30 de abr. de 2010

Xa está nas librarías En castellano no hay problema

Hoxe mesmo está a chegar ás librarías, coas novidades da semana, o volume En castellano no hay problema.


A súa primeira presentación pública será o 8 de maio ás sete do serán na Feira do Libro de Santiago (na Alameda). Participarán Pilar García Negro, Caetano Díaz (director de Galicia Hoxe) e Manuel Bragado (director de Edicións Xerais). Estades convidados todos e todas!

Outro día conto un pouco a historia da portada. Agora teño que saír a participar na presentación da manifestación do 17 de maio. Temos que ateigar o Obradoiro nesa data!

29 de abr. de 2010

Dúas boas noticias para os dereitos das e dos homosexuais

Para alén da polémica sobre as palabras de Evo Morales, nas que entrou moita xente con boa intención, levada pola deformación dos medios, estes días producíronse dúas moi boas noticias para os dereitos das e dos homosexuais no Estado español.

A primeira, que o Tribunal Supremo confirmase a inhabilitación por dez anos ao xuíz homófobo Fernando Ferrín Calamita. A xustiza considera probado que este maxistrado prevaricou ao atrasar de forma deliberada e maliciosa durante case dous anos a adopción dunha nena por un matrimonio lésbico; en concreto, que a filla biolóxica dunha das mulleres, concibida por inseminación artificial, fose filla adoptiva da outra. Que lle acontecería á pequena se durante este tempo lle pasase algo á nai biolóxica e a outra nai ficase sen dereitos por causa da homofobia deste xuíz? E que acontecerá cando dentro dunha década este señor volva pór a toga?

A outra boa noticia desta semana é esta publicidade da Caja Mediterráneo:

Oxalá se concrete a fusión, polo ben do noso desenvolvemento, e a caixa galega resultante faga algunha campaña publicitaria coma esta, polo ben tamén do noso desenvolvemento e da convivencia. Porque os homosexuais tamén existimos!

Paremos o decretazo

Unha ilustración xenial de Luís Davila:

28 de abr. de 2010

Noticias e noticias

O goberno boliviano manifestou que as palabras de Evo Morales foron terxiversadas e confirmaron que el en ningún momento se referiu á homosexualidade como desviación. No entanto, algúns medios do Estado español continúan coa farsa asegurando que iso é unha desculpa. Pareceume interesante que o portavoz da Presidencia de Bolivia, Iván Canelas, vinculase ese recoñecemento da diversidade sexual cunha "profunda tradición indíxena".

Coa polémica, souben tamén que non só é que Evo Morales teña sido "acusado" de maricón por sectores que se opoñen á súa política transformadora, senón que tamén fixeron campaña contra a nova Constitución de Bolivia (do ano pasado) porque a proposta de Evo pasaba a "prohibir e sancionar" a discriminación por "orientación sexual". De feito, é das poucas constitucións do mundo que inclúen tal aspecto no seu articulado; a do Estado español, por certo, non o recolle.

A dupla vara de medir dos medios máis decisivos do mundo non é novidade, xa o sei. Mais cando esta mañá lin que expulsaron uns pallasos por iren de acción humanitaria a Palestina, despois de detelos e interrogalos sen as garantías procesuais debidas (sen acusación, incomunicados...), imaxinei que acontecería se iso mesmo que fai Israel o fixese Bolivia ou Cuba...

27 de abr. de 2010

De Pontevedra a Muros

Cada vez, conforme se aproxima o 17 de maio, a actividade vólvese máis frenética. Esta mañá estiven en Pontevedra co compañeiro Kiko da Silva para denunciarmos unha multa, ben irregular, que quere imporlle a Delegación do Goberno a Queremos Galego porque entende que non solicitou con suficiente antelación a licenza para mobilizarse durante media hora nunha praza peonil en Pontevedra... A Delegación do Goberno enténdeo como falta moi grave e aplícalle máis do duplo do mínimo tipificado para este tipo de sancións. Funciona a Delegación con este criterio cos partidos políticos que festexan os resultados das eleccións sen solicitaren licenza ningunha? E aos seareiros futbolísticos? De verdade Queremos Galego causou algún inconveniente a alguén?

Por outra banda, esta tarde comezarei a impartir un curso no Concello de Muros baixo o simpático nome "Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez". Esta acción enmárcase dentro dunha campaña que A Mesa desenvolve en colaboración coa Deputación da Coruña. Ao acto de presentación acudirá tamén o alcalde da vila, Domingos Dosil.

26 de abr. de 2010

Unha ferramenta

Velaquí o artigo desta semana en Galicia Hoxe:



Unha ferramenta
A Mesa prepárase para o seu 25 aniversario


Esta pasada fin de semana, A Mesa pola Normalización Lingüística realizou en Santiago de Compostela a súa asemblea xeral ordinaria. A próxima vez que se volvan reunir os socios e socias desta que é a maior organización cultural galega terán tamén que inflar os pulmóns para sopraren as 25 candeas da entidade. Un cuarto de século de actividade ininterrompida na defensa do noso idioma. Un cuarto de século ao servizo de Galiza.

Nunca antes na súa existencia esta organización tivera que afrontar unha Xunta cunha política tan decidida de desmantelamento da oficialidade do galego e, ademais, cuns ataques feroces para destruír a propia Mesa; moléstalles que haxa unha ferramenta social que actúe e defenda a lingua. A asemblea de socias e socios da entidade considerou que aínda que sempre haxa erros para recoñecer e corrixir, a organización soubo e sabe estar á altura das circunstancias.

Xusto despois de que o PP de Núñez Feijóo conseguise a maioría absoluta por un deputado e anunciase unha política implacábel contra o galego, A Mesa convocou unha manifestación nacional para o Día das Letras. Cumpría plantar cara e lembrarlle ao novo goberno que gañar as eleccións non daba licenza para destruír unha cultura. Seiscentos colectivos da máis diversa natureza responderon á chamada da Mesa e converteron o 17 de maio de 2009 nunha data para a lembraza. Até ese momento, foi a maior manifestación da historia que tivo como única bandeira a defensa da lingua. A praza da Quintana abarrotouse dúas veces e moita xente nin tan sequera deu entrado.

Desde A Mesa considerouse de grande importancia soldar a lograda unanimidade social en defensa da lingua, para o cal o seguinte paso foi promover a creación dunha plataforma unitaria. O seu nome, Queremos Galego, recolle as ideas de amor polo noso e da necesidade de o demandarmos activamente para que viva e perviva.

A maioría dos esforzos nacionais e comarcais da Mesa centráronse nos últimos meses en que frutificase ese movemento que impulsou. Para a avaliación desta táctica, os datos falan por si sós. En cinco meses, bateuse unha nova marca de participación nunha manifestación en defensa do galego. O 18 de outubro de 2009 case se duplicaron os asistentes á anterior mobilización, de xeito que algunhas alarmas comezaron a saltar no PP. Como podía ser que a sociedade galega se mobilizase masivamente pola súa lingua? No entanto, a mensaxe dos seus dirixentes foi –e é– continuar coa desprotección do galego, aplicando os plans deseñados na rúa Génova sen lles importar a opinión da nosa sociedade, nin tan sequera dos electores galegos do seu partido.

As respostas ao decretazo caracterizáronse pola súa axilidade e pola notábel participación. No Goberno galego quixo evitar a réplica e a contestación, sabedores do rexeitamento que teñen as súas imposicións unilaterais contra a nosa lingua. Convocatorias aos medios con marxe de horas, presentacións en períodos non lectivos (mesmo na véspera de fin de ano), mudanza a última hora de lugares para evitar as mobilizacións... No entanto, logrouse desenmascarar a prepotencia deste goberno e impediuse que as medidas máis lesivas puidesen venderse co sabor hiperazucarado da propaganda oficial.

O 21 de xaneiro deste ano foi unha nova data para a historia. Aseguran as organizacións do sector que non se recorda nestes trinta anos un paro tan masivo do ensino non universitario. As impresionantes fotografías da praza do Obradoiro derramando xente polos catro cantos son bo testemuño do clamor social contra o decretazo. A última grande mobilización con ese motivo foi a do sábado 17 de abril en Pontevedra, cun macrofestival histórico (non queda outra que redundar con este adxectivo!).

O outro eixo da acción de Queremos Galego é a recollida de sinaturas para unha lei de garantía dos nosos dereitos lingüísticos. Trátase de reforzar xuridicamente o noso idioma nos espazos básicos que están a ser máis agredidos pola presidencia de Núñez Feijóo. Para evitaren a campaña social, rexeitaron desde a Mesa do Parlamento que este texto puidese ser tramitado como iniciativa lexislativa popular. Mais o plenario da plataforma decidiu que, do mesmo xeito, se debería executar a acción para recabar adhesións individuais a unha proposta de lei que amose unha alternativa clara a estes ataques.

Aínda que nestas cuestións se estivo e está a centrar o labor dos grupos de zona da Mesa, tentouse non descoidar o traballo propio da asociación no que ten a ver coa súa dimensión territorial. Neste período, por exemplo, a Xunta Directiva, o máximo órgano de dirección entre asembleas, aprobou un novo regulamento de zonas, instrumento básico para unha mellor coordinación e ensamblaxe nacional. Ao tempo que se manteñen no actual mapa da asociación as 18 zonas xa existentes, realizáronse asembleas dirixidas a aumentar a estrutura organizativa noutros lugares.

Ademais de territorialmente, A Mesa conta no seu seo ou impulsou outras estruturas de actuación, como a Fundación Via Galego, o Observatorio de Dereitos Lingüísticos, a Mocidade pola Normalización Lingüística e Familias polo Galego / Nais e Pais polo Ensino en Galego. Con certeza, o maior salto interno organizativo produciuse na sección xuvenil, cunha presenza notábel nas mobilizacións destes meses e cun proceso de creación dunha estrutura territorial, xa concretado nalgunhas zonas.

A Fundación conta co seu propio órgano de goberno, o Padroado, cuxos membros designa de forma maioritaria A Mesa. Desde a última asemblea da asociación, Via Galego ampliou as súas relacións con outras institucións de Galiza, do Val das Ellas (onde organizou un concerto de música infantil) e comezou a tender pontes de contactos no Brasil a través dunha exposición plástica; ademais, é un laboratorio de ideas para mellorar o relacionamento cos outros territorios do noso sistema lingüístico.

A negativa desta Xunta a conceder axudas públicas á Mesa fixo que se reducise á mínima expresión e se acabase fechando o Voluntariado de Activación Lingüística, que tivera mesmo un recoñecemento da Unión Europea. Logramos manter –e agardamos consolidar– o servizo da Liña do Galego e, en próximos días, presentaranse novos proxectos que estaban planificados desde hai algún tempo, mais que houbo que reformular debido á política de inanición á cultura galega que practica o goberno de Núñez Feijóo. Pola súa banda, vai sumando convocatorias e éxitos o Correlingua, que A Mesa promove xunto coa AS-PG, a CIG-Ensino e varias institucións.

No referido á situación da afiliación, A Mesa mantense como a organización cultural galega con máis socias e socios, con 433 novas altas entre 2009 e os primeiros meses de 2010. A entidade roza xa os 4.000 membros reais, nunha base de datos permanentemente saneada e que é o alicerce económico e de incidencia social. Para que aínda haxa máis patas na Mesa, presentarase dentro de pouco unha nova campaña de afiliación.

Dentro de doce meses, esta ferramenta en defensa do galego fará 25 anos. Nestes tempos, máis que nunca, fai moita falta que exista e actúe con forza. Adiante!

23 de abr. de 2010

Hoxe, Soutomaior; mañá, Asemblea Xeral da Mesa

Hoxe ás oito do serán constitúese Queremos Galego en Soutomaior. Desde o Concello denegaron a posibilidade de que se utilizase o multiusos municipal para este fin, calquera día ou hora. Así, o acto de presentación da plataforma cidadá será tamén de denuncia pública da censura antidemocrática do goberno local. Vou facer todo o posíbel para poder pasarme, aínda que só sexa uns minutos, a este evento que se realizará na Alameda de Talorío en Arcade.

Ademais, mañá a partir das 11 reunirase a Asemblea Xeral Ordinaria da Mesa, aberta a todas as socias e socios da organización. Será na Fundación Caixa Galicia de Santiago de Compostela, na rúa do Vilar, 19 (a carón do local nacional da Mesa). Trataremos os asuntos habituais: informe de xestión, propostas de actividades, exame das contas e aprobación de orzamentos.

22 de abr. de 2010

Evo Morales e a homosexualidade

Unhas declaracións de Evo Morales contra os efectos na saúde humana dos alimentos transxénicos ou adulterados deu pé a unha serie de manipulacións bastante impresentábeis, tamén en medios considerados formalmente de esquerdas. Mesmo se puxeron titulares asegurando que o mandatario boliviano achacaba a causa da homosexualidade estaba en comer polo. Os medios máis homófobos, como Intereconomía (e prefiro non pór ligazón para non lle dar visitas) tamén se despacharon contra o presidente Morales.

Velaquí tedes o vídeo coas declaracións concretas:



Como vedes, aínda que esa emisora de televisión poña como texto sobreimpreso "Hay más gays porque comen pollo", o que escoitamos non é iso, senón: "El pollo que comemos está cargado de hormonas femeninas. Por eso, cuando los hombres comen esos pollos, tienen desviaciones en su ser como hombres."

De onde se tira que a "desviación" sexa a homosexualidade? Quen di que o "ser como homes" sexa a heterosexualidade? A homofobia está nas palabras de Morales ou en quen reinterpreta o seu discurso?

Agardo que alguén desde Bolivia poña orde nesta manipulación que pretende desprestixiar internacionalmente as profundas e xustas transformacións sociais que están a protagonizar nese país. Á espera diso, o que me parece máis claro na literalidade das súas palabras é que fala dalgunhas das causas fisiolóxicas que se lle atribúen á impotencia ou disfunción eréctil; aínda que tamén podería ser ao comentado aumento da esterilidade masculina pola má alimentación e a contaminación ambiental, de que falan os medios de comunicación cada certo tempo.

O que tamén me chama a antención é a alegría coa que os grupos e medios de comunicación máis combativamente homófobos tamén se unen ao carro de criticar a Evo Morales. Non é curioso que un presidente que foi e é "acusado" de homosexual sexa agora polos mesmos sectores acusado de homófobo?

20 de abr. de 2010

Denuncia internacional

Velaquí o meu artigo desta semana en Galicia Hoxe. Sobre o tema saíu tamén hai uns días un artigo escrito por Bieito Lobeira e, onte, unha pequena entrevista que me fixeron en Xornal de Galicia.


Denuncia internacional
A política de Núñez Feijóo contra o galego vulnera tratados europeos

A semana pasada unha delegación da plataforma Queremos Galego conformada por Bieito Lobeira, Anxo Louzao e quen isto asina desenvolveu unha intensa axenda en Bruxelas para denunciar a política lingüística do actual goberno da Xunta. Tal acción -para a que foi crucial a axuda da futura eurodeputada galega Ana Miranda- foi só un capítulo dunha denuncia internacional que se prolongará no tempo con novos pasos nas institucións da Unión Europea e que se estenderá tamén á UNESCO e ao Consello de Europa.

O esforzo desta plataforma cidadá impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística en denunciar internacionalmente o que nos está a acontecer foi motivo de inquietude no Goberno galego. Saben que están a vulnerar normas internacionais de obrigado cumprimento no Estado español, como a Carta Europea das Linguas; saben que están a facer un uso bastardo do termo "plurilingüismo" para camuflar xusto a antítese: unha perda planificada da diversidade cultural con proxectos tan lesivos como o decretazo. Por iso molestou nos gabinetes da Xunta que Queremos Galego actuase e tivese encontros en Bruxelas, dentro das súas humildes limitacións humanas e económicas, aínda que coa inmensa forza simbólica da súa demostrada capacidade de mobilización social.

Espionaxe made in na casa


Tanto foi así este tremor en San Caetano, que desde a Consellaría de Educación parece que non teñen cousas mellores a facer que encargar relatorios sobre a actividade desta plataforma cidadá, como ben demostrou hai uns días unha información exclusiva de El Correo Gallego. O conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, deberían aclarar a Queremos Galego e ao conxunto da cidadanía que obxectivos perseguía a elaboración dese dossier que parece máis propio das persecucións detectivescas do PP madrileño que da tradición política galega. De verdade nunha semana coma esta, na que soubemos que os comedores dos centros públicos non reciben a asignación da Xunta desde hai meses, os gobernantes non teñen mellor afán que encargar aos funcionarios que elaboren relatorios deste estilo? Debería haber luz e taquígrafos sobre esta cuestión.

Por riba, os datos que trascenderon deste relatorio son falaces. Desde a Consellaría quixeron xogar á espionaxe, mais o dossier que lles saíu de tal tentativa parece redixido por Mortadelo e Filemón ou por Maxwell Smart. Ben, se é que a súa intención era redixir algo veraz e non elaborar unha información terxiversada para filtrar como auténtica.

Polo que se soubo, no informe reducían a acción desta delegación a unha entrevista cun eurodeputado (!). En fin, nin tan sequera consultaron o perfil no facebook de Queremos Galego, onde poderían ver cos seus propios ollos as fotografías dalgúns dos múltiplos encontros realizados pola delegación desta plataforma en Bruxelas. Mesmo, como poderían constatar graficamente se quixesen, houbo algúns contactos adoptados a maiores da axenda inicial, que foron aproveitados para dar a coñecer a nosa situación e que darán froitos ben axiña en novos pasos destas denuncias internacionais. Só falta que digan que na realidade nunca saímos de Galiza, que tal viaxe non existiu e que todas as imaxes son produto do photoshop...

Que defende a Xunta?


A Xunta mente conscientemente cando fala de escasa interlocución de Queremos Galego coas institucións comunitarias. Aínda que por unha reunión fóra de Bélxica non puido recibirnos a actual comisaria de Multilingüismo, Educación, Cultura e Mocidade, quen isto subscribe, como presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, foi, hai un ano, o primeiro representante dunha organización galega en entrevistarse cun comisario de Multilingüismo, nese momento Leonard Orban. Ese alto cargo comunitario trasladárame xa daquela o seu apoio á existencia dunha rede de escolas infantís en galego e á implementación de modelos educativos de acordo cos tratados internacionais subscritos a nivel europeo.

O alto cargo que recibiu nesta ocasión a delegación, por indicación da comisaria, comprometeuse a trasladarlle os informes á titular da área, que desculpou a súa ausencia e manifestou o seu interese en axendar un futuro encontro para abordar a problemática que se lle presentaba, previo ao cal se enviarán novos relatorios. Por respecto institucional cara á comisaria, e como agradecemento aos xestos e á importante información (que abre novas vías de traballo) proporcionada polo seu gabinete, a plataforma Queremos Galego non respondeu nin responderá a máis críticas falaces por parte da Xunta e este respecto. Iso si, Queremos Galego anima a Xunta a que defenda a lingua e cultura galegas nas institucións comunitarias e que non actúe como un lobby de presión contra os intereses de Galiza.

Que plurilingüismo é ese?

Ademais, como puntualmente informou Queremos Galego e demostran diversos testemuños gráficos, a delegación desta plataforma mantivo encontros non só cun eurodeputado liberal de Finlandia, como di o informe da Xunta, senón con representantes de varios grupos do Parlamento Europeo, membros do Intergrupo de Linguas. A ese respecto, é significativo que o Intergrupo de Linguas se reunise por vez primeira na súa historia en Bruxelas, de forma extraordinaria, e por solidaridade coa grave situación da nosa cultura, para acoller a delegación desta plataforma cidadá que agrupa a máis de 700 entidades do máis diverso tipo.

Tal encontro tivo os seus froitos xa inmediatos, pois varios eurodeputados e varias eurodeputadas, dos Grupos do Partido Socialista Europeo, do Grupo Liberal e Demócrata (ALDE) e do grupo Verdes-Alianza Libre Europea/ALE ofrecéronse a tramitar unha pregunta parlamentaria dirixida á Comisión Europea denunciando a actual política da Xunta en relación co galego.

Hai que subliñar que todos e cada un dos encontros que mantivo a delegación, tanto con representantes das institucións comunitarias como dos diferentes grupos do Europarlamento, consideraron que o plurilingüismo que di defender o Goberno galego con ese decreto para o ensino non se corresponde con ningún modelo de plurilingüismo recoñecido ou amparado polas institucións comunitarias, senón que mesmo contraría acordos do Parlamento europeo e boas prácticas para a diversidade lingüística e cultural nos sistemas educativos.

Cómpre lembrar que o Parlamento Europeo, en 2009, elaborou un informe sobre o Multilingüismo que recolle moitas das teses que nuclean o traballo de Queremos Galego e que contradín os eixos deste decretazo que a Xunta de Núñez Feijóo quere impor de forma unilateral.

19 de abr. de 2010

Existimos e resistimos

Sorpréndense algúns de que, despois dun ano triunfal de Núñez Feijóo, o movemento social en defensa da lingua galega continúe e, ademais, aínda con maior vitalidade. Xa un informe interno do PP de hai uns meses se preguntaba como era posíbel que se mobilizase tanta xente nas que cinicamente chamaron "manifestacións preventivas". Seguiranse sorprendendo pola resposta da sociedade galega eses que afirman, con toda a prepotencia, que aínda que o decretazo é rexeitado de forma unánime, "existe el consenso social y nos sentimos legitimados como sus intérpretes auténticos".

Esta semana demos novos pasos para a denuncia internacional da política lingüística desta Xunta con varias reunións en Bruxelas e que axiña terá continuación en novos actos. Tamén presentamos estes días unha nova edición do Correlingua, que segue adiante aínda que este goberno se negue a colaborar no máis mínimo; a forza e o entusiasmo de profesorado e estudantado para que volva ser realidade fixérono posíbel.

Ademais, este sábado pasado tivemos en Pontevedra un concerto histórico na defensa da nosa lingua, coa xenerosa participación de artistas de primeira fila que contribuíron a exclamar que non queremos decretazo contra o galego. Este exitoso evento serviu tamén para facer unha chamada á participación na manifestación do 17 de maio.

Se agardan que cansemos, que sigan agardando. Eu, sen dúbida, veño cargadísimo de enerxía para traballar aínda con máis entusiasmo despois de ver, máis unha vez, como tanta e tanta xente se implica vendendo entradas, participando nos servizos de orde, xestionando autobuses, pegando cartaces, pondo postos na rúa e colocando na súa axenda como unha prioridade participar nos actos que se organizan na defensa do noso idioma.

Forza e adiante! Existimos e resistimos!

17 de abr. de 2010

O combate cívico

Artigo publicado hoxe no Terra e Tempo dixital:

O combate cívico

Esta semana que entra chega ás librarías unha compilación de diferentes textos da miña autoría sobre a situación da lingua galega. Coa obra, que ten o título retranqueiro En castellano no hay problema, pretendo ofrecer máis munición para este combate cívico en que nos encontramos na defensa do noso idioma.

Ao ordenar o libro para dalo ao prelo tiven sensacións ambivalentes. En primeiro lugar, ao reler artigos que falan de accións desenvoltas hai xa algúns anos, sentín a satisfacción de me saber parte dun amplo traballo colectivo para restaurar a lingua de noso e incorporala aos diferentes ámbitos nos que está proscrita ou minorizada. Que non borren da historia a existencia deste activismo de milleiros de galegas e galegos, pois non é por falta de demanda e de explicitar alternativas que a lingua da Galiza segue discriminada e minorizada.

Memoria e acción

Mais, ao mesmo tempo, tamén me abordou a preocupación por constatar que mesmo textos escritos hai dez ou quince anos ou teñen unha vixencia enorme ou -o que é moito máis desacougante- as súas reivindicacións semellan hoxe aínda máis utópicas. Lembremos que o movemento social conseguiu éxitos como a estrea de filmes en galego nas salas comerciais ou o compromiso de entidades financeiras para se galeguizaren, mais que presións institucionais posteriores frustraron a consolidación deses logros. Debo dicir -porque hai quen presenta os mandatos de Fernández Albor ou Fraga Iribarne como se fosen tempos idílicos- que non me refiro só ao actual goberno de Núñez Feijóo.

Xa que esta obra pretende ser útil e operativa para o combate actual, a maioría das súas páxinas abordan os acontecementos dos últimos anos. Así, nuclean o volume a política lingüística do bipartito coas súas luces e sombras, o deseño dun novo movemento galegófobo, a crítica dos que negan a preocupante situación social do galego ou mesmo cuestións tan actuais como o que supón o decretazo.

Este volume é, en fin, un contributo -xunto con outros moitos libros e (o máis importante, o fundamental) accións sociais- a este momento de emerxencia nacional en que se encontra a nosa cultura. Cómpre que nos movamos como nunca, que combatamos o discurso do racismo lingüístico e, sobre todo, que actuemos como falantes conscientes e leais á lingua que nos une como galegas e como galegos.

16 de abr. de 2010

Canto de andar

Xa é mañá o histórico concertazo en defensa do galego.

Alí tamén estará Luar na Lubre, que presentará algúns dos seus novos temas, xunto con outros xa coñecidos, como este lindo "Canto de andar", que quen a subiu ao youtube considera como "the best love song ever".

15 de abr. de 2010

O xesto de Berrogüetto

Cómpre agradecerlle a todos e cada un dos compoñentes do histórico cartel do macroconcerto deste sábado o seu apoio á xusta causa da defensa da lingua galega. Todos e cada un cantan e tocan por amor ao idioma e facendo un oco nas súas complicadas axendas.

Hai, de entre todos, dous grupos que talvez desperten máis expectación debido a que este concerto vai ser un dos primeiros marcos de presentación dos seus novos traballos. Falo de Lamatumbá e Berrogüetto.

Déixovos aquí o vídeo do "Alalá da noite" das Kosmogonías acabadiñas de estrear. A letra da canción é de Manuel Rivas:

Que plurilingüismo é ese?

Onte e antonte estivo en Bruxelas unha delegación da plataforma Queremos Galego, composta por Anxo Louzao, Bieito Lobeira e quen isto escribe.

Esta delegación mantivo encontros con altos representantes das institucións comunitarias e dos diferentes grupos do Parlamento europeo. Todos os interlocutores, sen excepción, sinalaron que o chamado "plurilingüismo" que di defender Alberto Núñez Feijóo nada ten a ver co "plurilingüismo" recoñecido ou proposto pola UE ou amparado polo Parlamento europeo.

Ben ao contrario, todos vían ben claro que co decretazo se van vulnerar dereitos fundamentais recoñecidos en tratados internacionais de obrigado cumprimento por parte do Estado español.

Responderá Núñez Feijóo algún día a isto?

Farao sen recorrer á mentira nin á demagoxia insultante?

12 de abr. de 2010

Do plan de normalización ao plan de extinción

Achégovos o artigo que publiquei esta semana en Galicia Hoxe:

En castellano no hay problema
Do plan de normalización ao plan de extinción


Desde a chegada á presidencia da Xunta de Alberto Núñez Feijóo co seu proxecto de desmantelar a oficialidade real da lingua galega, saíron varios libros ao mercado para reflexionar sobre a situación do idioma do país e ofrecer munición para a súa defensa. Penso que o primeiro en presentarse foi De fala a lingua: un proceso inacabado, que recolle traballos imprescindíbeis dos últimos anos da sociolingüista Pilar García Negro (e digo sociolingüista no sentido máis profundo do termo: investigadora, analista e activista). Despois deste, chegaron varios traballos, tanto colectivos como individuais, que dan pé para a reflexión e para engraxarmos a maquinaria reivindicativa, con certeza máis necesaria que nunca.

Como é sabido, o volume que está a conseguir unha maior difusión está a ser o caderno promovido por Prolingua e coordinado polo incansábel Xosé Henrique Costas. Fronte a tanto ataque, caricaturización e terxiversación contra o lexítimo obxectivo de recuperarmos e estendermos socialmente o idioma de Galiza, respondeuse publicando as 55 mentiras sobre a lingua galega. Cónstame que en próximas datas sairán tamén novos traballos con afán divulgativo, como o coordinado por Xosé María Álvarez Cáccamo.

Dentro desta liña de análise, reflexión e combate cívico, en dez días agardo que poida estar xa nas librarías un meu libro que, desde o mesmo título, ten intención de provocar; de provocar reflexións. En castellano no hay problema foi o nome escollido para este volume grazas a unha votación que fixen no meu blog persoal. Debo agradecerllo á xente que participou na elección, así como a Alicia Fernández e Gonzalo Hermo, que foron entusiastas da escolla desde o primeiro momento.

Neste libro recóllense diferentes textos sobre a situación lingüística de Galiza, nos cales se sinalan os problemas máis importantes para a recuperación e extensión social do idioma galego en diferentes ámbitos, mais tamén se propoñen alternativas, tanto a nivel institucional como individual.

Sublíñase, así, a importancia de que cada falante se active e solicite, de forma constante, intelixente e procurando empatías, o dereito básico a poder vivir en galego nos diferentes ámbitos. Porque, como di o acertado lema, sen reivindicacións non hai conquistas.

Por outra banda, nos traballos que compoñen esta obra fixen un esforzo por transmitir unha análise da situación lingüística do noso país lonxe dos narcóticos e prexuízos máis habituais. É unha radiografía descarnada, mais non catastrofista, xa que parte da convicción de que hai que coñecer a realidade para transformala.

En fin, que, por moito que algúns queiran vendernos o mundo ao revés, hoxe en Galiza non hai problema para poder vivir en castelán, na lingua oficial do Estado, mais o idioma propio e natural da nación galega continúa erradicado ou minorizado nos ámbitos de poder e prestixio, sen que haxa motivos racionais que sustenten a pervivencia desta inxusta discriminación.

Máis munición

No traballo En castellano no hay problema compilo algúns dos artigos que publiquei na defensa da nosa lingua desde 1997 até hoxe. Van desde algunhas reflexións dese mozote que era eu nas dúas últimas lexislaturas de Manuel Fraga Iribarne até unhas achegas con máis vagar á que foi a política lingüística do bipartito e, moi especialmente, á que está a producirse no comezo do mandato de Alberto Núñez Feijóo. Pódese, así, facer un itinerario desde a reivindicación e conquista dun plan de normalización, ás dificultades da súa execución e a súa subordinación polo actual Goberno galego como un mero “remuíño de ideas”, que na práctica substitúen por un plan de extinción que aplican sen titubear.

Aínda sendo unha selección, fun máis xeneroso á hora de deixar pasar para este libro os textos máis recentes, pois tamén son os máis operativos para reflexionar e ofrecer munición argumentativa para o combate cívico en que nos achamos nestes momentos.

Penso que os máis afastados no tempo son, no entanto, tamén útiles, pois deixan constancia, máis unha vez, de que a aspiración a poder desenvolverse en galego con normalidade en todas e cada unha das esferas da vida social é unha loita de anos. Non é por falta de demanda, de organización e de presentación de propostas que non houbo os reivindicados adiantos para a nosa lingua, para os cales seguimos e seguiremos pondo, colectivamente, o noso empeño.

Importante, por certo, falar do colectivo, porque estes textos, aínda sendo de sinatura individual, enmárcanse nun traballo en equipo, en diferentes graos, e no esforzo en actuar socialmente. Vese iso tamén nos continuos convites a actos e mobilizacións inseridos dentro dos artigos, incitando sempre a moverse e a fuxir do testemuñalismo, tan cómodo como letal. Ademais, debo deixar constancia expresa de que hai escritos que son froito de debates ou contraste de pareceres con máis xente, entre os cales debo salientar a Francisco Rodríguez, Pilar García Negro, Concha Costas, Xosé Manuel Sarille, Iria Taibo, Fran Rei, Rubén Cela e Paulo Filgueiras Fachal.

Agardo que sexa unha obra útil e operativa e, sobre todo, que axude para realizarmos accións de incidencia (perdoade a redundancia, mais é premeditada) social.

Soamente falta dicirllo cantando

Non podo falar esta semana da situación da lingua sen me referir á histórica votación do Consello Escolar de Galiza, onde prosperou cunha ampla maioría -a pesar dos varios representantes da Administración- unha emenda á totalidade do decretazo. O secretario de Política Lingüística, o ex sociolingüista e hoxe fanático do PP máis rancio, Anxo Lorenzo, xa indicou na propia sede do Consello Escolar que o goberno de Núñez Feijóo ía seguir adiante con independencia da opinión do organismo máis representativo da comunidade educativa galega. Toda unha mostra de talante de diálogo e negociación, verdade?

Este decretazo suma rexeitamento tras rexeitamento. As asociacións de nais e pais, os sindicatos, as organizacións estudantís, os movementos de renovación pedagóxica, as principais institucións culturais do país e, agora, tamén do Consello Escolar de Galiza. Parece que só falta dicirllo cantando, polo cal desde a plataforma Queremos Galego se organiza para o vindeiro sábado 17 de abril un “concertazo contra o decretazo”.

O cartel de participantes no festival é, en verdade, histórico: Berrogüetto, Ruxe-Ruxe, Luar na Lubre, Zurrumalla, Fuxan os Ventos, Os Tres Trebóns, A Quenlla, Fía na Roca, García MC, Galegoz, Lamatumbá, Os Carunchos, Espido, Uxía e a Asociación de Gaiteiros Galegos. Unha boa mostra de que a cultura galega non está nin acomplexada nin ensimesmada, a pesar do que diga o nefasto e incompetente conselleiro de Cultura de Núñez Feijóo.

O prezo da entrada anticipada é de 10 euros e, na billeteira o mesmo día, 12 euros. Tes máis información no web da plataforma: queremosgalego.org. Participa nesta mani-festa!

11 de abr. de 2010

Cantiga de berce

Durante varios anos da segunda metade da década dos 90, A Mesa na comarca da Barbanza tivo un programa que comezaba coa sintonía da "Canción de berce" de Fuxan os Ventos. Durante diferentes momentos, fixeron posíbel este espazo Lola Devesa, Antón Parada, Uxía Baamonde, Mar Callón e eu mesmo.

A canción, tan linda, talvez faga parte do repertorio que Fuxan os Ventos entoará en Pontevedra o vindeiro 17 de abril no concertazo contra o decretazo:

10 de abr. de 2010

Non quero decretazo, non o quero

Lamatumbá tamén estará no festival de música contra o decretazo do vindeiro sábado 17 de abril.

Un dos lemas que podemos cantar a ritmo de Watercumbia é:
Non quero decretazo, non o quero,
o que eu quero é ensino en galego

9 de abr. de 2010

Mesa redonda nas XX Xornadas de Lingua e Literatura

As Xornadas de Lingua e Literatura que organizan a AS-PG e a CIG-Ensino comezan hoxe a súa edición número vinte cun amplo e interesante programa que podedes consultar nesta ligazón.

Como non podía ser doutro xeito, van tratar o tema do decretazo contra o galego no ensino. Tócame participar como representante da Mesa na idem redonda que se desenvolverá mañá sábado entre as 18 e as 20 horas. O lugar é a facultade de Ciencias da Educación de Santiago, na rúa Xoán XXIII.

Se estiverdes por aí, contrastamos opinións e alternativas á situación en que nos encontramos.

8 de abr. de 2010

Esta noite debato en TeleVigo

Esta noite a partir das 22 h, estarei nun debate en directo en TeleVigo sobre o decretazo. Ademais da miña presenza como presidente da Mesa, estarán tamén Guillermo Meijón -deputado do PSOE-, Román Rodríguez - deputado do PP- e Gloria Lago -presidenta de Galicia Bilingüe-.

Sen dúbida, o contundente rexeitamento ao decretazo por parte do Consello Escolar de Galiza na súa sesión de onte estará presente no programa.

6 de abr. de 2010

Preguntas ante o decretazo

Artigo publicado en Xornal de Galicia na pasada sexta feira:

Preguntas ante o decretazo

Se nos datos do último censo se asegura que o 20% das rapazas e dos rapaces de entre 15 e 19 anos son analfabetos funcionais en galego, como se pode corrixir ese problema reducindo máis a presenza do idioma propio?

Se un neno ou unha nena nunha cidade non ten contacto escolar co galego en toda a educación infantil, como pode ter a preparación en primeiro de primaria para recibir o 50% do ensino en galego?

Tantas carestías teñen os macromercados editoriais en inglés e en español como para que a partir de agora vaian recibir axudas públicas da administración galega, segundo sinala o artigo 13.2 do anteproxecto do decretazo?

Xa que hai moitísimo material pedagóxico en español e inglés e hai tantos aspectos aínda non cubertos en galego, por que se reducirán as axudas á edición de material no idioma propio do país?

Cales son os criterios de “tradición” que, segundo asegurou o conselleiro de Educación, fan recomendábel que non se impartan en galego as materias de física e química, matemáticas e tecnoloxía?

Expedientarase o profesorado que imparta estas disciplinas no idioma propio do país, ese que o artigo 5 do Estatuto sinala que os poderes públicos deben promocionar e que a Lei de normalización lingüística estabelece que se debe introducir progresivamente no ensino?

Por que o galego vai ser o único idioma con algún rango de oficialidade en todo o Estado español que será excluído legalmente da docencia dalgunhas materias?

Por que Galiza será a única comunidade do Estado español con lingua propia diferente do castelán que non vai nin permitir legalmente ningún proxecto de inmersión no idioma propio?

Por que tamén Galiza vai ser a única comunidade do Estado español na que se posibilitará que os nenos e as nenas non escoiten o idioma propio até faceren os seis anos, salvo en contextos infraacadémicos e extraescolares?

É verdade que todo este proxecto do decretazo responde a un plan elaborado na sede madrileña do PP e que por iso non lles importa a opinión contraria de sindicatos, asociacións de nais e pais, institucións culturais e organizacións estudantís?

Alguén coñece algún goberno democrático, en calquera lugar do mundo, que leve a cabo unha reforma educativa tendo tal nivel de rexeitamento?

Para que se finxe un diálogo co sector e se piden informes á Real Academia Galega e ao Consello da Cultura Galega, se ningunha destas opinións foi nin tan sequera valorada con seriedade?

Por que a Xunta e os seus altofalantes repiten que “a partir de agora os pais van poder escoller a lingua da docencia” se iso, ademais de antipedagóxico, non é o que di o decretazo?

Que fará o Goberno galego cando o Consello de Europa sinale que este decretazo vulnera, punto por punto, un tratado internacional de obrigado cumprimento polo Estado español como é a Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias?

Que acontecerá o curso vindeiro se o Goberno de Núñez Feijóo continúa con esta imposición unilateral?

Concentración diante do Consello Escolar de Galiza

Mañá, cuarta feira (mércores) 7 de abril ás 16.15 h realizarase unha concentración diante do Consello Escolar de Galiza, para estarmos presentes no momento en que ese órgano someterá a consideración o anteproxecto do decretazo. Consultalo é legalmente preceptivo, aínda que a súa decisión non é vinculante.

O Consello Escolar de Galiza é o máximo órgano consultivo da comunidade educativa galega, onde están representados os seus diferentes axentes, aínda que a Administración educativa conta sempre cun punto de partida máis favorábel por poder designar máis membros a través de diferentes vías.

A sede deste organismo está na rúa San Roque, 2, a carón do Colexio La Salle. Fai todo o posíbel por asistires!

5 de abr. de 2010

Iniciativa popular polo idioma

O meu artigo desta semana en Galicia Hoxe aborda a campaña de apoio a unha lei en defensa dos dereitos lingüísticos en Galiza e por que non se puido tramitar como ILP. Até onde eu sei, por vez primeira na historia autonómica a Mesa do Parlamento aplicou a lei que regula as ILPs da forma máis restritiva para evitar que esta en concreto puidese ir adiante.

Comparando a proposta de Queremos Galego con outras ILPs que si foron tramitadas, a pesar de se encontraren con problemas análogos, decatámonos de que o que pretende o PP é que a única materia que non poida ser obxecto de propostas legais de participación cidadá sexa a defensa da lingua.

Iniciativa popular polo idioma
Queremos Galego impulsa unha lei de dereitos lingüísticos


A plataforma Queremos Galego, conformada por case 700 entidades da máis diversa natureza, desenvolve por todo o país unha campaña de recollida de sinaturas para respaldar unha proposta de lei pola garantía dos dereitos lingüísticos.

A primeira intención da plataforma foi poder presentala como unha iniciativa lexislativa popular (ILP). Para iso, creouse unha comisión promotora, constituída por nomes relevantes de diferentes ámbitos da vida social e cultural do país, como Manuel Rivas, Avelino Pousa Antelo, Yolanda Castaño, Margarita Ledo, Xurxo Souto, Marica Campo, Kiko da Silva, Xosé Lois O Carrabouxo, Sonia Lebedynski etc.

Varios xuristas colaboraron intensamente na configuración da proposta legal, que unha delegación da comisión promotora presentou á Mesa do Parlamento galego para así comezar a recoller sinaturas. A Mesa do Parlamento está constituída por cinco membros, que nesta lexislatura se reparten en tres do Partido Popular, un do Partido Socialista e un do Bloque Nacionalista. Desde o momento en que a comisión promotora presentou a proposta, este organismo tiña un mes para darlle o visto e prace á tramitación da iniciativa.

A Mesa do Parlamento, con presidencia e maioría do PP, estivo pospondo este asunto até o limite máximo do prazo. Xa no último día, reuniuse para abordalo e decidiu rexeitar a tramitación desta ILP, argumentando motivos xurídicos. A resolución non foi unánime, xa que o representante do BNG observou que esas supostas razóns legais non se sostiñan. Até onde eu sei, foi a primeira vez que no Parlamento se rexeitou a tramitación dunha ILP sen unanimidade, o cal de seu xa é un elemento importante para a reflexión.

O argumentario xurídico para a negativa que procuraba o PP baseábase no artigo 3 da lei 1/1988, que regula as ILPs en Galiza. Cito literalmente:

Artigo 3
Quedan excluídas da iniciativa lexislativa popular as materias seguintes:
1) As non atribuídas á competencia da Comunidade Autónoma.
2) As de desenvolvemento básico do Estatuto de Autonomía e as que, en todo caso, requiran para a súa aprobación o voto favorable dunha maioría cualificada.
3) As de natureza presupostaria e tributaria.


Considerouse que unha ILP de defensa do galego entraba nunha materia de “desenvolvemento básico do Estatuto de Autonomía”, debido ao mandato do artigo 5 desta norma, ese que di que a lingua galega é a propia de Galiza e que é obriga dos poderes públicos a súa promoción. Si, ese que o actual goberno da Xunta incumpre día si e día tamén.

No documento da Mesa do Parlamento lémbrase, así mesmo, que hai unhas semanas este organismo rexeitara –aí si por unanimidade, por certo– a tramitación dunha ILP para derrogar en parte a Lei de normalización lingüística (o artigo 10, que sinala que a única forma oficial da nosa toponimia é a galega).

Aínda que se pretendía equiparar confusamente ambas as propostas, é obvio que hai unha diferenza cualitativa enorme entre ambas: unha contradicía o Estatuto, ao pretender reducir a protección da nosa lingua, mentres que estoutra de Queremos Galego non facía máis que reforzar o dito na norma básica: nin a refutaba nin se extralimitaba.

Mais se alguén ten dúbidas aínda sobre se foi política a decisión de que esta ILP non se puidese tramitar igual que outras, hai algo moi sinxelo a facer: comparar esta proposta con outras que si tramitou sen ningún problema o Parlamento. Houbo iniciativas lexislativas populares para a construción de hospitais. É que iso non inflúe nos orzamentos? Houbo iniciativas lexislativas populares para o regreso á construción naval. Até que punto iso é competencia da Comunidade Autónoma? Nesta última proposta legal mesmo se fala de introducir a presenza da Xunta en empresas estatais, e iso non foi óbice para que o PP apoiase a súa tramitación! Que pasa, que a única materia sobre a que non se poden facer ILPs é a defensa do galego?

Podemos seguir así con case todas as ILPs, facéndolles unha proba do algodón para evitar que puidesen levarse a cabo. No entanto, por vez primeira na historia da autonomía aplicáronse as normas da forma máis restritiva, e sen consenso, para evitar a participación social nunha ILP.

Núñez Feijóo tenlle pavor ao traballo de Queremos Galego e por iso tenta pór paus nas rodas. Non lle é abondo con despois poder utilizar a maioría absoluta coa que conta para rexeitar esta proposta legal. Non: élle necesario tamén evitar que se poida tramitar e que haxa unha campaña social á súa volta.

Mais desde Queremos Galego xa se dixo alto e claro: “Non nos calarán!”. Por iso, comezouse estes días coa campaña antes indicada de recollida de sinaturas para respaldar esta lei.

Xa que non se poderá tramitar como ILP, desde a plataforma pedíronse entrevistas cos tres grupos parlamentares para que sexan eles os que leven esta proposta legal ao debate no Hórreo. De momento, o BNG e o PSdeG-PSOE escoitaron a solicitude de Queremos Galego; aínda se está á agarda de que o grupo do PP dea unha data para un encontro.

Ensino e administración

A proposta de lei pola garantía dos dereitos lingüísticos céntrase naquelas áreas nas que o PP está a desmantelar con maior intensidade a oficialidade da lingua galega; isto é: a súa presenza no ensino e na Administración. É, pois, unha resposta clara a medidas tan lesivas (e unilaterais) como o decretazo e a reforma da lei de función pública.

Así, o título primeiro aborda o uso do galego como lingua oficial das Administracións de Galiza, sinalando o seguinte nas dúas epígrafes que constitúen o seu primeiro artigo:

1. A Xunta de Galiza e os seus organismos autónomos; as administracións locais; as universidades públicas; as corporacións públicas; as institucións, entidades e empresas públicas, calquera que sexa a súa forma xurídica de personificación; así como os concesionarios dos seus servizos deben utilizar o galego nas súas actuacións internas e na relación entre eles. Tamén o utilizarán nas comunicacións e notificacións dirixidas ás persoas físicas ou xurídicas residentes en Galiza e na atención cotiá, oral e escrita aos cidadáns e cidadás, sen prexuízo do dereito destes á atención na lingua oficial da súa escolla, se o solicitaren.

2. O Goberno Galego, as administración locais e as universidades públicas regularán, mediante disposicións regulamentarias, o uso do galego como lingua oficial nas actividades administrativas de todas as dependencias administrativas, órganos e entes da súa competencia.


No que di respecto ao ensino, Queremos Galego refírese ao dito no Plan xeral de normalización da lingua galega que o Parlamento aprobou por unanimidade cando (vaia ironía!) Alberto Núñez Feijóo era vicepresidente da Xunta. Ademais, desenvólvese máis polo miúdo o consensuado para educación infantil, que é o punto central do ataque contra o galego no decretazo:

Na etapa de educación infantil, o profesorado usará nas aulas a lingua inicial predominante entre o alumnado, terá en conta a lingua do contorno e coidará de que o alumnado adquira, de forma oral e escrita, o coñecemento da outra lingua oficial de Galiza, dentro dos límites propios da correspondente etapa ou ciclo. No caso de contornos castelán falantes, a utilización nesta etapa da lingua galega como lingua de comunicación e ensinanza será, como mínimo, igual á da lingua castelá. Fomentarase a adquisición progresiva da lectura e da escrita en galego, no sentido de que este se convirta no idioma base da aprendizaxe, de xeito que o alumnado obteña unha competencia que lle permita comunicarse normalmente en galego co alumnado e o profesorado.

Está en marcha a campaña de apoio a esta proposta de lei, que é tamén unha campaña de rexeitamento ás políticas contra o galego por parte da presidencia de Núñez Feijóo. Respalda esta campaña coa túa sinatura e, se podes, colabora na súa difusión!

4 de abr. de 2010

A felicidade que (non) foi

Unha das miñas lecturas desta Semana Santa foi Una palabra tuya, de Elvira Lindo. Debo a recomendación (e o empréstito) do libro a un bo amigo, que acertou de pleno pensando que me ía cativar esa historia.

Nun momento no que a protagonista, Rosario, recorda algo do seu pasado cara ao que ten sensacións ambivalentes, reflexiona:
Qué raros son los recuerdos que nos hacen disfrutar de una felicidad de la que no nos dimos cuenta y con la que no fuimos felices.
Que ben expresada esa sensación tan trampeira que é a nostalxia!

Non me estraña que un psicanalista lacaniano como Hilario Cid dixese que "a nostalxia para nós non é máis que un gozo un pouco idiota".

3 de abr. de 2010

Antínoo


É probábel que a máis famosa parella de amantes do mundo romano sexa a de Hadriano e Antínoo. Hadriano (...) foi o máis notábel dos "cinco bos emperadores". Fixo un goberno pacífico e produtivo e foi o primeiro emperador que, despois de Tiberio, se retirou en paz en lugar de sucumbir asasinado ou morrer no campo de batalla. Parece que foi exclusivamente gai.

Pouco se sabe de Antínoo, o mozo grego de quen Hadriano se namorou profundamente, salvo que o afecto que o emperador lle exhibiu provocou abraio e admiración mesmo no temperán Imperio, saturado de paixóns. Antínoo afogouse no Nilo mentres o cruzaba con Hadriano no ano 130. O emperador quedou desconsolado e chorou "como unha muller".

Hadriano deificou a Antínoo e estabeleceu un oráculo no seu nome en Mantinea, con misterios anuais e un festival cada catro anos. En Atenas, Eleusis e Argos estabelecéronse xogos no seu nome, que se seguían celebrando mesmo douscentos anos despois da súa morte. O emperador tamén fundou na súa honra unha cidade sobre o Nilo (entre Menfis e Tebas) e construíu grandes camiños que levaban a ela para asegurar a súa prosperidade. Dión Casio conta que Hadriano erixiu estatuas na honra de Antínoo "en todo o mundo" (...) e a súa imaxe sobrevive hoxe en día na escultura, a arquitectura, a pintura, as moedas e a literatura helenísticas: "A construción máis elevada e máis característica do período de Hadriano foi a creación da personaxe de Antínoo" [Eugenia Strong].

John Boswell, Cristianismo, tolerancia social e homosexualidade

2 de abr. de 2010

Chi non lavora..

Levo estes días tentando terminar algún destes proxectos que un sempre ten rondándolle a cabeza e para os que nunca se dá encontrado tempo.

Procrastino algo, claro, e sinto a preguiza de non dedicar estes feriados a un pouco de vida contemplativa, mais entón poño esta canción de Adriano Celentano para espabilar :)

1 de abr. de 2010

Imagino o fim da Terra assim

Deixo aquí uns versos da escritora portuguesa Adília Lopes que o amigo e poeta Gonzalo Hermo puxo hai uns días no facebook.

Lembrade que as baratas son, ao sur do Miño, o que aquí denominados cascudas.
Imagino o fim da Terra assim
todas as casas e todas as ruas
desapareceram
assim como todas as pessoas
graças a um cataclismo
sobreviveram apenas os telefones
as baratas e as listas dos telefones
marcianos nos dias a seguir
tentam interpretar a lista dos telefones
os marcianos não estabelecem uma relação
entre os telefones e a lista dos telefones
mas entre a lista dos telefones e as baratas
e essa relação é plenamente satisfatória.

Deixei que el me tocase

Deixei que el me tocase
porque me gustaba ser tocada.
Como unha frauta para un indio.
Como un instrumento dun país libre.

(Lupe Gómez, Os teus dedos na miña braga con regra)