Penso exactamente o mesmo que tan ben expresa Miguel Anxo Fernán Vello neste seu artigo en Galicia Hoxe:
"Entre Novoneyra e Carvalho Calero",
por Miguel Anxo Fernán Vello
Ledicia é o que eu sinto, e ben que a sinto, porque Uxío Novoneyra vai ser un dos máximos centros, talvez o máis sedutor e activo, da vida cultural galega no ano 2010. E tamén sentiría esa mesma ledicia, coa mesma fondura e amplitude, se fose Ricardo Carvalho Calero a personalidade recoñecida e homenaxeada o vindeiro ano. Sei que Uxío Novoneyra, que nunca lle pediu nada a ninguén e foi un home fidel e xeneroso, lle deixaría, se fose cousa súa, o posto a Carvalho Calero. E tamén sei, ou intúo, mellor dito, que don Ricardo, home recto e tamén xeneroso, non tería ningún reparo en lle abrir a porta festiva das Letras ao gran poeta que foi Uxío. Novoneyra, cónstame, respectaba e admiraba a Carvalho. E o autor de Scórpio, tamén me consta, estimaba a figura e a obra do autor de Os Eidos. Tanto Novoneyra como Carvalho Calero sufriron nos últimos anos un silencio que hai que cualificar como mínimo de estraño, "silencios" aos que eu me teño referido como propios dunha certa ingratitude ou desagradecemento que ten asento en amplos segmentos da cultura, institucional ou non, galega. No caso de Novoneyra, poeta maior e personalidade individual e literaria de máxima transcendencia, o silencio atinxiu mesmo planos indecorosos, mais en Carvalho Calero (1910-1990) o silencio, densísimo e delongado -e propiamente o silencio institucional-, merece figurar na historia universal da infamia. Eu lembro o meu amigo e mestre Novoneyra a enrubescer de ira fronte a calquera caste de sectarismo empequenecedor e obsceno, e tamén estou vendo a Carvalho, outro mestre, sen dúbida, a manter unha ética inviolábel en todo o concernente -Rosalía e Castelao como fondas referencias- á nación de noso e aberta ao mundo que el mesmo, e tanto, en forma e fondo, contribuíu a construír. Se a cultura do país, na súa máis ampla expresión, é ingrata cos "seus", nada ou pouco ten que facer, de xeito construtivo, no futuro. Benvida sexa a "música" enraizada na terra de Uxío Novoneyra. Eu sei que no rostro de Carvalho floreceu un sorriso.
Nenhum comentário:
Postar um comentário