Velaquí o artigo desta semana en Galicia Hoxe:
Pola suspensión do decretazo
Fundamentos xurídicos e mobilización social
Esta fin de semana de celebración do Día da Patria Galega escoitamos algunhas das periódicas declaracións de galeguismo de Alberto Núñez Feijóo. É o habitual. Conforme se aproxima algunha efeméride da cultura galega, non para de citar a Castelao (ás veces, mesmo sen traducilo!) e de proclamar o seu amor apaixonado de galleguista. Canto cinismo, verdade? Mellor nos iría a todas e todos se o presidente da Xunta, en troca de realizar tantas declaracións de amor, comezase a facer o seu traballo de defender a lingua e a cultura do país.
Mais esta fin de semana, ademais da multitudinaria manifestación por Compostela, tivo dúas noticias que afearon un pouco a súa hipócrita propaganda. En primeiro lugar, o anuncio oficial da Real Academia Galega de interpor un recurso nos tribunais para defender a nosa lingua. É un fito histórico e como tal debe ser considerado e recoñecido. Por vez primeira, a Academia decide chegar mesmo á vía xudicial, sabedora de que estamos nunha encrucillada na que nos xogamos o futuro do noso idioma e todo o que este implica.
Ademais, o presidente da Xunta encontrouse con que A Mesa pola Normalización Lingüística non só presentou, como anunciara, un recurso para parar o decretazo. Ademais, esta organización solicitoulle á sala do contencioso-administrativo que declare a suspensión desta norma imposta de forma unilateral. A asociación en defensa da lingua galega pide así que se adopten medidas urxentes antes de que o Tribunal dite sentenza, a cal podería demorar arredor de dous anos.
O golpe aínda é máis duro por como está fundamentada esta petición de medida cautelar. A Mesa achegou ao Tribunal Superior de Xustiza de Galiza varios informes ou ditames elaborados ex profeso polas universidades da Coruña, Vigo e Santiago. Neles, advírtese de que a aplicación deste decretazo podería causar un “dano irreparábel ou de moi difícil reparación” na formación do alumnado. Así, os departamentos de Filoloxía Galega e os servizos de normalización das tres universidades lembran nos seus respectivos relatorios que, con esta norma, se dificulta gravemente que os estudantes poidan adquirir as competencias comunicativas en galego:
“(...)a aplicación do decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, causaría un dano irreparable entre o estudantado dos niveis non universitarios (ao impedir o funcionamento do sistema educativo como equilibrador das importantes diferenzas de competencia lingüística en galego na sociedade) e conduciría, irreversiblemente, a un modelo en que se reducirían as xa deficientes competencias en lingua galega no ensino universitario, un feito especialmente preocupante se quixermos acrecentar ao dereito que ampara a diversidade lingüística e cultural (a través, entre outra normativa, da Carta europea das lingua rexionais ou minoritarias) un importante atractivo de orixinalidade e de proxección da cosmovisión particular deste espazo e desta sociedade en que nos inserimos (...)”
Polo seu interese e utilidade para ampliarmos a crítica xurídica contra o decretazo, reproduzo unha parte do recurso, elaborado polo recoñecido avogado Guillermo Garrido, quen xa noutras ocasións foi decisivo para gañar varias batallas xudiciais para o noso idioma:
A suspensión que se solicita, ao noso xuízo, goza da aparencia de bo dereito, e, ao efecto, convén salientar que, sen prexulgar o fondo do asunto, pódese afirmar que, mediante o estudo provisorio da normativa aplicábel, se pode concluír que, a sentenza que se dite no seu día, con total probabilidade, recoñecerá a bondade da reclamación de declaración de contrario a dereito do Decreto recorrido.
Ao respecto, coa finalidade de fundamentar indiciariamente o máis que probábel pronunciamento favorábel a esta parte, facemos nosa a argumentación contida no Informe do Consello Consultivo sobre o Decreto 79/2010, que salienta diversos aspectos que poñen de manifesto a violación tanto de preceptos constitucionais como de lexislación ordinaria que aprecia concorren no texto aprobado que, inevitabelmente, haberá de producir un pronunciamento sobre do fondo que obrigará a súa revisión ou total derrogación.
Para a tramitación desta peza separada, parécenos que, aos efectos da apreciación do fumus bonis iuris, a conclusión única do informe do Consello Consultivo, é determinante: “(…) que o proxecto de decreto para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, resulta contrario ao ordenamento xurídico no tocante ao exposto nas consideracións cuarta e quinta (…)”.
Na cuarta das aludidas consideracións, referida á educación infantil, ponse de manifesto a existencia de infraccións de preceptos constitucionais que afectan aos artigos 9, sobre da seguridade xurídica, 10.1, a respecto da dignidade da persoa e os dereitos inviolábeis que lle son inherentes; o 27 sobre a obriga do lexislador a respecto da programación xeral no ensino, así como legais referidos á Lei orgánica de educación (LO 2/2006, do 3 de maio), Lei de normalización lingüística (Lei 3/83, do 15 de xuño), e o artigo 8 da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias.
Na quinta, examínase polo Consello Consultivo a sección referida á consulta ás familias sobre a asignación lingüística de determinadas materias para concluír que tamén neste eido se viola o artigo 27.5 da CE, así como a Lei orgánica 2/2006, de educación, a Lei 3/83 de normalización lingüística de Galiza, con especial incidencia no estabelecido no artigo 78.2 da Lei de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común (Lei 30/92, do 26 de novembro) e a tamén violación do principio de reserva de Lei que se conculca co Decreto que se recorre.
As demais consideracións do Informe do Consello Consultivo, denuncian os aspectos que entenden deben ser redixidos para mellorar o texto.
O escrito presentado pola Mesa subliña tamén que, tras o ditame do Consello Consultivo, a Xunta fixo caso omiso das observacións desta institución. Por iso:
Non podemos deixar de engadir ao exposto que, o Decreto recorrido, tamén viola a normativa internacional á que está vencellada o Estado español vía artigo 10.2 da Constitución Española, e, por tanto, a Comunidade Autónoma Galega, téndose que sinalar ao efecto, os artigos 1 e 2 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, así como o Pacto Internacional dos Dereitos Civís e Políticos e o Pacto Internacional dos Dereitos Sociais e Culturais (artigos 2.1 e 2.1., respectivamente), o Convenio Europeo de Dereitos Humanos (artigo 14), merecendo especial cita –polo que significa a necesidade de promover e potenciar o uso da lingua galega–, a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, cuxa vulneración tamén é destacada polo informe do Consello Consultivo de repetida cita.
Para quen quixer máis información sobre todas estas valoracións xurídicas, tamén esta fin de semana se presentou o volume Estudos xurídicos sobre o Decreto para o plurilingüismo. Este libro está coordinado polo maxistrado Luís Villares, portavoz en Galiza de Xuíces para a Democracia, e nel fornécense novos e firmes argumentos para rexeitar este decretazo en todos os niveis e, tamén, para que o profesorado continúe a ministrar as súas aulas en galego. Socialicemos esta interesante e oportuna información.
Nenhum comentário:
Postar um comentário