Denuncia internacional
A política de Núñez Feijóo contra o galego vulnera tratados europeos
A semana pasada unha delegación da plataforma Queremos Galego conformada por Bieito Lobeira, Anxo Louzao e quen isto asina desenvolveu unha intensa axenda en Bruxelas para denunciar a política lingüística do actual goberno da Xunta. Tal acción -para a que foi crucial a axuda da futura eurodeputada galega Ana Miranda- foi só un capítulo dunha denuncia internacional que se prolongará no tempo con novos pasos nas institucións da Unión Europea e que se estenderá tamén á UNESCO e ao Consello de Europa.
O esforzo desta plataforma cidadá impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística en denunciar internacionalmente o que nos está a acontecer foi motivo de inquietude no Goberno galego. Saben que están a vulnerar normas internacionais de obrigado cumprimento no Estado español, como a Carta Europea das Linguas; saben que están a facer un uso bastardo do termo "plurilingüismo" para camuflar xusto a antítese: unha perda planificada da diversidade cultural con proxectos tan lesivos como o decretazo. Por iso molestou nos gabinetes da Xunta que Queremos Galego actuase e tivese encontros en Bruxelas, dentro das súas humildes limitacións humanas e económicas, aínda que coa inmensa forza simbólica da súa demostrada capacidade de mobilización social.
Espionaxe made in na casa
Tanto foi así este tremor en San Caetano, que desde a Consellaría de Educación parece que non teñen cousas mellores a facer que encargar relatorios sobre a actividade desta plataforma cidadá, como ben demostrou hai uns días unha información exclusiva de El Correo Gallego. O conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, deberían aclarar a Queremos Galego e ao conxunto da cidadanía que obxectivos perseguía a elaboración dese dossier que parece máis propio das persecucións detectivescas do PP madrileño que da tradición política galega. De verdade nunha semana coma esta, na que soubemos que os comedores dos centros públicos non reciben a asignación da Xunta desde hai meses, os gobernantes non teñen mellor afán que encargar aos funcionarios que elaboren relatorios deste estilo? Debería haber luz e taquígrafos sobre esta cuestión.
Por riba, os datos que trascenderon deste relatorio son falaces. Desde a Consellaría quixeron xogar á espionaxe, mais o dossier que lles saíu de tal tentativa parece redixido por Mortadelo e Filemón ou por Maxwell Smart. Ben, se é que a súa intención era redixir algo veraz e non elaborar unha información terxiversada para filtrar como auténtica.
Polo que se soubo, no informe reducían a acción desta delegación a unha entrevista cun eurodeputado (!). En fin, nin tan sequera consultaron o perfil no facebook de Queremos Galego, onde poderían ver cos seus propios ollos as fotografías dalgúns dos múltiplos encontros realizados pola delegación desta plataforma en Bruxelas. Mesmo, como poderían constatar graficamente se quixesen, houbo algúns contactos adoptados a maiores da axenda inicial, que foron aproveitados para dar a coñecer a nosa situación e que darán froitos ben axiña en novos pasos destas denuncias internacionais. Só falta que digan que na realidade nunca saímos de Galiza, que tal viaxe non existiu e que todas as imaxes son produto do photoshop...
Que defende a Xunta?
A Xunta mente conscientemente cando fala de escasa interlocución de Queremos Galego coas institucións comunitarias. Aínda que por unha reunión fóra de Bélxica non puido recibirnos a actual comisaria de Multilingüismo, Educación, Cultura e Mocidade, quen isto subscribe, como presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, foi, hai un ano, o primeiro representante dunha organización galega en entrevistarse cun comisario de Multilingüismo, nese momento Leonard Orban. Ese alto cargo comunitario trasladárame xa daquela o seu apoio á existencia dunha rede de escolas infantís en galego e á implementación de modelos educativos de acordo cos tratados internacionais subscritos a nivel europeo.
O alto cargo que recibiu nesta ocasión a delegación, por indicación da comisaria, comprometeuse a trasladarlle os informes á titular da área, que desculpou a súa ausencia e manifestou o seu interese en axendar un futuro encontro para abordar a problemática que se lle presentaba, previo ao cal se enviarán novos relatorios. Por respecto institucional cara á comisaria, e como agradecemento aos xestos e á importante información (que abre novas vías de traballo) proporcionada polo seu gabinete, a plataforma Queremos Galego non respondeu nin responderá a máis críticas falaces por parte da Xunta e este respecto. Iso si, Queremos Galego anima a Xunta a que defenda a lingua e cultura galegas nas institucións comunitarias e que non actúe como un lobby de presión contra os intereses de Galiza.
Que plurilingüismo é ese?
Ademais, como puntualmente informou Queremos Galego e demostran diversos testemuños gráficos, a delegación desta plataforma mantivo encontros non só cun eurodeputado liberal de Finlandia, como di o informe da Xunta, senón con representantes de varios grupos do Parlamento Europeo, membros do Intergrupo de Linguas. A ese respecto, é significativo que o Intergrupo de Linguas se reunise por vez primeira na súa historia en Bruxelas, de forma extraordinaria, e por solidaridade coa grave situación da nosa cultura, para acoller a delegación desta plataforma cidadá que agrupa a máis de 700 entidades do máis diverso tipo.
Tal encontro tivo os seus froitos xa inmediatos, pois varios eurodeputados e varias eurodeputadas, dos Grupos do Partido Socialista Europeo, do Grupo Liberal e Demócrata (ALDE) e do grupo Verdes-Alianza Libre Europea/ALE ofrecéronse a tramitar unha pregunta parlamentaria dirixida á Comisión Europea denunciando a actual política da Xunta en relación co galego.
Hai que subliñar que todos e cada un dos encontros que mantivo a delegación, tanto con representantes das institucións comunitarias como dos diferentes grupos do Europarlamento, consideraron que o plurilingüismo que di defender o Goberno galego con ese decreto para o ensino non se corresponde con ningún modelo de plurilingüismo recoñecido ou amparado polas institucións comunitarias, senón que mesmo contraría acordos do Parlamento europeo e boas prácticas para a diversidade lingüística e cultural nos sistemas educativos.
Cómpre lembrar que o Parlamento Europeo, en 2009, elaborou un informe sobre o Multilingüismo que recolle moitas das teses que nuclean o traballo de Queremos Galego e que contradín os eixos deste decretazo que a Xunta de Núñez Feijóo quere impor de forma unilateral.
Si, es cierto que la plataforma "Queremos Galego" cuenta con pocos medios, no es como la MESA a la que el anterior gobierno le dio una subvención de 100 millones de pesetas... casi nada. Sería interesante que hicieran públicos sus gastos e ingresos, de manera ordenada y rigurosa. Mas de uno se llevaría una sorpresa.
ResponderExcluirMe parece indignante que con los problemas que sufre Galicia haya gente que esté tan empecinada en joder al Gobierno de Alberto Núñez Feijoo, ¿de verdad no dais aceptado que ha ganado por mayoría absoluta?, ¿no sois vosotros los que quereis escuchar al pueblo? Tal vez los resentidos seais vosotros.
Deberíais ocuparos de otros temas de mayor importancia, como los económicos, el paro, o el veto de Navantia en Ferrol: Con éstas cosas ayudareis a miles de familias. Con vuestras "quejas" no ayudareis a ninguna, solo ayudareis a crispar a la gente y a marear la perdiz. Ocuparos de los verdaderos problemas, por favor.
Además, el nuevo decreto aporta mayor libertad de elección. Y cuantas mas libertades mejor, ¿no creeis? A mi me parece bastante democrático.
Podría seguir diciendo mas cosas, pero da igual, estais ciegos desde que el Bloque os cerró el grifo, porque las urnas han hablado, el pueblo ha hablado. Y ya no habrá mas subvenciones otorgadas a dedo.
A ver cuando se os pasa vuestra rabieta nacionalista y volveis a comportaros como gente coherente, decente y comprometida con los problemas REALES del pueblo gallego.
Laura Montes
Narón
Moitas grazas, Laura Montes, polo teu comentario. No entanto, permíteme indicar que contén algunhas inexactitudes:
ResponderExcluir1) O que dis sobre unha subvención a dedo ou sobre as contas da Mesa é repetir calumnias que se probaron como falsas. Para non repetir argumentos, podes consultar esta ligazón: http://www.carloscallon.com/2010/03/manipulacion-informativa-contra-defensa.html
2) Non hai ningún "empecinamiento en joder al Gobierno", senón de defender lexitimamente os nosos dereitos. Se se anuncian ou toman medidas coas que non estamos de acordo, porque entendemos que son lesivas coa nosa cultura e coa convivencia, é lexítimo protestar. É un dereito democrático. É ben elocuente que a esta queixa se una toda a sociedade galega organizada, excepto o PP, UPyD, a dirección da CONGAPA, a Falange e Galicia Bilingüe.
3) Todos os problemas que indicas son importantes, mais é demagóxico presentar que hai unha disxuntiva entre defender o dereito a producir e os dereitos culturais que temos. Aínda que non é fácil de comprender por que exoneras desa carga á Xunta (que, p. ex., vai malgastar agora un millón de euros nunha campaña sobre o decretazo) e lla pos enriba a unha plataforma cultural.
Aínda máis: Non estará moi vinculado o desinterese desta Xunta polos problemas de Galiza coa súa política de desmantelamento da oficialidade da nosa lingua e de desatención á opinión da sociedade galega? Non serán partes dun mesmo problema?
4) Ninguén nega que Alberto Núñez Feijóo goberne lexitimamente, por un deputado, aínda que talvez debería lembrar que con menos votos que a suma dos recibidos por PSOE e BNG nesa mesma convocatoria electoral. Se o un de marzo de 2009 se entende en termos de referendo, o PP perdeuno.
Por outra banda, gañar unhas eleccións non dá dereito de pernada nin nega as garantías democráticas nin dá licenza para destruír unha cultura. O contrario sería entender dunha forma perversa a democracia; esa forma perversa pola que Feijóo se sente un "intérprete auténtico del consenso social".
Un saúdo.
Laura Montes: "No dais aceptado que ha ganado por mayoría absoluta?"
ResponderExcluirLaura, y tú no "das aprendido" a escribir en castellano?