3 de jun. de 2009

Canto tardarían en expedientar neste caso?

O rascuño de decreto co que traballa a Xunta de Feijóo di que unha materia, a de matemáticas, se debe ministrar en castelán en todos os centros. Curiosamente, é a disciplina que o Plan xeral de normalización da lingua galega asevera que debería pasar a impartirse en galego e por iso foi así recollida no decreto de 2007.

A proposta é aberrante e inconstitucional. Ademais, abre a porta a un fenómeno que de certo non tardaría en producirse: a abertura de expedientes a aquelas profesoras e profesores que explicasen as ecuacións, divisións ou funcións en galego. Temos que lembrar que ningún docente foi expedientado nunca por dar en castelán materias que o alumnado ten o dereito a recibir en galego, mais si que houbo casos na etapa autonómica de alumnas/os e profesoras/es que tiveron expedientes por usar o galego "alí onde non debían".

Anxo Lorenzo debería respondernos a todas e a todos tres sinxeliñas preguntas, como especialista que el é en sociolingüística e o consciente que é do seu colaboracionismo á hora de lle abrir a sepultura ao galego:

1) Que é un proceso de normalización lingüística?

2) En galego dúas e dúas tamén son catro?

3) A Secretaría Xeral de Política Lingüística ten como función desmantelar a oficialidade do galego?

5 comentários:

  1. Para mim essas perguntas não correspondem só a Lorenzo, mas a Jesús Vázquez, que para algo é o conselheiro e chefe do primeiro.

    Eu perguntaria ao Conselheiro se lhe parece o galego inadequado para dar aulas de Matemática e se, como Hermida e os seus "razonables" amigos de Galicia Bilingüe, também pensa que a Física e a Química não se podem dar no nosso idioma "porque usan nomenclaturas internacionales".

    ResponderExcluir
  2. Ao mellor o asunto está no xénero: que en galego poidan ser dúas e dúas ou dous máis dous non crea que non ten o seu aquel. Xa a sra. Botella expuxo as súas ideas sobre peras e mazás, que aínda en castelán non dei eu entendido.
    En fin, parece que ao tal Lorenzo lle toca dar a vaselina, se me permite a expresión.

    ResponderExcluir
  3. Debo recoñecer que neste caso levas razón. Eu propoño varias suxestións:
    a) xudicializar todo este tema; gañaremos tempo
    b) obxectar (lembremos o de educación para a cidadanía)
    c) facer estoupar o verdadeiro conflito; como ben dis, ata o de agora ningún equipo directivo nin ENDL dencunciou a un compañeiro por non empregar a lingua esixida. É evidente que entre as funcións do profesorado non é a de ser unha Stasi. Agora ben. Chegado é o momento. Imos ver quen ten máis que dicir e perder. Se isto vai así denunciemos aos/ás que imparten Sociais en castelán.

    ResponderExcluir
  4. A propósito de Anxo -do inferno- Lorenzo. É unha suposición miña ou alguén concorda en que detrás del está a alongada man do Grupo Galaxia and Council of Culture of Galice? Lémbrademe: cal foi a primeira reunión pública de Feijoo?

    Hai que estar a ben con deus e co demo.

    ResponderExcluir
  5. Non me estrañaría nadiña que aos dous días de comezar o curso houbese xa varias protestas por profesores que dean as aulas de matemáticas en galego... nós imos quedar calados? Teremos que ser máis fortes ca eles e xuntos podemos ;)

    ResponderExcluir