A plataforma Queremos Galego, constituída por case 700 entidades do máis diferente tipo, chama a sociedade a unha mobilización constante até a retirada deste decretazo contra a lingua galega.
Rexeitamos o decretazo presentado polo goberno de Alberto Núñez Feijóo polos seguintes motivos:
1.- Porque non garante que os estudantes finalicen cada etapa educativa coas destrezas lingüísticas tamén en galego.
2.- Porque as nenas e os nenos das cidades e principais vilas non terán ningún contacto co galego até cumpriren os seis anos. Toda a escolarización en educación infantil será na chamada “lingua materna” maioritaria das familias.
3.- Porque é unha proposta feita de costas á sociedade galega. Non coñecemos outro goberno democrático do mundo que conte cun rexeitamento unánime a unha reforma educativa e que siga adiante a pesar de ter en fronte a todos os sindicatos, todas as asociacións estudantís e –excepto unha- todas as asociacións de nais e pais.
4.- Porque aplicar este decretazo vai supor enfrontamentos nos centros. A Xunta fai deixamento das súas funcións e traslada o problema ao profesorado, ao estudantado e ás familias, que serán parcialmente consultadas.
5.- Porque estas consultas parciais ás familias son pura propaganda da Xunta, pois en infantil preguntarase pola lingua familiar para que o ensino só se imparta no idioma da maioría e en primaria preguntarase cada catro anos por cal bloque de materias se pode impartir en galego. Neste disparatado deseño non se tiveron presentes nin criterios pedagóxicos nin o dereito a unha educación en igualdade.
6.- Porque este decretazo vulnera leis básicas (a Lei de normalización lingüística), acordos unánimes do Parlamento (o Plan xeral de normalización da lingua galega) e tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos (a Carta europea de linguas rexionais ou minoritarias).
7.- Porque este decretazo estabelece que a Consellaría de Educación pase a fomentar a edición de libros de texto en español e en inglés, a pesar de contaren cun mercado editorial fortísimo. A Xunta diminuirá así os fondos económicos para a promoción de material pedagóxico en galego, a pesar de ter serias carencias aínda en moitos ámbitos.
8.- Porque abre as portas a que se expediente ao profesorado que imparta en galego algunhas materias, como matemáticas, física e química e tecnoloxía.
9.- Porque con esta norma pasamos a ser a única comunidade do Estado español na que se limita que algunhas materias non poidan ser nunca impartidas na lingua propia e na que se posibilitará que os nenos e as nenas non o escoiten na escola (salvo como actividade extraescolar) até faceren os seis anos.
10.- Porque é unha agresión á dignidade da nosa cultura que haxa un goberno da Xunta que ande ás patadas coa lingua propia do noso país.
Ante esta situación, cómpre continuarmos cunha mobilización intensa, á cal está chamada o conxunto da sociedade, tanto falantes de galego como falantes de castelán. O goberno de Núñez Feijóo quere acelerar a extinción do galego, levándonos a un marco legal preautonómico. De nós depende evitalo!
PAREMOS O DECRETAZO CONTRA O GALEGO!
Nenhum comentário:
Postar um comentário