30 de ago. de 2009
Are we human or are we dancer?
28 de ago. de 2009
26 de ago. de 2009
Expecto patronum!
Esta é, por certo, a entrada número 400 deste blog. Grazas por estardes aí!
24 de ago. de 2009
A crítica no armario
A actitude ou perspectiva máis frecuente da crítica literaria tradicional cando aparece un dato relativo ou vinculábel á homosexualidade (explicitamente nun texto ou nunha biografía, p. ex.) é dirixir o seu ollar para outro lado, fuxir do tabú. Eve Kosofsky Sedgwick, no seu referencial Epistemology of the closet (Epistemoloxía do armario) esquematizou, con bastante humor, os oito posíbeis pretextos para facer iso, que non podo deixar de citar:
1. A linguaxe apaixonada na atracción entre persoas do mesmo sexo era moi común en calquera que for o período en discusión e, portanto, debería carecer totalmente de significado. Ou
2. As relacións xenitais entre persoas do mesmo sexo puideron ser perfectamente comúns durante o período en discusión, mais dado que non había unha linguaxe para se referir a elas, deberían carecer totalmente de significado. Ou
3. As actitudes fronte á homosexualidade eran intolerantes por aqueles tempos, non como agora; así que probabelmente a xente non facía nada. Ou
4. As prohibicións contra a homosexualidade non existían entón, non como agora; así que, de se facer algo, non tiña ningún significado. Ou
5. A palabra "homosexualidade" non foi creada até 1869; así que antes de entón todo o mundo era heterosexual (Con certeza, a heterosexualidade sempre existiu). Ou
6. Do autor ou autora de que se trata asegúrase ou rumoréase que tivo unha relación con alguén do outro sexo; portanto, os seus sentimentos cara ás persoas do seu mesmo sexo carecían totalmente de significado. Ou (baixo un sistema quizais un tanto diferente de proba admisíbel)
7. Non hai ningunha proba irrebatíbel de homosexualidade, como o esperma extraído do corpo doutro home ou unha fotografía da autora espida con outra muller; en consecuencia, debemos asumir que o autor ou a autora foi afervoada e exclusivamente heterosexual. Ou (como último recurso)
8. O autor ou autora e as súas relacións importantes poden moi ben ter sido homosexuais; mais sería provinciano permitir que este feito tan insignificante afectase a nosa comprensión de calquera proxecto serio de vida, escrita ou pensamento.
É unha presentación realizada, como dixen, cunha alta dose de humor, mais en absoluto exenta dunha verdade doadamente verificábel aínda na maioría dos manuais, estudos e historias da literatura, tamén no caso galego. A homosexualidade acaba sendo un "segredo a voces" que dificulta o coñecemento real, a través de implícitas ou explícitas xustificacións que, aínda sendo contraditorias, desembocan no mesmo mar do silenciamento. Consciente ou inconscientemente, é un mar de censura.
Talvez o tópico do cal máis se bota man para excluír a cuestión homosexual do debate cultural sexa o da "universalidade da obra artística", entendéndose -aínda que sexa por omisión- que ser universal é ser heterosexual. Está vinculada a idea de que a homosexualidade é algo marxinal, non central no sistema cultural, e por iso debe ficar relegado o seu estudo. Para alén de que desde diversas correntes teóricas (Cultural Studies, estudos feministas, estudos pos-coloniais, etc) se subliñe a importancia de analizar mesmo aquilo que nos puider semellar (ou obxectivamente for) marxinal, o certo é que embora a homosexualidade poida ser marxinal nun texto, socialmente a súa presenza está carregada simbolicamente nun contexto heterosexista.
Sintetízao moi ben Alberto Mira: "a crítica heterosexista négase a admitir que a homosexualidade non é un problema que afecte a uns poucos individuos, senón unha estrutura cultural que se encontra en difícil equilibrio coas nocións de xénero e identidade, imbricada en toda a conceptualización do sexo na nosa cultura, e non algo que existe de forma illada e que só concerne a uns marxinados".
Pesa nestas situacións tamén o feito de que nas investigacións sobre homosexualidade se tenda a identificar o crítico ou a crítica co obxecto de estudo, traspasándolle o estigma ("se escolleu este tema, por algo será"). Así, con certa frecuencia atácanse mesmo as motivacións da persoa que se debruce sobre a cultura homosexual, acusándoa de parcialidade, de manipulación activista, tendenciosa e acientífica. A hostilidade heterosexista considera a homofobia, en definitiva, como prisma de imparcialidade e rigor. No caso do ensino, que é unha das principais institucións do sistema literario, a situación é de obscuridade praticamente total.
19 de ago. de 2009
Son as 11.30 do 19 de agosto de 2009 e a conselleira de Traballo aínda non demitiu nin foi cesada
A CIG informou onte de que hai outras dúas traballadoras que tamén interpuxeron denuncia contra Ana María Díaz López, a directora xeral de Formación e Colocación condenada por sentenza firme e inapelábel. Estraña "formación" e deplorábel "colocación", non vos parece?
Hai medios que están a silenciar esta gravísima situación. Mais os cidadáns e as cidadás, as e os contribuíntes, temos que denunciala con todas as nosas forzas e exixir a demisión ou cesamento non só da directora xeral condenada, senón tamén da conselleira que xustifica e ampara estas ilegalidades que supoñen un pésimo exemplo para todas e todos. Son as 11.30 do 19 de agosto de 2009 e aquí aínda non se fixo nada.
18 de ago. de 2009
A gaivotiña azul e os símbolos galegos
Dixo hai pouco o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que non había que darlle un nome especial, que se chamarían "escolas infantís, como en todo o mundo". Mais agora resulta que si ten que telo: A Galiña Azul.
Antes da gaivotiña azul, como é sabido, o logo era unha casiña cun enorme sorriso e unha bandeira galega. Eliminar esa franxa azul ("identitaria", como dirían os dirixentes do PP con cara de enfado) é a razón, non disimulada, de mudar o logotipo, por máis que o animaliño este leve un lapis que poida parecer outra cousa.
Por que razón lles molesta tanto a simboloxía galega, ben "democrática" e "legal"? Onde queda a Lei de símbolos de Galiza? Onde queda o artigo 6 do Estatuto de Autonomía?
17 de ago. de 2009
A censura da homosexualidade na literatura
A censura da homosexualidade na literatura
Modificacións e supresións de textos por motivos heterosexistas
A censura, nas súas diferentes vertentes, é un trazo esencial do funcionamento social da homosexualidade e, como non, tamén da súa incidencia no conxunto do sistema literario. O estudioso Alberto Mira sinala tres modalidades de censura da homosexualidade nas artes: a manipulación da obra, a manipulación da biografía e a censura legal. Indica tamén (aínda que sen incluíla claramente dentro destes tres procesos) a posibilidade de que a obra non se chegue a difundir.
Partindo do esquema feito por Mira, penso que é de interese para analizar o fenómeno na súa globalidade facermos unha clasificación da censura por heterosexismo no sistema literario segundo criterios funcionais. En primeiro lugar, que é o que se censura e con que resultados e, nun segundo nivel, observar cales son as instancias que efectúan ou promoven o silenciamento.
Así, unha primeira diferenza xeral podemos estabelecela entre a censura directa aos textos literarios, eliminando ou mudando aquelas cuestións que (directa ou inidirectamente, de xeito literal ou interpretado) puidesen aludir á homosexualidade, e aquela que non ten a ver cos textos, senón coa historia do sistema literario: biografías, manuais, estudos de todo tipo etc. Trátase nese caso de apartarse da homosexualidade, como se non tivese ningunha relevancia, significado ou sentido. Este último aspecto abordarase de xeito central no artigo da vindeira semana.
No caso da censura textual, encontrámonos con dúas posibilidades: a modificación dos textos, que os permite aínda circular sen o que se considerou tabú, ou o seu pleno silenciamento, for impedindo a súa saída (mesmo destruíndoos), secuestrando a edición etc.
As variacións no escrito poden deberse á autocensura do propio autor ou autora, por exemplo modificando o sexo dunha personaxe ou dun eu lírico, como fixo Lord Alfred Tennyson na segunda edición do seu poema “In Memoriam”, para que non se puidese ler como homoerótico. Iso mesmo pode explicar a mudanza dun verso realizada por Fermín Bouza Brey entre o manuscrito que conservamos e o finalmente publicado en Seitura. Nestes casos, conservamos ao menos un documento previo (editado ou autógrafo) que nos permite observar a incidencia do heterosexismo nesa mudanza última. Noutras moitas ocasións, tal mudanza será imposíbel de probar, aínda que poidan existir hipóteses ao respecto, como é o caso verbi gratia das escollas pronominais de Rosalía de Castro nos seus poemarios Follas novas e En las orillas del Sar.
Documéntanse máis habitualmente as mudanzas realizadas na edición das obras por mans de terceiros, como os herdeiros da autora ou do autor ou os críticos literarios. Unha boa mostra do primeiro é o sobriño de Miguelánxelo, que mudou os pronomes masculinos en femininos ao editar as obras do seu tío.
No caso galego, temos un exemplo ben sorprendente, aínda que pouco coñecido, sobre o cal me comprometo desde xa a falar con máis vagar nun futuro artigo nesta páxina das segundas feiras en Galicia Hoxe. Refírome á edición da cantiga de Pero da Ponte que comeza “Dom Tisso Pérez, queria hoj’ eu / seer guardado do trebelho seu”. O “guardado” do segundo verso aparece así claramente, cun ben redondo o final, nos dous cancioneiros que nos transmitiron o texto: o da Biblioteca Nacional e o da Vaticana. A interpretación da relación entre dous homes que dá a literalidade do verso fixo que a maioría dos seus editores mudasen, sen ningunha outra razón (con certeza, ningunha amparada pola crítica textual), o “guardado” en “guardada”.
As modificacións no escrito poden producirse tamén de mans de terceiros nas traducións. Un bo exemplo son os cambios pronominais para heterosexualizar os poemas (unha ela onde aparecía un el, ou viceversa) en traducións do árabe ou do grego clásico, como lle ten acontecido a Safo ou ao Banquete de Platón. Un interesante traballo de Marta González González, da Universidade de Málaga, amosa as vicisitudes sufridas nas traducións desta última obra a diferentes linguas modernas, debido á lexitimación histórica que suporía para as relacións homosexuais. A primeira vez que se verteu ao inglés, publicada en 1761, transformáronse “os amores homosexuais en heterosexuais e suprímese por enteiro o parlamento de Alcibíades”.
As vicisitudes do Banquete en inglés exemplifican tamén o caso da censura editorial ou legal. En 1818, Shelley traduciuno de novo, acompañándoo dun ensaio introdutorio da súa colleita. A súa viúva emprendeu a tarefa de levalo ao prelo, mais encontrouse con presións que a obrigaron a suprimir partes do discurso de Alcibíades, do limiar e mesmo mudar de vez o título do mesmo, que pasa de ser A Discourse on the Manners of the Ancient Greeks relative to the Subject of Love a un (supostamente máis) aséptico e inofensivo Essay on the Literature, the Arts and the Manners of the Athenians.
Que Shelley fixese a tradución e a introdución e non quixese publicalas durante lustros, senón que fose postumamente, é xa de seu unha forma de silenciamento editorial, de supresión plena do funcionamento dun texto. É a chamada literatura de caixón, de gabeta. Son moitos os exemplos que se poden pór de textos escritos mais que o autor ou autora termina pospondo a súa publicación sobre todo polo heterosexismo. O caso máis coñecido é o do escritor E. M. Foster, do cal só se publicaron textos explicitamente homosexuais tras a súa morte: o romance Maurice e os contos Life to come.
Poden ser tamén outras instancias, editoriais, legais ou relixiosas, as que leven á supresión deses textos, ás veces nada máis que hipotéticos textos. Falando de teorías e suposicións: Se hai xograres ou mesmo trobadores aos que se lles apón na nosa lírica medieval relacións sexoafectivas con outros varóns, non ten sentido imaxinar que tales compositores realizaron respostas, como era habitual no espectáculo trobadoresco, mais que tales cantigas non chegaron até nós por non entraren nos criterios dos antólogos que nos transmitiron os cancioneiros? Sei que é moi arriscada a hipótese e, de feito, a min convénceme máis como pregunta que como resposta. Cómpre atender a que tanto os copistas baixomedievais como os da Renacenza italiana non tiveron ningún reparo en deixar testemuño do máis escabroso ou sacrílego do escarnho e o mal dizer, mais así e todo parece relevante que os ciclos que usan a homofobia como arma carezan totalmente de resposta ou defensa, malia a importancia cuantitativa dentro das sátiras que chegaron até nós.
O secuestro editorial é un caso extremo de censura, mais ben documentado por motivos homófobos. Os modernistas portugueses padecérono cando viron que en marzo de 1923 eran retiradas das librarías tres obras que trataban a homosexualidade sen ningún pelo na lingua, for reivindicándoa for abordándoa coa maior das normalidades, sen dar desculpas, como subliñaba Álvaro de Campos, un dos heterónimos de Fernando Pessoa. Refírome ás Canções de António Botto, Sodoma Divinizada de Raúl Leal e Decadência, un poemario de temática lésbica asinado por Judite Teixeira.
A historia do silenciamento, modificación ou manipulación acompañou despois a moitas das obras ou autoras/es referidos neste artigo, conferíndolles un plus simbólico. Portanto, non só debemos falar da censura por heterosexismo no referente á xénese dos textos, senón tamén no que di respecto á súa función.
15 de ago. de 2009
'A Mesa, se non existise, habería que inventala'
En calquera caso, hai un erro importante. Na presentación din que teño "pouco máis de 30 anos", cando a realidade é que teño 30 xustiños. Ao menos, até dentro de 15 días :P
10 de ago. de 2009
A vera effigies de Rosalía
Velaquí o artigo desta semana en Galicia Hoxe:
A vera effigies de Rosalía
Restaurando a iniciadora da literatura galega contemporánea
Como ben dixo Ricardo Carvalho Calero, e ben podemos continuar a afirmar hoxe, de Rosalía de Castro téndese a pendurar todo canto prexuízo se lle apón a Galiza. Que se choromicas, que se ultracatólica, que se acertou xenialmente por intuición (xa que non por formación), que non era consciente do que facía, que foi unha precursora do bilingüismo “bien entendido”, que todo nela eran traumas inmobilizadores... Cada vez, desde as aulas de lingua e literatura galega vanse desterrando con máis forza todos estes tópicos infundados. Iso non quere dicir que a nivel académico non se continúen a repetir, do cal podemos ter bo testemuño por exemplo no tratamento dado a esta autora na inmensa maioría dos libros de texto de lingua e literatura española, carentes do máis mínimo rigor e moitas veces rozando de cheo o disparate.
Notas biográficas
No ano 1916 Augusto González Besada pronunciou o seu discurso de ingreso na Real Academia Española: Rosalía Castro. Notas biográficas, que é unha das primeiras tentativas de elaboración dunha biografía desta narradora, poeta e inédita dramaturga. O autor dese texto, na súa mocidade, estivera vencellado ao rexionalismo galego, mais despois integrouse nas filas conservadoras, detentando altos cargos no Goberno do Estado. O seu papel nada proclive aos movementos protonacionalistas fai que as súas anotacións biblio e biográficas sobre Rosalía de Castro sexan esclarecedoras dun xeito especial, por contrastaren con forza coa imaxe tópica que desta escritora predominou e continúa a predominar na actualidade.
Esta contradición foi a que impulsou á profesora Pilar García Negro a divulgar entre nós, no ano 2004, ese texto de difícil acceso. Dentro do labor divulgativo, optou por traducilo á lingua de noso, acrecentándolle un “Limiar” explicativo da súa autoría e un “Epílogo” de Francisco Rodríguez, un dos principais especialistas na autora de Follas novas. Quero hoxe chamar a atención sobre este libro, facer un repaso polo que alí se sinala e, en especial, convidar á súa lectura.
No “Limiar”, García Negro fai un resumo dos principais fitos da recuperación de Rosalía nos últimos 25 anos: o traballo “As mulleres galegas polos nosos dereitos”, da Comisión de Mulleres da Asemblea Nacional-Popular Galega, despois reeditado como “Rosalia de Castro, a primeira feminista da nación galega”; o Congreso Internacional de Estudos sobre Rosalía de Castro e a súa obra con motivo do centenario do seu falecemento; a tese de doutoramento que Francisco Rodríguez defende na USC (Análise sociolóxica da obra de Rosalia de Castro); os meticulosos traballos de Andrés Pociña e Aurora López etc. Nesta liña hai que incluír tamén a obra Rosalía de Castro, a luz da ousadía, do investigador Diego Pardo, que vén mesmo agora de saír do prelo da editora Laiovento.
Aínda así, a situación actual continúa a ser deficitaria a respecto do coñecemento do que Rosalía e a súa obra significaron e significan, como antes se sinalou falando do ámbito escolar. Por iso, a profesora e activista declara: “Esta tradución da obra de Besada que agora oferecemos seria sobrante se se tivese instalado entre nós, dunha vez por todas, a modernidade no tocante á ubicación, hermenéutica e valoración actuais e actualizadoras da nosa escritora”.
Tras diso, no limiar dedícase unha epígrafe a “Quen foi e a quen serviu Augusto González Besada”, para despois explicar as “Características do discurso” e sinalar as “Notas sobre a edición”. De entre estas notas, é de observar o feito de que a editora opte por reproducir os poemas ou fragmentos en prosa antologados por Besada através das edicións críticas (no caso dos Cantares gallegos e de Follas novas) e da editio princeps (no caso de En las orillas del Sar). Este coidado e respecto aos textos hai que lamentar que non se vexa en moitas edicións desta autora fundamental que continúan a saír na actualidade. Nas librarías pódense encontrar por exemplo unhas obras completas que viron lume neste ano 2009, impresas con todo o coidado no referente ao papel, mais que repiten unha e outra vez grallas ou mesmo manipulacións da obra rosaliana que foron desterradas polos especialistas hai xa décadas.
No ronsel das ilustradas
Besada introduce o tema de Rosalía de Castro enumerando unha longa listaxe de mulleres da historia da Galiza coñecidas polo seu labor cultural e sinalando o importante –mesmo heroico– papel que as mulleres tiveron e teñen na sociedade galega. Moitas das que aí cita son aínda actualmente grandes descoñecidas, como as ilustradas Mª Francisca Isla y Losada, Mª Tomasa de Jesús e Mª Teresa Caamaño. Aínda que sobre Francisca Isla y Losada xurdiron interesantes pesquisas nos últimos meses, aínda é necesario que se tire do fío destas figuras para deitar máis luz sobre a Ilustración en Galiza.
A parte fundamental do discurso céntrase, como é obvio, no decorrer vital de Rosalía de Castro. Na súa peza oratoria, González Besada reitera que Rosalía foi unha muller culta e escritora filosófica que tentou vivir da escrita, mais con escaso éxito. A mesma publicación de En las orillas del Sar atribúea a esta razón de tentar garantir a subsistencia da familia nun momento especialmente delicado.
Con certeza, non foi indiferente tampouco para a escolla de editar un poemario en español e non en galego como os dous grandes anteriores a necesidade de vivir da escrita nun momento en que o casal Murguía-Castro, con varios fillos e fillas, tiña importantes problemas económicos. A situación era grave até o punto de que as súas amizades chegarán a organizar actos de caridade pública para axudalos, como ben documentou Francisco Rodríguez. No momento da súa morte, Rosalía de Castro encóntrase fracasada como escritora e nunha situación de miseria económica.
Integración subsidiaria
No discurso de ingreso de Besada na RAE, termínase comentando o tratamento institucional que recibiu Rosalía postumamente e sinálase tamén algunha anécdota do traslado dos restos da escritora en 1891. Porén, silencia o máis substancial deses feitos: quen organizou o traslado, que problemas xurdiron etc. Hai sucesos que, ideoloxicamente, debe agochar e disfarzar.
No “Epílogo”, Francisco Rodríguez considera que Augusto González Besada “colaborou de forma intencionada a integrar inevitabelmente de forma subsidiária, a figura de Rosalia na cultura española. Mais o seu discurso estaba premido por unha auténtica admiración e entusiasmo reivindicativo do carácter rebelde da sua obra”. E conclúe: “O curioso é que, miren por onde, teñamos que botar mao dun galego ao servizo do Estado español para darmos unha batalla máis, dentro desta guerra, pola liberación, e digo-o con precisión, de Rosalia das gadoupas da bobaxe, do cretinismo e da minusvaloración”.
9 de ago. de 2009
O novo de Mika: 'We are golden'
A vós que vos parece?
8 de ago. de 2009
Francisco Vázquez para 'Defensor del Pueblo'?
4 de ago. de 2009
Dedicatoria para os homófobos
E, aquí, en plan karaoke:
3 de ago. de 2009
Mes e medio para isto?
Mes e medio para isto?
A pseudoconsulta finaliza con máis indicios de fraude
Un Anxo Lorenzo cheo de soberbia e prepotencia presentou esta pasada sexta feira os resultados parciais e cociñados da pseudoconsulta sobre linguas no ensino. O secretario xeral de Política Lingüística, que tivo que tragar o marrón el só, sen a presenza do conselleiro, cualificou como “estupideces” as críticas recibidas en todo este escuro proceso. Tales palabras e actitudes non fan máis que botar leña ao lume que os actuais dirixentes do Partido Popular prenderon contra o galego.
É unha mágoa que Lorenzo non actúe como un gobernante serio e responsábel, mais os seus ataques de ira non van facer que aplaudamos ese traballo seu de ir desmantelando o estatuto do galego como lingua propia e cooficial. Os seus insultos non van facer que a unanimidade sindical de CIG, CCOO, UXT, STEG, CSI-CSIF etc, que criticaron esta consulta desde o comezo, se rompa para pasar a lexitimar esta fraude. As súas saídas de ton non van facer que a federación de asociacións de nais e pais dos centros públicos de toda Galiza mude o seu contundente rexeitamento ao proceder da Xunta co tema da lingua e con este mal chamado inquérito. A súa incapacidade para asumir as críticas e ofrecer transparencia non terá como resultado que as organizacións estudantís, os movementos de renovación pedagóxica ou A Mesa pola Normalización Lingüística deixen de actuar en defensa do noso idioma, da convivencia e do respecto á legalidade.
Sen credibilidade
Causa vergoña allea o papelón de Anxo Lorenzo como secretario xeral de Política Lingüística do primeiro goberno da autonomía que ten como obxectivo reducir o noso idioma –con resultados que quererían letais– nos diferentes ámbitos nos cales conseguiu certa presenza e recoñecemento oficial. Aínda que poida parecer o contrario, é a mesmiña persoa que hai un ano defendía con forza o decreto do 50% en galego e as galescolas, mentres daquela presentaba campañas millonarias (en euros) para o bipartito.
O dez de maio de 2008 publicaba un artigo intitulado “Política lingüística e ‘consenso’ en Galicia?” que deixa aínda máis ao descoberto a súa impúdica viraxe de 180 graos. Hai tres ideas de relevo para salientarmos neste artigo:
Dunha perspectiva intelectual, política ou ética, enrubia que en menos dun ano pasase a defender xustamente o contrario, unha vez que pasa tamén a cobrar como secretario xeral de Política Lingüística do PP. Como é bo de ver, as ideas de Anxo Lorenzo van polo vento e veñen polo aire, cunha credibilidade tan reducida como a da consulta manipulada que el mesmo presentou.Lorenzo nega que o bipartito fixese unha política de “imposición” e responsabiliza ao PP de romper unilateralmente o consenso: Estase a difundir a idea de que o modelo lingüístico de coexistencia entre galego e castelán está sendo substituído por un de imposición do galego, sendo o goberno da Xunta de Galicia o responsable dese cambio. A realidade parece apuntar noutras direccións: por unha banda, é o Partido Popular quen está a separarse do vieiro lingüístico consensuado nos anos 80 por motivos de estratexia partidaria (desgastar o goberno); e, por outra, o PP está en desacordo co contido da política lingüística actual, diferente da que eles implementaron. (...) Quen se está afastando dese consenso é o Partido Popular, na procura dun rédito político a curto prazo, descolocado polo seu papel de oposición despois de tantos anos de goberno. Critica o concepto do “bilingüismo harmónico”, reconvertido agora polo seu goberno como “bilingüismo cordial”: A coartada ideolóxica para non facer máis chegoulles aos gobernos populares da man do bilingüismo harmónico (BH), construto ideolóxico de feble baseamento epistemolóxico que foi deseñado ad hoc para xustificar aquela política lingüística rácana. Agora ben, o BH é un construto partidista promovido exclusivamente polos gobernos fraguistas, sen que en ningún caso formase parte do “consenso lingüístico” inicial. Defende con intensidade o decreto 124/07, o mesmo que agora di que ten como obxectivo prioritario substituír, disque motivado por non se sbe que imposicións e faltas de consenso: O novo decreto persegue o mesmo obxectivo có anterior: que todo o alumnado aprenda por igual galego e castelán. A principal novidade é a estratexia para acadar ese obxectivo: aumenta a porcentaxe de materias que, como mínimo, se deben impartir en galego. Significa isto un cambio no modelo de ensino bilingüe instaurado en Galicia desde 1983? Por suposto que non: nin hai modificación do obxectivo lingüístico final (competencia nas dúas linguas oficiais), nin se está implantando a inmersión lingüística, nin se obriga a ninguén a usar unha lingua ou outra.
As contas de Pinocho
A Mesa valorou desde un primeiro momento estes resultados como “as contas de Pinocho”, cunha fiabilidade que se pode pór máis que en dúbida. Aínda así, estaría por ver cales poderían ser os resultados reais, non dunha consulta, senón dun inquérito feito con todas as garantías. Reparemos en que as estatísticas cociñadas polo PP dan que un 50% do total quere o ensino nas dúas linguas, rompendo de vez coas ideas de segregación lingüística promovidas nos últimos meses.
Mais pódense tomar estes datos como referente ou indicador dalgún tipo? A verdade é que non, xa que hai demasiados indicios de calote, amosando que o que comezou como un proceso tendencioso contra o noso idioma, con preguntas tramposas, desembocou no escurantismo e na fraude.
Como ben se indicou neste diario, o proceso de reconto, de mes e medio, é dos máis longos de toda a historia da democracia mundial. Tras tanto tempo, a Xunta non foi capaz nin de presentar ao menos datos seriamente desagregados. Sería ilustrativo que nos indicasen cal foi, segundo eles, a participación en centros públicos, concertados e privados, non vaia ser que, como advertiu Anxo Louzao, o secretario nacional da CIG-Ensino, estean a decidir estes últimos sobre o funcionamento do conxunto do sistema educativo. Reparemos en que a participación nos colexios e institutos públicos foi moi baixa e para que as cifras globais de resposta sexa superior ao 50%, como é o caso, só sería explicábel se os centros concertados e privados achegasen arredor do 100% dos formularios. Así, a fotografía presentada aínda estaría máis deformada.
Mais hai moitas outras interrogantes por responder. Por exemplo: Por que non houbo ningunha notaria ou ningún notario en todo o proceso? Cal é o motivo de que só dean o nome da empresa encargada de tratar os datos e non da responsábel do reconto, o momento máis importante e delicado? Por que se ocultou e mesmo se mentiu en diferentes ocasións desde a Xunta sobre a existencia destes servizos externalizados? Por que non ofrecen datos de verdade desagregados que corroboren participación, resultados e gastos? Que pasou coa epígrafe “observacións”? Recontáronse só orixinais ou tamén fotocopias? De existiren tales copias masivas: De onde xurdiron? Que incidencia teñen no resultado global?
Canto nos custou?
Canto nos custou todo isto aos contribuíntes é a outra grande pregunta. A Mesa continúa a manter que o gasto total puido rondar os 400.000 euros, o cal Anxo Lorenzo reduciu a 160.000, que tamén sería un dispendio tremendo para tal chafallada. Para saber quen ten razón, o conselleiro e o secretario xeral téñeno moi fácil: que amosen as facturas.
Ademais, se imprimir e distribuír case 331.000 formularios por todos e cada un dos centros de ensino e recoller e tratar –supostamente– 190.000 respostas durante mes e medio custa ese diñeiro, teremos ao menos dereito a saber o nome das empresas, porque teñen unhas ofertas moi especiais que pagan a pena.
O que resulta máis de lamentar é que para atacar o galego e crispar as familias non existe a austeridade. E así lle vai ao país.