Unha investigadora e escritora de ensaio manifestoume unha vez, hai moitos meses, que lle parecía que os blogs eran algo moi egocéntrico e que, ademais, non lle gustaba seguilos, salvo que se centrasen nunha única temática. A reflexión non a comparto en absoluto, mais si que me parece interesante e que dá para pensar.
A respecto do egocentrismo, sería entrar nun vello debate sobre a autoría. Podemos acusar de tal cousa ao Mestre Mateo porque decidiu deixar a súa sinatura física no Pórtico da Gloria e non ficar no anonimato doutros arquitectos de séculos anteriores? E aos escritores e escritoras que deciden asinar as súas obras tamén lle aplicamos a mesma adxectivación? Non sei, non sei. A cousa parece que non ten moito sustento.
Ademais, como ben sabe calquera persoa que navegue decote polo mundo dos blogs, isto non sempre se resolve igual e hai moitas páxinas das que se descoñece quen está detrás. Eu dubidei varios meses antes de recoñecer que esta é a miña bitácula, aínda que ao final optei por iso con todas as consecuencias, mesmo mudando o seu dominio dos primeiros meses a este que agora ten.
O dos contidos paréceme un tema máis profundo. Cando ás veces matino sobre o sentido desta páxina si que dubido sobre se debería falar só da figura pública, dese que escribe artigos, dá conferencias de imprensa, sae nas fotos para ben ou para mal e todas esas cousas. Mais tamén aí opto por non facelo así. O Carlos Callón presidente da Mesa ou da Fundación Via Galego sae xa nas páxinas desas entidades. O de aquí, é unha personaxe menos plana, polo que tamén dá saída neste espazo a outras indaquedanzas ou necesidades de expresión, ademais de abrir outras portas para o diálogo imprescindíbel.
Iso significa, claro, que moitas das cousas que aquí poño non despertan o mesmo interese, xa que se dirixen a públicos ben diferentes. Quero agradecer así e todo o seguimento que está a ter este pequeno espazo. Segundo a páxina web Alexa, nestes momentos esta páxina é a 766.851 máis seguida do mundo e a 18.001 con máis visitas do Estado español, o cal me parece unha cifra fabulosa.
Perdoádeme a reflexión en voz alta e moitas grazas por estardes aí.
Sigo o teu blog e gústame ler todo o que nel escribes, moitas veces non deixo comentario por falta de tempo ou porque non sei que dicir.
ResponderExcluirBicos
Moitas grazas! ^^
ResponderExcluirÉ a miña primeira entrada no teu blog, e non será a última.
ResponderExcluirGracias pola defensa que fas do noso idioma.
Un saúdo deste novo afiliado A MESA.
Moitas grazas, Isaac! Fago extensivo tamén a ti o agradecemento.
ResponderExcluirUnha aperta!