A Coordinadora da CIG viña prestando especial atención á situación creada nos departamentos de Informativos e Programas durante as últimas semanas, sobre todo a raíz das mobilizacións contra o Decreto do Plurilingüismo.Tras debater sobre os feitos relatados por algúns dos seus membros e corroborados por diferentes testemuñas de traballadores, acordou propor ó Comité de Empresa a aprobación dun escrito denunciando a situación. Pero por diferentes causas alleas á vontade desta Coordinadora, o Comité non se reuniu este pasado xoves como adoita facer e como estaba convocado.
Daquela a CIG considera que non se pode agardar máis para reaccionar ante uns feitos que consideramos graves e que expomos de contado.
Na xuntanza de hoxe a CIG ACORDOU:
Lamentar e condenar as ameazas que a Subdirectora de Contido, Rosa Sierra, lanzou a toda a redacción, de viva voz , nun intento de meterlle medo ós traballadores que “ousen” falar de vetos ós redactores.
As súas palabras, dirixidas a toda a redacción , “a partir de ahora voy a vetar de verdad” , nun ton exaltado e ameazador, non se poden consentir nunha empresa cunhas relacións laborais ordenadas e razoables. Por se non abondase , ó dia seguinte chegou a repetir a advertencia : "Hasta ahora fui una señora. A partir de ahora se van a cagar”, frase pronunciada nunha conversa cun traballador pero en ton moi alto e perfectamente audible en boa parte da redacción, con clara intención de que todos a escoitasen.
Os feitos descualifícanse de seu e non pasarían de ser unha lamentable “saída do testo” se non fose porque representan un intento de asustar os traballadores ós que se considera co-partícipes do “pecado” de preguntar polos motivos dunha decisión da Dirección. Estas ameazas son, ademais, un ataque á independencia profesional dos xornalistas, incompatible coa propia existencia dun medio público como a Radio Galega.
Este episodio complétase co tratamento informativo que tivo todo o referido ó polémico Decreto, tratamento no que a RG amosou, unha vez máis, que está só para servir os intereses da Xunta.
Poderase negar esta afirmación, pero a realidade é teimuda en demostralo. Dende entrevistas a eito a prol do decreto, con preguntas do entrevistador cargadas de opinión, ata intentos de impoñer convidados en determinados programas, pasando por ordes para abrir as información con determinadas frases, compuxeron un panorama de manipulación informativa só superado coa propia noticia do día da manifestación contra o Decreto. Chegouse a facer “contra-información preventiva”: na véspera da protesta, o Redactor Xefe xa tiña escrito un texto con cortes de voz de persoas opostas á xornada de folga no ensino. Se os convocantes non tiveron voz para falar da incidencia do paro, si falaron un representante dunha ANPA e o secretario dun CEIP que, a título particular , amosaron a súa oposición á folga.
E nestes días as medidas de control sobre o que escribe o persoal, subiron un grao: ós traballadores de programas e ás delegacións, obrígaselles a escribir no sistema aberto, algo que se levaba pedindo dende hai tempo por necesidades operativas. Pero adoptar agora esa decisión parece obedecer a un intento dos xefes por aumentar o control preventivo da censura, máis que por solucionar os problemas que había de acceso á información.
Resulta particularmente rechamante que estas actuacións partan da Directora de Contido e do Redactor Xefe, dúas persoas que ata hai pouco tempo tiñan responsabilidades ó máis alto nivel na representación dos traballadores: presidenta do Comité de Empresa e Delegado Sindical, respectivamente.
A Coordinadora da CIG considera que sería fundamental, para tratar de atallar esta desfeita na política informativa da RG, botar a andar, dunha vez por todas, os Consellos de Redacción, cuxa constitución está dende sempre recollida nos distintos Convenios Colectivos da CRTVG. E nese senso lembrámoslle ó Director Xeral que moitos dos membros do seu actual equipo directivo na TVG foron arduos defensores, radicais reclamantes, da creación deses Consellos. Nas súas mans está, agora, facelo. Nese labor pode contar con este sindicato.
Acórdase dar publicidade a este escrito e remitirlle copias ó Director Xeral e á Directora Xerente da Radio Galega, como responsables últimos de todo o aquí recollido, facéndolles a petición de que reclamen dos seus mandos intermedios un pouco de sosego e sentidiño, un chisco máis de profesionalidade e o respecto á liberdade no exercicio xornalístico dos seus locutores e redactores. Seguiremos tentando que o Comité de Empresa se pronuncie sobre a situación.
16 de fev. de 2010
"A partir de ahora voy a vetar de verdad"
Reproduzo o comunicado emitido pola sección da CIG na CRTVG, onde se recollen algúns acontecementos sobre a manipulación informativa da Radio Galega na xornada de folga e manifestación do 21 de xaneiro. Urxe unha investigación a fondo, porque isto non é de recibo nos nosos medios públicos:
Assinar:
Postar comentários (Atom)
Esta "señora" é o peor, malfalada, maleducada, manipuladora, farsante, inepta e extremista.
ResponderExcluirSobre todo, INEPTA. É a subdirectora da RG porque NINGUÉN quixo traballar con Rosa Martínez... ¿Por qué non preguntades na CRTVG a cantos antes que a Rosa Sierra e Javier Ares (director de informativos) lles ofreceron os cargos que agora ostentan? Feijóo nunca debeu deixar a RG nas máns de Rosa Martínez e destes dous socialistas de pro agora reconvertidos en (pseudo)pepeiros radicais...
ResponderExcluir