexa a lingua propia de Galiza e que, a pesar diso, estea nunha situación de desigualdade e inferioridade, leva ao mandato estatutario de que os poderes públicos deben promocionalo nos diferentes ámbitos. É esta situación a que leva a que na Xunta de Galiza haxa un departamento que se responsabilice máis en concreto destas políticas de restauración e extensión social. Se non, para que existe a Secretaría Xeral de Política Lingüística?

Porén, a crónica de Galicia Hoxe sobre a presentación da pseudoconsulta terminaba con dúas liñas que o din todo: "Pola súa parte, o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, limitouse a reiterar as afirmacións de Vázquez e a colocar en posición correcta o rabudo micrófono do conselleiro."

Todas as accións políticas presentadas e concretadas polo departamento que en teoría debería servir para promocionar o galego foron, no que levamos de mandato, para cavar a foxa e enterrar o noso idioma, reducindo a súa presenza social e transformándoo nun adubío inútil.

Por unha banda, a Secretaría Xeral de Política Lingüística está a traballar para publicar no DOG e tentar lexitimar unha norma legal que supoña o primeiro retroceso para o galego no sistema educativo nestes 30 anos de autonomía. O punto de partida non era moi bo: os niveis de docencia son moi reducidos no noso idioma, especialmente en Infantil e Primaria; hai problemas serios para garantir a competencia lingüística en galego nas diferentes etapas, mesmo vilas e cidades en que o estudantado non é capaz nin de falar en galego na aula de lingua e literatura galega; o ensino mantense como un factor para o abandono do galego, etc. E aínda queren ir máis para atrás.

Se o departamento de Política Lingüística está para isto e para asinar informes para que o galego non sexa un requisito no acceso a un posto de traballo público, por favor que quiten esta secretaría xeral no próximo anuncio de austeridade.

6 de jun. de 2009

A pseudoconsulta e a austeridade

A crónica en Galicia Hoxe da presentación da pseudoconsulta da Consellaría de Educación finaliza así:
Pola súa parte, o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, limitouse a reiterar as afirmacións de Vázquez e a colocar en posición correcta o rabudo micrófono do conselleiro.
Se o departamento de Política Lingüística está para isto e para asinar informes para que o galego non sexa un requisito no acceso a un posto de traballo público, por favor que quiten esta secretaría xeral no próximo anuncio de austeridade.

Falando de austeridade, a Xunta asegura que a impresión, distribución, recollida e tratamento destes 330.000 "cuestionarios" custaranos a todas e todos disque 200.000 euros, aínda que a cantidade é moi probábel que sexa ben superior.

4 de jun. de 2009

Vergoña de RTVG

As novas directivas da Radio Galega e da TVG xa repescaron os métodos que elas mesmas tanto aplicaron durante os mandatos de Manuel Fraga. Os dous grandes exemplos que están estes días nas bocas de todas as persoas con consciencia cívica son o espazo Aberto por reformas e o documentario sobre a crise das vacas tolas.

O programa do Xurxo Souto, que tiña un obxectivo tan tóxico como difundir a música en galego, fechouse de forma fulminante tal e como era coñecido. O vídeo prohibido na TVG, substituído a última hora por un filme do oeste, co visto e prace gobernamental, podemos velo xa en youtube. Vexamos o que non queren que vexamos:



[A imaxe, por esta vía.]

3 de jun. de 2009

Canto tardarían en expedientar neste caso?

O rascuño de decreto co que traballa a Xunta de Feijóo di que unha materia, a de matemáticas, se debe ministrar en castelán en todos os centros. Curiosamente, é a disciplina que o Plan xeral de normalización da lingua galega asevera que debería pasar a impartirse en galego e por iso foi así recollida no decreto de 2007.

A proposta é aberrante e inconstitucional. Ademais, abre a porta a un fenómeno que de certo non tardaría en producirse: a abertura de expedientes a aquelas profesoras e profesores que explicasen as ecuacións, divisións ou funcións en galego. Temos que lembrar que ningún docente foi expedientado nunca por dar en castelán materias que o alumnado ten o dereito a recibir en galego, mais si que houbo casos na etapa autonómica de alumnas/os e profesoras/es que tiveron expedientes por usar o galego "alí onde non debían".

Anxo Lorenzo debería respondernos a todas e a todos tres sinxeliñas preguntas, como especialista que el é en sociolingüística e o consciente que é do seu colaboracionismo á hora de lle abrir a sepultura ao galego:

1) Que é un proceso de normalización lingüística?

2) En galego dúas e dúas tamén son catro?

3) A Secretaría Xeral de Política Lingüística ten como función desmantelar a oficialidade do galego?

1 de jun. de 2009

Recuperando a memoria

Hai quen sinala, con moitos e bos argumentos, que non é exacto falar de Guerra Civil en Galiza no ano 1936, senón de sublevación fascista e militar, dun golpe de estado que tivo unha represión cruenta, mais non frontes de guerra propiamente ditos.

Mais tamén hai outra corrente historiográfica que opina que si se debe falar de Guerra Civil en Galiza, mais que esta non finaliza no ano 1939, senón até comezos dos anos 50, que é cando decae a actividade guerrilleira. Tratouse dunha resistencia brava ao fascismo que careceu das axudas exteriores que tiveron movementos análogos en Alemaña, Francia ou Italia.

Hoxe, segunda feira 1 de xuño, ás 20 h, na Biblioteca Miguel González Garcés da Coruña, presentarase a tradución para o galego do libro Heroes de Galiza e España, que recupera parte desa memoria. O proxecto de traducilo e salvalo do esquecemento hai que recoñecerllo e agradecerllo a Rosa Espiñeira Pan, a quen acompañaremos este serán na presentación Herminio Barreiro, Xesús Redondo Abuín e eu mesmo.

Ficades convidadas e convidados!

Cronoloxía e modelos de 'homosexualidade'

No meu artigo desta semana en Galicia Hoxe fago unha aproximación sintética e esquemática á cronoloxía e aos modelos de 'homosexualidade'.

Delimitando o concepto ‘homosexualidade’
Unha achega esquemática á súa cronoloxía e aos seus modelos


No primeiro volume da súa Historia da sexualidade, a mediados da década de 70, Michel Foucault fai unha proposta que será crucial no desenvolvemento dos estudos gais e lésbicos: considera que se pode datar a fins do século XIX a construción do homosexual como individuo específico, caracterizado pola súa sexualidade, non un vago suxeito xurídico ou persoa que comete uns determinados pecados (sodomita) ou transgresións (libertino). En termos xerais, esta teoria é unanimemente aceptada. Foucault chega a ofrecer unha data exacta, 1870, o cal foi con razón severamente criticado, xa que se trata dun proceso social complexo, non delimitábel até eses extremos. Sexa como for, este aspecto é só a tona do seu contributo e non o seu cerne. Máis relevante é o facto, non observado decote, de que 15 anos antes, na súa Historia da loucura, Foucault propuxera outra data diferente: o século XVII.

Isto non quer dicir, en ningún dos dous casos, como simplistamente se ten interpretado algunhas veces, que a homosexualidade sexa un construto e a heterosexualidade sexa algo “natural”: a heterosexualidade insérese no mesmo proceso de configuración da orde sexual que o seu contrapunto. Tampouco significa que non existan relacións afectivas intensas ou prácticas sexuais intermasculinas ou interfemininas previamente ao século XIX: é máis, son documentábeis desde a mesma prehistoria.

O historiador John Boswell fala de tres tipos de teorías que poden delimitar a homosexualidade, que denomina A, B e C. As teorías de tipo A postulan que todos os seres humanos son sexualmente polimorfos (collendo a terminoloxía freudiana), isto é, que poden desenvolver interaccións sexoafectivas de calquera tipo, mais hai circunstancias externas que determinan a súa expresión. Segundo as teorías de tipo B, existen dúas ou máis categorías que se diferenciarán case sempre na elección do obxecto sexual (p. ex., pensar que en todas as sociedades e épocas se diferencia por hetero/homo/bisexuais). Por último, as teorías do tipo C consideran correctas e naturais unha forma de respostas sexuais e incorrectas e antinaturais as demais.

No caso A podemos falar, segundo Boswell, de “nominalismo”, xa que as etiquetas homo / hetero se presentan como convencións arbitrarias; noutras palabras, o construcionismo. As teorías B vínculanse co esencialismo, que Boswell denomina “realismo”. Reparemos en que aí se considera que hai unha “verdadeira” identidade sexual que non se constrúe, que é consubstancial á persoa. O último grupo de teorías non describen, senón que prescriben.

Seguindo a obra de Foucault, podemos dicir que a homosexualidade aparece, en principio, como unha categoría de discurso en case todas as culturas, adquirindo valores diferentes. Esta categoría intégrase na percepción cotiá do mundo, igual que outros conceptos como familia, lei, felicidade etc. O que parece evidente é que prácticas homosexuais houbo ao longo de toda a historia e que pode haber características concretas recorrentes, secularmente vinculadas a esas prácticas. Tan evidente como que esas prácticas, cando se converten en conceptos do discurso, difiren profundamente en cuestións como a delimitación (até onde?), ontoloxía (que?) e a valoración moral.

Hai unha serie de modelos históricos de relacionamento que aparecen ligados ao particular concepto de homosexualidade construído contemporaneamente. Relacionaremos estes modelos a seguir, partindo dun esquema realizado por Alberto Mira, no seu dicionario enciclopédico Para entendernos:

1. Homosexualidade ritual.- En varias culturas antigas. P. ex.: a prostitución ritual, que serve para tranquilizar os deuses.

2. Pederastia.- Na Antiga Grecia e na cultura islámica tradicional, entre outras. Xeralmente, dous varóns: un adulto e un adolescente imberbe. Na relación sexual, o adulto ten o rol “activo”; na emocional, exerce de mestre. Trátase dun modelo misóxino, pois a súa pretensión é estabelecer lazos de unión interxeracional que exclúan as mulleres dos círculos de poder.

3. Interclasismo.- Na Roma clásica. Xeralmente tamén había diferenza de idade e distribución de roles.

4. Sodomía.- Na Idade Media, no mundo cristián. Non fica claro quen comete sodomía: apenas que é un pecado de índole sexual (cunha ampla gama de posibilidades) e que se chega a asociar con algunhas herexías. Non é propiamente “homosexualidade”, aínda que se ten feito unha errónea equivalencia retrospectiva.

5. Travestismo.- Eixo de diferentes subculturas ocidentais entre os séculos XIV e XIX (p. ex., as Molly Houses de Inglaterra). Non se configura a través do desexo ou das prácticas sexuais, senón polo rol. Ao longo da historia, homosexualidade e travestismo aparecen como fenómenos independentes. Uniranse con forza a partir do século XIX, co discurso que patoloxiza a homosexualidade como inversión. (Aínda á parte, está a figura da transexual, que é a persoa bioloxicamente varón que desexa ser muller, ou á inversa, e, unha vez operada –cousa que se consegue realizar desde 1952–, costuma optar pola heterosexualidade.)

6. Helenismo.- Aparece na Renacenza ocidental (o Humanismo reintroduce os clásicos greco-latinos, que traen visións non homófobas), gañando forza no século XVIII, co novo revisitar dos clásicos, cos seus canons de beleza centrados máis no masculino que no feminino. Trátase dun discurso artístico e elitista de carácter retrospectivo, pois expresa o desexo homoerótico a través das fórmulas estéticas greco-latinas, que se converteron no mito homosexual por excelencia. A pesar de que o seu uso é especialmente feito polos varóns, tamén se utiliza desde o lesbianismo, tanto en referencia a Safo de Lesbos como ás amazonas.

7. Amizades íntimas.- Este modelo podemos encontralo practicamente en calquera época, aínda que moi especialmente nos sécs. XVIII e XIX. A conceptualización da amizade tamén difere diacronicamente, e en moitos casos tócase coa propia idea de “amor” (cfr. as “heterosexuais” cantigas de amigo). Xa de vello é complexo resolver a suposta dicotomía entre a “amizade” e o “amor”. Moitas das chamadas “relacións de amizade” están baseadas no desexo ou conlevan diferentes roles; quizais no que se diferencian do amor –e só en parte– é na súa secundarización dos actos sexuais. Exs.: os matrimonios á bostoniana ou a camaradaxe intermasculina.

8. Patoloxía.- Desde o último cuarto do século XIX, no Occidente. Nacen o homosexual e a homosexual, como “doentes” que identificar por invertidos.

9. Psicanálise.- Desde os anos 30 do século XX. Parte do modelo patolóxico, modificándoo cunha lectura homófoba –cos prexuízos do modelo sodomítico– da obra revolucionaria e liberadora de Sigmund Freud. Etioloxicamente, a homosexualidade explicarase polo “desvío” na elección do obxecto de desexo, pasando a un segundo lugar as prácticas.

10. Gai.- Configúrase xa nos anos 20 e estoura en 1969. Responde ás categorizacións homófobas. É central a idea de identidade e autoidentificación: tanto positivamente (o orgullo) como no que se podería ler negativamente (drag-queens, desfiles carnavalescos, etc). Trátase dunha identidade occidental e urbana e, por moito que se presente como un absoluto e un ideal, deixa fóra a moitas persoas e moitos modelos de relación.

11. Queer / antigai.- Desde a década de 90 do século XX (aínda que os seus xermolos se vexan con anterioridade). Embora o desexo homosexual se manifestar orgulladamente, cuestiónase a posibilidade de que exista unha identidade social estábel baseada nese desexo. Estes modelos baséanse na transgresión.

Está a vista de ollos que ningún dos modelos de homosexualidade indicados ten grande estabilidade, e nin presentan moitas concordancias entre eles. Sobre isto teremos que incidir nunha próxima semana.