16 de ago. de 2010

A lóxica dos prexuízos lingüísticos

No artigo desta semana en Galicia Hoxe aproxímome a unha obra moi interesante, que non tedes escusa ningunha para non lerdes canto antes. Por outra banda, mañá falarei un pouquiño neste blog sobre o debate que xurdiu a partir dos dous textos que publiquei nese mesmo diario nas últimas semanas.



A lóxica dos prexuízos lingüísticos

En galego, por que non?
, de Manuel Núñez Singala


É moi probábel que, despois d’Os vellos non deben de namorarse, a obra en galego máis representada nos nosos centros de ensino sexa O achado do castro. Esta divertida peza é a incursión literaria máis coñecida de Manuel Núñez Singala, que tamén conta no seu haber con títulos narrativos como Mar de fondo e o tan recente como suculento Menú de enganos. Ademais, foi motivo dun ataque lamentábel por parte dos grupos contrarios ao galego a dramatización dos prexuízos sobre o noso idioma na súa Comedia bífida.

Manuel Núñez Singala, que leva anos como director do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela, debrúzase con frecuencia na problemática dos idiomas minorados. Unha das súas liñas de traballo é abordar a cuestión dos prexuízos lingüísticos, un espazo no que se inscribe o seu recomendábel libro En galego, por que non?

Implicación na lectura

É relevante que o título sexa unha pregunta. Toda a obra é un continuo convite á reflexión, a que as posturas que unha persoa poida adoptar sobre a situación lingüística sexan a partir do coñecemento e non de apriorismos irracionais. No volume apóstase por crear un vínculo coa lectora ou co lector a través dun estilo áxil e de continuadas interpelacións. Como di no último parágrafo da introdución: “Se temos unha lingua, por que non usala? Por que non en galego? Se xa o falas convídote a que leas as páxinas que seguen, que quizais che sirvan de reforzo para a túa conduta lingüística actual, e se non o fas, convídote igualmente a que penses sobre a razón. Por que non en galego? Porque é unha lingua bruta, que soa mal? Ou porque consideras que aprender galego e non inglés é unha perda de tempo? Ou porque falar galego cando hai outros que non o falan é de mala educación? Ou porque cres que non o dás falado ben?... A todos estes porqués e bastantes máis atoparás resposta neste libro. Espero que che guste e que ao final che sirva para que poidas opinar sobre o galego con maior fundamento, sexa o que sexa o que ao final ti mesmo decidas” (p. 15).

Así é. Os capítulos que estruturan o libro son varias posíbeis respostas á cuestión do título. Páxina a páxina, Núñez Singala dinamita os alicerces dos prexuízos a partir da forza da razón. O autor sementa as páxinas de problemas de lóxica, que utiliza como exemplos que serven para explicar, por analoxía, como se configuran moitas das ideas negativas sobre o galego que se repiten como verdades incuestionábeis.

Os xogos de lóxica e as curiosidades fan desta unha obra moi amena. A lectora ou o lector teñen que implicarse de forma activa para dar resposta ás continuas preguntas. Que se sabes como se chama este animal que aparece na foto. Que escribas unha listaxe de linguas que soan ben e linguas que soan mal. Que penses como solucionar un pequeno problema matemático que parece simplísimo. Que resolvas un pequeno misterio.

Esta implicación fai que estas páxinas se lean cun sorriso. Porque pensamos que na seguinte ocasión imos saber responder a pregunta, mais volvemos caer! Decatámonos, así, do profundamente inscritos que temos, todas e todos, os prexuízos máis inagardados.

Por exemplo, tras un pequeno problema matemático, o autor interróganos sobre o motivo polo que foi capaz de enganarnos co que nos acaba de contar: “Por que funciona este truco?” Coa resposta, desenmascara ao mesmo tempo a estrutura do preconcepto: “Funciona polo mesmo que tendemos a considerar atinada a frase ‘Aprender galego é unha perda de tempo, se todos falásemos inglés non habería problemas para entenderse’. É dicir, funciona porque nos dous casos se segue a mesma estratexia: formular mal o problema” (p. 41).

Aínda Babel

O mito de que todas as persoas no planeta deberiamos falar o mesmo idioma ten unha longuísima tradición, como é sabido. Mais gustoume moito a forma concreta en que lle dá resposta Núñez Singala. Por unha banda, explicando con tremenda pedagoxía a tendencia á variedade, a partir dos exemplos das diferentes dobraxes que se realizan para un mesmo idioma, ou os varios correctores ortográficos que existen para as diferentes variedades do español (podes optar polo da Arxentina, Chile, Guatemala, Paraguai, España, Venezuela etc), do inglés, do árabe, do francés... A diversidade que, en fin, tamén é intrínseca ás propias “grandes linguas”.

Mais a súa mellor reflexión sobre o tema é un simple baño de realismo: “Fagamos un exercicio de inxenuidade e imaxinemos que todos os gobernos do mundo se poñen de acordo para usar só unha lingua, e que mesmo se poñen de acordo sobre que lingua usar (...). Non cómpre ser moi intelixente para decatarse de que tal pretensión resultaría imposible por moitas razóns. Abonde pensar en que na actualidade, no noso mundo tan ‘avanzado’ case o 20% da poboación, unha de cada cinco persoas, é analfabeta. Se non é posible aínda ensinar de xeito global a ler e escribir na propia lingua a mil millóns de persoas, pode alguén crer que sería posible facer que aprendesen unha lingua nova?” (p. 48).

As verdades máis sinxelas, máis elementais, destrúen as mentiras máis afincadas. De cando en cando, habería que repetir en alto frases tan básicas como estas: “A situación actual, con linguas con moitos falantes e outras con moi poucos, débese a factores económicos e políticos, non lingüísticos” (p. 78), “o argumento de que [o galego] non o fala ninguén adoitan empregalo os que opinan que xa se fala demasiado” (p. 81), “en realidade non hai linguas que, por si mesmas, soen ben ou mal” (p. 37), “resulta desenmascarador que aqueles que claman contra a imposición e enchen o peito con palabras como liberdade, bilingüismo e harmonía só se deixen oír nos casos en que o galego comeza a asomarse á igualdade co español” (p. 73). Como o dediño infantil que lembra que, a pesar do que digan, o rei vai nu.

Matices

O deseño dinámico e inzado de ilustracións axuda aínda máis a mergullarse nas páxinas deste libro. Neste aspecto, só matizaría dúas cousas. En primeiro lugar, o erro na reprodución da folla voandeira franquista na que se insta “Hable bien. Sea patriota. No sea bárbaro” (páx. 34). O pasquín aparece aquí asinado deste xeito: “Octavilla. Imprenta Sindical. A Coruña. 1942”. Non é a primeira vez en que vexo esta corrección do topónimo, que non fai ningún sentido. O mesmo acontecía na cuberta do estudo A represión lingüística en Galiza no século XX, de Pilar Freitas Juvino e o mesmo se pode ver nalgúns libros de texto.

A segunda proposta de mellora é relativa aos mapas sobre os lugares do mundo onde se fala español (p. 78) e portugués (p. 79). A cartografía sobre o castelán sinala que se fala “maioritariamente” este idioma nas Filipinas e nos Estados Unidos, incluído Alaska. Pola súa banda, o mercátor onde se salientan os territorios da lusofonía está cortado, incompleto e difuminado.

Pensémolo

En galego, por que non? é un libro útil para traballar os prexuízos nas aulas, para difundir socialmente e mesmo unha obra entretida para este verán. Con este áxil volume veremos, como di o propio Manuel Núñez Singala, que “ás veces as cousas que consideramos moi evidentes poden resultar moi falsas, se o pensamos un pouco. Pero é necesario iso, pensalo un pouco”. Pensémolo. E socialicémolo.

Um comentário:

  1. Pois moitas grazas pola achega. Cómpreme ben. [Levo o galego no corazón, pero aínda non tanto no pensamento]

    ResponderExcluir