Hai que defender a lingua
A próxima mobilización nacional, o macroconcerto do 17 de abril
"Hai que defender o idioma como sexa", comeza un coñecido poema de Manuel María. Estamos nun momento histórico crucial para levar a cabo o mandato dese verso: botar man de todas as nosas forzas para defendermos a lingua con todos os recursos da convicción e da presión democrática. Vivimos hoxe nunha verdadeira encrucillada na que nos toca definir se imos permitir que destrúan o idioma propio do país ou se, polo contrario, imos ser a xeración que soubo facerlle fronte a esta lexión de enterradores.
A táctica do goberno de Alberto Núñez Feijóo é apurar ao máximo no primeiro tramo da lexislatura todas as medidas máis agresivas contra a lingua galega. Así, consegue matar dous paxaros coa mesma pedra. Por unha banda, amósalle resultados aos sectores máis extremistas do seu partido, os que o auparon á presidencia da sucursal galega do PP e á presidencia da Xunta. Pola outra, pretende cansar a base social máis activa na defensa do idioma, enviando a mensaxe de que as mobilizacións non serven para nada e que o futuro da lingua está decantado sen remedio.
Debemos ser conscientes de que esta batalla vai ser longa, ao menos para toda a lexislatura, e baixo ningún concepto nos podemos permitir desfalecer. No peor dos casos, non llo imos pór fácil; mais non estamos no peor dos casos.
Xa houbo varias contas que lle saíron bastante furadas a Alberto Núñez Feijóo á hora de aplicar o seu plan de enterro do galego. Quixo comprar vontades no mundo cultural fichando un sociolingüista que tiña certo prestixio para que dirixise o proceso de desmantelamento da oficialidade do noso idioma. A confusión nalgúns sectores durou semanas, mais hoxe todo o mundo ten claro que o papel de Anxo Lorenzo como enterrador do galego só pode ser visto con vergoña allea.
Pensaba tamén Núñez Feijóo que as mobilizacións en defensa da lingua de Galiza serían "cos mesmos de sempre" e encontrouse coas maiores manifestacións en defensa da cultura propia de toda a historia da nosa nación. Unha delas, lembrémolo con orgullo, foi a terceira maior concentración da historia democrática do noso país.
Aínda que o neguen publicamente, o propio PP sorpréndese nos seus comités de dirección por tal afluencia, que nin eles foran capaces de conseguir perante crises como as dos incendios, a pesar da súa reputada maquinaria organizativa. Tamén lles causou abraio ver a tremenda mobilización de xente nova nos actos convocados contra o decretazo, especialmente a manifestación nacional que concluíu o pasado 21 de xaneiro na praza máis emblemática do país, a praza do Obradoiro.
Botaba contas o actual presidente da Xunta de que, xa que todos os estudos indicaban que os índices de falantes nas cidades caen en picado, era posíbel subir o nivel das agresións até niveis inéditos. E encontrouse con milleiros de falantes habituais de español subscribindo manifestos en contra da súa política lingüística, participando en folgas e secundando actos do máis diferente tipo, baixo a exclamación de que a lingua galega é cousa de todas e todos. Para máis inri, as estatísticas que se coñeceron sobre o nivel de rexeitamento do decretazo demostran que é máis repudiado nas áreas urbanas, que aínda estando máis desgaleguizadas non secundan nin comprenden tal nivel de ataque contra o idioma propio do país.
Confundiuse Alberto Núñez Feijóo en moitos dos seus cálculos á hora de ponderar a aplicación do plan que lle dixeron que tiña que aplicar contra a lingua galega. Pensaba que con ter o apoio dos principais medios, das principais corporacións empresariais e o poder institucional da Xunta xa lle abondaría, mais aínda resistimos con moitísima forza. Da nosa mobilización constante, intelixente e entusiasta depende que se continúe confundindo.
A plataforma Queremos Galego convocou concentracións de urxencia a semana pasada en contra do decretazo, nas cales se leu este manifesto en forma de decálogo. Cómpre difundirmos o máximo posíbel esta información, para que se coñeza a verdade que a propaganda oficial quere ocultar e maquillar.
Estes dez motivos para recusar o decretazo estarán tamén presentes no macroconcerto que a plataforma cidadá organizou para o vindeiro 17 de abril en Pontevedra.
Nenhum comentário:
Postar um comentário