A actitude ou perspectiva máis frecuente da crítica literaria tradicional cando aparece un dato relativo ou vinculábel á homosexualidade (explicitamente nun texto ou nunha biografía, p. ex.) é dirixir o seu ollar para outro lado, fuxir do tabú. Eve Kosofsky Sedgwick, no seu referencial Epistemology of the closet (Epistemoloxía do armario) esquematizou, con bastante humor, os oito posíbeis pretextos para facer iso, que non podo deixar de citar:
1. A linguaxe apaixonada na atracción entre persoas do mesmo sexo era moi común en calquera que for o período en discusión e, portanto, debería carecer totalmente de significado. Ou
2. As relacións xenitais entre persoas do mesmo sexo puideron ser perfectamente comúns durante o período en discusión, mais dado que non había unha linguaxe para se referir a elas, deberían carecer totalmente de significado. Ou
3. As actitudes fronte á homosexualidade eran intolerantes por aqueles tempos, non como agora; así que probabelmente a xente non facía nada. Ou
4. As prohibicións contra a homosexualidade non existían entón, non como agora; así que, de se facer algo, non tiña ningún significado. Ou
5. A palabra "homosexualidade" non foi creada até 1869; así que antes de entón todo o mundo era heterosexual (Con certeza, a heterosexualidade sempre existiu). Ou
6. Do autor ou autora de que se trata asegúrase ou rumoréase que tivo unha relación con alguén do outro sexo; portanto, os seus sentimentos cara ás persoas do seu mesmo sexo carecían totalmente de significado. Ou (baixo un sistema quizais un tanto diferente de proba admisíbel)
7. Non hai ningunha proba irrebatíbel de homosexualidade, como o esperma extraído do corpo doutro home ou unha fotografía da autora espida con outra muller; en consecuencia, debemos asumir que o autor ou a autora foi afervoada e exclusivamente heterosexual. Ou (como último recurso)
8. O autor ou autora e as súas relacións importantes poden moi ben ter sido homosexuais; mais sería provinciano permitir que este feito tan insignificante afectase a nosa comprensión de calquera proxecto serio de vida, escrita ou pensamento.
É unha presentación realizada, como dixen, cunha alta dose de humor, mais en absoluto exenta dunha verdade doadamente verificábel aínda na maioría dos manuais, estudos e historias da literatura, tamén no caso galego. A homosexualidade acaba sendo un "segredo a voces" que dificulta o coñecemento real, a través de implícitas ou explícitas xustificacións que, aínda sendo contraditorias, desembocan no mesmo mar do silenciamento. Consciente ou inconscientemente, é un mar de censura.
Talvez o tópico do cal máis se bota man para excluír a cuestión homosexual do debate cultural sexa o da "universalidade da obra artística", entendéndose -aínda que sexa por omisión- que ser universal é ser heterosexual. Está vinculada a idea de que a homosexualidade é algo marxinal, non central no sistema cultural, e por iso debe ficar relegado o seu estudo. Para alén de que desde diversas correntes teóricas (Cultural Studies, estudos feministas, estudos pos-coloniais, etc) se subliñe a importancia de analizar mesmo aquilo que nos puider semellar (ou obxectivamente for) marxinal, o certo é que embora a homosexualidade poida ser marxinal nun texto, socialmente a súa presenza está carregada simbolicamente nun contexto heterosexista.
Sintetízao moi ben Alberto Mira: "a crítica heterosexista négase a admitir que a homosexualidade non é un problema que afecte a uns poucos individuos, senón unha estrutura cultural que se encontra en difícil equilibrio coas nocións de xénero e identidade, imbricada en toda a conceptualización do sexo na nosa cultura, e non algo que existe de forma illada e que só concerne a uns marxinados".
Pesa nestas situacións tamén o feito de que nas investigacións sobre homosexualidade se tenda a identificar o crítico ou a crítica co obxecto de estudo, traspasándolle o estigma ("se escolleu este tema, por algo será"). Así, con certa frecuencia atácanse mesmo as motivacións da persoa que se debruce sobre a cultura homosexual, acusándoa de parcialidade, de manipulación activista, tendenciosa e acientífica. A hostilidade heterosexista considera a homofobia, en definitiva, como prisma de imparcialidade e rigor. No caso do ensino, que é unha das principais institucións do sistema literario, a situación é de obscuridade praticamente total.
Moitas veces teño pensado o que expresas neste artigo a respecto do heterosexismo da critica literaria e da dificultade para facer unha análise da dimensión sexual, en xeral, e da homosexual, en particular, presentes nunha obra literaria.
ResponderExcluirO caso d' A Esmorga é ben rechamante. Lembro os comentarios sobre esta obra de críticos tan recoñecidos como Dolores Vilavedra ou Ramón Gutiérrez Izquierdo e a miña sensación de que eran, ou son, incapaces, de abordar a homosexualidade presente na obra, cando xustamente esta é un dos piares básicos que enriquecen a súa lectura. Quer se fala de personaxes "marxinais", e iso é todo o que hai que dicir sobre a homosexualidade da novela, quer se menciona que o Milhomes é un pesonaxe efiminado, e punto. Non reparan en que o Bocas tamén é homosexual, o prototipo do homosexual reprimido, insatisfeito, autoenganado, confundido, que se achega á homosexualidade con violencia. Ninguén parece querer reparar na presentación e denuncia que claramente Blanco Amor nos ofrece das dúas únicas opcións que unha sociedade butalmente represora deixa para a homosexualidade dos homes:
A) ou es efeminado, asumes e contrúes unha identidade que a sociedade heterosexista alimenta, pois esa identidade efeminada vai ser evidentemente ridiculizada, humillada e inferiorizada; e só así está permitida a autoconsciencia e socialización da homosexualidade.
B) ou se non, tes que ser unha persoa reprimida, que se non se pode expresar, realizar, que non sabe nin que é, nin porque actúa como actúa (destes había, e hai, milleiros e milleros, a pesar da sociedade tan moderna onde nos parece que vivimos).
A análise d' A Esmorga debe incluír que nesa sociedade represora, só se permitían esas dúas opcións, totalmente alienantes, para a vivencia dahomosexualidade nos homes. Isto, ben seguro, foron as dúas únicas opcións que encontrou Blanco Amor na Galiza da época. Opcións que o escritor, que estaba moito máis preparado para vivir a homosexualidade con "normalidade", presenta e denuncia na súa obra como propias dunha sociedade represora e que só poden levar a un desenlace fatal.
En fin, que A Esmorga é moito máis que a linguaxe, a particular estrutura narrativa e uns personaxes "marxinais" no Ourense do franquismo.
E aproveito para che dar o parabén, Carlos, polas túas achegas sobre a homosexualidade, que boa falta nos fan.