6 de dez. de 2009

Eu non votei esta Constitución

Máis que nada, non votei que si nin que non porque nin chegaba aos catro meses de idade, pois nacín a finais de agosto de 1978. Igual ca min, tampouco puideron posicionarse ao seu respecto todas as persoas que naceron despois do 6 de decembro de 1960, que aínda non tiñan 18 anos para se acreditaren para o referendo e que rozan na actualidade as cinco décadas da súa vida.

Que os menores de 50 anos no Estado español herdemos unha Constitución na cal non puidemos participar, e que se nos presenta sempre como intocábel e indiscutíbel, como se fose unha revelación divina, non é un bo síntoma democrático. Tampouco o é que se incumpra todo o que ese pacto puido ter de positivo: recoñecemento tímido da pluralidade lingüística e nacional, dereito ao traballo e á vivenda etc. Mentres, imponse unha lectura restritiva para os adiantos sociais, mesmo para tentar deslexitimar outras expresións democráticas moito máis recentes, como o Estatut de Catalunya, aprobado polo Parlament catalán, o Congreso dos Deputados e, o máis importante, respaldado en referendo polo pobo de Cataluña.

Um comentário:

  1. Non é que non sexa nosa, é que non nos deixan sentila así, desde o momento en que queren facela intocábel.
    Os que se manifestan en contra do cambio son os mesmos de sempre.

    ResponderExcluir