17 de jun. de 2009

A xustiza, a lingua e as faltas de ortografía

Nos últimos días estou a faltar con demasiada frecuencia á miña obriga autoimposta de actualizar ao menos unha vez ao día esta páxina. Tentarei corrixilo. Xa saberedes máis ou menos os motivos desta falta de vagar, pois pola Mesa estamos até o curuto de traballo con todos estes ataques contra o galego, en especial do PP desde a Xunta. A parte boa e esperanzadora é a inmensa reacción social, tanto por xente falante de galego (de forma consciente ou non) como por persoas que falan en castelán mais senten o galego como algo propio, para o que queren un presente sen discriminación e un futuro de igualdade.

Mais os ataques, como sabedes tamén, veñen por moitas outras bandas. Non se pode esquecer a dimensión mediática do asunto e vermos noticias que se silencian ou terxiversan ou magnifican, segundo conviñer ao propósito de ir contra o noso idioma propio. Nin tampouco podemos deixar fóra as posicións vergoñentas que desde outros espazos institucionais diferentes aos gobernamentais asumen cargos como por exemplo o Valedor do Pobo.

Esta mañá hai tamén unha outra face destes ataques contra o galego. Ás 12, comparezo nos xulgados de Fontiñas, en Santiago, pola denuncia que interpuxo o xuíz decano da Coruña contra min, como presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. O motivo foi que rexeitei e critiquei, como non podía ser doutro xeito, a frase deste maxistrado que reproduciran os medios de comunicación: "No tengo ningún rubor en usar la ilegalidad del topónimo La Coruña".

Lembremos que estas palabras que citaron os medios foron pronunciadas nun xuízo no que o maxistrado era parte denunciante contra un veciño da Coruña que solicitara que a documentación lle fose remitida en galego e co topónimo oficial. O xuíz decano considerara daquela que o uso de "La Coruña" era un "erro ortográfico". Tal "desliz" repítese agora, dúas veces, no escrito que presentou nos xulgados contra min. Casualidades da vida, problemas serios coa ortografía ou desobediencia consciente da lei por parte dun funcionario que non debería guiarse por outro criterio que non fose o da plena aplicación da legalidade?

6 comentários:

  1. Todo o meu agarimo e apoio a Callón.Lamento enormemente que os xuíces dispoñan de tanto "libre" (pagado minutiño a minutiño por todos nós) para adicarse a enredar nunha CASA (a súa, a xustiza....) e nunha suposta "causa" contra a súa liberdade...en lugar de limpar as ducias e ducias de esquinas cheas de miserias e aldraxes aos mais indefensos... nesta xustiza española.
    Ainda así. Insisto en que para unha normalización real,non traumática-é dicir, para non estar nos xulgados TODOS tódolos días- e a medio prazo... é necesario que as forzas políticas comprendan que OS NOVOS FUNCIONARIOS -non así os que xa teñen a oposición gañada- deben ASINAR un documento no que se comprometan a tentar, voluntariamente... fala-la nosa língua(non chega con aproba-lo cursilliño...que o galego non é tan dificil coma o chinés...)e dende logo, de xeito OBRIGATORIO... si lle é solicitada a resposta-por escrito ou oralmente en galego. ¿é moito pedir para alguén que ten choio para toda a vida? OBRIGACIONS sí, coma en todos os traballos. E isto vai para funcionarios... coma XUICES. E, si non queren... p0is, á empresa privada!!!A ninguén lle obrigan a ser funcionario.
    NON NOS ENGANEMOS ésta é a única e posible NORMALIZACION LINGUISTICA para que nunha xeración O GALEGO recupere usos, falantes -de prestixio "social"-médicos, profes, xuíces... e por favor que non se me entenda mal este aspecto -e nun par de décadas recuperaríamos unha NORMALIDADE que nunca deberiamos ter perdido. O demáis... decreto do galego... 50% de materias ou o 60 ou o 100...¡non é útil! DEMOSTROUSE QUE NON. OS PARTIDOS POLITICOS UTILIZARAN SEMPRE O IDIOMA COMO ARMA ARROXADIZA.Só dende un funcionariado-que é de todas as cores políticas- comprometido...e sintoo moito, obrigado... o galego resurxirá.

    ResponderExcluir
  2. Desde as conhecidas e lícitas discrepâncias, todo o meu apoio. Já contaredes como corre tudo.

    ResponderExcluir
  3. Pois se en dous anos non conseguiu aprender unha regra ortográfica tan sinxela, o tipo ten que ser cortiño cortiño...

    ResponderExcluir
  4. Velaquí a "ética" (e tamén a estética) deste xuíz:

    ResponderExcluir
  5. http://perfectoconde.blogspot.com/2009/12/xuices-que-construen-ilegalmente.html

    Perdón, fóiseme a tecla!

    ResponderExcluir