25 de jan. de 2010

Acomplexados e extremistas


Transcribo a continuación, con escasas modificacións, a primeira parte da intervención que realicei no acto final da histórica manifestación para parar o decretazo contra o galego. Agora que estamos con máis forza despois desta inmensa mobilización, cómpre animar tamén a que esta semana enviemos á Xunta miles de alegacións contra este decretazo, como o modelo que propón a plataforma Queremos Galego desde a súa páxina web: www.queremosgalego.org

Bo día, compañeiros e compañeiras.

A verdade, non sei moi ben que facedes aquí. Mirade ao voso redor. Cantos "extremistas"! Canta xente "ensimismada"! Canta xente "acomplejada"! Canta xente que levantades muros a Galiza defendendo a vosa lingua! Canta xente que chegastes tristemente "coaccionados", que non sabíades ben a onde víñades! Canta xente que "coaccionastes" aos vosos compañeiros e compañeiras para que viñesen!

E, así e todo, estades aquí. A pesar desas declaracións insultantes por parte dos representantes do Goberno galego. Un goberno serio, un goberno responsábel, un goberno cívico, realmente pode facer declaracións coma estas, insultando aos que non facemos nada máis que defender o noso dereito básico a aprender a nosa lingua, o noso dereito básico a poder vivir no noso propio idioma?

Dicía aínda esta semana o conselleiro de Cultura (quen debería pór o seu cargo inmediatamente a disposición) que "la cultura gallega vive acomplejada y ensimismada". Vós credes que pode durar un día no cargo un conselleiro ou un ministro de cultura de calquera país do mundo que diga que a cultura propia non vale? Vós credes que duraría unha hora, dúas horas máis, no cargo? Iso é o que estamos a padecer!

O conselleiro de Educación tamén declaraba esta semana que co galego levantamos muros! Os acomplexados, os ensimesmados, os que levantan muros son eles; muros con toda a sociedade, que está hoxe aquí presente.

Esta semana entrevistabámonos co conselleiro de Educación. Dicíanos que toda a comunidade educativa respalda este decretazo contra o galego. Mirade ao voso redor! Hai algún sindicato que respalde este decreto? Hai algunha organización estudantil, algún movemento de renovación pedagóxica, algunha asociación de nais e pais que non estea directamente vinculada co Partido Popular, que respalde este decreto? Ninguén! Ninguén!

Pensade en calquera país do mundo, do planeta Terra, calquera, en que toda unha sociedade reclame unanimemente que unha norma non se aprobe, que non haxa nin unha soa organización sectorial que respalde esta norma. Esa norma sairía adiante? En ningún lugar do mundo! É que non gobernan pensando en Galiza, gobernan pensando no que lle van dicir na rúa Génova de Madrid!

Hoxe hai un protagonismo especial da mocidade, onde todos os informes sinalan unha caída de falantes de galego. A xeración de rapazas e rapaces de hoxe en día é a que menos utiliza o galego de forma espontánea na milenaria historia do noso país. Os datos son contundentes a ese respecto.

Agora ben, eles confúndense cando pensan que un rapaz ou unha rapaza, polo feito de non falar en galego, está en contra do noso idioma. As estudantes e os estudantes estades tendo o protagonismo desta xornada. Levantade as vosas faixas, as vosas cartolinas, as vosas bandeiras! Berrade ben alto que queremos un ensino en galego! Que non vos utilicen como escusa! "Es que a los niños hay que protegerlos de esa lengua tóxica"! Os rapaces e as rapazas, queredes, e así o demostrades, aprender no noso idioma!

O paro, como antes comentou ben o compañeiro Anxo Louzao, é practicamente unánime nas comunidades educativas no ensino público non universitario. Mais tamén hai que salientar de novo o protagonismo dos estudantes. A inmensa maioría das xuntas de delegados dos institutos do noso país posicionáronse libremente contra este decretazo e en defensa do dereito a podermos vivir no noso idioma.

Dicíao antes o compañeiro Anxo Louzao, e dicíao moi ben: No caso de non escoitaren as comunidades educativas, no caso de non escoitaren a sociedade, chamaremos á desobediencia contra este decretazo. Porque desobedecer este decreto significa obedecer o Estatuto, significa obedecer a Lei de normalización lingüística, significa obedecer a Carta europea de linguas rexionais ou minoritarias, significa obedecer os consensos aos que chegamos entre todas e todos.

E aí imos estar a comunidade educativa e, tamén, o conxunto da sociedade. Canta xente hoxe que non traballades no ensino pedistes horas ou collestes tamén un día das vosas vacacións para poderdes asistir a esta mobilización?

Este decreto tamén ten en contra a institucións de prestixio e centenarias, como é a Real Academia Galega. Como pode ser que a Xunta abronque ou critique unha institución como esta por emitir un ditame serio, rigoroso, independente, no cal o único "delito" que comete é non darlle a razón a este goberno?

Como é presentábel que o conselleiro de Presidencia critique a Academia dicindo "es que defiende la inmersión en gallego, defiende la inmersión lingüística"? A inmersión lingüística, señor conselleiro, é un modelo educativo.

Mais queremos facerlle unha pregunta sobre iso: En que comunidade autónoma do Estado español con lingua propia diferente do castelán, en cal non hai proxectos de inmersión lingüística? En Navarra hai, e gobernaban até non hai nada, en Cataluña hai, en Euskadi hai, nas Baleares hai; na comunidade valenciana gobernan vostedes e o 30% dos institutos imparten as súas aulas só en catalán de Valencia. Temos algún defecto de fábrica os galegos, algo que nos impida ter os mesmos dereitos que os cidadáns das outras comunidades autónomas con lingua propia? Exclamemos ben alto que non! Que temos os mesmo dereitos!

Como pode atreverse o señor Alfonso Rueda, o señor conselleiro de Presidencia deste goberno que non nos merecemos, a abroncar á Academia Galega? Un señor que ía ás manifestacións en contra da lingua galega, onde non falaban de defender o dereito de ninguén, senón de retirarnos aínda máis o dereito a podermos utilizar o noso idioma. Unha manifestación en contra do galego, a de febreiro do ano pasado, na cal Alfonso Rueda, o brazo dereito de Núñez Feijóo, ía collido da man da Falange. O mesmo señor que nomea como altos cargos a persoas que non hai moito foron en listas electorais da Falange, ese partido que xa sabemos que tanto defende "el bilingüismo" e "el trilingüismo", e ben o padecemos tantos anos no noso país!

5 comentários:

  1. grazas pola defensa que fas da nosa lingua, fai falla unha persoa comprometida coma ti para liderar esta loita, unha aperta

    ResponderExcluir
  2. http://www.galiciaconfidencial.com/nova/5229.html

    ResponderExcluir
  3. Sigo dicindo a túa defensa do idioma galego non é de balde. Se non houbese cartos por medio non te movías nin o máis mínimo.
    A consellería vai facer modificacións a esas "bases" e sigo insistindo que son bases; o erro que cometeron foi presentalas. Tiñan que facer como o bipartito, publicar os decretos no dog e deixarse de lerias, se lle parece ben a xente ou non, tirar para adiante que para eso son maioría absoluta.

    ResponderExcluir
  4. TEÑOUM SONO. QUE NON SEI COMO,MAIS QUE ALGUN DIA GALIZA ESPERTE E ACONTEZA COMA EM PORTUGAL QUE TODOS FALASEMOS SEN COMPLEXOS, SEN PORLLE ETIQUETAS A XENTE OU AS LINGUAS. QUE FALASEMOS A NOSA LINGUA PRÓPRIA:O GALEGO, SEN RENUNCIAR A COÑECER E VALORIZAR OUTRAS LINGUAS TAMEN IRMANS-o castelán- E NECESSÁRIAS-O INGLES-.AGORA BEN A INMERSION LINGUISTICA EXCLUSIVA EM GALEGO É A SOLUCION, O CAMIÑO PARA ERRADICAR ESES COMPLEXOS DE INFERIORIDADE, AUTOODIOS E ODIOS QUE TÊM PARA O GALEGO MUITOS GALEGOS DUN E OUTRO SIGNO?PORQUE A TRISTEZA DESTE CONFLITO E QUE SO MOI POUCOS FALAN O QUE LLE PETA PORQUE AMA ESA LINGUA SEXA CASTELAN OU GALEGO SENON , EM MOITOS CASOS, PORQUE NON LLE GOSTA OU TEN MAL ETIQUETADA A OUTRA. ESE E O DRAMA QUE NON SEI COMO SE DEBE RESOLVER.

    ResponderExcluir
  5. Grazas ao primeiro comentarista. Aquí e agora, todas e todos facemos máis falta que nunca.

    Ao troll do terceiro comentario talvez lle responda ben axiña, aínda que aborrece. Obsérvese a nova táctica de usar o galego para atacalo.

    Ao último: traballemos para "desetiquetar" o galego! Traballando no día a día e adaptando os soños á realidade é como se avanza.

    ResponderExcluir