31 de dez. de 2010

As dez entradas máis vistas de 2010...

...nesta bitácula.

Deixo aquí, coa información proporcionada por Google Analytics, o pequeno ránking das entradas máis vistas deste blog en 2010. En fin, un pequeno ritual para o tránsito do ano ;)

1. Temos nomes propios.- Artigo onde reflexiono sobre as posibilidades de galeguización do nome e de restauración do apelido. Que rule, que boa falta fai!

2. Manipulación informativa contra a defensa do galego.- Sen dúbidas, un dos principais males que padeceu o movemento en defensa da lingua de Galiza neste ano e tamén nos precedentes.

3. Entre a censura, a terxiversación e a demonización.- Idem eadem idem.

4. As bolachas e o pobo.- Un dos artigos que publiquei este verán sobre a necesidade de mellorarmos a corrección e fluidez en galego.

5. Debate en Correo TV sobre o decretazo contra o galego.- O decretazo supón o maior ataque contra o galego en 30 anos. Neste espazo da televisión local do grupo Correo expóñense as visións dalgúns dos defensores e tamén algunhas voces que lexitiman a redución do noso idioma na docencia.

6. Pídechas o corpo.- Unha das notes tristes deste ano 2010 foi o falecemento de Ana Kiro. Este vídeo, que pendurei en 2009, é tamén unha pequena homenaxe a alguén que demostrou que o galego pode ser un idioma para a canción de éxito.

7. Campaña suxa.- As eleccións autonómicas de 2009 trouxeron unhas consecuencias nefastas para Galiza. Que o PP utilizase todas as artimañas suxas ao seu alcance é algo que non se pode nin debe esquecer.

8. Este é o consenso.- As fotos dos deputados do PP, o PSOE e o BNG presentando o decretazo que despois os primeiros consideraron unha "imposición". Unha imaxe vale máis...

9. Evo Morales e a homosexualidade.- As declaracións do dirixente boliviano, antes "acusado" pola contra de gai, manipuláronse para presentar este revolucionario como un carca inculto.

10. Para mellorar a corrección e fluidez en galego.- Das propostas aquí contidas -insospeitadamente polémicas para algúns-, salientaría a primeira, proveniente dunha ampla tradición de traballo contra os prexuízos lingüísticos: "Lembrarás que ninguén pasou de usar mal unha lingua a usala ben sen antes pasar por un período en que a usa regular".

Por un 2011 de fortuna e boas decisións a todas e todos os que pasades por aquí, que por algo será!

28 de dez. de 2010

A construción de varios sentidos para unha mesma cantiga

Antes de máis, desculpade a pequena e infrecuente desatención a este blog durante os últimos días. Ando finalizando un pequeno traballo que me ten absorbido e optei por reducir ao mínimo as miñas incursións cibernéticas.

Entre mentres, deixo aquí o artigo que publiquei onte en Galicia Hoxe, coa ilustración que lle creou Estévez:


O equívoco na lírica medieval
A construción de varios sentidos para unha mesma cantiga


A pesar de que algúns manuais escolares de literatura española se empeñan en etiquetar a lírica galego-portuguesa medieval como “popular”, a verdade é que se trata dunha escola poética profundamente aristocrática (e, como tal, tamén profundamente clasista). Os seus autores son varóns cultos, letrados e pertencentes aos ámbitos palacianos, tanto se debruzan a súa arte literaria nos xéneros amorosos como no reverso escabroso, obsceno e procaz que son as sátiras. Ademais, a diferenza doutras épocas históricas, estas últimas non son consideradas en absoluto unha arte marxinal ou de menor entidade, tampouco no referido aos seus coidados formais.

Xeralmente non se distingue entre as cantigas de escarnio e as de maldizer, aínda que iso, cando menos dun ponto de vista teórico, non resulte difícil, se temos presentes as características diferenciais que sinala a fragmentaria e anónima Arte de Trovar que conservamos, talvez escrita por D. Pedro, o Conde de Barcelos.

O escarnio e o maldizer

As cantigas de escarnio e as de maldizer teñen o seu matiz distintivo na forma da sátira. As primeiras fano dun xeito encuberto e velado e as segundas constitúen un ataque directo, ao descuberto, caracterizado por “non haver outro entendimento se non aquel que queren dizer chãamente”, segundo o anónimo tratadista. Na Arte de Trovar, ao xebrar en dous grandes grupos as cantigas satíricas, converte en caracterizador básico das de escarnio a equivocatio ou equívoco.

Así, nas cantigas de escarnio, ao carón da interpretación literal, suxírese outra, figurada ou metafórica. Para iso, explótanse todas as posibilidades semánticas da linguaxe, a denotación e a connotación. No entanto, en palabras do medievalista Xosé Bieito Arias Freixedo, “o especial das cantigas cun significado velado non radica tanto no feito en si da existencia do dobre significado, do disfrace, pois o público posuía as claves para descubrilo. O mérito radica, máis ben, na calidade do disfrace”.

A pesar desta diferenciación teórica, en varias cantigas os termos “mal dizer” ou “escarnho” aparecen como sinónimos de “sátira”. Que na práctica houbese esta ambigüidade á hora de se referir a unhas cantigas escarniñas (na teoría e talvez só na teoría perfectamente separadas) demóstrannolo tamén as vacilantes rubricas coas que nos encontramos en ocasións, cando se considera unha composición “d’ escarnho e de mal dizer”.

Os varios sentidos

Denomínase aequivocatio nos manuais da época medieval o recurso que se basea na ambigüidade semántica das frases ou de determinados vocábulos. Así, as cantigas en que se utiliza poden lerse nun duplo (ás veces, mesmo triplo) sentido: un inocuo e outro satírico. Podemos dicir que, por medio da aequivocatio, unha determinada cantiga, sen deixar de ser a mesma, faise paradoxalmente outra.

A aequivocatio é un termo amplo que abranxe unha serie de varios procesos coa característica común de tender a unha maior riqueza de sentidos, no ámbito da frase ou da palabra, explícitos ou latentes. O gosto polo equívoco é unha virtude de dición para os medievais, vinculado co fomento da exéxese bíblica, como podemos ver neste fragmento do Didascalion de Hugo de San Vítor: “O comentario contén tres graos: literal, de significado e de sentido profundo. O literal é unha orde coherente das palabras que chamamos tamén construción. O significado é unha lectura en certo modo sinxela e aberta, suxerida a un nivel superficial polo texto. O sentido consiste nunha comprensión máis profunda a que non se chega sen comentario ou interpretación exexética.”

Agrúpanse baixo a etiqueta do equívoco procedementos como a diloxía, o xogo de palabras, os calembures e a disociación, entre os máis importantes. Destaca sobre todo o “equívoco dilóxico” que consiste na polisemia proveniente dos desenvolvementos semánticos dun vocábulo antes que da coincidencia homofónica entre dúas voces distintas.

Por que o pondes todo á vista?

Un campo que resulta especialmente axeitado para estes procesos son as cantigas de fondo erótico-sexual e, entre elas, as que satirizan as relacións homosexuais. Mais tamén houbo quen preferiu nomear as cousas sen eufemismos, como Afonso Eanes do Coton, fronte a quen, como Joan Airas, fixo do xogo do equívoco a súa bandeira.

O recurso á aequivocatio é unha virtude da dición no Medievo. Reparemos, como excelente exemplo, nesta cantiga onde Estevan da Guarda recrimina a outro trobador por non empregalo. Este é excesivamente directo nos seus ataques, de xeito que calquera pode apuntar co seu dedo o que el critica, xa que o pon todo á vista:

Rui Gonçálvis, pero vos agravece
por que vos travou en vosso cantar
Joan Eanes vej’ eu el queixar
de qual deosto lhi de vós recrece:
u lhi fostes trobar de mal dizer
en tal guisa, que ben pod’ entender
que quen quer o mal que aí lhe parece.

Poren partid’ este feito de cedo,
ca de mal dizer non tirades prol;
e como s’ en Joan Eanes dol
já de vós, perdeu i vergonha e medo,
ca entend’ el que se dev’a sentir
de mal dizer que, a seu olho, vir
que pode log’ acalçar con seu dedo.

Pois sodes entendud’ e [avedes] vista,
sabede agora que catar tal razon,
per que venha este feito a perdon;
e por parardes milhor a conquista,
outorgad’ ora, senhor, que vos praz:
se mal dizer no vosso cantar jaz,
[por] que o poedes tod’ à nossa vista?

26 de dez. de 2010

Desvalido e voraz como o meu medo

Hai estratos distintos de vazio.
Un medra indiferente
alimentado da miña indiferenza,
o meu rosto de pálpebras fechadas,
o visgo lento das horas, a sua orde
que simula (non mantén)
a vida.
Dentro dos ollos pode haver ruas con sol,
unha avenida con árvores que conto
para chegar á casa, un longo corredor
con lóstregos nas costas
e a confusión de bocas e de tactos
nun cuarto que foi branco
e crepita coas vozes da mañá
en tanto se enche de sombras e borralla
e fica para sempre nas paredes
a sillueta dun home, un can, unha muller,
e nas estantes un animal sen pel
desvalido e voraz como o meu medo.
Non quero abrir as portas,
nen quero ouvi-lo arfar tras os espellos,
meu amor sen carícias e sen bocas
asfixiando nas pálpebras fechadas,
no seu vazio sen tempo
(o tempo é un espellismo)
en carne viva.
(Pilar Pallarés)

25 de dez. de 2010

E permanecen bonitas mentres comezan a agonizar

Non é ningún segredo o meu gosto por La Casa Azul. Xa hai uns días pendurara unha ligazón ao seu novo tema, "Todas tus amigas", mais aínda non puxera aquí o clip desta canción, que é a que máis estou a ouvir nos últimos días. Aviso que o mellor do vídeo comeza a partir do minuto dous.

23 de dez. de 2010

Contra a diversidade, contra o ensino en catalán

Os ataques de Núñez Feijóo contra o idioma galego non son só ataques de Núñez Feijóo contra o idioma galego. Foron o comezo dunha nova etapa de involución lingüística e cultural que se quere estender ao conxunto do Estado.

Vémolo ben agora con estas sentenzas contra un modelo educativo exemplar, referendado por 30 anos de xurisprudencia e por diversos organismos internacionais. Parecía mentira que o tivésemos que dicir, tendo en conta todo o que aló levan adiantado, mais vaia para o pobo de Catalunya a nosa solidariedade.

Teñen forza, mais venceremos!

22 de dez. de 2010

O director da RAE ten máis sensibilidade polo galego que o presidente da Xunta

Parece mentira que o título desta entrada sexa verdade, mais nese punto estamos hoxe en día.

Mentres o presidente da Xunta aparta o galego da educación infantil nas cidades e o prohibe para algunhas materias, o director da Real Academia Española defende o modelo de inmersión lingüística para potenciar o idioma propio e debilitado.

Mentres o presidente da Xunta abre debates para oficializar "La Coruña" e non usa o topónimo na propaganda do seu partido nesa cidade, o director da Real Academia Española apoia o uso oficial de A Coruña, tamén cando se escribe en castelán.

O director da Real Academia Española non ten obriga polo seu cargo de defender ningún outro idioma que non sexa o castelán, mais ten amor pola cultura. E Feijóo?

21 de dez. de 2010

A lei de garantía de dereitos lingüísticos

Comeza coa lectura por parte do deputado Bieito Lobeira dun texto elaborado pola plataforma Queremos Galego e continúa coa réplica tras a alucinante intervención de Agustín Baamonde polo Partido Popular:



20 de dez. de 2010

Pola plena oficialidade dos nosos nomes de lugar

O artigo desta semana en Galicia Hoxe versa sobre a toponimia. Porque, como se continúa a ver con denuncias como a de Fraga Mandián, continúa a ser moi necesario defender as formas xenuínas dos nosos nomes de lugar:

Toponimias
Pola plena oficialidade dos nosos nomes de lugar


No mundo hai diversos criterios para fixar a toponimia. Así, en español non se usa Mastrique, como chamaba Lope de Vega a Maästricht; unha cidade importante dos USA é Los Angeles, e non The Angels; Sri Lanka é hoxe chamada así e non polo nome colonial de Ceilán. Este último caso, con evidentes diferenzas, é o que máis se semella ao da Galiza. Sri Lanka é chamado hoxe así internacionalmente porque pediu ao mundo que se lle chamase polo seu nome xenuíno e natural, non o adoptado polo desprezo dos colonizadores. Foi unha cuestión de dignidade e de soberanía. É, tamén para nós, unha cuestión de dignidade e soberanía.

Na Galiza, coa restauración da democracia, decidiuse pórlle fin ás deturpacións castelanizadoras e caprichosas que os nosos nomes de lugar padeceron durante anos e anos. Foron normas legais aprobadas por unanimidade, tanto no Parlamento Galego como no Congreso dos Deputados, e a Administración está seriamente obrigada a cumprir co lexislado, tal e como é obriga dun Estado de Dereito. A Lei de Normalización Lingüística indica no seu artigo 10:
1. Os topónimos de Galiza terán como única forma oficial a galega.
2. Correspóndelle á Xunta de Galiza a determinación dos nomes oficiais dos municipios, dos territorios, dos núcleos de poboación, das vías de comunicación interurbanas e dos topónimos de Galiza. O nome das vías urbanas será determinado polo Concello correspondente.
3. Estas denominacións son as legais a todos os efectos e a rotulaxe terá que concordar con elas. A Xunta de Galiza regulamentará a normalización da rotulación pública respeitando en todos os casos as normas internacionais que subscriba o Estado.


Esta lei foi aprobada con todos os votos favorábeis no Parlamento Galego o día 15 de Xuño de 1983. Vai, pois, xa camiño das tres décadas de vixencia.

Ao longo destes anos, ante o desinterese e deixamento do Goberno galego, foi o movemento cidadán quen tivo que pular para que a poboación coñecese o que estipula esta lei, así como para que as Administracións a acatasen. Así, algunhas das campañas máis importantes realizadas historicamente pola Mesa pola Normalización Lingüística foron relacionadas con este tema (p. ex., “A Coruña, así a queremos!”, “Ourense, por dignidade”, “Arousa si, Arosa non” etc).

Na última década e media A Mesa enviou máis de 20.000 cartas a empresas, colectivos e Administracións co recordatorio de que os topónimos galegos teñen como única forma oficial a galega. Foi o empeño cidadán o que conseguiu que, nestes momentos, as formas maioritariamente utilizadas e preferidas, a pesar dos histrionismos periódicos de Núñez Feijóo ou Carlos Negreira, sexan as xenuínas. Por exemplo, xa durante os últimos mandatos de Francisco Vázquez na alcaldía coruñesa os inquéritos amosaban unha clara predilección por “A Coruña”, especialmente entre a xente nova. Nestes momentos non hai dúbida de que existe un consenso moi maioritario no relativo aos topónimos restaurados.

Aínda así, a Administración (mesmo a autonómica) continúa a facer uso de topónimos deturpados nalgunhas ocasións. Mais existen posibilidades reais de erradicar do noso espazo social a toponimia deturpada. Para iso, urxe que todas as forzas políticas sen excepcións cumpran co lexislado e que o Goberno galego deixe de lado a súa galegofobia e asuma decididamente o seu papel.

Obstáculos

É incríbel sabermos que a nosa toponimia marítima aínda vai agora mesmo camiño de se oficializar. Tras o impulso de anos e anos do BNG en diferentes cámaras de representantes, conseguiuse hai escasas semanas a aprobación no Congreso dos Deputados dunha proposición de lei para que as capitanías marítimas, distritos e accidentes xeográficos da costa de Galiza unicamente se nomeen en galego desde as Administracións. Séguese así o espírito e a letra da Lei de normalización lingüística do 83.

Até o de agora, as provincias marítimas, reguladas polo Decreto 3209/1973, estando aínda vivo o ditador, continuaban sen se adecuar á lexislación posterior e ignoraban a denominación xenuína galega. Así, achabámonos cun distrito marítimo denominado “Vivero” pertecente até hai nada á provincia marítima de “El Ferrol del Caudillo” (!!!), ou os distritos de “La Coruña” e “Noya” adscritos á provincia marítima de “La Coruña”.

O mesmo acontecía na provincia marítima de Vigo cos distritos de “Bayona” ou “Tuy”. E na provincia marítima de “Villagarcía de Arosa”, figuraban distritos como o de “Santa Eugenia de Ribeira”, “Villagarcía”, ou “El Grove”. Así, os buques pertecentes a estes portos teñen a día de hoxe que lucir obrigatoriamente nas súas proas a matriculación (o folio) coas siglas “VILL”.

Ademais, recibían o mesmo tratamento oficial os topónimos relativos a accidentes xeográficos que fixan os limites dos distritos e provincias, como “punta Fajilda”, “punta Morcejos”, “punta Domayo”, “cabo Estay”, “rio Barjas”, “isla de La Toja”, “isla de Arosa”, “isla Quiebra”, “punta de La Vela”, etc.

Parece incríbel, mais nestas seguimos. A estas alturas aínda temos que continuar a lembrar e defender principios tan básicos como que os nomes de lugar do noso país se nomearon en galego e que esta debe ser a súa única forma oficial. Se as dificultades se manteñen e os ataques por parte da contra continúan é porque saben do relevo simbólico desta causa. Os topónimos son en galego porque o galego é a única lingua propia, natural e xenuína de Galiza. Do contrario, debería admitirse a oficialización das deturpacións castelanizadoras, que non formas castelás, porque non o son. Ou El Carballino, Sangenjo, La Gaiteira, La Grela... significan algo en español?

19 de dez. de 2010

San Antigripal

En terceiro de EXB tiven un libro de texto que me sorprendera moito porque, nunha das súas lecturas, falaba dunha señora que nunca na súa vida estivera doente. Eu, que fun un neno que caín postrado na cama con bastante frecuencia, quedara abraido coa historia.

Agora que xa vou maiorciño noto a chegada da primavera cando me veñen os sintomas alérxicos e a do pleno inverno cando a gripe me deixa irremediabelmente estomballado. Pois así estiven esta fin de semana e talvez siga nas mesmas aínda un día ou dous. A ver se San Antigripal, tan avogoso, fai algo efectivo para remedialo!

17 de dez. de 2010

Na batalla das ideas e na batalla dos feitos

Se tiver que escoller un adxectivo para a xornada de presentación de En castellano no hay problema, antonte en Vigo, sen dúbidas diría cálida. Abofé que non pola xélida temperatura exterior, senón pola consciencia e a forza para actuar das persoas alí congregadas.

Tiro do blog das compañeiras Cruz e Rosa, Galiza en loita, algunhas imaxes dese acto, que é a última presentación deste libro en 2010. En xaneiro, recomeza a xira e a quilometraxe por todo o país e algún outro lugar máis, pois aínda resta moito por falarmos da situación do noso idioma e das propostas para a súa normalización.





16 de dez. de 2010

15 de dez. de 2010

Non nos calarán

Continúa a criminalización da defensa pública e firme do galego. Vímolo hai meses cando comezaron a bater de forma implacábel contra A Mesa. Recordámolo hai pouco cando a demagoxia se estendeu tamén con todos os excesos ao encomiábel labor dos equipos de normalización lingüística. Constatámolo máis unha vez cando o xuíz decano da Coruña, Fraga Mandián, me volve a denunciar porque, como presidente da Mesa, lle afeei as palabras "Yo no tengo ningún rubor en usar la ilegalidad de La Coruña", que saíron postas na súa boca en varios medios de comunicación.

Mañá, quinta feira (xoves) teño que comparecer por ese motivo nos Xulgados de Fontiñas de Santiago de Compostela. A Mesa convoca unha concentración simbólica para as 10.30 h, para deixarmos constancia de que queremos unha xustiza que respeite os nosos dereitos lingüísticos e que non criminalice a nosa lexítima (e legal!) defensa do idioma de Galiza.

E para quen esteades en Vigo este serán, lembrade que ás 20 h presentamos, Xosé Manuel Moo, Elsa Quintas e eu o libro En castellano no hay problema. Será no local da Mesa nesta cidade, sito na rúa Abeleira Menéndez, 28 (baixo a Policía Local). Continuamos. Non nos calarán.

14 de dez. de 2010

Tratad bien a los gallegos

Castellanos de Castilla,
tratad bien a los gallegos.
Cuando van, van como rosas,
cuando vienen, vienen como negros.

As sílabas non cadran. Xosé Lois facíanolo notar entre risos cando ouvimos como o galeguista representante do PP xustificaba a súa oposición a unha proposta de lei para garantir os dereitos lingüísticos. O deputado, Agustín Baamonde, ilustrábanos con que Rosalía de Castro tamén escribira en galego e en español. Para explicalo, mal citou o comezo de "Adiós ríos, adiós fontes" e, en castelán, os versos que están ao comezo.

Temos que falar da súa provocación e da súa má vontade, mais tamén da súa exhibición de ignorancia. Porque non doutro xeito se pode cualificar que se pavonee de que nin tan sequera coñece o básico da obra literaria da principal autora galega. É pasmoso que un deputado que representa ao grupo de goberno no pleno do Parlamento non teña vergoña en comezar unha intervención traducindo unha cantiga popular como se fose de autoría rosaliana e traducíndoa como se a tomase de En las orillas del Sar. Como reza o dito, a ignorancia sándase lendo.

13 de dez. de 2010

Políticas lingüísticas das sucursais galega e balear do PP

O artigo desta semana en Galicia Hoxe regresa sobre temas xa tratados nesta bitácula, mais de grande importancia para comprendermos o alcance da ofensiva contra o galego.

A agresión continúa, mais os miles de formiguiñas que traballamos día a día para resistir a tanta inxustiza tamén mantemos o noso labor. Por exemplo, en Vigo pasadomañá teremos un acto de presentación do libro En castellano no hay problema, que será sobre todo unha reunión para contrastarmos a situación actual do idioma e ver novos retos para a súa defensa, restauración e expansión social.

Galiza, banco de probas
Políticas lingüísticas das sucursais galega e balear do PP


Hai unhas semanas estiven na illa de Mallorca para coñecer a realidade do seu movemento asociativo e institucional en defensa da súa lingua propia, así como para ministrar unha conferencia sobre a situación actual do idioma galego. Estiven convidado pola Obra Cultural Balear, unha entidade moi dinámica, con varias décadas de actividade ás súas costas. Ademais do ámbito da normalización lingüística, tamén traballa na divulgación da súa cultura e na difusión e consolidación dos seus sinais nacionais.

Algo que me chamou a atención nada máis chegar foi o debate sobre o seu idioma no sistema educativo, que cobraba unha singular presenza nos medios de comunicación. O candidato do PP á presidencia desta comunidade, nunhas declaracións que conlevaron moitas réplicas, contrarréplicas e matizacións, asegurou que, de el gobernar, derrogará a Lei de normalización lingüística. É un envite que nos recorda moito ás palabras que periodicamente saen dos beizos de Núñez Feijóo ou Carlos Negreira a respecto do debate sobre o nome A Coruña, cando propoñen derrogar o único punto taxativo da nosa Lei de normalización lingüística, o que di que os nosos nomes de lugar teñen como única forma oficial a galega.

Mais nas Balears, igual que na Galiza, acontece que esta norma foi aprobada por unanimidade parlamentar e cun goberno, digamos, nada sospeitoso de nacionalista, polo que tal decisión traería máis custos dos que quererían pagar. Por iso José Ramón Bauzá, que así se chama o presidente e candidato do PP balear, corrixiuse máis tarde e aclarou que el na realidade non pretende tombar a Lei, senón o decreto que a desenvolve para o ámbito educativo, ese regula que cando menos o 50% do ensino sexa na lingua propia. Sóavos o do 50%? Sóavos o de manter vixentes determinadas leis só a condición de que non se apliquen nin desenvolvan?

Lembremos que este decreto que queren tirar abaixo é idéntico ao que negociaron no seu día as tres forzas políticas galegas e promulgou o bipartito. De feito, o PP galego, cando aínda estaba sentado a falar cos outros dous grupos, puxera como referencia a norma das Illes. Para chegaren a un pacto unánime, o PSOE e o BNG reduciran as pretensións iniciais coas que traballaban, que significarían un maior apoio ao idioma propio e homologaron o decreto galego ao que estaba en vigor no arquipélago. Como nos amosou a historia recente, o PP faltou á súa palabra, rompeu co acordado e actuou de forma desleal, mesmo sucia, coas mensaxes histriónicas que todos temos na memoria e inclusive chegando a mobilizar a súa xente nunha manifestación contra o galego convocada por Galicia Bilingüe.

Mais no caso das Balears a situación aínda é máis irónica. Resulta que o decreto tan terrorífico que o PP considera prioritario eliminar foi aprobado por un goberno... do propio PP! No entanto, iso non muda en absoluto o seu discurso cínico sobre “libertad” e “sin imposciones”, que adobía con algunhas frases que seguro que escoitastes moitas veces nos últimos meses, do estilo “Pretendo trasladar la normalidad de la calle a las aulas”, que son declaracións literais do propio Bauzá que extraio do Diario de Mallorca do 10 de outubro do presente ano, aínda que xa lla escoitamos antes millenta veces ao actual presidente da Xunta.

É xusto o que diciamos cando comezaron os ataques máis fortes contra o noso idioma: Galiza é só un banco de probas para aplicar un plan de involución lingüística deseñado en Madrid. Repiten, de forma machacona, o mesmo argumentario e o mesmo esquema de actuación, sen lles importar a realidade concreta no que o van aplicar. Puidémolo constatar tamén na campaña das autonómicas do PP catalán, onde Alicia Sánchez Camacho costumou un discurso idéntico ao que lle puidemos escoitar a Núñez Feijóo contra as tímidas políticas do bipartito, como se a situación dun e doutro lugar for a mesma.

Destruír as defensas

Unha diferenza importante que achei entre Balears e a Galiza foi a posibilidade de transmitir a mensaxe de defensa da cultura propia a través dos medios de comunicación públicos. Só o día antes da miña chegada, tiven unha entrevista en directo de máis de dez minutos na súa radio pública autonómica. En comparación, desde que Alberto Núñez Feijóo chegou á presidencia da Xunta, ningún portavoz da Mesa ou de Queremos Galego tivo na TVG ou na Radio Galega unha entrevista semellante, nin tan sequera de cinco minutos, a pesar de seren movementos cun respaldo social contrastado. A única excepción (e da maneira xa coñecida) foi hai un ano no programa Foro Alberto. Ou era Foro Aberto?

Onde non sentín diferenzas, senón que me asolagou unha sensación de dejà vu nas Balears, foi coa forte campaña que existe desde algúns medios de comunicación contra as entidades sociais que defenden o catalán, por exemplo a mesma anfitrioa da miña visita.

Un dos días que estiven en Palma saía en El Mundo unha fotografía dun home que non quería amosar o seu rostro. A imaxe xa nos indicaba que se trataba dunha denuncia dura, pola que o home non quería que o identificasen. Resulta que desde a Obra Cultural Balear lle enviaran un carné de socio e el non se afiliara á entidade. Ou mellor dito: non recordaba cubrir a ficha de alta, porque desde a asociación, tras a campaña de difamación, chegaron a amosala, demostrando que aí non había nin vulneración da Lei de protección de datos nin cousa semellante.

Como no diario dirixido por Pedro J. Ramírez non lles quedaba outra que sinalar que tal ficha existía (aínda que iso non afectase os titulares), redixían a nova nun ton truculento sinalando que a mesma era de había tempo e que unha parte estaba cuberta cunha letra que non era a do denunciante. Sabedes cal? A do número de socio! Onde se viu que unha persoa non se poña a si mesmo un número de socio cando cubre un impreso de afiliación?! Que escándalo!

Ademais, a Obra Cultural Balear padece difamacións periódicas por parte da caverna mediática por recibir algún diñeiro público para as súas actividades. De novo, a mesma idea de fondo que xa aplicaron aquí coa Mesa e que desde hai unhas semanas se comezou a estender tamén aos equipos de normalización lingüística nos centros de ensino galegos: para a defensa e promoción do idioma propio non deben existir axudas públicas.

Alberto Núñez Feijóo executa moi ben esa liña de actuación no que di respecto á maior asociación cultural de Galiza, coa intención de destruíla. A Mesa recibe agora mesmo, nunha situación irregular e antidemocrática,cero céntimos de euro do Goberno galego. Isto dificulta moito a nosa capacidade de actuación, mais aquí seguimos, firmes no noso empeño cívico, lexítimo e democrático de conseguir a plena normalización do único idioma propio de Galiza.

12 de dez. de 2010

Irreverencia relixiosa no trobadorismo galego-portugués

Fronte á idea dunha sociedade medieval monolítica e exclusivamente submetida ao teocentrismo, nalgúns dos textos que conservamos do trobadorismo galego-portugués podemos observar o abrollar dunha percepción laica onde o individuo está disposto a manter unha posición irreverente cara ás convencións sociais da relixión cristiá.

Un bo exemplo disto achámolo nunha cantiga de Rodrigo Eanes de Vasconcelos, onde unha muller declara que se meteu monxa ("filhou orde") debido á obriga familiar (foi súa nai quen o decidiu), mais que dentro do seu corazón se manterá fiel ao seu amado e non a Deus.
Preguntei ũa dona en como vos direi:
"Senhor, filhastes orden?" E já por én chorei.
Ela enton me disse: "Eu non vos negarei
de com' eu filhei orden, assi Deus me perdon;
fez-mi-a filhar mia madre, mais, o que lhe farei?
Trager-lhi eu os panos, mais non o coraçon."

Dix' eu: "Senhor fremosa, morrerei con pesar,
pois vós filhastes orden e vos han de gardar".
Ela enton me disse: "Quero-vos én mostrar
como serei guardada, se non, venha-me mal;
esto, por que chorades, ben devedes cuidar:
Tragerei eu os panos, mais no coraçon al".

E dix' eu: "Senhor minha, tan gran pesar ei én,
porque filhastes orden, que morrerei por én".
E disse inda logo: "Assi me venha ben,
como serei guardada dizer-vo-lo quer' eu:
se eu trouxer os panos, non dedes por én ren,
ca terrei o contrario eno coraçon meu".

(Para esta transcrición, parto da edición realizada por Manuel Ferreiro no libro As cantigas de Rodrig' Eanes de Vasconcelos, Laiovento, Santiago de Compostela, 1992.)

11 de dez. de 2010

De Redondela a Vigo (que tampouco é moito camiño)

Se onte ao serán presentabamos En castellano no hay problema en Redondela, a vindeira cuarta feira (mércores) 15 será a quenda de falarmos deste libro (ou tendo como escusa este libro) en Vigo.

O acto, organizado pola Mesa da comarca, contará coa responsábel da asociación na zona, Elsa Quintas, e con Xosé Manuel Moo por parte da editora. Será ás 20 h na sede da Mesa na cidade, sito na rúa Abeleira Menéndez, 28, baixo as oficinas da Policía Local.

A compañeira Cris Quinteiro subiu xa ás redes sociais dúas fotografías do acto de onte en Redondela, organizado polas Mocidades da Mesa e que tivo como anfitrión ao seu responsábel nacional, Xandre Vázquez. Sobre todo no coloquio final, foi unha linda asemblea de preocupacións e propostas concretas para mellorarmos a saúde do noso idioma. Nesas seguimos.


10 de dez. de 2010

Amosa a lingua!

Non debemos esquecer nunca que non hai mellor defensa dunha lingua que o seu uso normal para todos os ámbitos. É unha idea sinxela en aparencia, con certas dificultades na práctica diaria e revolucionaria nos seus resultados.

Na presentación hoxe en Redondela do libro En castellano no hay problema tamén falaremos da importancia fulcral de que nos manteñamos individualmente como motores do idioma galego. Coa consciencia de que temos dereitos e coa seguranza de que, con firmeza e intelixencia, teremos futuro.

Vémonos ás 20 h na Casa da Cultura de Redondela!

9 de dez. de 2010

Sen reclamacións non hai conquistas


A Mesa ten varias accións reivindicativas que son abertas no tempo, chamando pola colaboración continuada de todas e todos. Unha delas é a da entrega de queixas no Servizo Galego de Saúde, reclamando o uso do idioma propio a través de formularios que se poden descargar desde esta ligazón e que tamén é aconsellábel facer chegar (para que teña máis forza) ao correo-e linhadogalego@amesanl.org.

Lembra que, se ti non a entregas, se ti non ergues a túa voz polo galego, ninguén o vai facer por ti.

Propostas concretas de actuación, como esta, terán tamén mañá a súa presenza en Redondela.

8 de dez. de 2010

Confrontar ideas e actuar socialmente

Hai algúns artigos que aquí aínda non ligara, sobre o debate que se está a realizar en torno ás tácticas e aos obxectivos estratéxicos para o idioma galego, por exemplo "O 'como', que o 'que' xa o sabemos", de Marica Campo n'A Nosa Terra ou "Dismorfia lingüística", de Robert Neal Baxter en Terra e Tempo. A aspiración á normalización do galego e a importancia outorgada ás accións sociais encamiñadas a iso son dúas ideas básicas presentes nestes textos.

Dentro das actuacións sociais, estes vindeiros días participarei en dúas presentacións do libro En castellano no hay problema. A primeira será esta sexta feira (venres), organizada en Redondela pola Mocidade pola Normalización Lingüística, cuxo responsábel nacional, Alexandre Vázquez, tamén participará. Será ás 20 h na Casa da Cultura da vila.

Poucos días despois, ás 20 h da cuarta feira (mércores) 15 de decembro, presentaremos o volume en Vigo, no local da Mesa na cidade: rúa Abeleira Menéndez, 28 (baixo as oficinas da policía local). Neste caso, contaremos coa compaña de Elsa Quintas, responsábel da Mesa na comarca. Aliás, tanto en Redondela como en Vigo estará connosco Xosé Manuel Moo en representación da editora Xerais.

A loita en defensa da nosa lingua dista moito de estar perdida ou decantada. Non é hora de capitular, senón de seguir con máis forza e intelixencia que nunca.

7 de dez. de 2010

Para todas as amigas

O novo sinxelo de La Casa Azul é "Todas tus amigas". Agardamos polo disco completo e polo vídeo, do que parece que xa van desaparecer os androides:



Mentres agardamos e volvemos a escoitar, haberase que ir preparando:

6 de dez. de 2010

A prosa medieval en galego e a damnatio memoriae de Galiza


Velaquí a colaboración desta semana en Galicia Hoxe:

Do que nos advirte a Crónica Troiana
Sobre a prosa medieval en galego e a damnatio memoriae de Galiza


Ás mozas e aos mozos de Galiza Nova, que cada ano organizan as Xornadas do Reino de Galiza, recordándonos que somos un pobo con historia

Os relatos sobre o cerco de Troia polos gregos constitúen unha das materias literarias de maior fortuna ao longo dos milenios da cultura occidental, tanto na tradición oral como na reelaboración culta, cuxos principais referentes son os coñecidos cantos homéricos da Odisea e a Ilíada.

Ao longo da Idade Media, estas narrativas tamén contaron cunha importante aceptación nas casas señoriais. Nesta época, non se tiñan como fonte ou modelo as versións literarias da Antigüidade (que se coñecían escasamente ou se desprezaban por inverosímiles), senón outros textos realizados por supostoso historiadores que estiveran presentes nese conflito bélico, mais que na realidade eran falsificacións moi posteriores.

Un novo auxe destas historias produciuse cando Benoît de Sainte-Maure escribiu no século XII, baseado nas anteditas falsificacións, un romance que gozaría dun enorme éxito nas cortes señoriais europeas: o Roman de Troie, que sería numerosamente traducido, versionado e, para achegarlle unha maior verosemellanza, prosificado. Cómpre subliñar que, nun momento no que só comeza a abrollar o concepto de autoría, no que a orixinalidade non ten a importancia central que se lle deu modernamente e no que a divulgación dos textos é só manuscrita, cada vez que se traduce un relato o habitual é que este se adapte e modifique segundo os criterios da persoa responsábel e/ou do seu mecenas.

Troia en Galiza

A Crónica Troiana escrita en galego no século XIV é herdeira directa desta tradición. Todos os investigadores están de acordo en que é unha tradución a partir dunha versión castelá realizada durante o reinado de Afonso XI. Mais onde xa o acordo non é total é sobre se as copias castelás proceden dunha versión galego-portuguesa primixenia que hoxe estaría perdida (que é a opinión maioritaria) ou do francés.

Ramón Lorenzo considera –seguindo unha idea que se afirma que Menéndez Pidal tamén defendía, mais da que non deixou constancia escrita– que cando menos o manuscrito en español gardado no Escorial si procedía dunha versión galego-portuguesa. Os moitos erros por galeguismos mal interpretados nesa copia castelá parecerían apuntar nesa dirección.

Pola súa banda, en datas máis recentes, Claudia D’Ambruoso publicou na revista Troianalexandrina dous artigos, nos anos 2007 e 2009, onde repensa as hipóteses formuladas. Esta investigadora, tras o estudo crítico das catro copias que se conservan da tradución de Afonso XI e a súa comparación coa Crónica Troiana, rexeita de novo a hipótese da tradución do francés de calquera delas, por non encontrar variantes de entidade que proben a presenza dunha dupla redacción. Por iso, considera máis plausíbel que todos os testemuños conservados deriven dun arquetipo que contiña características lingüísticas occidentais que nalgunha das fases da copia se fosen castelanizando. Este arquetipo non sería unha tradución literal do poema de Benoît, senón unha prosificación, con algunhas condensacións e outras amplificacións.

20 de xaneiro de 1373

O clérigo Fernán Martís foi o encargado de realizar e dirixir a tradución e transcrición da Crónica Troiana. Segundo el deixou escrito, o libro finalizouno o 20 de xaneiro de 1373 por mandado do importante señor Fernán Pérez de Andrade.

Estamos nun tempo decisivo na historia de Galiza, no que aínda existen unha clases dirixentes propias, que no século seguinte se verán precipitadas á desaparición e á desmemoria. Bo exemplo desta situación é que houbo quen quixo furtar da historia o nome do mecenas desta tradución ao galego.

Se na actualidade dispomos do dato de que foi Fernán Pérez de Andrade quen mandou realizar a Crónica é grazas aos reactivos que se lle aplicaron no século XIX a varias liñas riscadas na obra. Nelas figuraba o nome completo deste señor galego, descrito como “o mellor home que havía entonce en Galiza”. Outras dez liñas e media que tamén foron tapadas, a bo seguro polos mesmos motivos políticos que as outras, permanecen totalmente ilexíbeis.

O que se quixo eliminar e non conseguiron de vez foi o seguinte:

E sabede que este Fernán Pérez foi fillo de Roi Freire d’ Andrade, e por mi creede de certo que a este tempo que este livro foi escrito que este Fernán Pérez era o mellor home que havía entonce en Galiza dos conde ou rico home afora. E sabede que el a este tempo era home de duzentos homes de cavalo armados a todo punto. E era señor da vila da Cruña e da vila de Betanços e da Pontedeume. E Ferrol e a Pontedeume dérallas el rei por súa herdade. E outrossí tambén era señor de Neda e de Cedeira e de Santa Marta e de Viveiro e de Vilalva, e de todos seus términos de todas estas vilas e lugares, e tambén das terras chãas en todas estas comarcas, en guisa que quantos homes moravan en tódalas ditas vilas, bõos e ligeiros e...

Despois da parte riscada, vai a información que nos permite datar o texto, achegándonos unha efeméride que sería interesante promovermos, a do 20 de xaneiro:

Este livro foi acabado vinte días andados do mes de janeiro, era de mil e quatrocentos e onze anos. Eu, o dito Fernán Martíis, clérigo, rogo e peço, polo amor de Deus e por salvamento de súas almas e en penitencia de seus pecados, a quantos este livro viren e oíren...

Aínda que aí poña o ano 1411, a versión é máis antiga, pois trátase do cómputo pola era hispánica, de forma que hai que restarlle 38 anos para dar coa datación convencional actual: 1373.

Obradoiros literarios

Ademais das implicacións que esta damnatio memoriae ten para a historia política do país, énos moi importante saber que foi pola vontade dun nobre poderoso polo que se ordenou traducir este texto. Isto significa que no seu cortexto dispuña dun equipo de xente formado para facelo e que, ademais, polas datas, esta decisión foi ao comezo do seu señorío, de forma que sería totalmente factíbel a existencia dunha produción textual posterior do mesmo estilo.

Por iso, é de acreditar que non se trata dun volume illado en galego, senón que facía parte dun conxunto doutras obras deste tipo, hoxe perdidas, como xa apuntou no seu día Manuel Murguía e sinala tamén máis recentemente o historiador José Francisco Correa Arias na súa tese de doutoramento, que a editora Toxosoutos publicou baixo o título A casa de Andrade 1160-1540 (Nobreza, mentalidade e ideoloxía na Galicia baixomedieval).

Igual que no trobadorismo, hoxe só conservamos da prosa medieval no idioma do país unha pequena parte do que debeu existir. As causas para isto son variadas, entre as cales son de salientar as destrucións causadas nas revoltas baixomedievais, a falta de apoio institucional para garantir a sobrevivencia destas copias e, digámolo claro, a destrución premeditada de moitos testemuños da historia de Galiza.

5 de dez. de 2010

A acción e a inmersión

As reaccións ao desafortunado informe do IGEA continúan. Entre os varios artigos que vin estes días, lin dous, de Marcelino Fernández Mallo e Carme Adán, que son sobre todo voltar á idea de que hai debates públicos aos que non fai sentido darlles prioridade neste momento, pois o que cómpre facer agora é actuar e non lanzarse ao bizantinismo. Comprendo a súa postura e, aínda que non comparta a súa opinión de que non cumpra responder estas tentativas confusionistas, si concordo de vez na súa defensa da acción social, da concreción das propostas e, algo fundamental, da normalización do galego. Debo subliñar en particular a miña adhesión total ao que sinalar Fernández Mallo sobre os concellos.

Hai tamén outros textos que entran máis no debate do fondo do asunto, como "Hexemonía social do galego" de Xabier Pérez Igrexas e "Coa miña lingua quero feitos non utopías" de Eladino Cabanelas. Este último foi criticado por Henrique Monteagudo xa que defende sen ambaxes a inmersión lingüística, que seica o autor do texto do IGEA considera un exceso. Eu querería lembrar que a inmersión lingüística, a pesar de ser tantas veces demonizada e caricaturizada, non é nada máis e nada menos que un modelo educativo, o cal me sorprende que pase por alto un profesor universitario que tamén imparte sociolingüística. Por certo, para ser tan negativo, Galiza é a única comunidade do Estado con lingua propia recoñecida oficialmente onde non se aplica en ningún grao.

A inmersión lingüística é un método recomendado por diferentes organismos internacionais, defendido tamén en datas recentes pola Real Academia Galega e -isto é importante- estipulado como modelo para Galiza polo Consello de Europa, tras a ratificación por parte do Estado español da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias. Ten razón Eladino Cabanelas cando pide a inmersión lingüística avalada pola lexislación, porque o que reclama é que non haxa máis vulneracións do dereito dos estudantes a unha formación no idioma propio de Galiza e que non se produzan máis incumprimentos dos tratados internacionais que recoñecen os nosos dereitos lingüísticos. Se nos piden que consensuemos para que os nosos dereitos non se amparen, que non agarden por moitas e moitos de nós.

Preguntas no ar

As críticas que formulei e formulo ao relatorio do IGEA non son só de táctica ou estratexia, senón que entendo que parten dunha análise sociolingüística con graves carencias. Xa desde a semana pasada deixei aquí algunhas das cuestións que continúan sen ter resposta:

De verdade se lle chamamos bilingüismo á diglosia a situación social mudará? Cando se deixará de procurar novas “fórmulas axeitadas” e se comezarán a aplicar desde as institucións, sobre todo quen puido ou pode? Alguén podería indicarme cal é a entidade ou cales son as entidades que defenden que as galegas e os galegos só saibamos galego? Non houbo nin hai políticas institucionais decididas a recuperar falantes e incorporar o idioma a novos ámbitos porque hai xente que defende(mos) que o discurso bilingüista é unha falacia do comezo ao final? Se o castelán é un idioma “común” (sic) e case tan galego como o galego, por que deben desenvolverse políticas para a restauración do galego? Existen en Galiza grupos galego falantes fronte a grupos castelán falantes, como sinala este documento, que tamén indica que debe producirse un “previo recoñecemento mutuo” de ambos?
Mais, para alén destas reflexións, manteño que o que máis urxe facer é facer. Desde todas partes. Pondo o noso gran de area diario para que os nosos dereitos lingüísticos teñan presente e para que o noso idioma teña futuro.

Cansos

Hai un pouquiño que chegamos a Barcelona. Tras o caos aéreo, non nos quedou outra que tirar de carro e cruzar a Península a través das paisaxes nevadas. Cansos estamos, si, mais temos ben claro que a responsabilidade principal desta situación non é dos controladores aéreos, senón do Goberno español.

Entre as filtracións de wikileaks, as novas privatizacións e as manipulacións e prepotencias destes días contra os controladores, está máis claro que nunca que todo o que tiña Zapatero de rexeneración xa quedou hai tempo esquecido. A actual política de dereitas que leva a cabo o PSOE parece só un prólogo para deixarlle o camiño máis fácil ao PP. Unha mágoa.

4 de dez. de 2010

As cousas van mellorar

Desde os coñecidos estudios Pixar de animación fixeron un precioso vídeo contra o bullying homofóbico, a partir das experiencias persoais de varios membros do seu equipo. Moitas grazas por tan lindo xesto aos autores de Toy Story, Ratatouille ou tantos outros sucesos da animación.

3 de dez. de 2010

Festa pola lingua na Estrada


Hoxe, 3 de decembro, ás 20.30 h, no Teatro Principal da Estrada haberá un concerto a prol do noso idioma organizado por Queremos Galego.
Actuarán:
  • Mini e Mero
  • Miro Casabella
  • Tino Baz
  • García Mc

Segundo informan os compañeiro e as compañeiras de Queremos Galego da Estrada, no evento tamén se proxectarán vídeos e haberá intervencións dalgunhas das persoas protagonistas na loita contra a prohibición do uso do galego no ensino no curso 79-80, a raíz da aprobación do chamado "Decreto do Bilingüismo".

Será unha homenaxe necesaria ao profesorado que daquela deu a cara en favor do galego e unha lembranza para a histórica manifestación que en apoio a eles percorreu A Estrada hai agora 30 anos

Esta demanda -o dereito ao ensino en galego- mantén hoxe plena vixencia, unha vez aprobado o actual Decreto 79/2010, que prohibe impartir na nosa lingua propia as materias de Matemáticas, Física e Química e Teconoloxía

2 de dez. de 2010

O mosteiro de Celanova, a lingua e as privatizacións


Saio agora mesmo, con cautela polo xeo e a neve, camiño de Ribadavia e de Ourense. Mais, antes, quero deixar tres opinións telegráficas nesta bitácula:

1) Propóñovos que cliquedes e divulguedes a páxina web que está aquí acima, en apoio á Plataforma en Defensa do Uso Público do Mosteiro de Celanova.

2) Quero expresar a miña discordancia coa artigo de hoxe en Xornal de Galicia do ex vicepresidente da Xunta Anxo Quintana. Sinteticamente, por dous motivos principais: por aplicarlle a quen criticamos o informe do IGEA ideas que non defendemos e por negar o español como lingua imposta. De verdade no ensino, na administración e nos medios de comunicación o galego de aquí e de agora non é un idioma imposto?! O galego abandonouse e abandónase pola súa falta de eufonía?

3) Desexo unir tamén a miña voz a todas as que rexeitan de forma enérxica a febre de privatizacións que se están a producir tanto en Galiza como no Estado disque en nome da austeridade e de levar a calma á voracidade dos mercados. Que non nolo mistifiquen: isto só é riqueza para uns poucos e menos capacidade de actuación para beneficio das maiorías sociais.

1 de dez. de 2010

Non outra cousa é a normalización

É especialmente recomendábel o artigo que hoxe publica a sociolingüista Pilar García Negro no diario Xornal de Galicia. A autora, como é sabido, é profesora da Universidade da Coruña, defensora da primeira tese de iuslingüística do ámbito galego, foi delegada da Axencia Europea de Linguas Menos Estendidas, é a única galega no comité internacional de seguimento da Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos e un longo etcétera.

Aínda no tema da lingua, debo determe a indicar que hoxe A Mesa enviou un comunicado felicitando a nova caixa galega por ser a primeira entidade financeira en se escriturar en galego, mais tamén agardando que iso signifique un paso no sentido de que se corrixan as discriminacións cara ao noso idioma que se mantiñan en Caixa Galicia e Caixanova. Teremos que estar ben atentos e atentas.

Deixo aquí o artigo de Pilar García Negro, que paga a pena que teña unha abondosa divulgación:

O lugar da lingua galega

É ben certo o aserto de que cantos menos índices de normalidade ou de soberanía existen nun país verbo da súa lingua ou da súa economía, máis proliferan as sofisticacións do problema. Téñoo por axiomático: a mesma falta de normalidade e –no caso galego– unha persistente tendencia ao pactismo (“Deus é bon e o demo non é mau”) típica da nosa historia político-cultural fabrican a cada paso reviravoltas artificiosas que, no canto de esclarecer, confunden, iso si, con aparencia de recoñeceren que o problema en si existe e cómpre resolvelo. O problema, claro está, é a absoluta anemia institucional do galego, de novo agredido, nesta lexislatura, con armas ilegais e propagandísticas que visan sen máis a súa destrución.


Esta leria preliminar vén a conto do informe do IGEA, de que se fixo eco Xornal de Galicia, verbo da situación do idioma da Galiza e das alternativas defendíbeis. Chámame a atención, en primeiro lugar, a desmemoria dos redactores. Desde aquel lonxincuo 1979, en que se dita, por parte do MEC, o chamado “Decreto de Bilingüismo”, este termo, na contemporaneidade galega sempre foi usado pola contra do galego con fins nada benéficos: non para lle dar entrada ao galego nun ámbito público, senón para todo o contrario, coartar o seu mínimo desenvolvemento no ensino ou noutro dominio social. Os ferreños monolingüístas españois de antonte viraron, por conveniencia, bilingüistas onte e hoxe (Lei Villar Palasí; “Informe sobre enseñanza de las lenguas españolas y bilingüismo”, elaborado por comisión designada polo MEC e presidida por Lázaro Carreter; AGLI; Galicia Bilingüe…). Por iso se dicía –e diciamos–, parafraseando a célebre sentenza marxiana, que o bilingüismo era o opio da normalización das linguas europeas que a precisaban.

De por parte, nen os máis antigos textos doutrinais e/ou parlamentares do nacionalismo galego enredaron considerando “estranxeira” a lingua española na Galiza. A cousa é cómica, por non dicer dramática, xa que era, e é, o galego, a todos os efeitos, a estranxeira na súa patria, por expresármolo con lapidario título rosaliano. Por exemplo, a Proposición de Lei do BN-PG / PSG (9 de Marzo de 1982) parte de definir o problema lingüístico da Galiza como colectivo e por situar a alternativa ou solución como aplicábel a todo o territorio e a toda a sociedade galega. A normalización do galego visa, pois, instaurar unha pauta pública en galego, independentemente do recoñecemento dos dereitos individuais exercíbeis en español. Isto é, o contrario mesmamente do que ocorre hoxe. Tal pauta normalizadora foi a que se instaurou en Cataluña, onde non se dubidou naturalmente de que a normalización do catalán había facerse en catalán, como, entre nós, a normalización do galego faise en galego e non en “bilingüe”.

¿Coñecen os autores a realidade de moitos textos “bilingües” que existen aquí e agora? Por exemplo: programas de man onde o galego, en tinta suave e cursiva, ocupa a páxina par, co cal os ollos de quen le van inevitabelmente á páxina impar, letra negra e ben lexíbel. O mesmo diriamos de moitos rótulos ou letreiros en exposicións e lugares de tránsito público. Mais é que, a maiores, se algún resultado masivo, popular, mesmo dentro de proporcións minoritarias, conseguiu a loita lingüística pro-galego do nacionalismo foi a de desvendar como o suposto uso bilingüe, pretensamente igualitario, non era máis que a tampa dun uso diglósico (por tanto, disimétrico e sempre subordinado para o galego) con que se xustificaba o baile ou cambio do galego para o español.

O bilingüismo, señores, é o statu quo, sen máis. Como a esta altura do filme, dubido moito de que se nos podan apor a nengún de nós posicións desatentas ou inxenuas, só se me ocorre, para xustificar tal alternativa (a adopción positiva do bilingüismo), un afán pactista, supostamente equidistante dos extremos, que serían os radicalismos dun e doutro lado. Vaia por Deus! Isto é tan vello como a extinta UCD e o seu corpo de asesores, lingüistas incluídos. Por iso, hai trampa neste debate, que ignora (e penso que non por un ataque súpeto de amnesia) como e en que condicións se foi normalizando, ben que dificultosamente, o galego na nosa época, a que custos e, moi a rentes do chao, con que prácticas: en galego, naturalmente, con persuasión, indución, simpatía e achegamento cordial e unitivo de todos os galegos. Mais tamén coa clareza necesaria e non con panos quentes concesivos.

Por certo, ignorar o labor do nacionalismo nesta tarefa ou, aínda, zafrañarlle a culpa (¡!) do atraso evidente na normalización do galego xa non coido que sexa fillo da distracción ou do presentismo, senón directamente tributo a quen manda. Se houbese bilingüistas benéficos, terían que estar reclamando enerxicamente máis espazos para o galego, en nome dun pretenso e ideal fifty-fifty. Que isto sexa ciencia ficción é a proba do nove de cómo e a favor de que e de quen se utiliza o tal bilingüismo.

Como este termo carga con todo o que lle boten, en alarde de ignorancia sociolingüística, histórica e científica, podemos adxectivalo con todo tipo de cualificativos. Xa levamos uns cantos: bilingüismo harmónico, equilibrado, froitoso [sic], substitutivo, restitutivo… Engado máis un: prostitutivo. Total, postos a xogar, que máis ten?

Convido aos autores e adherentes deste informe a que sumen todas as súas positivas enerxías mentais e laborais ao esforzo de conseguiren o que din pretender: que haxa máis falantes-practicantes do galego e, de paso, que recorden que non hai un só lugar na LNL vixente (co cativa que é) onde se proclame como obxectivo a evidencia: que na Galiza existen, en presenza, dúas linguas, a propria e a imposta, con abismal diferenza de usos sociais e públicos. Se esta lei se promulgou, foi pola obvia inferioridade do galego. Que os que o posúen como lingua inicial o manteñan e que os que parten do español o adquiran e fixen conscientemente: non outra cousa é a normalización.

30 de nov. de 2010

'Monolingüismo', por Xoán Costa

Reproduzo, tomado da páxina de bitáculas da AS-PG, un artigo do presidente desta entidade de renovación pedagóxica, Xoán Costa:

Monolingüismo

Non sei por que, dun tempo a esta parte, xeneralizouse a idea de que abrir debates -non importa o tema nin o espazo - é algo necesario socialmente e case inherente ao propio comportamento democrático. Mesmo hai quen pensa que é posíbel debater en estado de ideoloxía pura, nun universo anterior ao Big Bang, sen condicionantes externas que terxiversen o fío da argumentación.

Mais nada máis enganoso.

E cando eses debates se establecen sobre sinais de identidade como a lingua a cousa nace xa de por si desnaturalizada pois o propio uso dunha ou outra terminoloxía, dun ou outro concepto, dun ou outro punto de partida, condiciona o posicionamento dos debates e, polo tanto, os resultados.

E ademais confunde.

Recentes informes sobre o futuro do galego sitúanse neste contexto de abrir debates sen máis e de crear confusión. Primeiro porque parten da idea de que os actuais discursos normalizadores, e non estamos a nos referir aos discursos oficiais senón xustamente a aqueles que levan anos traballando na restauración de usos do galego, están caducos, non serven por estaren ligados a ideoloxías algo pasadas de moda, cousa moi lonxe da realidade. Outra cousa é que non se teñan logrado o cento por cento dos obxectivos propostos, mais iso non invalida nin avellenta os discursos nin as propostas.

Por outra parte, a pretensión, ou as propostas, de alcanzar a competencia comunicativa en galego e castelán o conxunto da poboación, especialmente a través do sistema educativo, é algo tan fóra da realidade como aquelas propostas do Partido Popular, gobernando Don Manuel Fraga, que falaba de bilingüismo harmónico e que o Señor Feijoo transformou en bilingüismo cordial. O sistema educativo é unha ferramenta importantísima para a consolidación da competencia lingüística, sobre todo en contextos en que a lingua do sistema educativo é continuación da lingua ambiental, mais en contextos diglósicos o sistema educativo só representa unha pequena parte das posibilidades de restauración lingüística, se ben ten todas as posibilidades para a adquisición de competencia.

Estes debates de que falamos, difundidos en informes e redes sociais, pretenderían de dar carta de normalidade a políticas lingüísticas bilingüistas partindo da idea de que se a totalidade dos e das galegofalantes son bilingües, isto é somos individuos capaces de falarmos en galego e en castelán, tamén a totalidade dos casteláns falantes en Galiza deberán ser capaces de falaren en galego ou en castelán indistintamente. Fermosa teoría, mais na práctica o que condiciona o uso dunha lingua é o contexto e na sociedade galega actual os contextos están perfectamente delimitados e inclinados cada vez máis a favor do español. Porque vivimos nunha situación de conflito lingüístico -aínda que o termo poda parecer anticuado e contrario á cordialidade- e a diglosia, no seu significado clásico, funciona de maneira eficaz. A este respecto, podería pór un pequeno exemplo. Recentemente estiven ingresado no CHUAC nun servizo onde as enfermeiras (eran todas mulleres menos dous homes) falaban perfectamente galego e español. Son polo tanto un paradigma de competencia bilingüe. Mais cal é o uso das dúas linguas? Cos doentes de máis idade falan galego ou español dependendo de cal sexa a lingua do doente e con aqueles de menos idade, aínda que sempre lles falamos en galego, falaban invariablemente en español. Que é o que leva a esta situación? Obviamente os prexuízos lingüísticos propios de toda situación diglósica.

E aí é onde deben actuar primeiramente as políticas normalizadores, en marcar contextos de uso para o galego. Porque é evidente que, sobre todo a través do sistema educativo, podemos conseguir, nun espazo de tempo maior ou menor, que a totalidade da poboación de Galiza sexa competente en galego e en español. Mais pensar que de aí derivará unha situación en que se usarían indistintamente en calquera contexto unha ou outra lingua é pensar que podemos alcanzar a liña do horizonte. E é que, e perdoen a comparanza, para os falantes a lingua é como a relixión. Poderíamos pensar nunha sociedade ideal en que todas as persoas coñecesen, poñamos por caso, os principios cristiáns e musulmáns. O coñecemento de ambas as relixións seguramente aportaría concordia e respecto dos dereitos de cada quen, mais á hora do culto, á hora da práctica, cada persoa acreditaría no seu deus como o único verdadeiro. O mesmo sucede coa lingua.

Concordo con quen pensa debemos anovar o discurso sobre a lingua, mais utilizando o termo anovar co significado da cultura agrícola, mais dubido que a solución para o futuro do galego como lingua sexa aceptarmos a solución bilingüe, chámese este bilingüísmo harmónico, cordial ou restitutivo. Prefiro pensar nunha Galiza maioritariamente monolingüe en galego, seguindo a tradición do galeguismo e acreditar que Galiza ou é monolingüe en galego ou non será Galiza tal como a coñecemos e, algúns, a desexamos. Será outra cousa.

29 de nov. de 2010

De que nos salvará o bilingüismo?

No artigo desta semana teño ben presentes xa as reflexións que realizaba o pasado sábado sobre o documento do IGEA. Porque Galiza non é "bilingüe", nin de nada nos serviría dicilo. Porque en galego Galiza ten futuro.

De que nos salvará o bilingüismo?
Reflexións críticas sobre o documento do IGEA


O pasado mes de maio presentei en Barcelona o meu libro En castellano no hay problema. No acto acompañáronme Sabela Labraña, profesora de Filoloxía Galega na Universitat de Barcelona, sempre animosa e dinámica, e Joaquim Arenas, un dos nomes chave no proceso de catalanización do sistema educativo, desde a súa responsabilidade como Xefe do Servizo de Ensino da Generalitat entre 1983 e 2003.

Arenas é, pois, un dos que levou a cabo o maior éxito da lingua catalá desde a restauración da democracia: a implantación dun modelo de escola catalá en idioma e contidos, a chamada inmersión lingüística. Este modelo é referencial para a recuperación dun idioma minorizado. O seu exemplo, coas súas potencialidades e as súas dificultades, estúdase internacionalmente.

Na presentación do libro, Joaquim Arenas fíxonos rir, desde a súa ironía, e pensar, desde os diferentes exemplos que nos puña sobre como revitalizar unha lingua e sobre algúns problemas polos que pasou e pasa o idioma de Cataluña. Nun momento retranqueiro, exclamou: “El bilingüisme és pecat!” Fronte ás defensas dun irreal e narcotizador bilingüismo, manifestou que o futuro do catalán e do galego só podería pasar por un “monolingüismo axial”: isto é, que a lingua propia das respectivas nacións teña un papel central, sen que iso sexa óbice para que os seus cidadáns coñezan cantos máis idiomas mellor. Coa exitosa experiencia que ten ás súas costas, Joaquim Arenas sabe ben do que fala.

Un paso atrás no debate

Lembrei as súas atinadas palabras cando a semana pasada o Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA) presentou ante os medios de comunicación un relatorio sobre a situación da lingua galega e algunhas liñas xerais para o seu futuro. O que máis trascendeu deste documento foi a realización dunha relectura positivizadora do termo “bilingüismo”, que considera central para a posibilidade de que o galego teña algún futuro.

O informe está asinado por Henrique Monteagudo coa colaboración de Antón Reixa. Non hai dúbida de que se trata de dúas persoas cunha coñecida sensibilidade pola lingua do país, mais penso que a mensaxe de fondo que lanzan é unha equivocación, aínda máis no momento actual en que nos encontramos, onde son máis necesarias que nunca as mensaxes unitivas.

Á parte de graves erros de diagnose, este documento supón un paso atrás, pois retrotráenos a un debate bizantino e testemuñalista, sen propostas de acción, que pasan a postergarse máis unha vez. No entanto, o principal dano que observo nese texto é que crea confusión ao xogar coa terminoloxía do inimigo (porque o inimigo existe, por certo).

De verdade se lle chamamos bilingüismo á diglosia a situación social mudará? Cando se deixará de procurar novas “fórmulas axeitadas” e se comezarán a aplicar desde as institucións, sobre todo quen puido ou pode? Alguén podería indicarme cal é a entidade ou cales son as entidades que defenden que as galegas e os galegos só saibamos galego? Non houbo nin hai políticas institucionais decididas a recuperar falantes e incorporar o idioma a novos ámbitos porque hai xente que defende(mos) que o discurso bilingüista é unha falacia do comezo ao final? Se o castelán é un idioma “común” (sic) e case tan galego como o galego, por que deben desenvolverse políticas para a restauración do galego? Existen en Galiza grupos galego falantes fronte a grupos castelán falantes, como sinala este documento, que tamén indica que debe producirse un “previo recoñecemento mutuo” de ambos?

Son moitas as preguntas que un se formula despois de ler este informe, que vai na liña doutros documentos anteriores de Henrique Monteagudo, especialmente o titulado “A ofensiva da dereita contra o galego”, que divulgou a Fundación 10 de Marzo. Á parte de se manteren moitas das ideas centrais que agora difunde o IGEA, nesoutro texto había unha maior proliferación de termos denigratorios cara ao papel do movemento nacionalista na defensa do galego, p. ex.: “o nacionalismo veu padecendo unha propensión sectaria a apropiarse do idioma e da cultura de xeito monopolizador e en proveito propio, cunha perspectiva partidista”. Esta crítica, que é tamén punto de partida, ten moito máis de prexuízo ideolóxico que de análise.

Non nos autoenganemos

No libro En castellano no hay problema, do que falaba ao comezo deste artigo, están incluídos varios textos que amosan unha visión crítica deste tipo de discursos (por exemplo nas páxinas 67-68, 224-228 e, especialmente, 237-242). Nun momento, falo da “normalización sen normalización”, partindo dunha reflexión moi interesante de Žižek, na que este pensador comenta a postergación eterna dalgúns intelectuais de calquera acto transformador. Finalizo con algunhas das liñas alí incluídas, porque parece que as escribise esta mesma semana:

En calquera caso, non nos autoenganemos. Non é por falta de documentos, de plans, de escritos, de argumentario nin de corpus teórico forte e contrastado que a situación da lingua é a que é. Con certeza que hai erros na pedagoxía á hora de o transmitirmos sen que se manipule a mensaxe e, sobre todo, de o aplicarmos. Mais quen pense que pasarmos a exclamar que Galiza é “bilingüe”, que a diglosia está desfasada e que o autoodio non significa nada nos vai facer gañar espazo social, cae nunha inxenuidade tremenda. Xogar coas regras do inimigo, cos seus conceptos pervertidos, promove o confusionismo e leva á derrota segura.

Converter en elemento central da acción normalizadora a procura de ábrete-sésamos e fórmulas máxicas sería un erro inmenso. Esta situación lémbrame a unha oportuna reflexión do pensador Slavoj Žižek: “A maioría dos académicos están obsesionados coa idea ‘A esquerda necesita novas respostas’. Non é isto basicamente un ‘Queremos unha revolución radical, mais ao mesmo tempo queremos conservar as nosas prósperas vidas e seguir tranquilos?’ Como precisamente xa o dixo algunha vez Robespierre: Queremos unha revolución sen revolución”.

Defender o galego renegando de dar a batalla social real, e conflitiva, da súa restauración e extensión social, non é querer unha normalización sen normalización?

28 de nov. de 2010

Concentración mañá por Palestina en Compostela

Reproduzo aquí unha información que tiro do blog Galiza por Palestina:

Imos montar un checkpoint sionista na praza do Toural !!!!!

Segunda-feira 29 de novembro ás 20:00h

O día 29 de novembro é o Día Internacional de Solidariedade co Povo Palestino.
Neste día queremos producir na cidade vella da capital de Galicia a realidade dunha das decenas de checkpoints da entidade sionista nos Territorios Ocupados de Palestina.

O acto pretende ser unha performance de denuncia da situación, de opresión, humillación, trato vexatorio e violación das liberdades mais básicas que millares de palestinas e palestinos sofren cada día.
Precisamos da vosa implicación: necesitamos que veñades representar mulleres e homes palestinos (de 6 a 10 persoas) traede as vosas kufiyyas palestinas, ou se tendes roupa militar e un mal día vinde interpretar soldados sionistas.

Precisamos mínimo 6 persoas para palestinos e 2 ou 3 para soldados. É importante tamén que haxa xente que filme todo para facelo circular por internet.

Esperamos a vosa axuda!!

VIVA A LIUTA DO POVO PALESTINO!!

Evento en Facebook: http://www.facebook.com/?ref=home#!/event.php?eid=173239512703456

27 de nov. de 2010

O que hai que facer é facer

Na presentación de hoxe ás 19.30 h no Culturgal tamén abordarei o desafortunado informe que presentou o IGEA sobre lingua. Á parte de graves erros de diagnose , este documento retrotráenos a un debate bizantino e testemuñalista, sen propostas de acción, que pasan a postergarse máis unha vez. Mais o principal dano que observo nese texto, e que é o motivo polo que quero falar del, é que crea confusión ao xogar coa terminoloxía do inimigo (porque o inimigo existe, por certo). Sei que quen o promove é xente con sensibilidade pola lingua galega, mais creo que se equivocan de vez ao lanzaren esta mensaxe.

De verdade se lle chamamos bilingüismo á diglosia a situación social mudará? Cando se deixará de procurar novas "fórmulas axeitadas" e se comezarán a aplicar desde as institucións, sobre todo quen puido ou pode? Alguén podería indicarme cal é a entidade ou cales son as entidades que defenden que as galegas e os galegos só saibamos galego? Non houbo nin hai políticas institucionais decididas a recuperar falantes e incorporar o idioma a novos ámbitos porque hai xente que defende(mos) que o discurso bilingüista é unha falacia do comezo ao final? Se o castelán é un idioma "común" (sic) e case tan galego como o galego, por que deben desenvolverse políticas para a restauración do galego?

No libro En castellano no hay problema están incluídos varios textos que amosan unha visión crítica deste tipo de discursos de homenaxe ao galego, por exemplo nas páxinas 67-68, 224-228 e, especialmente, 237-242. Nun momento, falo da "normalización sen normalización", partindo dunha reflexión moi interesante de Žižek, na que este comenta a postergación eterna dalgúns intelectuais de calquera acto transformador. Cito algunhas das liñas do libro:

En calquera caso, non nos autoenganemos. Non é por falta de documentos, de plans, de escritos, de argumentario nin de corpus teórico forte e contrastado que a situación da lingua é a que é. Con certeza que hai erros na pedagoxía á hora de o transmitirmos sen que se manipule a mensaxe e, sobre todo, de o aplicarmos. Mais quen pense que pasarmos a exclamar que Galiza é “bilingüe”, que a diglosia está desfasada e que o autoodio non significa nada nos vai facer gañar espazo social, cae nunha inxenuidade tremenda. Xogar coas regras do inimigo, cos seus conceptos pervertidos, promove o confusionismo e leva á derrota segura.

Converter en elemento central da acción normalizadora a procura de ábrete-sésamos e fórmulas máxicas sería un erro inmenso. Esta situación lémbrame a unha oportuna reflexión do pensador Slavoj Žižek: “A maioría dos académicos están obsesionados coa idea ‘A esquerda necesita novas respostas’. Non é isto basicamente un ‘Queremos unha revolución radical, mais ao mesmo tempo queremos conservar as nosas prósperas vidas e seguir tranquilos?’ Como precisamente xa o dixo algunha vez Robespierre: Queremos unha revolución sen revolución”.

Defender o galego renegando de dar a batalla social real, e conflitiva, da súa restauración e extensión social, non é querer unha normalización sen normalización?

26 de nov. de 2010

De Ribadavia a Pontevedra

Mañá sábado ás 19.30 h realizaremos a presentación en Pontevedra de En castellano no hay problema, que as Mocidades da Mesa na localidade decidiron organizar no marco do Culturgal.

Xa que falo da xira de actos por volta deste libriño, aproveito para incluír algunhas imaxes do que foi a súa presentación en Ribadavia, con xente tan encantadora e traballadora como Eladino Cabanelas e tantos outros compañeiros e compañeiras que fan posíbel no día a día que poidamos continuar a aspirar a vivir en galego.