2 de dez. de 2009

Para que serve narcotizarse?

O Consello da Cultura Galega envía un comunicado de imprensa no que salienta que "o galego segue a ser a lingua maioritaria" en Galiza. Atribúelle a afirmación, á que lle dan prioridade sobre outras do día, a un "experto", mais un experto seleccionado para unhas xornadas nas cales non hai ninguén que dea unha visión diferente, o cal non deixa de ser tamén rechamante nunha institución como esta.

Que conste que iso me sorprende menos que cando se di que o galego se está a recuperar entre as xeracións máis novas, vendo, contra todo raciocinio, abrollos verdes en cada centésima, aínda que para iso haxa que comparar grupos de idade diferentes entre estudos con metodoloxías diferentes. Se iso for verdade e se basease nalgún estudo, sería un motivo de festexo. Mais o problema é que esa lectura que realizan algúns é, como mínimo, un autoengano. Non se alicerza nos datos das pesquisas máis recentes que dispomos. Nin tan sequera nas de lingua declarada, xa non digamos nas cualitativas.

Hai quen pensa que temos que dicir que todo vai moi ben, que estamos nun momento coma outro calquera e que siga a festa. Outros, no mellor dos casos, talvez se convenzan de que se se maquilla a realidade, esta xa muda. Mais, tristemente, o que nos din todas as investigacións é que o galego é a lingua que sofre unha caída máis acusada de todas as que teñen algún rango de oficialidade no Estado, que en dez anos se duplicou o número de persoas que nunca utilizan o galego e que na xente nova das principais cidades é xa algo residual. Doe, mais é así: hoxe o galego non é xa lingua maioritaria do país, sendo algo constatábel de forma abrumadora nos grupos e espazos sociais que marcan o futuro.

Non deixemos que nos vendan narcóticos. Temos que saber que a realidade é dura para a podermos transformar. Así, poderemos facelo.

14 comentários:

  1. Caro, o Mauro Fernández, o "experto", pode ser sociolinguísta de luva branca e, como tal, assim se conduz.
    Ideologicamente colocava-o na esfera do PP, mas não há muito que me deram por seguro que se acha na esfera do PC (= Partido Comunista).
    Tanto tem: Como militante, portanto, do nacionalismo espaÑol radical (o nacionalismo espaÑol é radical tome-se por onde se quiser; mas rdical no sentido de extremoso, não no de ir à raiz), como tal, dificilmente partirá de elementos práxicos (digamo-lo assim) que ponham em questão esse nacionalismo.
    É como o da RAGa ou o do CCGa, quando apelam ao "consenso", o que outros desde o goveno dizem "amable" e antes "armónico": Como podemos imaginar que organismos do reino bourbónico sejam críticos com o estado que lhes dá "vida" e "salud" e mesmo a existência? Os seus membros (e membras), dizendo o que dizem assim ou assado, necessariamente estão a agradecer fazer parte de tais organismos. Mas é que, sem dúvida, todos eles, uns mais e outros menos acaso, consentem ideologicamente com a ideologia nacionalista espaÑola (como disse acima, sempre radical). Então que cabe esperar deles?
    António Gil

    ResponderExcluir
  2. Maioritaria onde, cando e como? :S

    ResponderExcluir
  3. Grazas por vos pasardes por aquí. Esta entrada suscitou unha resposta no blog de Fermín Bouza, do cal son seguidor: http://votoconbotas.trincheradigital.com/?p=5334

    A ese respecto, publico aquí tamén o comentario que alí puxen:

    Prezado Fermín, nas ligazóns no meu blog vinculo con algúns estudos con datos que sinalan a caída do galego como idioma espontáneo, en pesquisas de lingua declarada, como as realizadas polo Instituto Nacional de Estadística e o Instituto Galego de Estatística, así como pola Real Academia Galega e o Goberno galego a través do Mapa Sociolingüístico. O peor é que xa sabemos que os inquéritos de lingua declarada os hai que coller con pinzas; é un debate vello, no cal tivo hai uns meses especial protagonismo este blog.

    Ademais, para falar de “lingua maioritaria” haberá que ter en conta tamén o seu uso nos diferentes ámbitos e sectores, verdade? A ese respecto, os estudos son tamén contundentes, e aí van só algúns dos datos: 3% das sentenzas en galego, 20% da docencia en galego na Universidade de Santiago, 16% na de Vigo, 8,9% na da Coruña (hai carreiras nas tres universidades nas que non se imparte absolutamente nada neste idioma), as horas en galego non chegan ao 50% en case ningún centro de ensino non universitario, estando nuns niveis moi graves nas cidades, centros concertados e etapas de infantil (no último estudo, o 65% dos centros de infantil, de 3-6 anos, nas sete cidades, recoñecían incumprir o decreto; deles, case o 40% impartían “unha hora ou menos en galego” ao día)… Para vermos a situación no comercio ou nos medios de comunicación, abonda con darmos un paseo, collermos o mando a distancia e botarmos un ollo aos xornais. Pode parecer tremendista, mais é así: o galego ten unha presenza relativa no audiovisual a día de hoxe moitísimo menor que hai 20 anos (a TVG e a RG daban os seus primeiros pasos nun espazo máis simplificado, existía R4, había maiores desconexións de TVE etc). Máis datos: o galego representa entre un 10 e un 15% do mercado editorial e, mesmo así, segundo os últimos estudos, a maioría das librarías do país non distribúen as novidades editoriais neste idioma.

    O galego non chega nin ao 1% en: documentación e comunicacións da Axencia Tributaria, da Garda Civil, do Exército, da Policía Nacional, da oferta de xoguetes, das estreas de cinema ou DVDs, de videoxogos… A maioría dos servizos telefónicos de apoio ao cliente tamén impoñen o uso do español e exclúen mesmo a posibilidade de poder falalo, como ben vimos hai pouco en Fenosa.

    Se queres máis datos, achégoos e cito todas as fontes que fixeren falta. Nin eu nin A Mesa imos calar ante quen quere edulcorar unha situación demasiado grave. E oxalá que non o fose!

    Polo demais, festexando a túa maior presenza nos foros de debate de Galiza e a túa argumentación clara e ben documentada, non podo máis que lamentar que o Consello da Cultura Galega decidise prescindir para eses foros dunha outra parte do debate existente en Galiza, tanto de organizacións e plataformas que teñen un importante peso cualitativo e cuantitativo (ou A Mesa e Queremos Galego non existen?), así como de expertas e expertos que dan unha visión ben diferente á salientada nese comunicado de imprensa do CCG. Unha visión que dan sempre baseándose nos datos.

    Agora ben, eu penso que é máis que unha polémica pasaxeira, porque entra de cheo en varios problemas importantes. Por unha banda, cal é a función e funcionamento do Consello da Cultura Galega; pola outra, que existe unha liña discursiva pola que algunhas persoas nos queren convencer de que “todo vai moi ben”. Que é algo que ti, está ben claro, non dis. E non o dis porque te baseas tamén en análises rigorosas.

    ResponderExcluir
  4. Comparto o teu diagnóstico. Não vou reproduzir o comentário que venho de escrever no blogue de Fermín Bouza. Indo mais alá, penso que cumpre estar muito vigilantes ante eventuais manobras acomodadiças dos dispostos a aproveitarem o sucesso da luita polo galego em interesse próprio. Não é momento de remendos, mas de dizer bem claro que é o que queremos, e de agir em consequência.

    Pedro Bravo

    ResponderExcluir
  5. Para min o Consello de Cultura Galega deixa moito que desexar...poucas veces estivo á altura da realidade galega e poucas veces o estará...paréceme xente apoltronada no seu asento que non toma medida ningunha. Deprimente!

    Nunca me gustou ese Organismo! Son os primeiros en poñer trabas ao galego e seguirán facéndoo!

    ResponderExcluir
  6. Caro Carlos, foi unha mágoa que non te achegases ao Consello da Cultura, a un Seminario ao que estabas explicita e persoalmente convidado a asistir, para podemos discutir o asunto en presenza. Así non vale.

    ResponderExcluir
  7. Penso que é moi boa a postura activa de réplica a estes narcotizantes, aínda que non estou de acordo coa última parte da crítica de Mar.

    Sobre o último comentario, o que vai antes deste, asinado de forma anónima aínda que só pode ser que por alguén do Consello da Cultura Galega vinculado coa organización destas xornadas, reproduzo a seguir o comentario rubricado por Henrique Monteagudo no blog de Fermín Bouza e despois a miña resposta.

    ResponderExcluir
  8. Comentarios no blog de Fermín Bouza, que copio tal cal desde a ligazón http://votoconbotas.trincheradigital.com/?p=5334

    17# Henrique Monteagudo comenta: 03 Dic 2009 a las 15:05

    Só un apuntamento a Carlos Callón. Non entendo a súa actitude. Foi convidado a asistir ao Seminario do CCG e non acudiu. Descoñezo as razóns que tivo, pero iso non é o que agora importa. Alí podería oír os argumentos e os datos de Mauro Fernández e discutilos. É un sensentido facelo despois, a partir de notas de prensa. Nin Mauro nin o galego merecen esa desconsideración. Carlos, tiveches unha magnifica oportunidade para o debate, e non a aproveitaches. Non é de recibo que veñas agora con lerias.


    24 # Carlos Callón comenta: 04 Dic 2009 a las 03:32

    Só me vou referir agora ao comentario 17, de Henrique Monteagudo:

    a) Calquera persoa pode ver o programa destas xornadas e ver cal foi o espazo reservado á Mesa, a Queremos Galego ou a sociolingüistas que contribúan cunha opinión diferente, expresada en diferentes ocasións publicamente e en investigacións. Tamén se pode confrontar a súa presenza en anteriores xornadas deste mesmo organismo público e estatutario. E, de aí, tirar consecuencias sobre a forma de funcionamento. Porque o convite a que te refires é a asistir como público para aplaudir outra exclusión, outra máis?

    b) Aborrezo desde o profundo do meu ser a triangulización das críticas. Calquera que lea o meu texto verá que son críticas públicas contra un comunicado tamén público do Consello da Cultura Galega (no cal se prioriza esa visión fronte a outras posíbeis do día nese evento) e contra a exclusión dun sector importante cualitativa e cuantitativamente nesas Xornadas. Así que non se boten as frechas de forma demagóxica contra “Mauro e o galego” (!) e recólleas ti, Quique, como secretario do Consello e coordinador do evento.

    Unha aperta.

    ResponderExcluir
  9. En GzNación reprodúcese como artigo esta entrada do meu blog, na seguinte ligazón: http://www.gznacion.com/web/opinion_articulo.php?id_artic=978

    ResponderExcluir
  10. Hehehehe,

    dáme que o ano que vén tampouco vos convidan ás xornadas :)

    ResponderExcluir
  11. Henrique Monteagudo critícache no blog de Galaxia: http://www.editorialgalaxia.es/weblog/?p=4871

    Tenta vender libros seus a costa da polémica. Di que o galego se está a recuperar desde mediados dos 80, o que soa a sensacionalismo barato e para min polo menos xa é motivo para non comprarlle o que escribe. Como diría García Negro, é dos "comedores do galego".

    Estou co anterior comentario. Para o ano tampouco vos van convidar, moito menos a ti :)

    ResponderExcluir
  12. Mañá en Galicia Hoxe falarei do tema.

    ResponderExcluir
  13. Hai un bo resumo das intervencións en:

    http://calidonia.blogaliza.org/2009/12/07/cronica-seminario-lingua-sociedade-politica/

    ResponderExcluir
  14. E esta é a ligazón ao artigo que publiquei nesa data, para que a información fique máis completiña: http://www.carloscallon.com/2009/12/lingua-maioritaria.html

    ResponderExcluir