Despois da bronca pública da semana pasada do presidente da Xunta ao Consello da Cultura Galega, Henrique Monteagudo e Vítor Freixanes saíron antonte e hoxe nas súas tribunas en El País e La Voz de Galicia lanzándolle tamén a responsabilidade da situación do galego no ensino aos grupos da oposición polo feito de estar roto o "consenso" sobre o tema.
Con diferenza, o máis desafortunado e confusionista é o secretario do Consello da Cultura Galega, que chega a afirmar "PSdeG e BNG terán que recoñecer que o decreto do bipartito ten aspectos renunciables, que son os que suscitaron maior controversia". Só desde unha postura de fortísima presión por parte do PP podo chegar a entender que se enuncie un discurso falaz como este.
No entanto, lembrémolo:
a) O PP forma parte de todos os "consensos" aos que se chegaron sobre a cuestión e que sempre rompe unilateralmente. O único "consenso" que lles vale na verdade é o desmantelamento da oficialidade da lingua galega. "Consenso mortal" sería o título deste filme, tomando emprestadas palabras de Pilar García Negro.
b) Como ben proclama a plataforma Queremos Galego, os acordos aos que chegamos entre todas e todos só poden ser substituídos por acordos aos que cheguemos entre todas e todos. Non é "consenso" que PSOE e BNG teñan que rebaixar a súa postura de defensa de dereitos básicos porque de forma unilateral o PP non queira cumprir os acordos existentes, dos cales fixo parte desde o comezo da negociación até a súa concreción definitiva.
c) Por moito que lle poida incomodar ao PP e que este partido decida crear "controversia" sobre o tema, existen liñas vermellas que non se poden ultrapasar: o galego como lingua propia e oficial, dentro dun proceso progresivo de normalización (Estatuto, Lei de normalización) e cun mínimo de presenza do 50% do horario en todo o sistema educativo (Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, Plan xeral de normalización da lingua galega).
d) A controversia de que fala Henrique Monteagudo está convenientemente incitada e programada, non é algo espontáneo. Un bo exemplo é a postura da directiva da confederación de nais e pais de centros privados e concertados, que pasaron a rexeitar con forza o decreto do 50% no mesmo momento en que o fixo o PP, aínda que con anterioridade saíran publicamente respaldándoo e considerándoo un paso adiante positivo. Claro, daquela o PP aparecía debaixo dos focos como un dos alicerces desa nova norma.
Calquera medida de defensa da lingua galega, calquera, se se axita por parte dos adiñeirados resortes da galegofobia, pode crear tal controversia.
Escribo hoxe esta entrada no blog, preocupado polos matices públicos dos discursos destes dous prestixiosos compañeiros, coñecidos pola súa defensa do idioma de noso e que teñen hoxe unha responsabilidade histórica como membros do Consello da Cultura Galega.
Estamos nunha encrucillada para a nosa lingua e sería un fraco favor que, polas presións políticas da Xunta, estes organismo puidese lavarse as mans ou crear confusionismo nun momento no que é tan necesaria a clareza e a defensa unánime da aplicación dos consensos en defensa da lingua que nos une como galegas e como galegos.
Hoxe tivemos boas novas, o informe da RAG mais o anuncio de CCOO de que secundará a folga.
ResponderExcluirNo diccionario bilingüe do PP, español de españa(non castelán)- english ,consenso = toda opinión procedente do Partido Popular que toda a sociedade debe aceptar e aplicar como verdade absoluta, nomeadamente partidos políticos, como PSOE, asociacións e sindicatos varios, e por suposto o colectivo de "sectarians", como diria Bieito Lobeira que conforman o movemento nacionalista
Antes de nada felicitarte polo blog. Tento seguirte a cotío mais este post inda non o vira.
ResponderExcluirÉ a primeira vez que escribo e fágoo porque xusto onte asistín a unha charla dada por Monteagudo (xunto con Camilo Nogueira e Luís Villares) na facultade de ciencias da comunicación. Tras ler o seu artigo paréceme que magnificas a túa reacción e é curioso que a imaxe que me dás del aquí é totalmente oposta á que obtiven eu onte.
Un saúdo dende San Roque
P.S.: desculpa a tardanza.