14 de jun. de 2010

Núñez Feijóo tira 5 millóns de euros para reducir a presenza do galego no ensino

Que se coñeza: Alberto Núñez Feijóo, en pouco máis dun ano como presidente da Xunta, malgasta un mínimo de 5 millóns de euros só en reducir a presenza do galego no ensino. A súa última novidade: tirar á cañeira 190.000 libros de texto, valorados en 3,8 millóns de euros, polo feito de que están en galego. É isto un gobernante serio, responsábel, cívico...?

Sobre isto trata o artigo que publico esta semana en Galicia Hoxe:

Indecencia, malgasto e galegofobia
A Xunta tira 190.000 libros de texto por estaren en galego


190.000 libros de texto gratuítos para as familias, adquiridos polo goberno bipartito, van ir parar ao lixo, a pesar de teren unha vida útil de dous anos máis. Así o recoñece a propia Consellaría de Educación aos medios de comunicación que se fixeron eco da noticia. O motivo? Eses manuais están en galego e refírense a materias científico-técnicas cuxa docencia no noso idioma quere prohibir o goberno Feijóo a través do decretazo 79/2010.

Cómpre que a sociedade o saiba. Temos que movernos por riba das mordazas mediáticas do PP para que se coñeza que o presidente da Xunta ordena deitar ao caldeiro do lixo todos estes manuais, cuxo valor económico a Asociación Galega de Editores estima en 3,8 millóns de euros. Todos estes libros de texto non son substituídos porque houbese algunha descuberta excepcional neses ámbitos de coñecemento que os convertese en anticuados, nin porque houbese mudanzas no temario, nin porque tivesen erros pedagóxicos, nin por ningún outro motivo racional e comprensíbel. O único que lles acontece é que teñen un erro insubsanábel, un pecado orixinal: están escritos en galego, ese idioma que “por tradición” (Jesús Vázquez Abad dixit) non está feito para disciplinas como as matemáticas, a física, a química e a tecnoloxía.

Cultural e pedagoxicamente, é unha vergoña, pois supón darlle un mazazo ao proceso de recuperación e extensión social da nosa desfavorecida lingua. Mais nos aspectos político e económico, non podemos menos que falar de indecencia. Porque é indecente que, na situación actual desta grave crise económica, o presidente da Xunta obrigue as familias a adquiriren 190.000 libros de texto novos, cun desembolso monetario importantísimo.

Trascendeu nalgún medio de comunicación que o Goberno galego valorou facer unha moratoria para que, a pesar da prohibición de docencia na lingua de Galiza nalgunhas materias, cando menos se permitise a utilización de todos estes miles de libros de texto. No entanto, os grupos máis reaccionarios dentro do PP, os que teñen a capacidade decisoria a día de hoxe neste partido, concluíron que era fundamental deixar clara a mensaxe de que non se ía permitir nada de galego. Que así se tiran polo desaugue 3,8 millóns de euros? Pois xa se sabe, esta Xunta non sabe nada do que significa a austeridade cando de atacar o noso idioma se trata.

Esta decisión é sintomática da forma de gobernar de Núñez Feijóo: propaganda sobre aforro da administración que despois non se corresponde coa realidade, discursos ampulosos sobre liberdade lingüística que se concretan en limitacións e prohibicións do galego, despreocupación polas economías familiares e comprensión polas grandes fortunas... Co que nos encontramos, en definitiva, é cun xestor pésimo que só é coñecido pola súa falaz propaganda da austeridade e polos seus ataques contra o galego.

Que a moderación no gasto por parte de Núñez Feijóo é pura mentira vese ben cando nos decatamos de que, en pouco máis dun ano, a Xunta dilapida un mínimo de 5 millóns de euros só en reducir o galego no ensino. Sumemos, se non, e para que ninguén acuse de engano nin manipulación, fagamos as contas tendo en conta só os datos oficiais (que, é curioso, son sempre as estimacións máis baixas).

Collamos, pois, a calculadora. A Xunta recoñeceu que nas próximas semanas vai presentar unha campaña para convencernos das bondades do decretazo contra o galego; o seu custo, segundo o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, é dun millón de euros (819.000 € máis o IVE). O cambio das Galescolas a Galiñas Azuis, destruíndo o modelo pedagóxico en galego que fora eloxiado polo Consello de Europa, significou un desembolso das arcas públicas, segundo datos achegados pola Consellaría de Traballo e Benestar, de 40.000 €. A pseudoconsulta trampeada que se formulou ás familias o ano pasado significou un gasto público de 160.995 €, segundo indicou o secretario xeral de Política Lingüística (aínda que este dato ten moi pouca fiabilidade, é o oficial). A todo isto teriamos que agrecentarlle agora os 3,8 millóns de euros en libros de texto que irán para a cañeira, segundo a valoración da Asociación Galega de Editores. Seguro que faltan cousas por termos presentes, mais só con isto dá a cifra calafriante dos cinco millóns de euros. E só no referido a reducir a presenza do galego no ámbito educativo.

Mais sabe a cidadanía isto? Sabe que o presidente que realiza discursos inzados de chulería e prepotencia sobre “liberdade lingüística” e “austeridade” está a malgastar o diñeiro público en atacar o galego e en reducir os dereitos lingüísticos? Na nosa man está utilizarmos todas as ferramentas ao noso dispor para que se saiba.

Um comentário: