14 de dez. de 2009

Unha Academia máis nosa

O artigo desta semana en Galicia Hoxe, dentro da miña páxina semanal so o nome "Por navegar ao desvío", fai unhas pequenas caladas na historia da Real Academia Galega para valorar moi positivamente os pasos emprendidos por esta institución nos últimos tempos e facendo votos para que se profunde nesa liña:

Unha Academia máis nosa
Sinais de vitalidade e forza na Real Academia Galega


A Real Academia Galega, cos seus pouco máis de cen anos de historia ininterrompida, é unha das institucións máis antigas de Galiza. A súa continuidade causa abraio nun país no que o esforzo de vertebrar e organizarse tivo que recomezar tantas veces. Mais tamén é certo que, para se manter, tivo que pagar unhas taxas moi elevadas. Mentres o fascismo do 36 saqueou e destruíu a posibilidade de que chegasen até hoxe institucións vivas e dinámicas como por exemplo o Seminario de Estudos Galegos, só permitiu a continuidade dunha Academia “Gallega” esclerotizada. Bo exemplo desta situación é que un dos homes máis viles da nosa historia, Francisco Franco, foi nada menos que membro de honra até hai só uns meses.

Os grupos máis implicados na revitalización da lingua galega a partir dos anos 60 acháronse, así, cunha institución que non respondía ás necesidades sociais, tan grandes no contexto de represión ao que había que enfrontarse. Un dos seus escasos méritos recoñecidos fora a instauración do 17 de maio como Día das Letras, aínda que tamén se lle achacou unha visión fosilizada que conlevou importantes polémicas.

A cultura galega viva, socializada, estivo durante décadas en tensión coa Academia. Fermín Bouza Brey expresáballo así nunha carta a Xosé María Álvarez Blázquez: “Os mozos de eiquí, “Galo” [refírese á agrupación cultural compostelá] etc. están dirixindo mensaxes á Academia protestando de isto e aquelo. Os académicos decimos que non poden ser isas intromisións etc. etc, mais eu ca miña lengua pequena digo que me gostan, que se necesitan, que hai que endereitar a moita xente engruñada, que van co meu esprito, que matino que comigo non poden ir porque eu inda os supero acaso en actividade a prol da nosa terra...”

Anos despois, en xullo de 1975, enviouse cun apoio masivo unha “Carta aberta o Escmo. Sr. Presidente da Real Academia Gallega”. O texto é moi pouco coñecido, polo que o transcribo aquí:

Escmo. Sr. :

Os abaixo firmantes, galegos dos catro puntos cardinais do país, preocupados pola evolución social e cultural do noso país, despóis de analizar detidamente o papel da institución que V.E. preside, vémonos na obriga de manifestarlle a nosa aberta discrepancia coa función que cumpre i os métodos que a rixen. Sentimos que un orgaismo de tal clase non desempeñe a misión que debera desempeñar, cousa mais notoria nos derradeiros anos, nos que a conciencia dos nosos problemas coleitivos ten medrado mentras que a Academia foi insensible a iles e dende logo non participóu pra nada no xurdimento dunha atitude crítica E COMBATIVA. Por eso e polo que lle facemos as seguintes puntualizaciós:

1º. É unha contradición grave que a Academia seña unha institución inda mais rutinaria, e formalista que a Academia Española. E decimos grave porque Galicia é un pais que tén a sua lingoa e cultura sin normalizar, polo que a laboura de a Academia tiña que ser mais aberta, responsable e popular. Teña V.E. en conta que nos falta todo tipo de apoio oficial.

2º. A Academia é elitista (non se sabe ben con que criterios), retrógrada ao marxen da realidade galega, viva e actuante. Limítase a trámites burocráticos (publicación de algún opúsculo, etc.) e celebracións rituais (Dia das Letras Galegas, recepción e discurso de novos académicos, etc. ), cando debera ser a caixa de resonancia das preocupacións e inquedanzas culturais do noso pobo. É pois un orgaismo oficialista e decorativo, xa que non está integrado na problemática da nosa sociedade, co agravante de ser nominalmente galega. As confusiós que produz nunha opinión pública a veces non mui informada, unha Institución de semellantes características, son contraproducentes pra unha identificación do noso pobo consigo mesmo.

3º. Algúns dos seus membros manteñen unha aititude rediculizadora e folklorista cara a nosa lingoa. V. E. mesmo ten ido por festas e participado en actos nos que non empregou o Galego, ou ben o fixo de maneira abertamente diglósica. A Academia como tal non se manifestou endexamais combativa na causa da normalización da lingua galega, que debía ser o seu ouxetivo mínimo. Mentras os seutores da nosa cultura mais comprometidos e luitadores non están representados na corporación o que demostra como se lle viran as costas a realidade e como se mantén unha posición ideolóxica non precisamente neutral. Preguntariamoslle: Por qué se iñora as Agrupaciós Culturáis que traballan tan dificultosamente pola nosa cultura? Con que criterios i en nome de quen se establece o Día das Letras Galegas? Quen define os requisitos que teñen que cumplir os membros da Academia?

En fin Escelencia. A sociedade galega esixe hoxe instituciós que esteñan o servicio do noso pobo, e non seña unha manifestación que empregue agresivamente o seu nome. Hai que actualizarse (podemos comprender certas posiciós hai dez anos, non hoxe) e ser operantes. Pero o camiño da Academia non está sendo este, polo que a sua continuidade soio ten sentido baixo unha nova aititude que, en primeiro lugar, implica a total renovación da perspectiva baixo a que está actuando. Do contrario, o mellor servicio que pode prestar a nosa sociedade, é a sua disolución.


As tensións mantivéronse nos anos seguintes. Na historia escura desta institución estarán os movementos para restarlle protagonismo e responsabilidade pública a Ricardo Carvalho Calero, a pesar do seu posto de catedrático e do peso incuestionábel da súa obra como investigador, ensaísta e literato. O grupo dominante tiña que evitar como fose que triunfasen as ideas que Carvalho representaba: aspiración á plena normalidade, compromiso nacionalista e continuación histórica da consideración do galego e o portugués como dúas formas da mesma lingua.

O papel do presidente nos primeiros lustros da autonomía, Domingo García-Sabell, non foi nada afortunado para a nosa cultura. Ao mesmo tempo que era a cabeza visíbel da Academia Galega, ocupaba o cargo de delegado do Goberno central, desde onde chegou a presentar unha denuncia para que se recortase a Lei de normalización lingüística. Esta esperpéntica situación levou a que, en 1987, a Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega, daquela presidida por Uxío Novoneyra, organizase un encerro na sede da RAG, na rúa Tabernas, para reclamar a súa demisión.

Ninguén pode negar que desde as posteriores presidencias de Francisco Fernández del Riego e Xosé Ramón Barreiro houbo melloras tremendas nesta centenaria institución, aínda que se mantiveron tensións polo acordo normativo e a timidez ou deixación de funcións en momentos de ataque contra a nosa lingua.

Mais xa o dixen hai uns meses e quero volver exclamalo, con todas as letras. Hoxe, todas e todos os que amamos a lingua galega temos máis motivos para sentir a Academia máis nosa. Hoxe, coas novas incorporacións, é máis plural e máis viva. Hoxe, tras a histórica intervención de Xosé Ramón Barreiro en defensa do noso idioma diante do mesmo presidente da Xunta, o 6 de setembro deste ano, gañou en prestixio e en representatividade.

Un reto importante que ten para o futuro é continuar aumentando a súa pluralidade interna, tanto de sectores non representados como de mulleres, pois non se corresponden os poucos asentos que ocupan co papel clave que desempeñan na vida cultural galega. Mais o reto crucial é que se manteña e afortale esa liña de defensa do noso idioma, agora que tanta falta fai.

Nenhum comentário:

Postar um comentário