21 de jun. de 2010
As primeiras letras
Velaquí o artigo desta semana en Galicia Hoxe, sobre a nosa lingua na educación infantil e, en xeral, nos nosos pequenos e nas nosas pequenas:
As primeiras letras
O galego na escola, un ben colectivo
“Temen que a nuestros propios hijos les enseñemos a volar”, canta Silvio Rodríguez na canción “Expedición”, dentro do seu disco do mesmo nome. Se quixésemos adaptar este verso aos tempos que nos toca vivir en Galiza, non abondaría con traducilo á nosa lingua. Teriamos que mudar a última palabra por outra moito menos metafórica, porén máis fundamental: “Temen que aos nosos propios fillos lles aprendamos a falar”.
Non me refiro, claro, só ao ámbito educativo, onde Alberto Núñez Feijóo está especialmente empecinado en reducir á mínima expresión a presenza do galego. No entanto, como demostran diferentes casos ao longo e largo do planeta, o ensino é unha condición necesaria mais non suficiente para o proceso de normalización dun idioma.
Para alén da escola, en todo o resto dos ámbitos da vida social dos nosos pequechos e das nosas pequechas, este goberno da Xunta actúa contra a nosa lingua, for por acción (p. ex., o caso dos Teletubbies) ou por omisión (ningunha medida na defensa do idioma galego desde marzo de 2009...). En pleno século XXI e despois de tres décadas de autonomía, unha crianza que ten como lingua familiar a propia de Galiza ten serias dificultades para acceder a xogos, filmes, cancións etc neste idioma, dependendo dun tremendo esforzo voluntarista dos pais que se poida corrixir parcialmente (e nada máis que parcialmente) esta situación.
Se Alberto Núñez Feijóo quixese ver con honestidade algún lugar onde haxa carencias de “liberdade lingüística” e onde debería tomar medidas compensatorias, debería comezar mirando para aquí. Mais, como calquera persoa que teña ollos na cara pode saber, a “liberdade lingüística” non é nada máis que un lema propagandístico cheo de hipocrisía para defender unha ofensiva política para a proscrición do galego. Unha ofensiva meditada, máis estratéxica que táctica, coa que perseguen a desaparición de Galiza como tal sociedade diferente, con cultura e historia de seu.
Sinalaba antes a escola como unha condición necesaria mais non suficiente para a revitalización dun idioma. En Galiza, a tal condición necesaria non era realidade xa antes do decretazo 79/2010, de forma máis grave e especial na etapa da educación infantil. É incríbel a capacidade que determinados medios de comunicación e poderes económicos teñen para facer ver o mundo ao revés e que haxa xente que continúe a falar da “imposición del gallego en la enseñanza”, cando a realidade dos centros é totalmente diferente.
Podería citar aquí datos extraídos de estudos elaborados pola Mesa pola Normalización Lingüística, mais é que xa o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega e o propio Parlamento galego (por unanimidade, hai que subliñalo) elaboraron e aprobaron informes nos que sinalaban a mesma conclusión: nas etapas máis temperás da escolarización é onde menos presenza ten a nosa lingua. Contribúese así á castelanización dos falantes de galego e a que os nenos que chegan tendo como idioma inicial o castelán vexan o idioma de Galiza como algo foráneo e alleo. Seguro que moitas das persoas que ledes estas liñas podedes contar historias de nenas e nenos das cidades, ou mesmo dalgunhas vilas, que ao veren alguén falar a nosa lingua exclaman: “¡Mira, mamá, un gallego!” Estranxeiros na propia patria, como na denuncia rosaliana.
Co decretazo contra o galego, a situación empeora cualitativa e cuantitativamente, non só polas regresivas medidas que estipula (contra todo criterio pedagóxico ou construtivo), senón tamén pola negativa mensaxe gobernamental de que o idioma de Galiza non ten futuro.
Ante isto, cómpre que as nais e os pais ergan a súa voz na defensa de que os seus fillos e as súas fillas poidan ter unha educación en lingua galega. Por iso, non podo deixar de aproveitar este espazo para difundir unha proposta de texto elaborado por Queremos Galego, que se pode descargar desde o web desta plataforma cidadá. Esta campaña ten importantes dificultades de intendencia debido ao momento do curso no que estamos e ás carencias humanas e económicas de Queremos Galego, polo que é básico que nos impliquemos a nivel individual na súa divulgación. Xa que estas agresións colocan a nosa lingua nunha posición moi delicada de cara ao futuro, temos que estar á altura do momento en que nos encontramos.
Velaquí o formulario, dirixido ao conselleiro de Educación:
Comunícolle a miña solicitude para que me informen das medidas pedagóxicas que se van adoptar para que a miña filla / o meu fillo aprenda en galego, reforzando e afianzando o noso idioma propio.
A escola segue a ser unha institución fortemente castelanizante e a experiencia indica que, sen unha atención específica, os nenos falantes de galego perden o seu idioma, mesturándoo caoticamente nun xeito de castrapo que afecta gravemente á fixación da lingua. O resultado é que a nena ou o neno infravalora o seu idioma e acaba por abandonalo.
Pola súa banda, todos os estudos oficiais demostran que os nenos que entran na escola falando castelán non conseguen as competencias comunicativas en galego, pois a lingua propia continúa a estar desfavorecida a nivel social. Se xa antes existía este problema, co decreto 79/2010, esta situación agrávase, pois non se ofrecen as garantías para unha docencia mínima na lingua propia da nosa sociedade.
A Lei de normalización lingüística, que desenvolve o artigo 5 do Estatuto de Autonomía, sinala que o galego é tamén lingua oficial do ensino en todos os tramos educativos (art. 12) e que as autoridades arbitrarán as medidas encamiñadas a promover o uso progresivo do galego (art. 13). Ademais, a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, ratificada polo Estado en 2001 e que forma parte do noso ordenamento xurídico constitucional, sinala no seu artigo 8 que os poderes públicos deben promover un modelo educativo con garantías para a lingua propia. Así mesmo, aínda que o decreto 79/2010 vulnera o dereito a unha formación escolar en galego, conculcando así dereitos lingüísticos individuais e colectivos, sinala no seu artigo 5 que se “procurará” que o alumnado adquira, de forma oral e escrita, o coñecemento das dúas linguas oficiais, mais sen determinar como.
Por todo isto, SOLICITO:
1. Que se me informe por escrito das medidas pedagóxicas que se van adoptar para que a miña filla / o meu fillo aprenda en galego, reforzando e afianzando o noso idioma propio.
2. Que se me garanta o dereito a dispor dun ensino en galego na etapa educación infantil, de acordo coa art. .8.1.a.i da Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias e co disposto no art. 13.1 da Lei de normalización lingüística.
3. Que se me informe das medidas concretas de atendemento individualizado que a miña filla / o meu fillo vai recibir en lingua galega, de acordo co que o artigo 5.3 do decreto 79/2010 estipula.
Non reclamo estas medidas exclusivamente en beneficio da miña filla / do meu fillo. Teño en consideración que a lingua galega é patrimonio de todas e todos e, por tanto, tamén dos seus compañeiros e do profesorado. O esforzo especial que se faga desde a escola en favor da nosa lingua propia perseguirá un beneficio colectivo e non individual.
Assinar:
Postar comentários (Atom)
Nenhum comentário:
Postar um comentário