O meu artigo desta semana en Galicia Hoxe, sobre como o inglés nos fará altos, ricos, guapos e famosos, mentres imos matando o noso idioma propio, que é un xeito curioso de entender o plurilingüismo:
Inglish pitinglish
O inglés como talismán e como camuflaxe
A pesar de que na materia de inglés en todo o ensino primario e secundario fun un rapaz de sobresaliente, sempre me sentín moi inseguro á hora de poder utilizalo, nas poucas veces que tal cousa me foi precisa na miña vida. Aínda hoxe vexo que as miñas destrezas neste idioma son limitadas e enténdoo mellor do que o falo ou escribo.
Moita xente da miña xeración pode contar unha historia semellante á miña. Algúns disciplinaríanse asistindo a academias e viaxando decote a países de lingua inglesa, mellorando así as súas competencias comunicativas. Outros desenvolverían a súa vida por outros camiños, deixando oxidar as regras gramaticais e o vocabulario do idioma de Shakespeare, sen que iso obstaculizase unha existencia plena, feliz e culta.
Ninguén pode negar que o inglés é hoxe un idioma poderoso económica, política e culturalmente. Aínda que o chinés mandarín conta con tres veces máis falantes iniciais, o inglés é na actualidade a lingua franca en moitos ámbitos de coñecemento e decisión internacional.
Mais iso é unha cousa e outra ben diferente é o tratamento que moitas veces se lle dá como un talismán que traerá riqueza, sabedoría e prosperidade a quen o posúa, o cal dista de ser certo. Nin é verdade nas biografías persoais nin nas historias colectivas dos estados que o adoptaron como idioma oficial, talvez pensando con inxenuidade que así contarían cunha maior incidencia, relevo ou recoñecemento. Que llo digan se non a Ghana, na África Occidental, que a pesar de ter como única lingua oficial o inglés é un dos estados máis empobrecidos de todo o planeta. Digo empobrecidos que non pobres, porque malia as condicións nas que vive a maioría da súa poboación seren misérrimas, son unha potencia en ouro, bauxita, diamantes ou cacao. O feito de que a súa lingua oficial sexa o inglés non mellorou a súa situación socioeconómica nin cultural e mantivo, tamén no nivel simbólico, a súa dependencia dos vellos colonizadores. Isto mesmo podemos facelo extensíbel a Nixeria, Serra Leoa, Camerún, Namibia e un longo etcétera.
Aínda que haxa que desposuír o inglés das cualidades máxicas que se lle apoñen (non nos fai altos e guapos, nin ricos e famosos), parece lóxico que no mundo actual sexa un dos coñecementos a transmitir no ensino obrigatorio. A confidencia que antes facía sobre a miña relación co inglés amosa tamén que hai problemas para solucionar e erros dos cales aprender, porque hai obxectivos de aprendizaxe que na verdade non se están a conseguir para esta materia.
Mais a responsabilidade desta situación non é, con certeza, do profesorado, que por moito que se poida esforzar non naceu con capacidade para obrar milagres. En grupos masificados resulta bastante complicado desenvolver unha metodoloxía comunicativa, imprescindíbel para conseguir adiantos reais e menos perecedoiros.
Xusto esa alternativa práctica para mellorar a aprendizaxe do inglés é a que non adopta a Consellaría de Educación de Alberto Núñez Feijóo, a pesar de que si é demandada polas comunidades educativas. Non se contrata máis profesorado para diminuír a ratio en relación cos estudantes, senón que se sacan inexistentes coellos dunha chistera. Todos os nenos e nenas saberán falar en inglés porque lles impartirán unha de cada tres materias nesta lingua! Alehop! Que non hai profesorado para facelo? Pois que a verdade non nos estropee o titular! Alehop!
Todos os expertos e expertas na cuestión advirten ao goberno do PP da insensatez da súa proposta. O catedrático da USC José Manuel Vez Jeremías, director do observatorio Atrium Linguarum, lembraba esta semana que non había ningún país do mundo onde se aplicase un modelo tal e que, de facelo, se resentirían tanto o inglés como o castelán e o galego. O tamén catedrático Fermín Bouza, da Complutense, pregúntase en voz alta cal será a competencia do profesorado que ministrará esas disciplinas en inglés, para non seren unha fonte de aprendizaxe de erros e de adopción de maos usos: “No caso do inglés, debe ser o español o que ceda tempo alí onde houber algún profesor que coñeza esa lingua a nivel nativo (só a nivel nativo, o demais sería unha chafallada intolerábel). O galego é, lémbreno, a lingua propia de Galiza: a lingua a protexer.”
Tamén estarían por ver todos os problemas que acarrearía en colexios e institutos esta dupla avaliación (da materia e do idioma en que se imparte, a pesar de non ser oficial), se se baixaría o nivel xeral dos contidos para axeitalos ás dificultades lingüísticas (do profesorado ou do estudantado) e se incrementaría o fracaso escolar. Temas, todos eles, da maior importancia e gravidade.
No Estado español temos un caso recente que nos pode servir de comparación. Na Comunidade Valenciana obrigouse a que a materia de Educación para a Cidadanía se ministrase en lingua inglesa. O resultado foron sentenzas históricas anulando esa disposición, así como unhas mobilizacións cidadás masivas: esa decisión gobernamental foi o detonante das maiores manifestacións en València desde as realizadas contra a invasión de Iraq.
Na realidade, a Alberto Núñez Feijóo (a quen, por certo, a súa falta de nocións do inglés non lle impediu chegar á presidencia da Xunta), o que lle importa de todo o tema é procurar unha camuflaxe para esta navallada contra o galego. Porque todas estas súas propostas sobre o inglés sabe que son inviábeis, mais funcionan como excelentes exercicios de distracción para eclipsar aínda máis o maltratado idioma do país.
O decreto do inglés.
ResponderExcluirO da Xunta do monopartito non é un decreto para protexer o galego; é abertamente un decreto para fomentar o inglés. Con iso tampouco creo que concorden os que defenden o castellano no Estado español.
Saúde.
Dende cando un político ou políticos aos que ninguén lle pediu ningún título en filoloxía ou calquera outro título que o capacite para decidir o que ten que ser o ensino, pode decidir sobre unha, dúas o tres linguas?. O señor Feijóo o que tiña que facer e pagar unhas clases particulares de inglés e tampouco lle virían mal de galego a ver se así aprende a querer a lingua, seguro que se a coñecese non a odiaría tanto e ademais aínda que non o crea sería un pouco máis culto.
ResponderExcluirBicos
claro que ti Carliños, para vivir do conto, non necesitaches nunca do ingles e podes presumir da túa ignorancia
ResponderExcluir"Inglés" leva til, tanto en galego como en castelán. As oracións comezan en maiúscula e fáltache unha vírgula antes de "Carliños" e un punto ao final (tanto en galego como en castelán ou inglés). Como para falar de ignorancias...
ResponderExcluirGrazas porque me parece unha opinión cabal dentro de tanta tolemia.
ResponderExcluirEstudei uns 12 anos de inglés na escola. Considérome competente nesta lingua pero non grazas aos anos de escolaridade, que repetían sempre a mesma gramática, sen usar prácticamente a lingua, porque, como ben dis, os grupos masificados impiden unha aprendizaxe natural. Penso que saber inglés me enriquece. Pero non é a miña lingua. A miña idiosincrasia configúrana o galego e o español. Todo o que veña a maiores será bo. Pero máis tempo non garante unha mellor aprendizaxe (se 12 anos de gramática non foron suficientes, non penso que un 33 % coa mesma ratio e a mesma metodoloxía durante 12 ou 15 anos sexan a solución). Diminuír a ratio e cambiar a metodoloxía sería máis eficaz, o único eficaz.
Iso sen esquecer que os nenos e nenas están construíndo o seu mundo en base á linguaxe durante os primeiros anos: construír os conceptos matemáticos ou o coñecemento do mundo en 1º, 2º, 3º de primaria, precisa dunha linguaxe próxima, coñecida, que permita estruturar o que se aprende na nosa mente.
Son mestra e penso que non debemos subestimar aos nenos e nenas: sempre nos sorprenden e poderían cun 33 % de inglés e con todas as trabas que lles poñamos. Pero os mestres e mestras soemos aplicar o sentido común. E o sentido común brilla pola súa ausencia nas bases do señor Feijóo. O que máis me amola é que pense que calquera chapuzada nos pode valer. Que nos tome por imbéciles. Traballamos a reo ante todas as trabas políticas e propagandísticas que nos queren poñer (os medios de comunicación teñen grande parte de culpa), porque nos aferramos á vocación e á procura do ben para os nenos. Fan os políticos o mesmo?
Mónica.
Xa coñece vostede a longa misiva que hoxe mesmo a Consellaría de Education nos enviou ao profesorado?
ResponderExcluirLéaa, faga favor, e coméntenola noutro artigo. Non ten desperdicio.
Carlos, eu nom concordo com algo que dis. Perante as relaçons entre e com as línguas a gente posiciona-se. Fazemo-lo nós com o galego, com o espanhol ou com o português. Decidimos nom aceitar determinadas imposiçons lingüísticas ou situaçons derivadas das dinámicas do poder. Pois bem, eu nom aceito que o inglês seja a melhor língua franca. Tampouco que seja necessário o seu ensino, polo menos focado desde esse ponto de vista. Se o inglês chegou à expansom actual foi porque é a língua do país mais poderoso da terra, os EEUU, como antigamente o foi do grande império británico.
ResponderExcluirOs mecanismos comerciais fam que ouçamos praticamente a totalidade da música doutros estados em inglês, e mesmo que haja grupos daqui que nom hesitem em cantar naquela língua por preconceitos que lembram aqueles que levam muitos a escolher o espanhol frente ao galego. As dinámicas de poder e de língua nom se circunscribem exclusivamente às relaçons entre galego e espanhol, senom que se estendem para além das nossas fronteiras, por todo o planeta. Nom é por acaso que o inglês entre no baile desta vez. Ora bem, somos nós a escolher que modelo queremos, tamém no nível internacional.
Suso Moinhos