29 de mar. de 2010

Manipulación informativa contra a defensa do galego

Velaquí o meu artigo desta semana en Galicia Hoxe:

Linchamento e resistencia
Manipulación informativa contra a defensa do galego

A pasada segunda feira –hai, pois, xustiño unha semana– fun impartir unha conferencia nun instituto de Lugo. Nesa ocasión era sobre a historia da lingua galega na etapa autonómica, abordando de forma esquemática os piares sobre os que se sostén (sostivo?) o chamado proceso de normalización, coas súas contradicións, as súas fortalezas e as súas debilidades.

Dentro da campaña de demonización de todo o que arrecenda a defensa ou reflexión sobre a situación do idioma do país, parece que tamén lle vai tocando a vez ao feito de ofrecer conferencias nos centros de ensino. Como pode ser que os equipos de (aínda) normalización lingüística promovan actos sobre a normalización lingüística e que poidan ter en conta a participación da Mesa pola Normalización Lingüística? A quen se lle ocorre tal cousa, che!

O caso é que andaba eu máis ou menos na metade desa conferencia en Lugo cando entra no salón de actos do centro un equipo de televisión. Agardan un pouco mentres eu falo, mais ao cabo dun momento saen tal e como entraron.

Tras un pequeno contraste de opinións, finaliza o acto e vexo que no meu teléfono móbil teño varias chamadas perdidas. Resulta que un equipo da TVG quería falar comigo para que respondese a unha noticia que o ABC publicaba ese mesmo día en portada. “E vaia portada!”, pensei cando a vin xa cos meus ollos. Unha foto tremenda dunha concentración de xente tras unha pancarta que pon “En galego, é de xustiza” e con persoas que tamén sosteñen cartolinas con textos como “Falamos galego e temos dereitos”. O titular anuncia que a entidade que promovera esa protesta recibiu montes e moreas de diñeiro do bipartito. Por alí no medio desa imaxe andaba Carlos Callón, a quen oportunamente sinalaban. Tan mao ha de ser ese tipo, a pesar do seu sorriso falso, que a min non sei se me daría medo se o encontro pola rúa, tan obsesionado que parece que está con imporlle o galego a todo o mundo e prohibir o español facendo que os nenos sexan inmensamente infelices. O problema, no meu caso, é que non me queda outra que saudar a ese tipo cada mañá no espello. Cada un ten que ter a súa cruz!

Que o Callón sexa un tipo tan desagradábel non é de estrañar, pois ao cabo ben se ve que son así todos os da Mesa. Acórdome agora dunha enquisa que fixo un xornal coruñés na cal se preguntaba algo así como: “¿Está usted de acuerdo con que A Mesa amenace a comerciantes por no usar el gallego?” O 100% dos participantes no inquérito responderon que non estaban de acordo, claro. Eu tamén llo respondería. Se mo preguntasen. Claro que tamén estaría ben preguntar, punto e seguido, cal era a miña opinión sobre que se manipulase e difamase realizando enquisas con preguntas falaces.

Mais volvamos á situación. Aí estou eu lendo o abecedario e a súa suposta exclusiva, pois despois virá un equipo da TVG para que eu dea a miña valoración sobre o tema. Algo adiantamos desde o pasado mes de xullo, cando a televisión pública sacou exactamente a mesma noticia, só que sen preguntarlle a ninguén da Mesa, até que a asociación ameazou con levar o tema aos tribunais.


A disque exclusiva estaba inzada de excesos verbais diversos, cando non insultos directos, sobre todo á intelixencia dos lectores e lectoras. Por non acertar, non daban nin a información verdadeira sobre onde se realizara a foto que puñan. Sinalaban: “Concentración simbólica de la Mesa por la Normalización Lingüística en julio de 2009 perfilada para ahondar en la inmersión del gallego en el sector de la Justicia.” Iso cadra moi ben coa imaxe da imposición que se quere vender, aínda que, en fin, cun 3% de sentenzas en galego ao ano xa é difícil considerar que a nosa lingua está imposta nese sector. Do uso desinformado da “inmersión” neste caso xa falaremos con máis vagar noutro momento, porque dá para pensar bastante.

A foto correspondíase na realidade cunha concentración realizada por esas datas en repulsa á denuncia que o xuíz decano da Coruña presentara contra quen isto subscribe. O motivo? Que un servidor, como portavoz da Mesa, lle afeara publicamente unha súa chulesca declaración, recollida por varios medios de comunicación, en que sinalaba: “Yo no tengo ningún rubor en utilizar la ilegalidad del topónimo La Coruña”. Desta denuncia, por certo, nunca máis se soubo. Igual que tampouco máis nada se soubo da que ía presentar contra A Mesa non sei que grupo que actúa contra o galego dicindo que coaccionamos á rapazada para que acuda a manifestacións. E tampouco se soubo máis nada desoutra denuncia que disque ían presentar hai uns meses contra o presidente da Mesa, mesmo indicando algún xornal en portada que había indicios de que cometía varios delitos e ameazaba a comercios. Tamén ficou perdida no titular do momento outra denuncia máis de Galicia Bilingüe contra A Mesa porque a asociación en defensa dos dereitos lingüísticos disque vulneraba a Lei de protección de datos. Seguro que me queda algunha outra denuncia-ficción no tinteiro. Vemos que estamos ante un uso espurio do nome da xustiza nos medios, só para estender infundios, dentro das campañas sucias a que nos están a afacer os neocóns.

Neste caso, cando menos o dito xornal non chegou a mentir até tal punto de falar de ilegalidade ningunha. A pseudoexclusiva era só que A Mesa recibira diñeiro para as súas actividades durante o goberno bipartito. Case 695.000 euros durante catro anos, advertían alarmados.

Esas contas querían presentalas como un desbarate ou unha dilapidación de diñeiro, mais se calquera colle a calculadora, bota as contas do que significan anualmente e compara dogas e boletíns oficiais verá que, aínda sendo A Mesa a organización cultural con máis socias e socios do territorio galego, dista moito de ser a que máis axudas públicas recibe para as súas actividades. Tamén nese período.

En calquera caso, na noticia o que había sobre todo eran os excesos verbais antes comentados e moitas insinuacións, non ningunha mención a ningunha ilegalidade nin suborno nin enriquecementos dos dirixentes da asociación nin malversación de fondos nin prebendas. Porque nada diso hai por moito que rebusquen e ulisquen na súa obsesión doentía. Só se daba a entender, e non de forma moi velada, que houbera favoritismo por parte do bipartito, especialmente do BNG. O dato revelador que ofrecían é que A Mesa tivera máis axudas públicas nese período que durante todos os gobernos de Manuel Fraga Iribarne, mais en lugar de falaren das listas negras de antes e do tratamento igualitario de despois, preséntase xusto o mundo ao revés. Mais a cuestión central que formulaban era outra: Como se pode permitir que se gaste diñeiro en promover o galego? A que vén iso de subvencionar correlinguas e campañas de fomento deste idioma? Unha cousa é que todos paguemos cos nosos impostos a promoción do español, que iso está ben e non ha de ser noticia, mais... a que vén iso do galego?

'agalega.info


Os responsábeis de informativos da TVG non quixeron perder a oportunidade de amplificar a campaña sucia. Así que aí me vin tendo que dar a miña visión para tentar contrarrestar o novo exercicio de manipulación informativa que se aveciñaba. As miñas declaracións, que non saíron así nos telexornais, salientaban que esa era unha noticia sen noticia, porque A Mesa ten unhas contas de cristal, mais que facer de altofalante periódico desta difamación demostra a manipulación e degradación dos medios públicos galegos por parte do PP. Curioso que a RTVG case non cubra as informacións da Mesa ou de Queremos Galego e que, no entanto, coloque cada certo tempo como unha das noticias do día que A Mesa reciba axudas públicas, pois se todos os que reciben axudas públicas son noticia, non haberá máis espazo nos informativos. Lembraba eu tamén (isto foi o que si saíu) que A Mesa é a maior asociación cultural de Galiza e que é lexítimo que solicite axudas e subvencións para as súas actividades, como fai todo o mundo.

No ABC aínda quixeron seguir coa manipulación uns cantos días máis, polo que na cuarta feira pola tarde me chamaron para preguntarme a opinión sobre outras cousas que publicaran esa mañá, na mesma liña, mais atacando tamén que participemos en conferencias en centros de ensino. Eu propúxenlle dúas liñas de información e investigación que si serían noticia. A primeira podería ter como titular: “O Goberno de Núñez Feijóo négalle as axudas para actividades á maior asociación cultural de Galiza”. A segunda podería ser algo así como: “Descubrimos que fixo o ABC co diñeiro que recibiu durante anos da Xunta en partidas de promoción do galego”. Parece que nin a unha nin a outra lles interesaron.

3 comentários:

  1. Pois tal e como anda a administración xudicial española, que non Xustiza, ándate con ollo, amigo Callón, si che poñen unha denuncia.

    É evidente que sairás libre e sen cargos pero pasarás anos imputado á agarda de xuizo para escarnio público da túa persona e da benquerida Mesa.

    Si poden con Garzón, poden tamén con Callón.

    ResponderExcluir
  2. Eu como o falar non ten cancelas, aínda que non séi ata onde pode chegar esta mal chamada xustiza, dubido que poida haber algún perigo contra Callón, quen a fin de contas é a cabeza visible da voz de unha inmensidade galegodefensora, e non me parece que teñan moito que facer con denuncias ilexítimas que só as fan para crear mala sona a Callón, á Mesa, a Queremos Galego, e xa de paso ao Bloque, supoño que só por eso as fan, por simple, desleal coa lei e deshonesta publicidade, porque senón daríanlle tamén o mesmo espazo publicitario ás réplicas d@s aludid@s, sin medo.
    Ánimo Callón, e foooorza, pero mira de ter ben cubertas as costas, que destes non te há chegar de frente.

    ResponderExcluir
  3. Duro con eles Carlinhos!
    Son poucos pero moi poderosos, mais contas con moita xente que che apoia.
    Aperta.
    Na Galiza en galego.

    ResponderExcluir