30 de jun. de 2009
O feche do programa Entendo e a homofobia do PP
En novembro de 2008, a Dirección Xeral de Xuventude do bipartito, encabezada polo nacionalista Rubén Cela, puxo en andamento o programa Entendo, para dar asistencia xurídica, médica e psicolóxica ao colectivo de lésbicas, gais, bisexuais e transexuais.
Nunha carta ao director en Xornal de Galicia de hai uns días, advertíase dunha grave decisión gobernamental de Núñez Feijóo que debe ter resposta social. Resulta que unha das primeiras medidas adoptadas pola Dirección Xeral de Xuventude do PP foi fechar o programa Entendo, aínda que ás caladas, sen anuncialo en ningures. Como ben di a autora da carta ao director, "non por esperado deixa de resultar frustrante que o Executivo da actual Xunta actúe dun xeito tan retrógrado e hipócrita", xa que "unha alta porcentaxe de votantes e contribuíntes foron deixados sen as prestacións e asistencia que anteriormente recibían".
Parece que, nestes momentos, só o espazo web do programa Entendo continúa operativo. Curiosamente, mentres redixo estas liñas, nesa páxina fálase da "Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar", do anterior goberno.
O seguinte que poden tentar desmantelar desde o PP, tamén ás caladas e seguramente máis levándoos a un declinio constante que a un feche dun día para outro, son os centros Quérote, que tamén puxo en marcha esa área xestionada polo BNG na anterior lexislatura.
Propoño inundar de correos-e ao presidente da Xunta (presidente@xunta.es) cunha redacción máis ou menos como esta, que podedes copiar e colar ou mudar segundo o voso criterio:
Señor presidente:
Diríxome a vostede para lle manifestar a miña preocupación polos retrocesos que se están a producir baixo o seu mandato no referente aos dereitos do colectivo LGBT (lésbicas, gais, bisexuais e transexuais). Non podo máis que lamentar que nos seus primeiros cen días como presidente só levase a cabo políticas para desprotexer aínda máis este colectivo de cidadáns e cidadás, camiñando no sentido contrario ao que avanza o resto do mundo.
Ademais de ser esta a primeira vez nos últimos catros anos que o Goberno galego non celebra oficialmente o Día do Orgullo, acabo de saber que unha das primeiras medidas da Dirección Xeral de Xuventude foi fechar o programa Entendo, sen dar explicacións de ningún tipo. Reclámolle que este proxecto que daba unha necesaria asistencia xurídica, médica e psicolóxica ao colectivo LGBT se retome e sexa reforzado.
Quero tamén manifestarlle a miña preocupación polo futuro dos centros Quérote, un servizo útil e moi ben recibido polo inmensa maioría da sociedade, que se puxo en andamento nos últimos anos. Sería lamentábel que, por presións ultracatólicas, esta rede de centros fose fechada, sometida a unha reformulación moralista ou diminuída na súa capacidade de atención e acción.
Agradecéndolle a súa resposta e que tome en conta ás miñas reclamacións, despídome con cumprimentos cordiais.
Assinar:
Postar comentários (Atom)
menuda vergonza
ResponderExcluirporque non vas a esta dirección
http://www.felgtb.org/es/envia-tu-denuncia/
e lles comentas a situación. Talvez na manifestación do sábado poidan dicir algo e así mobilizar a moita máis xente... pq se isto comeza en galicia e o PP comeza a gañar votos... q será o seguinte???
Ola anónimo,
ResponderExcluire por que non te animas e o fas ti tamén? Mal imos se non pomos todos algo da nosa parte en combater a situación e confiamos en que sexan outros os que fagan o traballo, as denuncias, as reivindicacións...
Eu xa vou escribir os meus correos, anímate ti tamén ;)
Bicos
Fagámolo tod@s e non discutamos entre nós! ;)
ResponderExcluirOla, Callón:
ResponderExcluirEnviei un mail ao presidente para comunicarlle a miña queixa polo feche deste programa Entendo.
Probabelmente irán caendo un tras do outro este tipo de programas. Cando menos hai que denunciar estas actitudes de imposición dunha moral retrógrada.
Saúdos
Chus