
O
artigo desta semana en Galicia Hoxe aborda a manipulación e o silenciamento informativo da histórica mobilización do pasado 18 de outubro. Aínda que o artigo é ben longo, non me daban os caracteres para estenderme tamén á polémica entrevista (ou debate) do día 19 no programa Foro Aberto, sobre a cal, polo demais, penso que fica ben pouco por dicir.
A ilustración desta entrada é dun dos varios xestos provocadores do cámara da TVG tanto cara aos manifestantes como cara aos outros compañeiros gráficos. Esta imaxe en concreto tomouna o coñecido fotógrafo
Xan G. Muras, mais as testemuñas dese día, que se contan por máis que centos, saben que non foi o único desaxeitado pola súa banda.
Aínda que o mínimo que se pode requerir perante tal comportamento son unhas desculpas, como digo no artigo "non fai ningún sentido centrarnos no elo máis feble da cadea. Tanto porque sería inxusto (a inmensa maioría dos xornalistas, cámaras etc da TVG caracterízanse pola súa profesionalidade e bo facer) como pola súa operatividade". Ten que ser cara aos responsábeis políticos da hipergobernamental TVG cara a quen vaian directamente as nosas críticas e as nosas reclamacións.
Velaquí o texto que podedes ler con maior comodidade na edición impresa de hoxe do único diario que todos os días da semana sae á venda no noso idioma:
Manipulación e silenciamento
Por unha RTVG digna, críbel e ao servizo do paísUn redactor da televisión pública galega laiábase de que o pasado domingo 18 de outubro fora un día negro para o xornalismo en Galiza. Referíase ás supostas agresións e coaccións contra o xornalista e o cámara que cubriron a maior manifestación da historia en defensa do galego, así como aos imparábeis berros de “Televisión, manipulación!” que se coaron en directo no telexornal do mediodía.
Aínda que por motivos ben diferentes, comparto a consideración de “día negro”. Estenderíao tamén á xornada seguinte, o 19 de outubro, na cal se deu outro triste paso na perda de dignidade e credibilidade da TVG. Desde a toma de posesión de Alberto Núñez Feijóo, causa mágoa ver o descaro manipulador, censor e difamador, mesmo negándose a contrastar algunhas noticias ou a darlle voz á parte que discrepe co PP.
O 19 deu vergoña allea ver os informativos da mañá e o mediodía, nos cales se obviou de vez o relevo histórico da manifestación, a dimensión da participación, a diversidade dos seus apoios ou os motivos para a convocatoria.
Para a televisión hipergobernamental, o único noticiábel é que foi unha “manifestación a priori pacífica”. Suponse, pois, que ao final foi violenta e por iso rotulan así a nova: “Atacan un equipo da TVG na manifestación a prol da lingua”. Pura mentira e difamación.
Eu non estaba no palco nese momento. Tiven que baixar por razóns familiares, aproveitando que acababa de terminar o primeiro acto de feche e a praza da Quintana se estaba a baleirar de manifestantes para se volver encher con outros milleiros que aínda ficaban fóra dela. Nada podía facer supor que a TVG ía aproveitar ese momento para facer unha conexión en directo na cal se podían ver as escadas traseiras da praza case vacías, cando só até había uns segundos non podía entrar nelas nin unha soa persoa máis.
Portanto, a información que teño provén tanto do que me comentaron como dos testemuños gráficos do acontecido. No vídeo de youtube que emitiu a TVG o día seguinte para falar de ataques ao seu equipo escoitamos os berros da multitude, indignada cando desde a megafonía se pediu que apurasen para encher a praza, porque a televisión decidira conectar en directo agora que a Quintana se baleiraba.
No vídeo, observamos tres homes de diferentes idades increpando ao xornalista, mais sen faceren ningún condenábel e rexeitábel ademán de agresión.
No informativo do mediodía acusan a un dos que “intimidaron” (sic) o equipo da TVG: “O intelectual galeguista Avelino Pousa Antelo chegou, incluso, ao insulto”, segundo a voz en off. Por se alguén non o lembra, a quen citan de forma denigrante polo seu nome ten 95 primaveras; no vídeo vese sostido polo seu caxato e regresando despois ao seu sitio apoiándose tamén nunha das varandas do palco.
Aínda que o compañeiro Avelino leva toda a súa vida asistindo aos actos na defensa do galego, nesta manifestación as pernas non lle permitiron facer todo o percurso, polo que agardou na Quintana a chegada da xente. No decorrer do acto tivo ademais que estar sentado nunha cadeira, excepto cando lle tocou facer a súa vibrante intervención, que foi sen dúbidas a máis aplaudida e emotiva.
Con 95 anos e apoiado no seu caxato, alguén se imaxina que Avelino Pousa Antelo poida ser un perigo? A resposta é que si que o é. Non un perigo para ningún tipo de agresión física, claro, senón para os que levan adiante este plan de extinción da lingua galega. Que unha persoa coma el siga en pé con tal claridade de ideas e con tal firmeza é un exemplo. Avelino Pousa Antelo, presidente da Fundación Castelao (a quen el coñeceu en persoa) e presidente de honra da Mesa pola Normalización Lingüística, é un elo de unión das diferentes xeracións que defenderon o noso idioma desde antes da ditadura até hoxe.
Estase a organizar un acto de desagravo a Avelino para responder á inxustiza deste –agora si– insulto por parte dos hoxe responsábeis da TVG. E digo ben: dos responsábeis. Porque é a quen diriximos as nosas críticas, non aos xornalistas detrás dos cales se parapetan, aínda que tamén con eles sexa lexítimo discrepar.
Así, paréceme triste que o compañeiro David Espiño (polo demais, un bo comunicador, sensíbel coa lingua e con moitas causas xustas) falte á verdade na conexión en directo do día 18 e diga que a manifestación xa terminara, cando nese momento só finalizara o primeiro dos actos de feche, con moita máis xente fóra que dentro da praza da Quintana.
Máis condenábeis e
inxustificábeis son os acenos chulescos realizados polo cámara da televisión pública cara aos manifestantes, quen chegou ao punto de levantar o dedo corazón da man que tiña libre, mentres enfocaba a reacción da xente perante o seu xesto provocador. Dese momento hai imaxes que a TVG faría moi ben en emitir nos seus informativos.
Mais, como digo, non fai ningún sentido centrarnos no elo máis feble da cadea. Tanto porque sería inxusto (a inmensa maioría dos xornalistas, cámaras etc da TVG caracterízanse pola súa profesionalidade e bo facer) como pola súa operatividade. É como os que insultan a unha telefonista, explotada e mal paga, porque teñen un problema co telemóbel, co seguro ou coa conexión a internet. Pasamos un momento desagradábel e tenso, facémosllo pasar mal a unha persoa que non ten ningunha responsabilidade e, por riba, a chamada non serve para nada.
Un xornalista recomendábame que non désemos máis a batalla polo silenciamento e a manipulación informativa na RTVG, senón que centrásemos a nosa mensaxe na propia manifestación. Agradecín e agradezo o consello, mais tal e como lle retruquei nese momento,
malamente poderemos transmitir a nosa mensaxe se se negan a recollela ou a terxiversan.
Onde está a pluralidade informativa da TVG cando se silencian todos os actos realizados pola plataforma Queremos Galego en todo o país? Houbo ducias de eventos en cidades e vilas das que nada se dixo na televisión autonómica, que só falou da existencia da plataforma no telexornal mediodía do 15 de outubro. Reparemos por exemplo na súa presentación nacional o pasado 30 de setembro, que tivo eco en practicamente todos os medios de Galiza excepto na TVG.
Chama a atención tamén que os responsábeis de informativos fagan da necesidade virtude e se xustifiquen argumentando que cubriron a manifestación.
É que alguén cre que sería presentábel que a TVG non cubrise a maior mobilización da historia en defensa do galego e unha das tres maiores manifestacións dos últimos 30 anos? Non falamos da censura burda dos tempos de Fraga Iribarne, senón dunha manipulación máis intelixente e sibilina, mellorada tras a metedura de zoca das
primeiras medidas informativas coas que se estreou Núñez Feijóo. Cubrírona, vaia se non. Mais reparemos en como.
Por favor, ide á páxina
agalega.info, repasade o telexornal do día e procurade se nalgún momento se din os motivos da convocatoria. Só se poñen as críticas contra o goberno da Xunta na boca dos líderes do PSOE galego e do BNG, como se eles quixesen aproveitarse arteiramente da mobilización; no meu caso, como presidente da Mesa e, nese día, portavoz das entidades que conforman Queremos Galego, quitaron as miñas declaracións con máis chicha informativa porque ían como dardos contra o presidente da Xunta. O resto das radios e televisións foi o que recolleron. Ademais, reparade,
tras as dúas noticias da manifestación saíron tres coa versión crítica do PP sobre a mesma. Unha vergoña á que hai que sumar a estratexia informativa do día seguinte, coas insinuacións de que non foi unha mobilización pacífica.
Precisamos e merecemos unha RTVG que informe de forma veraz e plural, que estea ao servizo da sociedade galega, da súa cohesión e da súa prosperidade. Que cumpra, pois, coas razóns polas que foi creada.