Vento do Sul
Aprende a ler em português em 25 segundos
Foi nunha das primeiras noites de festa deste verán. Dous amigos e mais eu estabamos un pouco desorientados na cidade da Coruña procurando a rúa onde se realizaba un concerto. Pasou unha señora e pregunteille: “Desculpe, podería dicirme onde está a praza tal?” Axudándose das mans, indicounos: “Ides por aquí todo recto e despois colledes á esquerda”. Agradecémosllo cun “moitas grazas” e ela, afábel, interesouse por nós: “E logo de que parte de Portugal sodes?” Caéronnos os queixos ao chan. “Non, non! Somos galegos! El élle de Petín, el de Rianxo e eu de Ribeira”. “¡Ah! ¡¡Sois gallegos!! ¡Pensaba que erais portugueses! Bueno... Pues cogéis recto y después a la izquierda...”
A anécdota deu que falar aquela noite. En primeiro lugar, pola sensación de estranxeiramento que se che instala no corpo. Esa muller pensara que non éramos galegos porque falabamos galego en Galiza! Os versos de Rosalía de Castro, denunciando que os galegos son estranxeiros na propia patria, cobran novos sentidos ante situacións tan esperpénticas coma esta.
Mais hai outros elementos nesta situación concreta que tamén dan para reflexionar. Por exemplo, o feito de que a señora nos falase en galego mentres pensou que éramos portugueses. Coa súa mudanza de idioma lembroume unha consigna que, hai anos (quen sabe se agora tamén?!), lles daban ás traballadoras e aos traballadores dunha grande superficie instalada en Vigo que atraía unha inxente clientela lusa: “A los portugueses en gallego y a los gallegos en castellano”.
Mais no fondo de tanto prexuízo, tanta ocultación e tanta desfiguración da propia identidade, repousan algunhas ideas turbadoras. Por exemplo, que sabemos que o galego, a fala domesticada (no sentido de que só pode servir para os ámbitos domésticos, primarios) serve para nos comunicarmos con persoas de fóra de Galiza. Portugal e o Brasil, como mínimo.
A pesar das numerosas vicisitudes históricas desde a Baixa Idade Media até hoxe, a pesar de tantos séculos de costas viradas e de descoñecemento mutuo, entre a fala do norte e do sur do río Miño continúa a haber unidade dentro da diversidade. Como conclúen todos os estudos lingüísticos e pode testemuñar calquera de nós, as diferenzas existentes non son obstáculo para a intercomunicación nin rompen a unidade estrutural básica.
A existencia do portugués ofrece unha potencialidade enorme para o proceso de restauración interna e de normalización social do galego. Sábeno, en primeiro lugar, os grupos que están en contra de que a nosa lingua progrese. Por que, se non, tanta oposición a que en Galiza poidamos recibir as radios e as televisións portuguesas en aberto, tal e como a tecnoloxía permite e tal e como obrigan tratados internacionais subscritos polo Estado español? Por que en Galiza non se pode, como si por exemplo na Estremadura española, escoller a materia optativa de lingua portuguesa no ensino secundario? A que hai tanto medo?
A pesar de todo, o conxunto da poboación alfabetizada nos últimos trinta anos, que sabe ler e escribir en galego, pode ler en portugués. Subliño: malia non o estudar nunca. Sábese ler en portugués aínda non sabendo que se sabe ler en portugués!
Por iso desde a Fundación Via Galego, promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística, se lanzou hai un par de anos unha engrazada campaña que levaba por lema “Aprende a ler em português em 25 segundos”. Remedábase así a característica mercadotecnia dos libros que prometen aprender inglés, xaponés, alemán, italiano, ruso... en quince ou trinta días. Pois desde a Fundación Via Galego aínda se apostaba máis alto que neses métodos! Aprender a ler en portugués en vinte e cinco segundos!
Se ti aceptas ese reto, repara nestas equivalencias e cronometra a partir destes dous puntos:
LH = LL (coelho = coello)
NH = Ñ (minha = miña, o artigo indeterminado é uma)
-M = -N (um = un)
J = X (hoje = hoxe)
GI, GE = XI, XE (girafa = xirafa, geral = xeral)
Ç = Z (paço = pazo)
SS = S (passar = pasar)
-ÃO = -ÓN / -ÁN (alemão = alemán, camião = camión)
-ÃES = -ÁNS (alemães = alemáns)
-ÕES = -ÓNS (camiões = camións)
Detén o contador. Adicionalmente, para leres en portugués podo indicarche que a acentuación é algo diferente ao estándar do galego, mais conforme o practiques xa concluirás que non dificulta en absoluto a comprensión: indústria, contemporâneo, Maria, etc.
Verás, tamén, que hai algún vocabulario diferente, que aprenderás pouquiño a pouco. Mais, ao mesmo tempo, irás vendo que moito outro léxico galego que escoitaches desde sempre está aí presente. E, sobre todo, repararás en que é moi sinxelo, que con saberes unhas cantas equivalencias xa podes soltarte a ler e coñecer toda esta riquísima cultura que, malia ser tan próxima en todos os sentidos, nos está aínda tan afastada.
Non é sorprendente que, sendo tan fácil para calquera galega ou galego ter o título que acredita o coñecemento do portugués, non se aproveite esta oportunidade? Para quen goste das cifras, resulta que o portugués é o único idioma romance que é oficial en territorios dos catro continentes e que ten máis falantes nativos que o ruso, o xaponés, o alemán, o francés ou o italiano.
Mais, claro, considerar o portugués como a lingua que é pasaría tamén, entre nós, por darlle unha outra consideración ao galego. E aí é onde está o centro do problema.
Duríssima anedota :-(
ResponderExcluirQuanto à campanha de Via Galego, como bem comentas, as mudanças são mais bem pequenas... então, porque não aproveitarmos essa vantagem e as aplicamos diretamente à norma culta do galego? ;-)
Sei que esse não é o propósito deste post, mas, como bem indicas, Mais, claro, «considerar o portugués como a lingua que é pasaría tamén, entre nós, por darlle unha outra consideración ao galego.
Grande Carlos! Que bo relato lido dende Boiro. Ánimo, un saúdo e unha aperta forte!
ResponderExcluirCon efecto, o acceso ao portugués é ben fácil. Podemos desfrutar de magnífica literatura, música e software de que non dispomos en galego sen recorrer ao español, e, mesmo así, hai moita xente que non se deu conta do potencial da súa lingua.
ResponderExcluirClaro, hai quen non se decata e tamén quen non se quere decatar...
A anedota que você conta deixou-me de boca aberta. Nem sei bem porquê, já que, de ter lido tantos exemplos ilustrando a situação difícil em que se encontra o galego, devia estar acostumada a histórias deste género. Ainda assim, fiquei impressionada com a absurdidade do acontecido. Seria quase cómico se não reflectisse o quanto triste e preocupante está a situação liguística na Galiza. Dá muito que pensar.
ResponderExcluirNo que diz respeito ao resto do seu artigo, eu li-o com redobrado interesse. Fez-me sorrir pois na medida em que ia lendo, lembrava-me dos meus primeiros passos na leitura do galego... O processo foi igualzinho ao que você descreve :) com a única diferença que era no sentido contrário.
Você escreve: "(...) o conxunto da poboación alfabetizada nos últimos trinta anos, que sabe ler e escribir en galego, pode ler en portugués. Subliño: malia non o estudar nunca." É verdade. E, como também funciona no outro sentido, seria muito bom se os portugueses, também eles, tivessem mais consciência da facilidade com que podem ter acesso à cultura galega! Você mencionou "os séculos de costas viradas e de desconhecimento mútuo". Pois para muitos portugueses o "descoñecemento" segue existindo e é uma pena.
Desculpe este comentário demasiado comprido! Não era a minha intenção escrever um romance :)
No segundo parágrafo, escrevi "na medida em que" quando quis dizer "à medida que". É o que acontece quando se escreve rápido demais ;-)
ResponderExcluirOla bacana o seu coteodo acesso tambem o meu blog e deixe o seu cometario!
ResponderExcluirhttp://clubdosofthard.blogspot.com
A min pasoume algo moi parecido o Sábado pasado na Coruña... Na barra dun pub fíxenlle un comentario a unha rapaza que tiña ó lado. Moi animadamente respostoume "eres portuguesa verdad?". Díxomo sen acritude, á rapaza parecíalle realmente que eu era portuguesa. Quedei de pedra. Resposteille "non, son galega" e díxome "ah" mirando pra min coma se estivese diante un extraterrestre. Eu son da Laracha, onde o 99% falamos galego (bastante "castellanizado", eso sí) e non estamos máis que a 20km da Coruña... coma quen di ó ladiño ¿esa xente non sae nunca da súa cidade ou que? Nunca tal me pasara. É un baixón que haxa xente neste país que non recoñeza a lingua propia como propia, anque non a fale. Unha mágoa sentirse extranxeira na propia terra.
ResponderExcluir