O delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, careceu de tacto, de sensibilidade e de responsabilidade social e institucional ao ofrecer determinados datos aos medios de comunicación sobre a situación de Moisés, o neno agora ingresado no centro de menores A Carballeira, en Ourense. E todas e todos poderemos convir que dar esa información na inauguración do II Foro do Mercado Ruso é o colmo dos despropósitos.
Polo que leo nos medios, referiuse ao cativo con bastante pouca sensibilidade (con perlas como "no sólo es que fuera el niño gordo de Ourense") e desvelou información íntima sobre o caso que dá lugar a un xuízo mediático paralelo, empeorando en moito a súa situación.
Pode a Xunta a partir de agora ofrecer ese tipo de datos publicamente ao seu antollo? Ou só será o seu modo de proceder con casos de familias ciganas e pobres? Reparemos, ademais, en que conducir así un caso como este converte a cuestión en obxecto directamente de responsabilidade política, xa que o que fala é un alto cargo do Goberno galego.
Tendo en conta o lugar onde se produciron as declaracións (repito: na inauguración do II Foro do Mercado Ruso!), parecería que non foron palabras moi reflexionadas. Mais iso non o desculpa nin o xustifica en absoluto, senón ao contrario. Sería outra a actuación que se debería agardar dun cargo público como o que el exerce, xa que coas súas palabras causa un dano importante á familia e ao neno.
Nenhum comentário:
Postar um comentário