20 de fev. de 2010

Carta aberta a Don Mauro Fernández

Xabier P. Docampo publica en Vieiros unha moi recomendábel carta aberta a Mauro Fernández, en resposta a un artigo que este último publicou na edición galega de El País:

Carta aberta a Don Mauro Fernández

Prezado señor: Lin antonte un seu artigo titulado Entre impositor y galegófobo que, aínda que non me sorprendeu despois de telo escoitado a vostede no “Seminario sobre lingua, sociedade e política en Galicia” celebrado o 1 de decembro do pasado ano no CCG, contén cousas que me producen unha gran perplexidade.

Comezo por non dar comprendido a razón do uso que vostede fai da primeira persoa do plural. Certo que ese nós pode ter raíz maiestática en virtude de que vostede quere darlle ao texto un ton episcopal, o dunha carta pastoral dirixida aos fieis da súa doutrina. Outra razón para dirixirse aos lectores desde ese nosoutros pode estar en que porta vostede a representatividade dalgún grupo ou pluralidade. Entón sería ben poder identificalo, así que, vostede sabe quen son, fágao público. Eu barrunto de quen se trata, mais debo recoñecer que só son xogos da miña dedución, que é tanto como dicir da miña imaxinación.

Do contido do artigo quería atender a un par de cousas que non creo que se deban deixar sen comentar. En primeiro lugar ben sabe vostede que o xogo de dicirse equidistante a base de se arrogar o dereito a situar os extremos onde a un lle peta, é un xogo falsario de lado a lado. Porque, mire señor Fernández, se eu fago o mesmo, quero dicir, se poño o extremo dereito nas súas teses, vostede é, sen dúbida algunha, un galegófobo. O mesmo ocorre cando fala de equilibrio. A que equilibrio se refire? A aquel que, no mellor dos casos, só podería contribuír a manter a situación actual na balanza social do binomio galego-castelán? Pois mire, iso está moi perto das teses da galegofobia: deixar todo como está, que a inercia social se encargará de facer desaparecer o galego. Hai que se asegurar, din, de que non se leven a cabo ningún tipo de accións que promovan o uso do galego, facer del unha lingua inútil. Deixalo na escola (iso si, baixo férreo control), porque as competencias inútiles abandónanse.

Vese por onde quere ir vostede, señor Fernández, está claro que o obxectivo que ten posto no punto de mira é o PXNLG. E non está só neste camiño, non nos enganemos, o señor Secretario Xeral de Política Lingüística xa fixo declaracións nese mesmo ton. E para iso non se lle ocorre cousa mellor que negarlle lexitimidade ao Plan porque propón medidas de protección do galego e de promoción do seu uso. Vostede non é unha anomalía por falar castelán, cadaquén fala o que lle peta e nada teño eu contra o castelán nin contra os seus falantes, éo por negar o dereito á promoción do uso do galego. Agora compréndense ben as súas teimas, por máis que a realidade e a maioría dos expertos digan o contrario, en afirmar que o galego está a recuperar falantes: desarmar calquera acción de recuperación, conseguir que baixemos os brazos e os entreguemos ás alxemas. O seu (de vostedes, sexan quen sexan) intento de desprestixiar o PXNLG é unha argucia miserábel. Eliminar as referencias, desarmar as defensas para que o baleiro trague e destrúa a nosa lingua, merece o desprezo do pobo galego.

Señor Fernández abandone calquera disimulo. Negarlle ao pobo galego o dereito a se dotar de medios normativos de promoción do uso da súa lingua propia nunha situación coma a actual é un acto claro de galegofobia.

Atentamente,

Xabier P. Docampo

Um comentário:

  1. Ao final vai ser certo iso de que o tempo pon a cada un no seu lugar... Cando lin o informe do CCG sobre o decreto fíxome moita graza iso de "non se pode negar que o castelán é a lingua hexemónica"...

    ;)

    P.

    ResponderExcluir