30 de nov. de 2009

Non temos poetas novos?

No artigo desta semana en Galicia Hoxe reflexiono en voz alta sobre as dificultades de edición con que se encontran as novas fornadas de autoras e autores de poesía en lingua galega. Concordades coa visión ou hai algún aspecto importante que se me escapa e que contraría os datos aquí expostos? Cales pensades que son as vías de futuro?

Non temos poetas novos?

Dificultades de edición, desamparo institucional e novas saídas


Varias noticias aparecidas nos últimos días sobre as nosas novas e os nosos novos escritores de poesía fixéronme reflexionar un algo sobre a situación actual. Permitídeme que vos traslade estes pensamentos en voz alta.

Esta semana, Radio Nacional de España concedeulle a Yolanda Castaño o seu premio Ojo Crítico, por Profundidade de campo, un libro que contén algúns dos versos máis lindos e impactantes que lin na miña vida. Nunha entrevista pola concesión do galardón, a autora estendía o recoñecemento a todas e todos os poetas que se expresan na lingua de Galiza: “Ademais creo que nunca se deu antes [ese premio] a unha obra en galego, así que tamén o tomo como un tanto que apuntarnos os que escribimos en galego. Espero que sexa o primeiro dunha longa lista. E que vaian pondo os ollos en todo o que se está facendo por aquí.”

Sobre “o que se está facendo por aquí” desenvolvérase esa fin de semana pasada un encontro da Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega, que so o título “Eu ou Nós?” promocionou e fomentou o debate entre os membros das novas fornadas creativas. Non puiden asistir, mais coñezo parte dos debates grazas aos comentarios dalgúns escritores que alí estiveron e tamén a que se dispoñibilizaron os vídeos cos temas de discusión, consultábeis en letrasnovas.blogaliza.org.

Unha importante noticia vinculada é que a Xunta de Galiza decidiu retirar as axudas con que contaba este evento, dentro da liña que desde abril segue o Goberno galego de desnutrir a cultura do país. Por fortuna, o bo facer da AELG logrou sobreporse a esta discriminación.

Situacións como esta desmontan, máis unha vez, a lenda urbana de que a cultura galega está hipersubvencionada. Ao contrario. Quen bote contas, tirará dúas conclusións incontestábeis. En primeiro lugar, que a cultura vehiculizada en lingua galega é a máis desprotexida polos poderes públicos, dentro das que se expresan nun idioma con algún rango de oficialidade no Estado español. A segunda constatación é que os impostos dos galegos e das galegas son máis utilizados para promocionar a cultura en español (que conta a maiores con moitos outros soportes) que a cultura en galego, cunha abrumadora diferenza. O problema que ven algúns é que a cultura galega tamén reciba axudas públicas, aínda que sexan moito menores.

Un outro aspecto para a reflexión veume por unha entrevista no semanario A Nosa Terra a Román Raña Lama, recoñecido co Premio Cidade de Ourense de poesía por O incendio das palabras. O entrevistador, Horacio Vixande, pídelle opinión ao autor de 49 anos sobre o seguinte aserto: “Hoxe en día aparecen menos novas voces poéticas en Galiza que nas décadas do 1980 e 1990.” Román Raña avalía que as letras se moven por ciclos, que “a lírica vive no acougo tras vinte anos de vangarda e diverxencias pero a narrativa ferve”, mais sinala a “moitísima calidade” dos que chegan.

A afirmación do xornalista púxome a cabeza a carburar. Na realidade, hai menos poetas? É unha consideración en termos absolutos ou en termos relativos? Como se chega a esa conclusión?

O caso é que, mentres escribo este artigo, enumero mentalmente un bo feixe de mozas e mozos que versifican na lingua do país. De moitas e moitos gosto, mesmo gosto moito, e teñen o recoñecemento dos seus pares que sofren tamén a ferida das letras. Porén, as súas obras están inéditas en libro e fican, así, invisibilizados, aínda que sexan unha parte fundamental, cualitativa e cuantitativamente, do que “se está facendo por aquí” do que falaba Yolanda Castaño.

Outras e outros conseguiron superar os obstáculos e pasar pola editora, mais acumulan, na súa gabeta ou no seu disco duro, algúns poemarios finalizados e algún outro a piques de finalizar. Non hai présa en redondealos. Total, hoxe calquera poeta novo pode tardar máis en publicar os seus versos que o que demorou Rosalía de Castro en ver saír do prelo as súas Follas novas, que acabaron dándolle o riso por ese impropio título, cal se a unha moura ben moura branca lle ouvise chamar.

Ou pásome de pesimista? É que, tras ollar as mesas de novidades das librarías, e recontar o que fica no limbo dos recitais ou no intercambio de mecanoscritos, atrévome a arriscar unha hipótese. Penso que nunca houbo tantas dificultades para editar un libro de versos en lingua galega como hoxe. Quitando, é obvio, os momentos de proscrición e persecución máis crúa. Mais só eses momentos, debo acrecentar.

Alguén pode replicar, baseándose nos estudos anuais sobre o mercado editorial, que tal conclusión é errada, que hai unha porcentaxe de obras do xénero poético que negan que o vaso estea medio baleiro. Na xenial Scoop, a personaxe que interpreta Woody Allen exclama: “Non vexo o vaso medio baleiro. Véxoo medio cheo. Só que de veneno.” Non falo por boca de Allen para desconsiderar a cualidade do publicado, senón polo perverso que é para a literatura galega e para o sistema literario galego que esta porcentaxe veñan sendo, na súa inmensa maioría, reedicións de obras máis ou menos clásicas. Isto é, as lecturas recomendadas de poesía nos centros de ensino, ás que habería que agregar a publicación de inéditos por algunha efeméride, en especial o Día das Letras.

Sobre esta cuestión, ten un artigo incisivo e lúcido a poeta Marta Dacosta, no xornal electrónico GzNación o 16 de maio de 2007. “Dez anos despois de morto xa pode un ser obxecto de estudo, a conciencia, investigado”, sinala referíndose a como se continúa a concibir a figura homenaxeada no Día das Letras. Mais, ao mesmo tempo, a realidade diaria dos escritores vivos en idioma galego, especialmente de poesía, é máis crúa, mesmo para alguén coma ela que acumula na súa vitrina algúns dos máis prestixiosos galardóns: “Pasan os días e non recibes resposta da editorial, os días son meses e os meses anos. Chega un momento en que xa non sabes se queres publicar ou non. No mellor dos casos cando les o teu libro impreso, anos despois, nin o recoñeces, e oxalá non renegues del, inmersa xa noutra etapa creativa. E entón comezas a te facer as preguntas fundamentais do escritor: Para quen escribo? Por que Todo o que se escribe ten por destino ser publicado? Coñécese o que se edita ou publica en Galiza? Quen o coñece? Porque ás veces dá a sensación de que nos coñecemos dentro dese amplo círculo de 300 escritores e escritoras, que escribimos para nós mesmos.”

Case só se publica o que se premia, mais nin isto é sempre así. E a nova política cultural da Xunta non fará máis que empeorar a situación. Xa sabemos a súa consideración de que a cultura galega “está muy bien, pero limita” e as súas apostas por reducir ou retirar o apoio ás expresións en galego, promovendo o hibridismo cultural e a rede clientelar.

Na mesma entrevista a que me refería ao comezo deste artigo, Yolanda Castaño indica que “é o momento de renovar o canal de expresión da poesía”. Claro que a todo o mundo lle agrada publicar un volume propio (como sinalaba Oriana Méndez hai xusto unha semana neste mesmo diario, “cando publicas un libro pasas a que te tomen máis en serio que cando non tes publicado nada en formato libro, aínda que teñas moitas publicacións espalladas”). Nese carreiro, hai iniciativas interesantísimas como Estaleiro Editora e, ademais, as novas opcións de autoedición poden supor unha mudanza, igual que todo o que supoñen as novas tecnoloxías, como os blogs poéticos. Mais cales serán os futuros canais e como se recibirán? Permitirannos coñecer, tamén dentro da propia Galiza, as dimensións do que se “está facendo por aquí”?

29 de nov. de 2009

Cuarto de outono

Antonte lin Cuarto de outono, de María do Cebreiro, unha das nosas poetas novas con máis obras publicadas; algo especialmente difícil no momento actual. Xusto sobre o tema da edición de poesía en lingua galega vai o artigo que estou a escribir para a miña cita que teño cada segunda feira en Galicia Hoxe.

Déixovos con dous dos textos deste libro que máis me gustaron e co convite de que leades toda a obra:


A PROMESA

Lembras aquela vez
que non fomos a Dresde?

Lembras como era Dresde
antes de ir?




NON SER VISTA. VOLVER

E todos os recantos que non vin.
E todas as persoas que non lembro.

As cidades son grandes.
Permítenme chorar.





.

Os estirados

Esta foi a viñeta de onte de Luis Davila, cuxo blog vos recomendo que sigades ;-)

28 de nov. de 2009

Unha entrevista en Público e máis sobre a resolución do EBLUL


A resolución aprobada onte polo Comité de Estado da Axencia Europea para as Linguas Minorizadas parece que vai dar para falar e para pensar. É curioso que a Xunta de Núñez Feijóo tente reducir o relevo deste texto sinalando que eu son o actual presidente dese Comité de Estado (que aprobou unanimemente o documento). En troca de festexaren que Galiza estea representada con voz e voto nesta Axencia Europea, e cun papel tan destacado, laméntano. Por que preferirían que Galiza non contase?

É de sinalar tamén que, aínda que a actual presidenta desta Axencia sexa de Irlanda e o organismo teña a súa sede nestes momentos en Dublín, non se trata dunha "ONG irlandesa", como figurou onte e hoxe nalgúns medios de comunicación. Trátase dunha federación europea de entidades, que ten rango consultivo no Parlamento europeo, no Consello de Europa e na ONU e que aborda a diversidade lingüística continental.

Hai unha recepción informativa en particular que choca polo seu nivel de delirio. Refírome a Libertad Digital, ese medio tan coñecido pola súa credibilidade (modo retranca on). A nova é tan falaz e terxiversadora que o máis difícil é achar nela algunha verdade. Erran mesmo á hora de nomear os membros do Comité de Estado, que xa é dicir.

No entanto, a resolución do EBLUL é salientada e ben ponderada hoxe na maioría dos medios de comunicación de Galiza. A nivel de Estado, cómpre destacar o relevo que lle está a dar o diario Público. Onte estivo case toda a tarde situada como a primeira noticia do día e hoxe continúa nun moi bo lugar. A este respecto, na edición dixital deste medio sae unha entrevista que me fixeron onte e que leva todo o día como a cuarta información máis vista.

Tendo en conta o que é o noso punto de partida, penso que estamos a facer ben a divulgación fóra das nosas fronteiras do que está a acometer este goberno da Xunta. Cómpre seguirmos nesa liña.

27 de nov. de 2009

A Axencia Europea para as Linguas Minorizadas reprende a política lingüística da Xunta

A resolución aprobada onte polo Comité de Estado da Axencia Europea para as Linguas Minorizadas (EBLUL) é de grande relevo simbólico tanto porque supón unha chamada de atención ás vulneracións de dereitos lingüísticos por parte da Xunta como pola advertencia de elevar esta situación a diferentes foros internacionais.

Teñamos presente que esta Axencia ten rango de entidade consultiva do Parlamento europeo, do Consello de Europa e da ONU, o cal lle dá un novo pulo ás reivindicacións que levaron ás rúas de Santiago de Compostela a marea humana do pasado 18 de outubro.

A Mesa está satisfeita de ter contribuído a este paso, pois foi a asociación, nunha reunión á que asistín onte en Barcelona, a que realizou esta proposta, que respaldaron todas as entidades pertencentes ao Comité de Estado.

26 de nov. de 2009

Os xeniais Miranda volven á carga

A canción non é das que máis me chaman do grupo, porén o vídeo (que presentaron antonte) é formidábel, na súa mellor liña:

Máis estatísticas e máis dúbidas sobre para que o blog

Unha investigadora e escritora de ensaio manifestoume unha vez, hai moitos meses, que lle parecía que os blogs eran algo moi egocéntrico e que, ademais, non lle gustaba seguilos, salvo que se centrasen nunha única temática. A reflexión non a comparto en absoluto, mais si que me parece interesante e que dá para pensar.

A respecto do egocentrismo, sería entrar nun vello debate sobre a autoría. Podemos acusar de tal cousa ao Mestre Mateo porque decidiu deixar a súa sinatura física no Pórtico da Gloria e non ficar no anonimato doutros arquitectos de séculos anteriores? E aos escritores e escritoras que deciden asinar as súas obras tamén lle aplicamos a mesma adxectivación? Non sei, non sei. A cousa parece que non ten moito sustento.

Ademais, como ben sabe calquera persoa que navegue decote polo mundo dos blogs, isto non sempre se resolve igual e hai moitas páxinas das que se descoñece quen está detrás. Eu dubidei varios meses antes de recoñecer que esta é a miña bitácula, aínda que ao final optei por iso con todas as consecuencias, mesmo mudando o seu dominio dos primeiros meses a este que agora ten.

O dos contidos paréceme un tema máis profundo. Cando ás veces matino sobre o sentido desta páxina si que dubido sobre se debería falar só da figura pública, dese que escribe artigos, dá conferencias de imprensa, sae nas fotos para ben ou para mal e todas esas cousas. Mais tamén aí opto por non facelo así. O Carlos Callón presidente da Mesa ou da Fundación Via Galego sae xa nas páxinas desas entidades. O de aquí, é unha personaxe menos plana, polo que tamén dá saída neste espazo a outras indaquedanzas ou necesidades de expresión, ademais de abrir outras portas para o diálogo imprescindíbel.

Iso significa, claro, que moitas das cousas que aquí poño non despertan o mesmo interese, xa que se dirixen a públicos ben diferentes. Quero agradecer así e todo o seguimento que está a ter este pequeno espazo. Segundo a páxina web Alexa, nestes momentos esta páxina é a 766.851 máis seguida do mundo e a 18.001 con máis visitas do Estado español, o cal me parece unha cifra fabulosa.

Perdoádeme a reflexión en voz alta e moitas grazas por estardes aí.

25 de nov. de 2009

Sería outro sen me decatar

Até que punto fai sentido exporse ou afectarse nun blog? Pois non o sei, mais hoxe preciso facer algo por ser o aniversario dun dos días máis tristes da miña vida, non por acaso a xornada da miña infancia que lembro con máis detalles.

Aínda que recordar doe, sempre é mellor que fechar en falso, porque a forza dos mortos nos inflúe a todas e todos sen excepción e é de necios e neuróticos tentar ollar para outro lado; como se tal cousa for posíbel.

No día, quero tirar estes dous poemas da súa reclusión na gabeta:

Cando eu era pequerrecho
e ninguén estaba morto,
podía berrar:
- Papae!
- Mamae!

E o mundo viña ao meu auxilio.




Se iso daquela non pasase,

sería outro sen me decatar
e choraría outros paraísos perdidos.

Mais ti morriches, papae,
e a vida foime así.

Pasan os anos,
xa son un home.
Mais sigo angustiado
como, cando de neno,
tras chorar ás agachadas,
soñaba
que un día voltarías.

24 de nov. de 2009

Mesa redonda en Filoloxía de Santiago

Hoxe ás 13 h, no salón de graos da facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela, participo nunha mesa redonda so o título "A situación do galego hoxe: o proceso de normalización a debate". O acto organízano os Comités e contará tamén coa participación do avogado Héctor López de Castro, en representación da CIG.

21 de nov. de 2009

Antonte en Ribeira

Antonte estiven por Ribeira para asistir á actuación de miña irmá, María do Mar, no pub Bonaparte, dentro dun recital ofrecido por Mariú.

Despois, tomámoslle unha copa fugaz no bar Plaza, onde me encontrei co portavoz parlamentar do PP e coa tenente alcalde de Ribeira, o cal deu lugar a esta foto e a esta retranqueira enquisa. A ver se non lles ten consecuencias posaren con alguén tan demoníaco coma min.

Velaquí vos deixo un vídeo da actuación. A calidade de imaxe e son é pésima, mais dá unha idea:



Aínda a risco de que María do Mar me asasine, déixovos tamén aquí un vídeo cunha gravación doméstica. A ver se empuxándoa un pouco se vai animando a darnos máis alegrías e cantar máis en público. Porque cando se ten un don, non é cousa de gardalo na casa.

20 de nov. de 2009

Dúas inutilidades xuntas

Hoxe e mañá desenvólvese en Oleiros o encontro de novos escritores "Eu ou Nós?"

Debemos agradecerlle á Xunta de Galiza que decidise retirarlle a axuda pública que este encontro ía recibir. Comezas contribuíndo a que se dea a coñecer a obra dos mozos que escriben en galego, que falen entre eles sobre as súas cousas, e despois nunca se sabe onde se pode terminar.

Literatura e lingua galega son dúas inutilidades xuntas. Limitan.

18 de nov. de 2009

Aínda sobre a entrevista de Carlos Luis Rodríguez

A Mesa pola Normalización Lingüística estrea canal en youtube e faino reproducindo, en dúas partes, o vídeo da polémica entrevista que me realizou Carlos Luis Rodríguez no programa mal chamado Foro Aberto.

O acontecido volve estar hoxe de actualidade tras a iniciativa que ao respecto levou Anxo Quintana ao Parlamento galego. Ademais, mantéñense dúas accións sociais vinculadas, nas cales esta entrevista é só un exemplo máis da nociva política informativa que agora executa a RTVG. Refírome, por unha banda, a un grupo en Facebook (que conta xa con 5.144 subscritos) e un blog desde onde se centra o ciberactivismo pola cuestión: Televisión, manipulación!.

Segundo Sofres, o Foro Aberto desa noite tivo unha audiencia de 88.000 persoas. A maiores, unha cantidade ben relevante de mulleres e homes visualizou o vídeo a través de Dailymotion (14.370 veces no momento en que escribo esta entrada), do portal web da TVG ou do corte que subiron n'A Nosa Terra Diario (non se contabilizan publicamente as reproducións destes dous últimos, aínda que desde A Nosa Terra me indicaban hai quince días, nunha conversa informal, que se trataba de "miles").

Foi moito o que se falou sobre o tema e hoxe, aquí, só quero pór unha compilación de ligazóns a noticias, artigos e entradas de blog sobre a cuestión das que son coñecedor. Se coñecedes algunha que me falte, por favor indicádemo nos comentarios.
Ao PP estanlle a saír as contas furadas coa manipulación informativa. Hoxe, a diferenza dos anos do fraguismo, hai un pobo non direi que máis activo, porén si máis organizado e con mellores ferramentas para combater tanto silenciamento e terxiversación.



17 de nov. de 2009

Sentenza do Supremo contra os postulados lingüísticos que defende Alberto Núñez Feijóo para o ensino

Hoxe saltou aos medios unha sentenza que o Tribunal Supremo ditou a finais do mes pasado. O ditame, que podedes consultar aquí en pdf, bota por terra os postulados lingüísticos para o ensino propostos polo actual presidente da Xunta. Así, nega que o decreto 124/07 discrimine o castelán e rexeita que as familias poidan escoller un modelo educativo onde se ignore a lingua propia de Galiza.

Pedirá perdón Alberto Núñez Feijóo por abandeirar o odio contra o galego na precampaña con eses argumentos que de xeito tan firme tomba o Tribunal Supremo?

Desde A Mesa pola Normalización Lingüística daremos unha conferencia de imprensa urxente hoxe para valorar esta nova sentenza, que chega nun momento moi importante, pois a Xunta aínda non presentou o seu anunciado contradecreto.

Agardemos que saiban escoitar o mandato dos tribunais, as reclamacións da rúa e as moi maioritarias demandas en prol do galego desde as comunidades educativas.

16 de nov. de 2009

A presenza do galego nas sinalizacións públicas


Existe "imposición del gallego" nas sinalizacións públicas, como din os portavoces da galegofobia camuflados de bilingüistas? Esa é a pregunta que tentei responder, ao menos en parte, no artigo desta semana en Galicia Hoxe:


Onde estamos?
A presenza do galego nas sinalizacións públicas


Un dos mantras repetidos polos activistas da galegofobia é que toda a paisaxe urbana en Galiza está en lingua galega. As sinalizacións de rúa, os indicadores viarios, os sinais de tránsito, os nomes de lugar e, segundo algúns, tamén os rótulos comerciais están neste inintelixíbel idioma romance.

Conclúen que tal situación vulnera dereitos civís. O que acontece é que non está moi claro cales e en que declaración internacional figuran. Existe o dereito a non ver un texto en galego na vía pública? É unha imposición intolerábel que existan lugares con nomes tan rebuscados como A Gaiteira, Areeiros, Carballo, Sanxenxo ou Santa Uxía de Ribeira co eufónicos e elegantes que serían topónimos en castelán como La Gaitera, Arenales, Roble, San Ginés ou Santa Eugenia de la Ribera? Ofende ou molesta que en Galiza haxa unha lingua propia? Úsase o galego para incordiar?

Se se dar un paseo cunha ollada limpa por calquera das nosas rúas ou parroquias, concluirase que a situación dista de ser a que presentan eses grupos ou dirixentes políticos galegófobos. Talvez sexa a aversión que lle teñen ao idioma propio do país o que lles fai sentir malestar xeral cando se atopan cun indicador cun texto incomprensíbel para calquera falante dunha lingua romance, por exemplo “Todas as direccións”, “Saída” ou “Centro cidade”. Xa sen brincadeiras, o que consideran intolerábel é que haxa algún espazo social onde a lingua galega consiga asomar un pouco a cabeciña e romper algúns esquemas diglósicos, fronte a hexemonía abrumadora e abafante do castelán.

A pesar dos falaces histrionismos dos grupos e persoas que desexan desprotexer a lingua galega, é de xustiza reclamarmos que teña unha presenza normal na paisaxe urbana. É o que lle corresponde no seu espazo social xenuíno e natural, como idioma propio do país. Para conseguirmos iso, temos de manter acesa a nosa acción reivindicativa e de presión cara a todas as administracións con competencia na materia.

Lingua excluída

Hai normas estatais que regulan a presenza do idioma galego nas sinalizacións dos edificios administrativos e nas indicacións viarias. Lustros despois de se promulgaren, a realidade é que a lingua de Galiza continúa a estar infrarrepresentada, for en rótulos vellos for en sinais que se acaben de colocar. É unha irregularidade que está aí, aos ollos de quen quixer velo: as Administración incumpren decote a lexislación no que di respecto a ter presente a lingua galega.

Un bo exemplo é o caso das sinalizacións aeroportuarias, que por lei teñen que estar en galego, castelán e inglés. Traballadores de AENA e usuarios dos servizos aéreos presentaron ducias de reclamacións para que o Goberno central cumprise e incluíse tamén a lingua galega en Alvedro, Lavacolla e Peinador. O debate mesmo chegou en diferentes ocasións ao Congreso, grazas aos deputados do BNG, que insistiron para que se deixase de excluír o idioma galego. Grazas a todo iso conseguíronse adiantos ben importantes, aínda que non é unha situación resolta de vez. Vemos, pois, que non é por falta de demanda social nin de base xurídica que a Administración Xeral do Estado cumpra en Cataluña coa mesma lei que, a sabendas, desouviu durante anos en Galiza. Quen exclúe e quen suma? Quen incumpre as normas aprobadas en democracia e quen as defende?

Outro caso que clama ao ceo é o das autoestradas. Tamén aí hai unha norma para o conxunto do Estado, de comezos da década de 80, que estabelece que os rótulos teñen que estar tamén na “lingua cooficial”. Por se hai algunha dúbida, o galego ten ese recoñecemento. Mais onde están os coristas da “libertad lingüística” e o “bilingüismo harmónico” cando se descarta ao 100% a presenza do galego nas autoestradas que transcorren por Galiza?

A Mesa pola Normalización Lingüística realizou diferentes xestións coas administracións e empresas implicadas, para tentar que se corrixise esa irregularidade. Os froitos, até o momento, non chegaron. Por iso, nestes momentos estase a valorar con toda seriedade a posibilidade de iniciar un proceso xudicial para que o galego teña o lugar que lle corresponde nos sinais e paneis informativos das autoestradas.

Tamén se elevaron queixas ao Defensor e ao Valedor do Pobo, mais ambos responderon coa súa frialdade ou desinterese habitual en todo o que teña a ver coas inxustizas que se cometan contra o galego. O Valedor chegou á provocación de lle reclamar á asociación en defensa do idioma cada punto quilométrico en que existía un sinal que non estivese en galego ou, do contrario, arquivar a queixa sen realizar ningunha xestión. Nunha entrevista en persoa, respondinlle a Benigno López que sería máis doado que lle achegásemos unha guía Campsa ou semellante, para que vise o trazado das autoestradas, porque a nosa queixa dicía ben clariño que non existen sinais neste idioma e é máis que abusiva a súa petición.

Calle / Rúa

No rueiro das nosas vilas e cidades os adiantos son máis palpábeis, aínda que hai carencias relevantes e existen firmes ameazas de retrocesos. Por exemplo, o candidato do PP á alcaldía de Santiago é partidario de mudar as “rúas” por “calle/rúa”. Que o galego teña menos presenza pública é, para el, unha prioridade, aínda que supoña romper consensos históricos na cámara municipal compostelá (que se remontan a mesmo antes do golpe do 36) e gastar unha importantísima cantidade de diñeiro niso (por exemplo, os sinais da zona vella están feitos en pedra).

Mais para os señoritos neocons que agora dirixen o PP en Galiza é estratéxico hibridar o rostro do país, como se o galego fose unha lingua de segunda, inútil para a comunicación e para a cohesión social. Aquí, como case sempre, o argumento favorito é que o galego constitúe unha barreira para a xente de fóra, especialmente para os turistas. É un esquema absurdo, en absoluto constatado en feitos reais e que, ademais, non se aplica en ningún lugar do mundo. De verdade nos queren convencer de que os turistas se perden por rotular como “Rúa Nova”? Será mellor se figura “Calle / Rúa” e “Nueva / Nova”? E que se pretendería facer coa “Praza do Obradoiro”? Convertela nunha absurda “Plaza del Taller”?

Observemos, ademais, que a palabra “rúa”, alén de ser a forma galega, existe tamén en español e mesmo figura nos indicadores dalgunhas cidades ben castelás, sen que ninguén o cuestione, moito menos con razoamentos disparatados. Moi ao contrario, aí vese un sinal de riqueza cultural, unha expresión de “castelán antigo”. Debería preguntárselle a Conde Roa se, no caso de se candidatar por Salamanca, tamén proporía que a “Rúa Mayor” (sic) desa cidade se pasase a chamar “Calle / Rúa Mayor”. Ou é que aí non se perderían os turistas?

Os pasos avanzados na presenza do galego nestes usos foron froito dunha presión social intelixente e persistente, que debe manterse. Porque sen reivindicacións non hai conquistas. Se non solicitamos e demandamos a presenza da nosa lingua, como poderemos evitar a súa exclusión?

Nestes anos, realizáronse centos de actos públicos de cambios de placas, entrevistas con representantes institucionais e recollidas de sinaturas para que a lingua propia de Galiza ocupase o lugar que lle corresponde nestes lugares de grande relevo simbólico. Temos aínda moito traballo por diante e na nosa man está que se faga.

Só nos leva uns minutos presentar unha queixa cando, por exemplo, unha administración sinaliza unhas dependencias públicas ou rotula unha estrada sen que o galego estea presente, ou dándolle o trato de idioma secundario. Se non axudamos a corrixilo, facemos parte do problema.

14 de nov. de 2009

Un vídeo que me encanta

Veño da homenaxe ao compañeiro Lois Diéguez, sobre a cal falarei máis polo miúdo noutra entrada. Nesta só quero deixarvos un clip que me encanta, que descubrín onte coa compañeira Iria Taibo despois da Xunta Directiva da Mesa. Bailade!

13 de nov. de 2009

Este sábado, homenaxe a Lois Diéguez


A historia que fixemos

Xornada de recoñecemento a Lois Diéguez - 14 de novembro de 2009

Salón de Actos da Deputación de Lugo

16.30 h. Recepción

16.45 h. Abertura da Xornada: Francisco L. Rodríguez Guerreiro, pola Fundación Bautista Álvarez

17.00 h. Coa mirada na Galiza

Modera: Xosé Manuel Rodríguez Martínez

Francisco Rodríguez. Secretario Xeral da UPG

Antón Bao. Responsábel Comarcal do BNG

Iria Aboi Ferradás. Secretaria Xeral de Galiza Nova

17.30 h. A sociedade no corazón

Modera: Marisa Canto Reboredo

Carme Flores Pardo. Delegada da CIG na Xunta de Persoal do Concello de Lugo

Ánxeles Díaz Real. Vocal da Asociación de Veciños de Orbazai

Carlos Manuel Callón Torres. Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística

18.00 h. Actuación Musical. Mini e Mero con outros membros de A Quenlla

18.15 h. Descanso

18.30 h. Cultura de noso

Modera: Xulia Canoura Díaz

Tonina Gay. Xornalista. Presidenta do Clube Cultural Valle Inclán

Adolfo de Abel Vilela. Historiador. Vicepresidente de LugoPatrimonio

María do Pilar García Negro. Profesora. Membro da Asociación de Escritores en
Lingua Galega (AELG)

19.00 h. Coloquio

20.00 h. Recreación poética. Círculos Líticos

20.15 h. Clausura da Xornada: Lois Diéguez

Petiscos, refrescos e viño galego

ORGANIZA: Fundación Bautista Álvarez

PARTICIPAN: A MESA, AELG, AA.VV. de Orbazai, BNG, CIG, Círculos Líticos, Clube C. Valle Inclán, Galiza Nova, LugoPatrimonio, Mini e Mero con outros membros de A Quenlla e UPG.

12 de nov. de 2009

Na defensa das oficinas de I+B (Igualdade+Benestar)

Chégame a través do correo electrónico unha campaña da CIG-Ensino na cal podemos colaborar todas e todos. Podedes achar máis información aquí e colaborar coa vosa sinatura aquí.

Reparade en que non é só polos dereitos dunhas traballadoras e duns traballadores, senón tamén na defensa dunhas prestacións sociais e uns servizos públicos que o PP quere desmantelar.

Resposta á camapaña de difamación do PP polo Consorcio from cig-ensino on Vimeo.

11 de nov. de 2009

O símbolo perdido


Ten título de best seller, portada de best seller, argumento de best seller e unha promoción de best seller que fixo que aparecese nas listas dos libros máis vendidos mesmo antes de se poder conseguir nas librarías. Mais o que me leva a falar aquí do novo libro de Dan Brown é que chegou ao noso país coa tradución ao galego ao mesmo tempo que en castelán ou catalán e, algo non menos importante, ao mesmo prezo que aquelas.

É un xesto que hai que agradecer á editora El Aleph, que tamén trouxo ao noso mercado editorial as traducións de Anxos e demos e O Código Da Vinci. Pola miña banda, xa comprei o libro a semana pasada, aínda que sei que tardarei en me pór a lelo. Anímovos a que fagades o mesmo, para pórmos cadanseu gran de area para que continúen experiencias como esta e para que mellore a distribución e promoción das versións no noso idioma.

9 de nov. de 2009

Carta aberta ao presidente da Xunta


Esta semana en Galicia Hoxe publico unha carta aberta ao presidente da Xunta en relación coa alarma social que crean as súas políticas lingüísticas contra o galego:

Carta aberta ao presidente da Xunta
Señor Núñez Feijóo, escoite a sociedade e defenda o galego


Señor presidente:

Son moitos os motivos que me poderían levar a escribir esta carta pedíndolle que mude a súa nociva política contra a lingua propia de Galiza. Aínda que vostede descualifique as mobilizacións en defensa do galego considerándoas “manifestacións preventivas”, a realidade tanxíbel é que nos case oito meses que leva como presidente non cesou de adoptar medidas en contra do idioma que nos une como galegas e como galegos.

En todo o tempo transcorrido desde a súa toma de posesión, aínda non emprendeu nin unha soa nova iniciativa para estender esta lingua a novos ámbitos ou para garantir a igualdade de oportunidades para quen, con toda lexitimidade, queira vivir en galego. Non sabemos, insisto, da primeira acción de goberno que dea cumprimento ao mandato estatutario de que os poderes públicos deben promover o idioma propio de Galiza.

Os miles de galegos e galegas que nos movemos na defensa da nosa lingua facémolo como nunca porque somos conscientes de que é a primeira vez na historia da democracia que un goberno autonómico anda a patadas co galego.

Tamén por vez primeira na historia é moeda común na Xunta que haxa altos cargos que fachendeen de non saber o idioma de Galiza, como se a ignorancia fose un mérito. Hai representantes institucionais do goberno que vostede preside que si saben galego mais que se negan a utilizalo no Parlamento ou nos medios de comunicación públicos creados para promovelo, que ordenan mudar a papelaxe administrativa para que non estea neste idioma, que mesmo infrinxen a legalidade ao responderen por escrito en castelán a misivas que lles chegan en galego... Esta prepotencia e falta de corrección institucional do seu goberno non obedece a ningún criterio racional, moito menos de servizo público, senón a unha política de odio contra o idioma do país.

Nada de preventivo ten tampouco a modificación por trámite de urxencia e cunha firme oposición sindical da Lei de función pública. A súa présa debeuse ao desexo de eliminar o galego como requisito real para acceder a un posto de traballo público, convertendo o castelán no único requisito de facto. Ese proceso, coa argumentación gobernamental de que a lingua propia de Galiza constitúe unha “barreira”, ocupará un lugar destacado na historia das infamias contra a nosa cultura.

Vemos, ademais, como a literatura, a música, o audiovisual e tantas outras expresións culturais no noso idioma se ven agora desnutridas pola institución que competencialmente ten a principal obriga de fomentalas. Non hai ningún motivo presentábel que poida explicar que unha das primeiras accións do seu goberno sexa eliminar a partida que existía para que, tamén neste 2008, houbese axudas públicas para a tradución de libros desde e para o galego. A nosa é a única lingua con algún recoñecemento oficial no Estado que se encontra en tal situación.

Nese mesmo camiño vai a progresiva eliminación ou vaciado da programación cultural dos medios públicos autonómicos. A quen lle fai dano que a Radio Galega teña ao menos un programa que promova as novas propostas musicais no noso idioma? A quen prexudica que na TVG se promovan de forma protagónica os libros na nosa lingua, invisibilizados nas outras ofertas televisivas de ámbito estatal?

Aínda máis: A quen ofende que haxa programación infantil en galego? A decisión de que a TVG emita os Teletubbies en inglés, só con lexendas en lingua galega, non pode máis que considerarse sarcasmo, pois os seus destinatarios (os nenos e as nenas de menos de tres anos) non saben ler. Sabe, señor presidente, que a TVG é a única televisión do mundo que non emite os Teletubbies dobrados á lingua propia? Sabe, ademais, que nin noutras emisoras de televisión nin no mercado podemos encontrar produtos audiovisuais en galego para as nosas crianzas?

Nada ten tampouco de preventivo que se deixe de apoiar a tradución de software ao noso idioma, que a exitosa feira Cultur.gal deixe de realizarse, que se bote o fecho aos premios nacionais da cultura galega, que se impida a regulamentación de dereitos lingüísticos tamén para o galego no ámbito comercial e unha restra de exemplos máis. A listaxe das súas políticas contra a lingua de Galiza, como é bo de ver, é longa. Mais non podo esquecer un ámbito fundamental: o ensino.

Moitas veces di que aínda non derrogou o decreto actual, o 124/07, e pono como exemplo de que ninguén debería saír á rúa en defensa do galego. É certo que non o fixo e que, ademais, tampouco se coñecen cales van ser os trazos da nova proposta, a pesar de todo o tempo transcorrido. O único que se sabe é todo o que xa executou contra a nosa lingua no ensino: promulgar unilateralmente un decreto sobre educación infantil que reduce a presenza do noso idioma, desincentivar o programa de liñas neste idioma entre 3 e 6 anos, romper o modelo das Galescolas que mesmo aplaudiran organismos internacionais, tentar crear un clima social contrario á impartición de materias en galego, crear crispación e enfrontamento social cunha fraudulenta pseudoconsulta cuxos resultados agora nin tan sequera está a ter en conta...

Que no proxecto de orzamentos xerais o departamento de Política Lingüística sexa o que máis decreza (un 20%!) de todos os que conforman o organigrama da Xunta é tamén abondo elocuente.

Pídolle por favor que non repita máis en público que a maioría da xente apoia as súas políticas contra o galego, porque non é verdade. Debería lembrar, coa mínima humildade necesaria para ser un bo gobernante, que vostede é presidente da Xunta porque o seu partido ten un só deputado máis que a oposición e a pesar de que nas pasadas eleccións autonómicas contou con 5.000 votos menos que a suma dos sufraxios conseguidos polo PSdeG-PSOE e o BNG. Igual que debería ter presente que gañar unhas eleccións non é unha patente de corso para facer o que se quixer nin unha autorización para destruír unha lingua e unha cultura.

Debería ser consciente de que a súa política de provocacións e de ataques contra o galego conleva unha importante preocupación social, tanto por parte de persoas que utilizan este idioma no seu día a día como por quen non o fai. Así é: non se autoengane pensando que unha acción de agresións contra o galego vai recibir o aplauso da xente nova ou dos habitantes das zonas urbanas, por falar de dous segmentos sociais que padecen de forma moi aguda a desgaleguización.

A pesar de que hai grupos de poder económico e mediático que pretenden estender o autoodio e sustentar a mingua de dereitos para os usuarios e as usuarias da lingua galega, a verdade é que hoxe a inmensa maioría da sociedade rexeita a galegofobia e apoia a execución de políticas de promoción do idioma natural de Galiza.

Vostede ten enriba da súa mesa desde hai máis dunha semana unha carta que expresa a disposición ao diálogo por parte da plataforma Queremos Galego. Está a tempo de rectificar. Por favor, fágao, porque a súa política contra o noso idioma non pode traer nada bo para ninguén.

A sociedade valorará que rompa coa crispación, que aplique os consensos a que chegamos entre todas e todos, que defenda un dos nosos principais elementos de identidade e cohesión, sen o cal sería inimaxinábel ningún grao de autogoberno; sen o cal sería inimaxinábel a Xunta de Galiza que vostede preside.

[A fotografía correspóndese cun momento da marcha do 18 de outubro de 2009, cuxa histórica participación é mostra da alarma social que está a crear o goberno de Alberto Núñez Feijóo.]

6 de nov. de 2009

Resultados da entrevista co director da CRTVG

Xa que no anterior post falaba do "antes" da entrevista, déixovos nesta ligazón as conclusións da mesma.

Con certeza, eu non sei de ningunha outra televisión do mundo que non emita os teletubbies se non é na lingua propia, porque o seu público destinatario, sobre todo as crianzas de menos de tres anos, non saben aínda ler.

Procurando na rede vídeos desta serie nos diferentes idiomas, atopeime coa lindísima reacción desta entusiasta meniña vendo os programas na nosa lingua:



Pois iso xusto é o que queremos. A pregunta, claro, é a quen lle molesta que os nosos nenos e as nosas nenas poidan ver programas infantís en galego.

Entrevista co director xeral da CRTVG


Dentro dunha hora e media, manterei unha entrevista co director da compañía da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo. Coñézoo do seu tempo no diario La Región e porque no ano 2004 a Xunta lle encomendou levar a comisión de Industrias Culturais na elaboración do Plan xeral de normalización da lingua galega, na cal eu participaba.

Xusto nese camiño irá o primeiro bloque das miñas propostas: que se dea cumprimento ao estipulado nese Plan xeral no cal el participou e que o Parlamento galego aprobou por unanimidade. Por exemplo, que se implementen xa as medidas que falan de potenciar a programación infantil e xuvenil da compañía pública galega, mais sen se referir con iso a que a pasasen a emitila en inglés, como de forma insidiosa fixeron cos Teletubbies.

Outra reivindicación básica é que os escasos programas culturais da RTVG se centren na cultura galega, na música galega, no audiovisual galego, na literatura galega... abertos ao mundo por definición, en diálogo diverso, mais co corazón e a cabeza no país. Porén que non nos fagan comungar con rodas de muíño. Abrirse ao mundo non é considerar que a "universalidade" é o que se coce en Madrid. Iso é ser paifoco.

Así, que o programa Libro Aberto queira centrarse agora en obras escritas en español significa potenciar aínda máis o alcance dunha lingua que copa entre o 85 e o 90% do noso mercado editorial e que a nivel televisivo ten amplísima divulgación a través de diferentes espazos en TVE 1 e 2, Antena 3, Cuatro, Tele 5, La Sexta etc. Se a TVG mingua o apoio aos libros no noso idioma, como é a súa obriga, quen o vai facer? Nese aspecto, podedes facerlle chegar tamén as vosas queixas directamente ao correo-e libroaberto@crtvg.es.

A perda de credibilidade da CRTVG é tamén un problema que afecta á normalización. O silenciamento, a terxiversación e a provocación dos seus espazos informativos están a ser motivo de debate social. Que haxa case 5.000 persoas nun grupo de facebook e nun blog reclamando o cesamento de Carlos Luis Rodríguez e contra a manipulación informativa da TVG debería dar, como mínimo, para unha profunda reflexión.

5 de nov. de 2009

29 millóns non son nada?


Os deputados do BNG no Congreso dos Deputados negociaron e conseguiron que se vaian aprobar emendas nos orzamentos xerais do Estado para o beneficio xeral de Galiza por valor de máis de 29 millóns de euros. É unha cantidade superior, por exemplo, á lograda por CiU, IU-ICV e NaBai, que, igual que os nacionalistas galegos, tamén votarán en contra.

Ademais, as xestións do BNG tamén tiveron como froito significativas melloras en políticas económicas para o conxunto do Estado, entre as cales é de salientar a modificación da chamada Lei Beckham, para romper co inxustísimo privilexio fiscal de que gozaban os futbolistas de elite.

Estou certo de que non escribiría isto neste blog se non fose porque me parece tremendo o tratamento que tal noticia recibe na maioría dos medios de comunicación, tamén nos galegos. Non é só desprezo e minusvaloración do nacionalismo galego, senón do que Galiza representa e pode facer.

4 de nov. de 2009

Aldonza de Pratarías


Veño da presentación do libro Pedras de Compostela, asinado por "Aldonza de Praterías", unha das figuras máis fascinantes do collage que é a porta sur da catedral de Compostela. Esta muller do románico relata anécdotas e curiosidades da capital de Galiza ao longo dos 900 anos que leva como testemuña pública do que acontece.

Como amanuense da Aldonza está Mercedes Pintos, quen nos lembra que segundo o Códice Calixtino esta escultura representa unha adúltera condenada a padecer no inferno coa caveira do amante, a quen o enganado marido lle cortou a cabeza.

Mercedes Pintos terminou a súa presentación de hoxe na Libraría Couceiro chamando a que Aldonza pase a ser un símbolo da cidade. Eu secúndoa.

2 de nov. de 2009

As lendas negras contra Fermín Bouza Brey

Velaquí o artigo desta semana en Galicia Hoxe, centrado no autor do verso que tomei para lle dar nome a esta páxina semanal ("Por navegar ao desvío"):

A verdade do rumor
As lendas negras contra Fermín Bouza Brey


Fermín Bouza Brey é coñecido hoxe sobre todo pola súa obra poética, que forma parte dos currículos escolares, mais que é con frecuencia divulgada como fría por se salientar dela só o hiperformalismo de inspiración trobadoresca. Un segundo aspecto notorio de Bouza Brey, máis divulgado entre as persoas con sensibilidade pola cultura galega, son as súas inquedanzas humanísticas. Tivo un papel de investigador ao detalle e promotor do entusiasmo no estudo da historia de Galiza.

Hai uns anos, comecei a pesquisar sobre a súa vida e a súa obra e outros tres foron os elementos que me fascinaron. En primeiro lugar, que foi un dos máis firmes activistas da utilización do galego en todos os ámbitos. Conservamos a documentación que, como xuíz na República, ordenou imprimir en galego, así como a súa correspondencia monolingüe nos momentos máis difíciles do franquismo.

Outro trazo interesantísimo foi o seu papel como maxistrado na Estrada para salvar toda a xente que puido de ser paseada. Mentres aparecía en público como afín ao novo réxime, ordenaba deter por delitos comúns a persoas que, doutro xeito, serían asasinadas polos falanxistas. Unha estratexia silenciosa sobre a cal deitou luz Xoán Carlos Garrido Couceiro no seu documentario A derradeira lección do mestre.

Por último, mais en absoluto menos importante, estaba a cuestión da súa hipotética homosexualidade reprimida (estaba casado), mais pola que (tamén supostamente) fora perseguido. A cuestión mantíñase ao nivel dun rumor ou dunha lenda negra, no mellor dos casos só expresada por escrito a través de circunloquios ou insinuacións de escuridade e intimidade. Xa só iso me pareceu digno dunha investigación do maior interese para os estudos literarios: o funcionamento dese mecanismo homófobo que xebraba o que se explicaba nos manuais e a transmisión oral da que se consideraba “a verdade”.

O rumor é máis espontáneo e, portanto, recíbese como máis auténtico, aínda que non exista nada empírico que o sosteña. Cheguei así á conclusión de que estudar a dialéctica da opción sexual no campo literario, nomeadamente en épocas de forte heterosexismo, pode ofrecernos unha visión moi diferente do que sucede na realidade no campo.

Fermín Bouza Brey paréceme, nese aspecto, paradigmático. Lembremos: un escritor recoñecido na historia da literatura galega por ser o primeiro en publicar en libro unha obra neotrobadoresca. Iso é o que se pode achar nos libros de texto ou historias da literatura. Mais, se atendermos a un coñecemento paralelo, o da rumoroloxía no campo da crítica literaria galega, veremos que se transmite esoutro coñecemento. Non só que Fermín Bouza Brey era homosexual, senón que se argumenta como proba que foi por iso que o destituíron como xuíz. Nunha reviravolta, sostense tamén que a cuestión non ten importancia para a literatura escrita con maiúscula e para a comprensión da súa obra. Isto é moi importante: dáselle unha dimensión de verdade do individuo á súa condición de homosexual, ao mesmo tempo que se lle nega a relevancia pública.

Malia o dito, parece doadamente constatábel que, se existía esa identificación de Bouza Brey como “homosexual”, non só podería ter grande importancia para vermos as relacións de xénese histórico-biográfica das súas obras (o cripticismo erótico da Nao senlleira ou o masoquismo de Seitura poderían cobrar novos sentidos, igual que as mudanzas textuais atribuíbeis á autocensura), senón tamén para a súa recepción. Teñamos presente que nun (proto)sistema literario como era o galego da década de 50, o espazo público e o espazo privado conflúen, pois aínda que se quixese conseguir un amplo lectorado, o certo é que as condicións de proscrición fan que os escritores e as escritoras coñecesen o seu público, e viceversa.

Ademais, se Fermín Bouza Brey foi perseguido por homosexual, como afirman os tales rumores, o mero feito desta persecución determinaría moitas das decisións e dos sentimentos do individuo. Repárese, aliás, que non importa o que Bouza Brey era, senón como funcionaba o feito de que se pensase que era.

No seu caso, como antes sinalaba, é frecuente por parte da crítica o circunloquio ou o silencio: “razóns de tipo persoal”, “incomprensións”, “capítulo escuro da súa vida”, “afectaba á estricta intimidade persoal”, “aspectos (...) obscuros” etc. Sobre o proceso de finais dos anos 40 e comezos dos 50 que en teoría desembocou na súa expulsión da xudicatura e a súa descoberta como homosexual, o que sabemos de forma contrastada dise na fotobiografía coordenada por Antón Rodríguez López : “[En 1948] xa está tocado pola denuncia que, argumentando razóns persoais e de puritanismo moral da postguerra, se lle puxo. A denuncia foi meticulosamente orquestada polos seus propios compañeiros de Audiencia [refírese aos de Pontevedra], apoiados polos falanxistas que xa intentaran guindalo na Estrada e que, agora, ocupaban tamén importantes postos na administración de Pontevedra. No tribunal que avalía as acusacións presentadas testemuñan persoalidades afectas ó galeguismo e amigos íntimos de Don Fermín. Ninguén sae na súa defensa. El séntese ‘traicionado’ e ‘afundido’ nunha carta de 1949 a Álvarez Blázquez.”

É crucial a este respecto o feito de que na década de 40 Celso Emilio Ferreiro compuxese unha cantiga de escarnio contra Bouza aludindo á súa homosexualidade. Estes versos circularon con profusión pola cidade do Lérez. Deles dei recollido algúns parcialmente, recitados de memoria por unha persoa que afirmaba que tivera o libelo nas súas mans.

A través de varias entrevistas persoais con diversos axentes do sistema literario galego actuantes nos anos 40, 50 e/ou 60 e vivos aínda a comezos do século XXI, puiden reconstruír tamén algunhas das lendas negras que circularon arredor de Fermín Bouza Brey no posguerra.

A primeira lenda negra é que Bouza Brey fora un espía nazi. Trátase da de menor circulación, mais en absoluto presentada como unha brincadeira. Carece de toda consistencia empírica, mais argumentaría en determinados entornos que se lle fixese o vacío social.

A segunda versión, que circula como máis verídica, é que Bouza perdera a súa condición de xuíz porque tras verse sometido a un Tribunal de Honor. Hai variacións sobre o que aí puido acontecer: se o galeguista e político franquista Xosé Filgueira Valverde foi quen o denunciou ou se só actuou como testemuña contra Bouza.

Como "versión oficial", menos crida mais tamén con certo eco, está a idea de que fora expedientado polo seu compromiso político, a raíz dunha conferencia en Bos Aires. Mais tamén hai persoas que sosteñen que Bouza agudizou as súas mostras de compromiso nacionalista durante unha época para así poder ser expedientado por esta razón e que se lle dese menos credibilidade á cuestión homosexual. De feito, el chega a escribir varias cartas para reforzalo.

Sexa como for, o obxectivo á hora de estudar isto e reconstruír as relacións no campo literario na altura non é descartar hipóteses até dar coa "verdade". Porque todas elas, mesmo as que hoxe vemos como absurdas, funcionan como "verdades", que hai que explicar na súa xénese, na súa estrutura e, sobre todo, na súa función, porque foron e -mesmo no invisíbel-continúan a ser cruciais para entendermos que pasou e que pasa con Fermín Bouza Brey.

1 de nov. de 2009

Aquilo das varas de medir

Non é nada novo iso de que hai varias varas de medir segundo quen faga o que faga. Se de momento non temos forza suficiente para mudar a situación, ao menos sexamos ben conscientes de que se fai, para non caermos nin no hipercriticismo suicida nin na permisividade babioca: