14 de fev. de 2010

Pero bicas ben e gústame estar contigo

Se hai uns días actualizaba o blog co desgarro do desamor nos versos de Pilar Pallarés, hoxe é a vez da celebración do gozo cómplice e correspondido, aínda que sexa sen pronunciar sílabas supremas e sublimes como as que tanto se estilan nunha data como a de hoxe.

Os dous poemas a seguir pertencen a Delicia, de Yolanda Castaño, e poden encontrarse en Erofanía. Triloxía poética (1995-1998), a recente compilación dos tres primeiros libros da autora (con Elevar as pálpebras e Vivimos no ciclo das erofanías), que vos recomendo que compredes e leades. Estas obras marcaron un punto de inflexión na poesía galega, cun renovado protagonismo feminino que fala, libre, do sexo e do desexo.

Se falase de ti non pronunciaría
as sílabas supremas
pero bicas ben e gústame estar contigo.
O meu verde co teu azul.
Delirio de ramas.
O meu verde co teu azul.

Abstéñome de pronunciar esas sílabas sublimes
pero gústame como abrazas e o teu pelo fai xogo co teu vestido.

Os teus dedos patinan nas miñas medias.
O meu verde co teu azul.



DELICIA

Aliméntasme co sangue da fresca confitura
deses marmelos loiros
que amarelan coa maturidade do abrazo.
Epiderme en ambrosías
delicadamente zumosas e lentas coma vagas lentas.
Ven a confortar, a sustentarme o padal enfeitizado
para caer encol de min coma maná...

Agasallas as papilas expectantes con macedonia escarchada,
nésperos de mel e leves malvasías.

Deixa que sexa
unha boca de fame cada poro. Nútreme
das froitas e dos níscalos
deste estío delicioso



Nenhum comentário:

Postar um comentário