31 de mai. de 2010

Boicote a Israel - Paremos a vergoña!

O exército de Israel asasinou en augas internacionais a cando menos dez voluntarios que se achegaban a Gaza con axuda humanitaria e bandeiras brancas. Unha vergoña que debería traer consecuencias de verdade nisto que se chama a comunidade internacional, mais tamén nos nosos poderes públicos e na nosa actuación diaria.

Individualmente, podemos facer desde xa dúas cousas:

1) Chamar a toda a xente a participar nas concentracións convocadas para mañá, 1 de xuño, que se poden consultar aquí. No momento en que publico esta entrada están confirmados os actos no Obelisco da Coruña e na praza do Toural de Santiago e sinálase que no resto do país, non existindo outra convocatoria diferente, será diante da Casa do Concello.

2) Participar e divulgar entre as persoas do teu redor o boicote a Israel.

As reviravoltas da CONGAPA

No artigo desta semana en Galicia Hoxe abordo os cambios de opinión que tivo a CONGAPA ao longo dos últimos tempos a respecto da presenza do galego no ensino. A única entidade do ámbito educativo que apoia o decretazo fixo un seguidismo partidario que enrubia, sen ter presentes nin criterios pedagóxicos nin a procura dunha calidade educativa para os seus fillos e as súas fillas.

Velaquí o texto:

A CONGAPA e a nosa lingua

Esta semana pasada soubemos xa os artigos definitivos que configuran o decretazo contra o galego, unha vez que se publicou no Diario Oficial de Galiza. Ademais, segundo se soubo tamén estes días, se non se coñeceu antes a redacción última do decretazo non se debeu -desta vez- ao escurantismo do PP na cuestión. Parece que o que pasou foi que a norma recibiu a aprobación no Consello da Xunta antes mesmo de estar redixida, o cal sería unha nova irregularidade ás moitas que hai que sumar no proceso de elaboración e aprobación deste enganosamente chamado "decreto do plurilingüismo". Ou é que o Consello da Xunta pode darlle o visto e prace para a publicación no DOG a unha norma legal que aínda non está totalmente terminada, á que lle faltan aínda algúns artigos por escribir? Son moi precisos, tamén aquí, ben de luz e ben de taquígrafos.

Nos tribunais


Na súa concreción final, a norma mantén todos os trazos fundamentais que levaron ao seu rexeitamento polo Consello Consultivo, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, así como das diferentes organizacións representativas das comunidades educativas. Por iso nada máis saír publicado o decretazo no DOG xa foron varias as entidades que anunciaron que van presentar recursos para o tombaren nos tribunais. Ábrense así varios procesos xudiciais paralelos, que se suman á vía da denuncia internacional, nomeadamente ante o Consello de Europa.

Hai que subliñalo máis unha vez, porque é un feito moi grave. Non se coñece outro goberno democrático en todo o mundo que leve a cabo unha reforma educativa de tanto calado como a que está a facer Alberto Núñez Feijóo a nivel lingüístico en Galiza sen contar coa opinión de sindicatos, organizacións estudantís e asociacións de nais e pais. Lembrémolo: o decretazo nace rexeitado por todos os sindicatos do profesorado, por todas as agrupacións de estudantes con presenza e actuación no noso país e por todas as asociacións e federacións de nais e pais, agás unha. Esa excepción é a CONGAPA, a sucursal galega da CONCAPA, a Confederación Católica Nacional de Padres de Familia y padres de Alumnos. Que esta entidade de nais e pais de centros católicos apoie a norma non debe levarnos a engano, pois nin os sindicatos con presenza nestes colexios e institutos, nin a propia federación dos 125 centros católicos de Galiza están de acordo con esta medida unilateral que impón o goberno de Núñez Feijóo.

A remolque


Se analizamos un pouco a evolución da postura da CONGAPA a respecto da presenza do galego no sistema educativo, veremos que nos últimos anos actuou a remolque da opinión que en cada momento tivese o Partido Popular. Así, cando na última lexislatura de Manuel Fraga Iribarne se aprobou o Plan xeral de normalización da lingua galega, onde se falaba de impartir en galego a materia de matemáticas e de garantir un mínimo de presenza do 50% do noso idioma nas aulas, os portavoces desta confederación aplaudiron a proposta.

Quen procure nas hemerotecas, verá que cando o PP participou coa Consellaría de Educación do bipartito na presentación do novo decreto de fomento do galego que este partido tamén negociara, a CONGAPA tamén saíu adheríndose á nova norma. A promoción do galego nese momento estaba ben, non habería problema por incorporalo a novas materias, o 50% era de xustiza...

Mais cando, ao cabo de tres meses, o PP trasacordou e comezou a rexeitar o decretazo, a CONGAPA seguiuno. De feito, seguiu até tal punto o discurso de atacar o galego que algún dos seus portavoces (José Ramón Hermida) chegou a soltar esta xoia o ano pasado pola súa boca: "Utilicemos el sentido común. Químicas o Físicas, con tantas nomenclaturas internacionales, no se pueden dar en gallego. No podemos retroceder".

No proceso de elaboración do decretazo, a CONGAPA tamén foi mudando de postura, segundo o punto onde puxese o seu acento nese momento o Partido Popular. Cando o presidente da Xunta dixo na véspera de fin de ano que o novo decreto ía basearse na aprendizaxe do inglés, todo foron louvores a esa idea. Desde a CONGAPA asegurábase que eles apoiaban a proposta porque era necesario garantir a aprendizaxe do inglés.

Cando se demostrou cantas sentenzas en contra acumulaban algunhas das ideas que o PP tiña a este respecto e se puxo o acento na idea da "elección dos pais", ese pasou a ser o seguinte punto polo que a CONGAPA se adhería ao decretazo. Se o PP pasaba a falar tamén na súa propaganda, e tras as inmensas mobilizacións sociais, dun 50% de galego nas aulas, entón esa cifra había que apoiala de novo.

O tema da suposta "elección das familias" é interesantísima. Porque o pasado 14 de maio a CONGAPA dubidaba de que puidese ser inconstitucional esta escolla, que apoiaban con fervor. No entanto, seis días despois, cando Alberto Núñez Feijóo presentou os trazos definitivos do decretazo, tras o Consello da Xunta semanal que aprobou esa norma que aínda non fora redixida, a CONGAPA volveu mudar de opinión. Xa que o presidente do Goberno galego anunciaba que non ía haber consulta (ou pseudoconsulta, máis ben) en primaria e en secundaria, Jorge Villarino, o presidente desta confederación de nais e pais de centros católicos, pasou a sinalar que esa posibilidade de escolla de materias nesas etapas "non aportaba gran cousa" (sic).

O que vemos, pois, é que a CONGAPA, a única entidade do ámbito educativo que apoia o decretazo, non seguiu en ningún momento ningún criterio pedagóxico nin racional de ningún tipo á hora de adherirse ás propostas que sucesivamente foi realizando o PP ao longo destes anos. Nin tan sequera -hai que dicilo- seguiu ningún criterio sustentado en pensar de forma seria e responsábel que sería o mellor para a educación dos seus fillos e das súas fillas. A única razón que guiou as sucesivas mudanzas de postura desta confederación (mesmo con algún cambio tan abrupto como o que experimentaron entre os días 14 e 20 deste mesmo mes de maio) foi servir de respaldo político para o partido ao que tan estreitamente se vincula.

30 de mai. de 2010

Fomos tres ou catro

Esta información é do ABC do pasado 18 de maio.

No corpo da noticia estiman que a manifestación convocada por Queremos Galego tivo 15.000 asistentes, aínda que non se sabe de onde tiran a cifra, porque polas mesmas poderían dicir calquera cantidade.

No entanto, a fotografía, na que non hai nin dez persoas, é ben clariña: "la imposición lingüística pierde fuelle". A praza do Obradoiro chea até os topes non lles luciría.

29 de mai. de 2010

28 de mai. de 2010

Hoxe, presentación en Cambados

Hoxe toca a presentación en Cambados do libro En castellano no hay problema. Será ás 21 horas en Exposalnés, coa compaña de Xosé Manuel Moo, Ramón Rodríguez e todas as persoas que puiderdes e quixerdes achegarvos.

Ademais de falarmos un algo da obra, tamén será unha boa ocasión para intercambiarmos puntos de vista sobre como contestarmos o decretazo contra o galego nesta nova fase en que está xa promulgado. Porque, ademais da anunciada batalla xudicial, a decisiva loita social continúa!

27 de mai. de 2010

Presentación hoxe en Ourense

Hoxe, quinta feira (xoves) 27 de maio, preséntase en Ourense o meu último libro, En castellano no hay problema.

No acto participarán Susana García (coordinadora da Mesa en Ourense), Isabel Pérez (concelleira de Cultura na cidade), Iván Area (profesora na Universidade de Vigo) e Manuel Bragado 8director de Edicións Xerais).

Vémonos ás 20 h na Livraria Torga, na rúa da Paz, 16!

25 de mai. de 2010

O vídeo da entrevista na cama

Velaquí o vídeo do programa do que falaba nunha entrada anterior e parabéns ao éxito que está a colleitar este espazo ideado por Carlos Roma:

24 de mai. de 2010

Até onde queren chegar?

Velaquí o artigo desta semana en Galicia Hoxe. A primeira parte é unha pequena reflexión sobre as mudanzas do decretazo; a segunda, é a transcrición do comezo da miña intervención no acto final do 17 de maio pasado:


Até onde queren chegar?

En moi poucos días, talvez hoxe, cando se publique este artigo, promulgarase no Diario Oficial de Galiza a maior navallada contra o galego en toda a historia autonómica: o decretazo contra o noso idioma no ensino, o mal chamado "decreto do plurilingüismo".

Na súa presentación, o presidente da Xunta obviou o rexeitamento tremendo que trae consigo esa norma e pasou tamén por alto os informes xurídicos de altísimo nivel, como o do Consello Consultivo, que a cualifican de ilegal e mesmo inconstitucional.

Para tapar todo o resto do relatorio do Consultivo, só fixo referencia á desautorización das pseudoconsultas ás familias, eses "circunloquios para conculcar a Lei de normalización lingüística". No entanto, o máis curioso é que se retira esa pregunta só en primaria e secundaria, alí onde menos importancia tiña e máis ridículo resultaba o inquérito. Lembremos que na versión que existía até o de agora do decretazo para esas etapas só se poderían intercambiar bloques de materias para impartir nunha lingua ou noutra, cada catro anos e se o solicitaban a metade máis unha das familias matriculadas no ano en que se formulase a cuestión (non valería tampouco a metade máis unha das familias que participasen). A falta de que se publique o decretazo, o que parece é que o que se fai é determinar de forma inamovíbel en que materias estará prohibido o uso do galego. Unha barbaridade.

Ademais, o presidente da Xunta transmite que non se poderá formular tal pregunta porque non o permite a Lei, así que o que vai facer é... mudar o marco normativo. O que nos está a dicir é que pensa derrogar de forma unilateral a Lei de normalización lingüística, que nun dos seus títulos básicos estabelece o fomento e promoción do idioma galego no sistema educativo. Lembremos que esa lei foi aprobada por unanimidade e é de desenvolvemento básico do Estatuto, polo que se trata dun dos piares que sosteñen a Autonomía. Veñen a por todas, coa firme intención de destruír a nosa cultura. Temos tamén nós que manternos firmes na súa defensa. Máis que nunca!

A nosa lingua é a nosa patria

Transcribo a continuación a primeira parte da miña intervención no acto final da manifestación do pasado 17 de maio de 2010. Parabéns a todas as persoas que volveron a ateigar as rúas de Santiago de Compostela exclamando a lexítima e xusta reivindicación de que se garanta o dereito a vivir no noso idioma propio, natural e xenuíno. Temos que continuar por ese vieiro!

Moi bo día, compañeiras e compañeiros. Antes de máis, teño que realizar un saúdo de parte da familia de Uxío Novoneyra, que nos envía desde o Courel a Compostela:


"Prezadas compañeiras, prezados compañeiros:


Saudámosvos desde o Courel, neste acto de defensa da nosa lingua. Meu pai, hoxe, está convosco, connosco, chantado no medio da praza, defendendo a lingua galega, base da nosa identidade e verdade do noso ser. Traémosvos a súa verba en ofrenda para oular desde os tesos cumes: QUEREMOS GALEGO!"


A familia achéganos ademais un fragmento dun pregón lido no ano 1987 polo compañeiro, o gran poeta, Uxío Novoneyra, quen sempre que houbo unha manifestación en defensa do idioma galego estivo aquí connosco, e hoxe continúa a estalo. Dicía isto no ano 1987, mais reparade en que actualidade nas súas palabras:


"A nosa lingua é a nosa patria, aínda máis que o propio territorio. Nela, aínda o descoñecido, nunca é alleo para nós. Retomo o fío de que neste intre estamos todos os galegos, os de todos os credos e de todos os partidos implicados no afianzamento da nosa lingua e a nosa cultura no noso país.


Iste afianzamento faranos ver máis craramente os nosos problemas e os nosos problemas da nosa relación con outros pobos. Se non somos capaces de deslindar e defender a nosa identidade, que problema común poderemos atopar que non seña o de acetar a imposición que nos veña de fóra? A imposición de quen non pensa en nós como pobo, senón como territorio, como simple ouxeto.


Todo político que non vexa isto, todo home galego que non vexa isto, queda fóra, queda deslexitimado para exercer a responsabilidade da representación cidadá na súa terra, no seu pobo, neste pobo en transo de recuperación ou de extinción."


Dicía con claridade Uxío Novoneyra:


"Todos somos galegos e todos temos responsabilidade como tales galegos. E estas responsabilidades, repito outra vez máis, ultrapasan as ideoloxías e as premisas do propio partido. Responden a algo máis profundo e non valen medias tintas. Hai que estar, si ou non, con Galicia".

E isto que di Novoneyra é moi importante, moi actual:

"E non se pode dicir que se está con Galicia cando non se sente a responsabilidade da pervivencia da nosa lingua como meta primordial.Eiquí é onde está o futuro de Galicia. Eiquí está, inclusive, o poder político do futuro, que será moi distinto segundo a nosa lingua se sosteña ou non. Así nos gobernaremos de verdade algún día ou seremos gobernados. Seremos o que fomos e somos gleba, carne da historia, e non homes libres dun pobo libre".

Até aquí as palabras do compañeiro Uxío Novoneyra, nese vínculo de amor que chega desde O Courel, nese acto institucional da Real Academia Galega, tamén en defensa da lingua galega, até Compostela, esta manifestación unitaria polo noso idioma. Unha mobilización unitaria -mirade ao voso redor!- na que está representada toda a sociedade galega; toda a sociedade galega excepto, lamentabelmente, un partido político que se autoexclúe da súa defensa. Aquí estamos organizacións políticas, sindicais, culturais, veciñais, deportivas... do máis diferente tipo. Mirade ao voso redor e veredes o clamor unánime na defensa da nosa lingua. Acaban de indicarme que aínda hai xente na praza de Galiza. Conseguímolo unha vez máis!

Despois dunha das últimas manifestacións en defensa da lingua galega, o Partido Popular debateu en dous comités de dirección un informe interno no que se sorprendían. Dicían: "Pero estes de Queremos Galego, mira que case non teñen recursos humanos e económicos, mais comparamos as súas manifestacións con outras que convocamos nós e aínda teñen máis xente...". Están abraiados porque pensaban que iamos dobrar a cabeza, que iamos permitir que ese proceso de desmantelamento da oficialidade da nosa lingua triunfase. Mais aquí estamos, máis unha vez, demostrando que, na loita polo noso idioma, a forza do noso amor non vai ser inútil.

Dicía esta fin de semana o número dous do Goberno galego e o número dous do Partido Popular en Galiza que os que hoxe aquí estamos reunidos defendemos unha "ditadura lingüística". Máis unha vez terei que preguntarvos que é o que facedes aquí. E máis unha vez teremos que preguntarnos até onde queren chegar con ese tipo de discursos. Que liña vermella están aínda dispostos e dispostas a cruzaren no seu ataque feroz en contra da nosa lingua, en contra da nosa cultura?


Que o diga, ademais, un señor que ficha para a súa Consellaría a cargos procedentes da extrema dereita... Lembremos ese ex candidato da Falange, unha organización que si ten a ver con ditaduras lingüísticas de verdade e que agora se encarga, desde a Xunta, en enviar cartas amoestando aos concellos que queren promover e defender a nosa lingua. Até onde queren chegar con esa política de exclusión, de mentiras, de ataques feroces e impresentábeis contra o noso idioma?

23 de mai. de 2010

Como non ler un libro que comeza así?

Os peixes e as árbores parécense.

Perecénse nos aneis. As árbores téñenos no tronco. De facermos un corte horizontal a unha árbore veriamos no tronco os seus aneis. Un anel por cada ano, é así como se sabe cal é a idade da árbore. Os peixes tamén teñen aneis, pero nas escamas. E como acontece coas árbores, grazas a estes aneis sabemos cal é a idade do animal.

Os peixes sempre están a medrar. Nós non, nós minguamos dende a chegada da madureza. O noso crecemento detense e os ósos comezan a xuntárense. A persoa encolle. Os peixes, pola contra, crecen até morreren. Máis rápido cando son novos e máis lentamente co paso dos anos, pero sempre están a medrar os peixes. E por iso teñen aneis nas escamas.

O anel dos peixes orixínao o inverno. O inverno é o tempo durante o cal o peixe come menos e este momento de fame deixa unha pegada escura nas súas escamas. Porque crecen menos durante a época do inverno. No verán non. Cando os peixes non pasan fame non queda marca ningunha nas escamas.

O anel dos peixes é microscópico, non se ve de primeiras, pero velaí está. Coma se fose unha ferida. Unha ferida sen pechar ben.

E coma os aneis dos peixes, os momentos máis difíciles fican na nosa memoria, fan marca nas nosas vidas, até convertérense en medida do noso tempo. Os días felices, pola contra, pasan lixeiros, rápido de máis, e axiña os esquecemos.

O que para os peixes é o inverno, para as persoas é a perda. A perda delimita o noso tempo: o final dunha relación, a morte dun ser querido.

Cada perda, un escuro anel no interior.

(Bilbao - New York - Bilbao, de Kirmen Uribe)

22 de mai. de 2010

Evidencias, verdades, mistificacións

Recoméndovos a lectura e difusión deste artigo que Pilar García Negro publica no Terra e Tempo dixital. Pódese dicir máis alto; máis claro, véxoo difícil.

Este texto conta cunha primeira parte que podedes consultar nesta ligazón.

20 de mai. de 2010

Conferencia e presentación do libro en Barcelona

Hoxe teño dous actos abertos ao público en Barcelona:

Ás 13 h, imparto a conferencia "Com desmantellar la oficialitat d'una llengua: situació i reptes del gallec" ("Como desmantelar a oficialidade dunha lingua: situación e retos do galego"). Será na sala 105 da Facultade de Filosofía e Letras da Universitat Autònoma.

Ás 19.30 h, presento o libro En castellano no hay problema, acompañado de Sabela Labraña e de Joaquim Arenas. Será na Galería Sargadelos, na rúa Provença, 276 (entre a Rambla de Catalunya e Passeig de Gràcia).

Convidadas e convidados estades quen andedes pola capital catalá!

18 de mai. de 2010

Pactos e otorrinos

Alberto Núñez Feijóo propón un "pacto pola lingua" que consiste en que todo o mundo apoie a súa política de agresión contra o galego. "Consenso mortal" sería o título do filme, como brinca Pilar García Negro no seu recomendábel De fala a lingua: un proceso inacabado.

Que "pacto" é ese no que un non está disposto a ceder nada nin a cumprir outros pactos xa asinados con anterioridade? Que tipo de palabra ten Alberto Núñez Feijóo cando o mesmo respalda o Plan xeral de normalización en 2004 ou o decreto en 2007 que os ataca?

Ante a propagandística proposta presidencial, Manuel Rivas publicou hoxe no seu blog este "poema xornalístico" que o di todo:
PACTO E DECRETO (poema xornalístico)

O Presidente trouxo unha gran noticia: o gran pacto.
Queremos un gran pacto, dixo.
Queremos a paz, dixo.
Entón, retirarán a declaración de guerra,
o decreto de hostilidades?,
preguntou o xornalista máis inxenuo.
Ah, iso non!, respondeu o Presidente.
Non oíron falar da "paz hostil"?

Na súa prepotencia, os dirixentes do PP seguen sen escoitar nin a sociedade nin as institucións nin os contundentes informes xurídicos. Ou insultan ou menosprezan.

Ben elocuente é que o secretario xeral de Política Lingüística diga que non escoitou ningunha crítica no acto da Real Academia Galega. Xa se sabe que non hai peor xordo que o que non quere ouvir, mais este comportamento e estas declaracións son impropias dun gobernante. Por fortuna, onte vimos de novo que o pobo galego aínda ten capacidade para se indignar e para responder ás inxustizas. Existimos e resistimos!

17 de mai. de 2010

A falsa escolla

Velaquí o meu artigo desta semana en Galicia Hoxe.

Vémonos todas e todos ás 12 na Alameda de Santiago!

A falsa escolla
Polo verdadeiro dereito a vivirmos en galego


O número dous da sucursal galega do PP e do Goberno de Núñez Feijóo, Alfonso Rueda, declarou que a manifestación convocada para hoxe por Queremos Galego é para clamar por unha ditadura lingüística. É certo que este señor non se caracteriza pola súa capacidade para o diálogo nin para concitar consensos, igual que é coñecida a súa propensión case doentía á mentira; no entanto, realizar afirmacións públicas dese calibre é aprofundar un degrao máis nunha fenda social moi grave. Hai piares básicos da convivencia e da democracia que o PP quere esnaquizar desde a Xunta e a todas e todos nós nos corresponde evitalo.

Rueda pertence ao sector máis extremista do PP contra o galego. Sendo conselleiro levou a cabo por vía de urxencia a primeira medida para desmantelar na práctica a oficialidade da nosa lingua (a reforma unilateral da Lei de función pública) e nomeou altos cargos con currículo de extrema dereita que, desde San Caetano, se encargan de enviar cartas admonitorias aos concellos que queren defender e potenciar o idioma natural de Galiza; isto é, que queren cumprir co Estatuto. Antes, na precampaña das autonómicas, Alfonso Rueda foi un dos asistentes á manifestación convocada polo grupúsculo Galicia Bilingüe contra o galego “en el sentido peyorativo”, como diría Rosa Díez, que tamén era das que encabezaban esa marcha do odio.

Vistas as compañas das que se rodea, non sería estraño que fose o propio Rueda o que orquestrase os exercicios de ventriloquía con Galicia Bilingüe. Que o PP precisa vender a imaxe de que está no “centro” para ver se así logra atraer algún incauto ao seu consenso mortal para o galego? Pois entón que saia esa asociación criticando, para dar a impresión de que non se contenta nin a uns nin a outros. Que o PP non consegue ningún apoio ao seu decretazo? Pois entón que este grupúsculo sen presenza social e que só conta con sustento mediático e económico (sobre o cal, por certo, reina a escuridade) saia aclamando a Alberto Núñez Feijóo.

É nese contexto de falsa distribución de papeis onde hai que situar o comunicado de Galicia Bilingüe da semana pasada. Na nota, a entidade satélite do PP reclámalle ao conselleiro de Educación que evite, coas medidas cautelares que foren precisas, que os consellos escolares debatan (quero subliñalo: debatan) o decretazo.

Jesús Vázquez Abad e Anxo Lorenzo teñen así quen lle faga o traballo sucio de intimidación e criminalización do contraste e intercambio de pareceres. Para que pensarán que están os consellos escolares, se mesmo lles queren impedir dar a súa opinión sobre aspectos centrais do funcionamento dos propios centros e que afectan a toda a comunidade educativa?

Sen opción

A mesma semana pasada, a entidade galegófoba iniciaba tamén unha campaña ás portas dalgúns colexios e institutos. A través dela, supostamente animaban á xente a que escollese o idioma para a educación dos seus fillos ou fillas, aínda que dando a entender en todo momento que optar polo galego sería crear problemas no proceso de ensino-aprendizaxe. Na súa basta propaganda, lembran que a materia de Coñecemento do medio ten “máis terminoloxía e texto”, mais que nas Matemáticas “a dificultade (...) estriba principalemente na comprensión dos enunciados dos exercicios”. Vaia, que o galego é unha incomodidade en calquera caso, polo que a medio prazo debería irse reducindo aínda máis a súa presenza...

Nos materiais que editaron, inclúen textos desas dúas disciplinas, para os cales seleccionaron en todos os casos as palabras que poderían resultar máis diferentes entre os dous idiomas romances que son oficiais en Galiza, mesmo con manipulacións tan grotescas como esta que cito a seguir de “zorra” e “carrito de madera”:
A modo de breve pincelada ofrecémosvos unhas frases de mostra. En que idioma aprenderán mellor os vosos fillos?
A modo de breve pincelada os ofrecemos unas frases de muestra. ¿En qué idioma aprenderán mejor vuestros hijos? (...)

No Reino Unido os pescadores utilizan a zorra para escorregar sobre a lama das marismas e así poder transportar os mexilóns que recolleron.
En el Reino Unido los pescadores utilizan un carrito de madera para deslizarse sobre el barro de las marismas y así poder transportar los mejillones que recogieron.

É como se eu digo que o castelán é máis difícil porque a frase “Después de enjalbegar, recogieron el pan revenido” en galego se diría “Despois de pintaren as casas de branco, recolleron o pan reseso.”

Esta campaña lembroume ao convite que me fixo un amigo a semana anterior. El propúxome de irmos ao cinema os dous xuntos e deume a entender que eu podería escoller cal era o filme que iriamos ver. Porén, cando lle preguntei que era o que botaban nesa sesión el explicoume con enorme entusiasmo que podiamos ir ver “a última de Tim Burton, que ten pintas de estar moi ben e o pasaremos xenial” ou, se non, indicoume con cara de reprobación que eu tamén podería optar por “algunha destas pelis aborrecidas que falan da guerra de Iraq”. A aparente opción de escolla, claro, era falsa, pois xa na súa presentación me deixaba ben claro que no seu convite só podería ter unha resposta que el dese por válida, polo que non quedou outra que ir ver esa malograda versión de Alicia no país das marabillas.

Isto é xustamente o que nos di Galicia Bilingüe tanto na súa campaña como cando reclama que non se poida debater nos consellos escolares. Isto é, nin máis nin menos, ao que se refire Alberto Núñez Feijóo cando fala de “libertad lingüística”: “mientras pueda, escoja usted entre el castellano, un idioma de verdad, o el gallego, esa cosa”. Vaia, que a hipócrita “libertad para elegir” significa “escoja usted, pero escoja castellano”.

Do Courel a Compostela

A pesar de todos estes feroces ataques, a lingua galega existe e resiste. Ben o imos amosar neste Día das Letras no que se escoitarán voces na defensa da nosa cultura desde o Courel até Compostela. Da capital de Galiza sairá hoxe ás 12 do mediodía unha manifestación unitaria, convocada por Queremos Galego e da cal só se autoexclúe o Partido Popular. É unha marcha en defensa do noso idioma, pola retirada do inconstitucional decretazo e por unhas políticas de normalización lingüística acordes cos consensos aos que chegamos entre todas e todos.

Non defendemos nesta manifestación que se lle retire ningún dereito a ninguén, senón que haxa todas as garantías para que, tanto individual como colectivamente, poidamos vivir na lingua que nos une como galegas e como galegos. Porque, tal e como dixo Castelao, todo dereito non garantido deixa de ser un dereito.

16 de mai. de 2010

Crítica de Manuel Rodríguez Alonso a En castellano no hay problema

Estou agradecido porque o prestixioso lingüista e crítico Manuel Rodríguez Alonso se detivese na obriña En castellano no hay problema, que estou a presentar nestes días en diferentes puntos da nosa xeografía.

Quen siga a traxectoria de Rodríguez Alonso non só se encontrará con traballos lingüísticos pedagóxicos e rigorosos a un tempo, senón que tamén saberá que a súa é unha voz libre, que recoñece ou censura en voz alta segundo considere honestamente que se deba facer, non atendendo aos criterios oficiais académicos nin editoriais. Iso faime valorar e agradecer aínda máis as súas palabras, que me serven de aliciente para continuar neste labor.

Podedes ler a reseña, "Falando ás claras", aquí, no blog Bouvard e Pécuchet.

15 de mai. de 2010

Ditadura lingüística?!

Parecía difícil que o PP aínda abrise fendas máis profundas no seu ataque contra o idioma galego, mais hoxe deu un novo paso. O número dous do goberno de Núñez Feijóo afirmou esta mañá nun acto do seu partido que a manifestación do vindeiro Día das Letras é para clamar por unha ditadura lingüística.

Novamente nos presentan o mundo ao revés, con toneladas de crispación e de prepotencia. Son os mesmos que queren extinguir a lingua galega; os mesmos que fan ouvidos xordos á maioría social e institucional que rexeita o decretazo; os mesmos que están a negar dereitos lingüísticos á cidadanía. Son eses, os que perverten a palabra democracia, os que nos acusan de totalitarios aos que defendemos os dereitos individuais e colectivos, a convivencia e a lei.

Respondamos con intelixencia a estes insultos tan desmedidos e graves. O 17 de Maio saiamos á rúa civicamente a defender os nosos dereitos, mais tamén para evitarmos que este Goberno galego que non nos merecemos esnaquice piares básicos para a convivencia e para a democracia.

12 de mai. de 2010

Faltan 5 días!

Somos moitas as persoas que nos estamos a mover dun lado para outro con intensidade todos estes días para que a manifestación do vindeiro 17 de Maio sexa un novo fito histórico, e sen que o adxectivo sexa exaxero ningún.

Onte e antonte estiven con conferencias de imprensa e actos diversos en Ourense, Ferrol e Ares. Hoxe pola mañá toca unha conferencia de imprensa da plataforma en Pontevedra e unha presentación en Vigo do libro En castellano no hay problema .

A imaxe que acompaña esta entrada é o folleto da plataforma Queremos Galego para a mobilización. Clicando enriba dela poderedes vela máis grande.

10 de mai. de 2010

Presentacións esta semana de En castellano no hay problema: Vigo, Ribeira, Paiosaco e Corcubión

Esta é a miña axenda de presentacións do libro En castellano no hay problema para a semana que agora comeza. Todos eles son actos públicos que tamén servirán (xunto con outro feixe de eventos diversos que teño esta semana) para facer un chamamento á participación na mobilización do vindeiro 17 de maio.

- Cuarta feira (mércores) 12 de maio, 12 h, Vigo, no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución, coa compaña de Iago Varela e Manuel Bragado.

- Quinta feira (xoves) 13 de maio, 20.30 h, Ribeira, na Aula da Rede de Dinamización, no baixo da Confraría de Ribeira (no Malecón), coa compaña de Plácido Betanzos, Xesús Laíño, Xosé Antonio Vázquez Covas, Manuel Bragado e as pandeireteiras de Lumieira.

- Sexta feira (venres) 14 de maio, 20.30 h, Paiosaco, no local da Asociación de Veciñas/os de Paiosaco (Avda. Bergantiños, 48), coa compaña de Silvana Castro.

- Sábado 15 de maio, 20 h, Corcubión, na Casa da Cultura, coa compaña de Dulce Canosa Trillo e Manuel Bragado.

9 de mai. de 2010

A lingua galega existe?

Hoxe domingo, para quen ande pola zona e lle apeteza, participo no seguinte acto en Meis. Grazas, parabéns e forza ás e aos compas de Queremos Galego na zona, que teñen tanto dinamismo e un ánimo tan contaxioso!

8 de mai. de 2010

Grazas!

Tócame agradecer en voz alta.

Grazas ás persoas que hoxe vos achegastes á presentación do libro En castellano no hay problema, a pesar do tempo de cans.

Grazas tamén a Pilar García Negro, Manuel Bragado e Caetano Díaz polas súas xenerosas palabras.

Grazas a quen me enviastes mensaxiñas de ánimo e a quen xa andades a argallar novos actos e novas presentacións do libro ao longo e largo do país.

E grazas aos medios de comunicación que se van facendo eco deste volume de combate cívico na defensa da nosa lingua. Ademais dos xa indicados en anteriores entradas, teño que sinalar as noticias saídas hoxe en Vieiros, A Nosa Terra e GzNación.

Esta semana continuaremos con máis presentacións do libro: o día 12 en Vigo, o 13 en Ribeira, o 14 en Paiosaco e o 15 en Corcubión. Darei información máis polo miúdo de horas e lugares.

O dito: fico obrigado!

Hoxe é a presentación nacional de En castellano no hay problema

Ademais da presentación que terá lugar ás sete do serán, agradézolle a Xornal de Galicia o eco que lle dá hoxe a este acto. A noticia, escrita por Miguel Pardo, podedes lela nesta ligazón.

7 de mai. de 2010

Que portada! :D


Non me digades que a foto da portada de Galicia Hoxe do día de ídem non é engrazada! Está sacada da entrevista na cama que me fixeron para o programa Fu e Fa de Correo TV, que axiña estará dispoñíbel tamén en youtube.

Parabéns a Carlos Roma por ese seu novo programa de televisión, que está a colleitar tan boas críticas, e grazas a Galicia Hoxe por me dar a oportunidade de falar un pouco sobre a situación da nosa lingua con motivo da saída do libro En castellano no hay problema. A entrevista que me fixo Vanesa Olveira para o diario podedes consultala nesta ligazón.

Ademais, hoxe o xornal El País tamén se fai eco na súa edición galega da saída desta miña obra. A noticia, asinada polo tamén poeta Daniel Salgado, podedes lela aquí.

O volume preséntase mañá ás 19 h na Feira do Libro, coa compaña de Pilar García Negro, Caetano Díaz e Manuel Bragado.

5 de mai. de 2010

Entrevista en GzNación, acto en defensa do ensino en galego e conferencia en Rois

Hoxe vai ser un día intensiño tamén. Na axenda pública, dous actos centrais. Primeiro, ás 11.30 desde a plataforma Queremos Galego faremos entrega no rexistro da Xunta dos milleiros de sinaturas recollidas na campaña "Seguirei a impartir as aulas en galego"; é de agardar que teña repercusión nos medios e, de momento, por se queredes ter máis información ao respecto, terei unha entrevista en Radio Líder ás 14.30.

Despois, ás 15 h, impartirei unha conferencia aberta no auditorio do Concello de Rois, para funcionariado e estudantes, sobre os dereitos lingüísticos, nun acto coorganizado entre A Mesa, o Concello e a Deputación da Coruña.

Por outra banda, hoxe o xornal dixital GzNación publica unha entrevista comigo con motivo da saída do libro En castellano no hay problema. Podedes lela nesta ligazón. Aproveito para convidarvos a todas e todos os que puiderdes e quixerdes a participar na presentación desta obra, que será o sábado ás 19 h na Feira do Libro de Santiago, na Alameda.

4 de mai. de 2010

Unha entrevista atípica

Non me refiro á de Carlos Luis Rodríguez, non, senón a unha sección do novo programa de televisión de Carlos Roma, que comeza desta guisa:

Podedes ver o resultado hoxe ás 21.15 h en Correo TV. Xa me contaredes que vos pareceu!

Hai que...

Un moi bo artigo de Duarte Correa en GzNación:

"Hai que..."

"Hai que..." é unha expresión que se repite demasiado a miúdo en conversas e xuntanzas nos últimos tempos en determinados ámbitos de Galiza.

Cando iniciamos a resposta á política lingüística do goberno do PP había persoas que dicían "hai que facer algo máis que manifestacións", "hai que abrirse á sociedade", "hai que mobilizar a algo máis que á militancia nacionalista" e outros "hai que..." semellantes. Pasaron a manifestación do 18 de outubro, a folga xeral no ensino do 21 de xaneiro e o concertazo de Pontevedra que amosaron a nosa capacidade para liderar un masivo movemento de reivindicación do noso idioma que vai moito máis alá do nacionalismo, pero sigo atopándome cos mesmos que repiten "hai que facer outras cousas", "hai que ter un espírito unitario", hai que contar con todo o mundo".

O nacionalismo está a crear conciencia na sociedade galega descubrindo os verdadeiros responsábeis da crise económica que non son nin a clase traballadora nin os pequenos e medianos empresarios que están a sofrer as súas consecuencias; e o labor de crear conciencia facémolo como fixemos sempre, falando co pobo e explicando as políticas alternativas; pero seguimos tendo nalgunhas xuntanzas as mesmas ladaíñas "hai que falar de temas que lle importen á xente", "hai que ser menos radicais", "hai que facer outro tipo de actos para que atraian a máis xente".

Diante da desfeita urbanística na que quere aprofundar o PP co POL e con outras medidas somos nós os únicos que estamos a enfrontarnos aos seus proxectos, pero aínda así hai quen di "hai que ser máis contundente no ataque ao PP".

Hoxe participei na manifestacion do primeiro de maio convocada pola CIG en Pontevedra, alí estaban moitos membros do sindicato, delegados e delegadas, afiliados e e afiliadas e outros traballadores que están coa CIG. Estaban as compañeiras das factorías de Alfageme no Salnés, a xente de Treves, extraballadores de Cedonosa, traballadoras e traballadores da sanidade amosando o seu rexeitamento ao hospital privado, profesorado defendendo os servizos públicos, o alcalde de Pontevedra, o portavoz nacional do BNG; e tamén outras moitas persoas e colectivos afectados pola crise que amosaban na rúa o seu rexeitamento ás medidas que queren aplicar o PSOE e o PP, e denunciaban a actuación cómplice do sindicalismo estatal.

Na marcha fun falando con compañeiros e compañeiras, algúns deles parados, outros con EREs en empresas que cando daban beneficios nunca os repartiron, e outros, os menos, cun emprego estábel.

Ao rematar a marcha e mentres ía cara o coche reparei en que non vin a ningún, e digo ningún porque até agora apenas coñezo mulleres que estean sempre co "hai que..." na boca. Nese momento pensei que ao mellor ían noutra parte de manifestación, pero decateime de que non foi así, pois de estaren faríanse notar coma sempre fan cando están nalgures. Non, os "hai que..." tampouco desta vez estaban coa xente, posto que ir a unha manifestación de traballadores e traballadoras non é o que eles consideran o mellor xeito de pasar un sábado festivo.

Seguro que na vindeira ocasión terán un "hai que buscar outro xeito de manifestarse", un "hai que explicar porque foi tan pouca xente á manifestación" ou un "hai que facer as cousas mellor"

Son o primeiro en recoñecer que debemos mellorar o noso xeito de traballar e precisamos unha maior introdución social, tamén estou dacordo en que cometemos moitos erros na nosa actuación; pero co paso do tempo reafírmome cada vez máis en que a distancia entre o colectivo dos "hai que..." e o colectivo dos "imos facer..." é a mesma distancia que hai entre aqueles que teñen un compromiso real co país e os que só teñen un compromiso co seu ego.

3 de mai. de 2010

Os libros nadan mal

O artigo desta semana en Galicia Hoxe:

Os libros nadan mal
Triste exemplo dunha nefasta política cultural

Cando se soubo o nome do novo conselleiro de Cultura afirmouse que Alberto Núñez Feijóo cazara un merlo branco: un home con carreira diplomática, de talante dialogante e altas capacidades para a xestión. Para os optimistas por necesidade, era a mostra de que o novo presidente da Xunta non ía ser tan fero contra a cultura galega como el mesmo se pintara nos seus agresivos discursos; para os optimistas ben informados, semellaba máis ben que a anunciada política galegófoba ía executarse con luvas brancas e narcotizantes a eito.

No entanto, pasados os meses, o que sorprende é que Roberto Varela continúe, a pesar da súa demostradísima incompetencia como xestor e -grazas á mobilización social, que non foi allea ás súas provocacións- ao seu fracaso como anestesista. Calquera observador imparcial, sexa cal for a súa adscrición ideolóxica, sabe que o cargo de conselleiro de Cultura de Galiza lle queda moi moi grande a este home. Indo só a un indicador mensurábel, podemos observar que nestes 30 anos de autonomía ningún responsábel desta área no Goberno galego acumulou no seu caixón tantísimas solicitudes de dimisión chegadas desde tantos lugares en tan pouco tempo. Nin Ánxela Bugallo, a pesar dos titulares sensacionalistas que a perseguiron, nin Pérez Varela pondo a tiro a Carmiña Burana.

Botando a ollada a pouco máis dun ano atrás, un pensa que foi o que levou a Núñez Feijóo a fichar esta persoa para pór rostro á súa política cultural. Sería talvez porque sabe inglés? Ben se ve que con autoodio e con complexos non se toman as mellores decisións!

Mais vaiamos ao miolo da cuestión. Alguén sabe cal é a política cultural deste goberno? Se atendermos os discursos e a propaganda, veremos que sobrancea unha idea en negativo: a de desprotexer institucionalmente a cultura galega. Aí é onde se inseren as declaracións do conselleiro asegurando que "la cultura gallega está bien, pero limita", que "la cultura gallega está acomplejada y ensimismada", os chamamentos que ten realizado ás editoras en galego para que aposten por outros idiomas (eufemisticamente, pola "edición trilingüe") e a súa colaboración na extensión da mentira de que a cultura galega está hipersubvencionada, cando a verdade é que é unha das que menos apoio público ten de toda a Unión Europea e, incontestabelmente, a que menos amparos institucionais ten de todo o Estado español, a anos luz das culturas española, catalá ou vasca.

En teoría, neste ano 2010 o labor da Consellaría de Cultura incardínase en dous proxectos estrela. Por unha banda, o Xacobeo, cuxo evidente bluf na xestión e nos resultados se tenta disimular varrendo as miserias cara ao Goberno central. Ademais, aínda que non o notemos en nada, este foi proclamado como o Ano do Libro e da Lectura. O lema que poderían ter escollido é: "Temos dereito a ler sen darnos conta".

A frase que propoño como slogan é outra das xenialidades do propio Roberto Varela, que asegurou no Parlamento que el dixo nun acto "Desván de los Monjes" ou "Toro" -en troca de Sobrado dos Monxes e Touro- porque foi o que os seus colaboradores lle escribiron nun discurso (ao que parece que lle pasaron un tradutor automático e despois non revisaron). "Teño dereito a ler sen darme conta!", reprochoulle ao PSOE e ao BNG polas súas críticas, inaugurando así un novo dereito humano, aínda que seguro que sen ser consciente de tal inauguración (el ou quen lle escribise esa resposta parlamentaria). Pois xusto así nos pasa a nós co Ano do Libro e a Lectura: que estamos nel sen darnos conta.

Mais o problema non é só en concreto coa cultura galega, non. A ignorancia e o desprezo que manifestan estes gobernantes pola nosa cultura en particular o que espella é un problema global: a carencia dun proxecto construtivo, en positivo, e de coñecementos sobre políticas culturais serias e efectivas.

Talvez un dos mellores e máis tristes exemplos estea nos festexos organizados para o Día do Libro por parte do Goberno galego. O 23 de abril, no chan de cadansúa praza das cidades da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo escribíronse varios versos do poema Negra sombra de Rosalía de Castro. Para iso, a Consellaría utilizou "cerca de 100.000 libros ou 14 toneladas de mercancía", segundo estimou, literalmente, unha das notas oficiais enviadas aos medios de comunicación. A Xunta informou de que eses quilos de libros os doaron para o evento unhas indefinidas "diferentes entidades e institucións". Ese mesmo comunicado, emitido tres días antes do evento, sinala que "como colofón ao acto, simultáneo nas prazas máis representativas das cidades galegas, os libros entregaranse o mesmo día 23 aos viandantes que se acheguen á hora de deconstruír os tapices de libros ou ás asociacións que os soliciten con antelación e os recollan". Sabiamos que nesta Consellaría de Cultura non se destila amor pola lingua galega e que os actos de promoción dos libros neste idioma son realizados con desgana, mais o deste día debe pasar á historia do disparate universal.

O caso é que na xornada se cumpriu o prognóstico do refraneiro, que asegura que "en abril, augas mil". Os libros, ordenados baixo a chuva para formar palabras e versos, quedaron enchoupados, nun espectáculo tan dantesco como vergoñento. Manuel Rivas, que está a ser un dos mellores cronistas da desfeita cultural deste goberno que non nos merecemos, ten no episodio do 23 de abril de 2010 bo material para unha novela, que talvez podería levar aquí por título Os libros nadan mal.

Ante unha chafallada de tal calibre, a Xunta de Galiza debería dar explicacións públicas. Cren que repartindo libros por quilos, sen criterio, se fomenta o achegamento a bibliotecas ou librarías? A que grupos sociais ía destinada esta acción e que carencias se pensaba suplir con ela? Por que estes 100.000 volumes poden ser gratis e os manuais do ensino obrigatorio asegura o Conselleiro de Educación que non poden selo? Se a pretensión inxenua era achegar a cultura a novos espazos, por que xustamente se organizou nas cidades, onde existen máis infraestruturas e máis posibilidades de acceso á oferta editorial? Cantos destes 100.000 libros foron destruídos pola auga? Por que a Consellaría non preveu esta eventualidade anunciada polos servizos meteorolóxicos e continuou coa acción propagandística, aínda que esta supuxese -como ao final aconteceu- inutilizar milleiros de obras? Que pasou con todos os libros destruídos pola chuva? Foron parar ao lixo ou a un colector de reciclaxe? Saben as entidades que doaron as obras que ían para esta finalidade e que terían un tratamento tan coidadoso? Imitará a acción a Consellaría de Sanidade e, para festexar o Día da Saúde ou outro semellante, tamén vai agasallar medicamentos á rapañota á xente que pase por algunhas rúas a determinada hora dese día?

Cómpre mobilizarse contra tanto disparate. O 17 de maio, na praza do Obradoiro, reclamaremos unha mudanza profunda na política educativa, cultural e lingüística. Movámonos!

2 de mai. de 2010

Na flor dos meus anos

Nas últimas semanas, os quilómetros que fago no coche van acompañados, ademais de por unha selección musical moi especial, pola voz da señora Carmen, que me entusiasma. Velaquí algúns dos seus temas:

Un minuto e medio do precioso "Valse de pazos", con imaxes promocionais da gravación do disco. Recoméndovos que consigades escoitalo completo:


"Ramo verde":


"Arao" (o vídeo é engrazadísimo!):


"Na flor dos meus anos":


"Maio longo", o poema de Rosalía musicado por Uxía (vai despois dunha breve presentación no programa Alalá):

1 de mai. de 2010

A enchermos o Obradoiro!

Onte, a plataforma Queremos Galego, impulsada pola Mesa e integrada por máis de 700 entidades, convocou a toda a cidadanía con sensibilidade pola situación do noso idioma a unha manifestación o vindeiro 17 de maio, con final na praza máis emblemática do país.

Temos que movernos moito estes días que faltan para mobilizar todo o posíbel!