Estes días non puiden atender nin este blog nin as redes sociais co mínimo tempo que habitualmente lle dedico. Asuntos persoais e de traballo impedíronmo, mais agardo ir retormando agora o ritmo.
Neste mediodía, nun momento de relax antes de terminar o artigo que mañá publico en Galicia Hoxe, estiven a botarlle un ollo ao que botaban na televisión. Zapeando, pasei por Intereconomía e Popular TV, dúas emisoras cun historial excesivamente longo de manipulación informativa, negación da ética xornalística e falta dunha mínima pluralidade. Na televisión dos bispos a esa hora emitían un pseudodebate que cumpría con todos estes aspectos.
Alguén podería dicir: ben, isto é a liberdade de expresión. Mais para que houbese tal liberdade real deberiamos poder encontrar entón entre as dúas ducias de canles que nos chegan coa TDT algunha que representase as ideas e as visións do mundo doutros grupos sociais existentes que non achan espello televisivo onde se expresaren ou ollaren.
Todo isto dito sen termos aínda presente a cuestión crucial do idioma. É rechamante que, no espazo do pequeno ecrán, a lingua galega teña hoxe unha presenza cualitativa (en TVE, mesmo cuantitativa) moitísimo máis reducida que a que tiña hai vinte e cinco anos.
Esta situación non vos parece unha irregularidade democrática?
Sei que ten difícil solución, mais non penso que sexa algo que poidamos menosprezar ou desconsiderar alegremente.
Callón: A canle POPULAR TV dos bispos pasouse a chamar recentemente POPULAR MARIAVISION... e si antes tentaban adoctrinar de xeito "subliminal" tras unha enganosa-dicían-liberdade...
ResponderExcluiragora xa non enganan a ninguén e ducias de telepredicadores, a meirande parte deles chegados de sudamérica, e inspirados no peor dos predicadores de EEUU... ateigan unha parrilla que da noxo vela. Que vaian facer negocio cos seus 905-si, ata a canle da igrexa ten programas fraude-concurso de chamadas de 3 a 4 da tarde-, coa súa cadea de radio...a sudamérica onde, ata o de agora e para desgraza duns pobos sometidos baixo o imperio dos americanos e tamén da cruz papal, sobrevivían coma parte do mais rancio do ser humán ao que representan:o control dos sentimentos, dos pensamentos, das ideas. En suma, a idea de que o home por si só non se pode valer e necesitamos heroes que nos salven e, namentres, que nos vacíen os petos os seus "representantes" na terra.